A Xunta Local de Seguridade constata un descenso dos delitos denunciados no municipio

28, Xullo 2016

O informe presentado ante a Xunta Local de Seguridade do Carballiño constata un descenso no número de delitos denunciados no municipio no transcurso do último ano.

Doutra parte, abordouse o operativo de seguridade para a festa do pulpo, que integrarán máis de 200 persoas.

O operativo quedou ultimado nunha reunión da Xunta de Seguridade desenvolvida no salón de plenos do concello polos responsables dos distintos corpos, institucións e entidades encargadas de que todo transcurra con normalidade. A reunión estivo presidida polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a ela asistiron os concelleiros de Seguridade, Adolfo Nogueira; de Festas e Turismo, Xosé Manuel Dacal; de Cultura, Diego Fernández, así como os responsables de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Tráfico e Cruz Vermella.

A Festa do Pulpo reúne nun só día no Carballiño a ducias de miles de persoas e vehículos, e isto require unha boa previsión e coordinación para solventar de inmediato calquera incidencia que se poida producir.

Segundo os informes da Subdelegación do Goberno, tanto o plan de seguridade como o de autoprotección elaborado polo concello do Carballiño, están moi ben deseñados e resultan óptimos para que a festa se desenvolva con normalidade e resolver calquera incidencia.

Por outra parte, no informe anual de seguridade que elabora a Subdelegación do Goberno tamén se salientou o descenso no número de delitos así como de denuncias por violencia de xénero con respecto ao pasado ano no termo municipal do Carballiño, polo que se amosou unha grande satisfacción.