A Xunta volve licitar a restauracion do reloxo e do campanario da igrexa do mosteiro de San Clodio

28, Setembro 2020

A Xunta de Galicia licitou a segunda fase da restauración do reloxo mecánico e do campanario de forxa do mosteiro de San Clodio, no concello de Leiro.

Con esta actuación, que a Xunta valorou en 30.000 euros, preténdese devolver a funcionalidade ao reloxo, como elemento sonoro, e supoñerá unha mellora estrutural deste ben catalogado do século XVIII. Estes traballos de restauración xa saíron a licitación en novembro de 2019, pero a adxudicación dos mesmos quedou deserta.

Se nesta ocasión son adxudicados, a empresa adxudicataria terá tres meses para realizalos, dando continuidade aos traballos levados a cabo en 2017, cando se retirou a capa de óxido que cubría o reloxo e que ocultaba as inscricións históricas que posúe. A actuación enmárcase na colaboración que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén coa Diocese de Ourense para a conservación de inmobles eclesiásticos.