A Xunta remite para tramitación ambiental o plan de ordenamento do polígono de Carballiño-Maside, que creará case 890.000 m2 de novo solo industrial na comarca

A Consellería de Economía e Industria acaba de remitir á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa tramitación ambiental o borrador do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) do parque empresarial de Carballiño-Maside, que afecta a estes dous municipios da comarca do Carballiño e que prevé crear 886.478 metros cadrados de solo para uso industrial.
Este proxecto conta con dúas zonas de actuación diferenciadas, xa que está localizado en dous municipios en ámbitos lindeiros entre eles. A primeira supón unha ampliación do actual parque empresarial do Carballiño ata o suroeste; e a segunda desenvólvese integramente no concello de Maside, ao sueste da estrada OU-504.
O acceso viario ao novo parque empresarial farase a través dun enlace a distinto nivel desde a estrada OU-504, no caso do sector de Maside; mentres que no caso de O Carballiño empregaranse as conexións do parque xa existente. A localización desde novo polígono é estratéxica para toda a comarca, xa que está próxima ao acceso da autovía AG-53, que une a Autovía das Rías Baixas con Santiago de Compostela e a AP-9.
O borrador do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) que agora se remite á aprobación ambiental prevé crear 886.478 m2 de solo industrial, dos que 517.710 m2 son de superficie útil. Desde xeito, a Xunta, a través de Xestión do Solo de Galicia – Xestur, multiplicará por 2,6 a superficie do parque actual, que conta con 341.395 m2, e que está practicamente esgotado, xa que tan só hai unha parcela dispoñible.