A Xunta inicia os traballos de roza e posta a punto do novo polígono agroforestal de Barzamedelle, no concello de Leiro. Este polígono mobilizará 145,6 hectáreas de superficie, divididas en 183 parcelas propiedade de 113 veciños

3, Marzo 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, supervisou esta mañá o inicio dos traballos de roza e posta a punto do novo polígono agroforestal de Barzamedelle, neste municipio ourensán, onde se retirarán unhas 60 hectáreas de mimosas, entre outras actuacións. Así, cabe lembrar que dito polígono permitirá mobilizar 145,6 hectáreas de superficie, divididas en 183 parcelas propiedade de 113 veciños.

Esta mobilización de terreos fíxose co consentimento dos propietarios, aínda que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado. Ademais, esta actuación está baseada na multifuncionalidade e biodiversidade con respecto aos usos tradicionais na comarca do Ribeiro. Neste senso, segundo a súa guía produtiva, establécense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos -como viñedo e froiteiras-, de ciclo curto e sistemas agroforestais (sistemas de aproveitamento mixto fundamentalmente gandeiro e forestal -frondosas caducifolias- e, nalgún caso, algún tipo de cultivo agrícola complementario para o aproveitamento gandeiro e compatible cos outros dous).

Así, cabe sinalar que este polígono de Barzamedelle forma parte dos 21 polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa Comunidade. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños. Xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Polo tanto, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.