A Xunta mellora a accesibilidade e a seguridade viaria na rúa Benito Táboas, na vila de Beariz

17, Abril 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, asinou co alcalde de Beariz, Manuel Prado, un convenio de colaboración para mellorar a seguridade viaria da rúa Benito Táboas, cun investimento de máis de 55.000 euros.

O obxectivo desta colaboración do departamento de Infraestruturas da Xunta coa Administración local é executar os traballos necesarios na mellora da accesibilidade e seguridade viaria desta rúa integrada no núcleo urbano do concello e que transcorre paralela á estrada autonómica OU-212, A Ermida – Beariz.

Esta rúa constitúe a única vía alternativa posible para desviar o tráfico que transita pola estrada de titularidade autonómica, algo que sucede cando é necesario realizar nela traballos de conservación e, sobre todo e dende hai décadas, durante as festas patronais que se celebran no mes de agosto, e que ocupan a calzada da OU-212 durante varios días.

Tratase dunha actuación que permite a rehabilitación do firme desta rúa, de modo que o tránsito por ela sexa en condicións de seguridade para vehículos e persoas. As tarefas a executar no marco deste convenio comprenden os traballos necesarios para a correcta drenaxe desta vía, de modo que o tránsito pola rúa sexa axeitado e minimice o deterioro do firme, así como as tarefas de conservación do firme co estendido de mestura bituminosa en quente.

Mediante o convenio, o departamento de Infraestruturas da Xunta comprométese a financiar as obras de mellora, e concello asume a obriga de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras, así como á contratación, execución, dirección, control e recepción das obras.