A Xunta lembra á cidadanía que as persoas identificadas como contactos estreitos non necesitan recorrer a atención primaria agás no caso de presentar síntomas, e aclara o protocolo para gardar cuarentena

26, Xullo 2021

A Xunta de Galicia lembra á cidadanía que as persoas identificadas como contacto estreito non precisan recorrer aos servizos de atención primaria, agás no caso de presentar síntomas.

Neste mesma liña, o Executivo galego reforza con 250 profesionais á Central de Seguimento de Contactos, co ánimo de garantir unha óptima atención ás persoas corentenadas por mor do coronavirus, ao tempo que, evita unha sobrecarga de traballo ao persoal de atención primaria.

Os servizos dependentes do departamento de Saúde Pública, como son as xefaturas territoriais ou a Central de Seguimento de Contactos, informan de que estarán exentas de gardar corentena aquelas persoas que, malia ser consideradas contacto estreito, estean vacinadas con pauta completa na data do último contacto coa persoa contaxiada; así como aquelas persoas asintomáticas que pasaran a enfermidade -confirmada mediante proba diagnóstica- nos seis meses previos á última xuntanza co caso positivo.

Con todo, en ambos os dous casos, existen tres excepcións que si obrigarían a estes contactos estreitos a gardar corentena. Nomeadamente, no caso de tratarse de persoas inmunodeprimidas, se existe a sospeita de que o contaxio se debe a unha variante especial do virus -beta e gamma-, ou ben, se o contaxio procede dun visón.

Os protocolos sanitarios determinan que os servizos dependentes de Saúde Pública son os encargados de identificar, entrevistar, declarar ou non a corentena, facer o seguimento e solicitar as probas diagnósticas destas persoas.

De acordo con estes documentos, considéranse contactos estreitos aquelas persoas que compartiran espazo cunha persoa infectada por coronavirus, cunha distancia interpersoal inferior aos 2 metros e durante un período de tempo superior aos 15 minutos. Ademais, tamén se considera contacto estreito ás persoas que, proporcionando coidados a un caso covid-19, estivesen en contacto cos seus fluídos.
Seguimento dos contactos estreitos exentos de corentena

Aquelas persoas que sexan identificadas por Saúde Pública como contacto estreito, e sempre e cando o departamento sanitario non lle indique a obrigatoriedade da corentena, permanecerán baixo vixilancia. Deste xeito, Saúde Pública encargarase de citalas para a realización de probas diagnósticas nas seguintes datas á súa identificación.

Cómpre subliñar que estas probas PCR serán solicitadas por Saúde Pública dun xeito automático, polo que non é preciso nin chamar nin acudir aos centros de atención primaria para concertalas.

Os contactos estreitos exentos de gardar corentena deberán seguir as instrucións xerais de prevención e control: evitar lugares e eventos concorridos, o contacto coas persoas máis vulnerables á enfermidade, estar localizable, realizar as probas PCR que lle indique Saúde Pública, manter a distancia de seguridade e usar sempre a máscara.

Se por calquera motivo, as persoas exentas de illarse non poideran respectar as medidas de prevención e control, estas deberán gardar a correspondente corentena.
Seguimento dos contactos estreitos con obrigatoriedade de corentena

Pola súa banda, os contactos estreitos aos que Saúde Pública determine a obriga de gardar corentena, contarán cun seguimento diario, ben por vía telefónica, ou ben, mediante a plataforma Telea. Sanidade remarca que será este departamento sanitario quen contacte directamente con estas persoas.

Ás persoas con obriga de gardar corentena, Saúde Pública solicitaralle unha PCR aos 5 e aos 10 días do seu último contacto coa persoa contaxiada. Así, o resultado destas probas diagnósticas será comunicado por SMS. Neste senso, se a proba realizada no décimo día obtén un resultado negativo, remataría a corentena; pola contra, se o resultado dalgunhas desta probas é positivo, o contacto pasará a considerarse caso confirmado, polo que recibirá unha nova chamada de persoal médico, no que se lle indicará como debe proceder en cada momento, e como se implementará o seguimento de corentena.