A Xunta licita a construcción do 1º spa viñoterapia de Galicia no mosteiro de San Clodio, cun orzamento de 1,2 millóns de euros

7, Setembro 2015

Turismo de Galicia vén de licitar as obras de rehabilitación e acondicionamento como spa viñoterapia da nave lateral do mosteiro de San Clodio, emprazado no concello de Leiro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este pasado sábado dia 5 de Setembro o anuncio da licitación no que se definen os aspectos fundamentais da contratación para a realización dos traballos. As empresas interesadas en participar no concurso dispoñen o día 30 de setembro para presentar as súas ofertas.

Coa licitación destas obras, que contan cun orzamento de máis de 1.200.000 euros, a Xunta de Galicia converterá as antigas adegas e cortes deste mosteiro cisterciense no primeiro spa viñoterapia da comunidade. Así, se usarán produtos derivados da uva e do viño, entre outros elementos, para distintos tratamentos termais que formarán parte da oferta actual do Hotel Monumento de San Clodio.

Os traballos previstos desenvolveranse co obxectivo de garantir a recuperación íntegra do inmoble e o emprego das súas instalacións para poñer en valor e difundir os recursos turísticos asociados á auga termal e ao viño.