A Xunta repara a cuberta da estación de autobuses, antes da súa cesión ao concello do Carballiño

14, Decembro 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe as obras de reparación da cuberta das dársenas da estación de autobuses do Carballiño. Os traballos, cun investimento autonómico de preto de 11.000 euros, contan cun prazo de execución de 1 mes. A intervención que se levará a cabo na estación de autobuses de Carballiño ten por obxecto a substitución dos máis de 250 m2 da zona central da cuberta de policarbonato das dársenas por unhas novas chapas, con cumbreira.

Os traballos inclúen tamén actuacións na zona do encontro da cuberta co edificio da estación, para evitar que se produzan filtracións de auga. Esta actuación responde ao compromiso da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na última xuntanza mantida co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega. Na reunión, a conselleira avanzou a realización destas obras como paso previo á cesión do edificio da actual estación de buses ao Concello. Ademais, propúxolle ao Concello trasladar os servizos de autobuses ao carón da estación de ferrocarril coa fin de facilitar a intermodalidade.

Este proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade permitirá facilitar un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte público, facendo posible atender a demanda do Concello de destinar a actual estación de autobuses a usos sociais.