A Xunta licita por 2,5 M€ a ampliación do instituto IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño cun novo edificio para FP

22, Decembro 2023

A Xunta licita a ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño. Así o anunciou nunha visita ao centro o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que explicou que o orzamento ascende a case 2,5 millónn de euros, o dobre do previsto inicialmente.

Tal e como afirmou o titular do departamento educativo do Goberno galego, o obxectivo é crear novos espazos para os ciclos da familia de Soldadura e Caldeiraría. “Deste xeito apoiamos a FP nun centro cabeceira de comarca que é moi activo nestas ensinanzas”, salientou o conselleiro. Ao respecto indicou que os ciclos que se imparten neste centro ”ofrecen moitas oportunidades de formación e emprego á mocidade e profesionais moi cualificados ás empresas da comarca”.

Máis de 1.500 metros cadrados
A ampliación realizarase a través da construción dun edificio novo, cunha superficie total de 1.581,8 m². O novo volume situarase no espazo entre o valado da plataforma das pistas deportivas e a beirarrúa inferior, aproveitando os desniveis do terreo para facilitar o funcionamento e acceso desde ambos niveis.

Na planta superior situaranse tres aulas novas, con aseos, almacén, conserxería vestíbulo e distribuidor, mentres que a planta baixa acollerá os talleres de mecanizado e soldadura, vestiarios, espazos de almacenamento, cuarto de telecomunicacións, distribuidor, vestíbulo e recepción. Os dous andares estarán conectados por un ascensor. Ademais, na planta superior habilitarase un espazo porticado de 114,05 m².

Ensinanzas ofertadas
O centro conta con máis de 400 alumnos, dos que máis de 160 son de Formación Profesional, ensinanzas nas que oferta o ciclos de FP Básica en Electricidade e electrónica, os ciclos de grao medio e Xestión administrativa, en Instalacións eléctricas e automáticas e en Electromecánica de vehículos automóbiles, así como o de grao superior en Administración e finanzas.

Na modalidade dual, están en marcha neste instituto dous proxectos completos, un no ciclo de grao medio en Soldadura e caldeiraría e outro no de grao superior en Automatización e robótica industrial e, como oferta parcial, o de grao medio en Electromecánica de maquinaria. Ademais, o Chamoso Lamas imparte o máster de FP na modalidade dual en Robótica colaborativa.