A Xunta recupera dos depósitos xudiciais do Carballiño un xuízo especial de foros, con arquivos dos séculos XV ao XVIII, unha documentación de gran valor histórico

25, Decembro 2016

A Xunta de Galicia vén de recuperar nos depósitos xudiciais do Carballiño documentación dun xuízo especial de foros de 1947, con arquivos do século XV ao XVIII. O documento foi atopado durante o proceso de identificación da documentación anterior a 1946, considerada de interese patrimonial e que por tanto debe transferirse ao Arquivo Histórico Provincial a fin de conservala e poñela en valor, permitindo a súa divulgación.

O expediente forma parte do fondo do Tribunal Especial de Foros e atopábase custodiado nos depósitos do actual xulgado de 1ª instancia e instrución nº 1 do Carballiño. En concreto, trátase dunha reclamación de renda foral dirixida a este Tribunal, na que se inclúe un testamento de doazón da terra denominada Chao de Castela, lugar de Sobreira Mayor, feligresía de San Juan de Piñeiro, xurisdición de Maside, ao convento de Santo Domingo de Ribadavia, con data de 1427. Xúntase tamén escritura de propiedade de 1601 e Real Provisión de 1787 a instancia do Prior do Convento para facer prorrateo do foro do lugar de Sobreira Mayor.

O sistema agrario galego estivo presidido historicamente polo réxime foral. O foro é un contrato agrario de orixe medieval e fórmula dominante da cesión da propiedade en Galicia dende o século XIII ata principios do século XX. A súa aparición e consolidación vincúlase ao gran protagonismo que na sociedade medieval galaica alcanzaron as institucións eclesiásticas, especialmente monásticas.

A existencia do foro supoñía unha pluralidade de dominios sobre a mesma terra. Participan nel catro axentes sociais: nobreza, clero, fidalguía intermedia (titular de foros e subforos dende o século XVI) e familias campesiñas. Así as relacións sociais de produción e distribución estarán condicionadas polo mesmo. No século XIX afírmase que ao redor dun 75 por cento do territorio galego está suxeito ao réxime foral.

A desaparición do foro non terá lugar ata ben entrado o século XX, despois dun lento proceso de redención mediante acordos particulares iniciados na década de 1910. Será o decreto-lei de 1926 o que o acabará de regular e creará os tribunais de foros como xurisdición especial para entender na materia, mais o seu fin legal fixarase en 1973, segundo a Compilación de Dereito Foral de Galicia.

Trátase por tanto de documentación de gran valor histórico, non só pola singular importancia da figura dos foros en Galicia e a súa pegada na sociedade galega actual, se non tamén pola condición de fonte primaria para o estudo da propiedade da terra e das relacións sociais e produtivas durante o antigo réxime.