A Xunta presenta aos empresarios e comerciantes do Carballiño as medidas que ofrece para crear novas oportunidades

3, Abril 2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou no Carballiño un networking con empresarios e comerciantes da zona no que se deron a coñecer as medidas que a Xunta impulsa para crear novas oportunidades laborais e empresariais, ao tempo que os asistentes aportaron as súas suxestións. A iniciativa enmárcanse dentro dunha rolda de encontros que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a realizar por toda a xeografía galega. O acto tivo lugar no Aparthotel Arenteiro.

Ao longo da reunión explicouse que, para o sector do comercio, a Xunta puxo en marcha este ano diferentes programas de axudas, que suman preto de 4,5 millóns de euros, entre os que destacan apoios por máis de 3,1 millóns para dixitalización e modernización das empresas comerciais e artesanais; unha liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, cun orzamento dun millón de euros; e unha iniciativa dotada con 255.000 euros para fomentar a comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. Ademais, abriuse o prazo de solicitude para as axudas á formación en materia de artesanía.

Os asistentes puideron coñecer en detalle as axudas do Igape para impulsar na Comunidade galega a actividade empresarial, con liñas de apoios desde o nacemento dunha idea ata a decisión de crear unha compañía, e para a súa consolidación e posterior internacionalización.

Con respecto ao ámbito do emprego, Conde referiuse aos programas de formación que ten en marcha a Xunta para adaptar os perfís dos profesionais ás demandas que está requirindo o novo modelo industrial. Neste senso, resaltou a formación para desempregados e ocupados que se imparte en centros homologados, así como as Unidades Formativas na Empresa, tamén dirixidas tanto a desocupados como a traballadores en activo.

Conde puxo en valor a figura dos Concellos Emprendedores, dirixida ás administracións locais que se adhiran ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia, un acordo enmarcado dentro da nova Lei de implantación empresarial.

O titular de Economía fixo especial fincapé nas vantaxes que aporta o novo regulamento para o desenvolvemento de iniciativas empresariais e industriais en Galicia. Así, as compañías interesadas en implantarse na Comunidade contarán cunha maior simplificación administrativa, máis facilidades no acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais.