"Xuntos por San Amaro" preséntase ás eleccións do 26-M con vocación de goberno e coa idea de "recuperar a autoestima polo noso"

2, Maio 2019

A Agrupación de Electores "Xuntos por San Amaro", unha das seis candidaturas que concorren ás eleccións neste municipio tivo o seu acto de presentación na sede que xa ten aberta na rúa principal de San Amaro, ante a presenza dun grupo de veciños e no que tomaron a palabra varios dos integrantes da candidatura.

Carlos Paz González, candidato á alcaldía de San Amaro, comezou lembrando que nas primeiras xuntanzas, previas á formación da candidatura, "falaban da incredulidade que nos provocaba a deixadez demostrada polo noso concello no que atinxe á inversión pública, aos servizos básicos para veciñas e veciños ou á promoción dos nosos recursos".

Engadiu "Queremos recuperar a autoestima polo noso. Cremos que estamos preparados para governar e poñemos o noso traballo á disposición das veciñas e dos veciños de San Amaro para tentar mellorar a calidade de vida das veciñas e dos veciños apartir do primeiro día de goberno".

Entre as propostas presentadas, Carlos Paz apostou pola necesidade de mellorar as comunicacións no concello: por unha parte o transporte e a e a conexión coa AG-53 e por outra as telecomunicacións, nun concello que adoece de problemas serios de cobertura e de acceso a banda ancha, o que prexudica gravemente aos seus habitantes e ás empresas radicadas no concello. Neste senso, apuntou a urxencia dun sitio web e dun espazo 3.0 que achegue información actualizada do concello e dos seus servizos, amáis de ofrecer cumprida información social, económica, cultural e turística do concello de San Amaro.

Por último falou da necesidade de coñecer polo miúdo o estado real das contas e revisar a concesión da xestión da auga no concello, que se está a converter nun quebradeiro de cabeza para os habitantes, tanto polo seu elevado prezo como pola calidade da mesma.

Pola súa parte, Sonia Ordóñez González, candidata nº 2, apuntou que están abertas e abertos a todas aquelas persoas que queiran traballar polo benestar das e dos amarenses. "Cremos no noso concello e nas súas xentes e queremo que as nosas fillas e os nosos netos teñan a opción de vivir e de traballar no concello de San Amaro".

No apartado de política social, Sonia Ordóñez apuntou a necesidade de crear un rexistro de persoas maiores que viven soas, amais de facilitar as xestións oportunas para acceder aos servizos básicos de teleasistencia ou axuda para as actividades da vida diaria. Indicou Sonia Ordóñez que queren promover o envellecemento activo e a participación social através de actividades lúdicas e divulgativas centradas na interxeracionalidade. Por último, apuntou a total disponibilidade de Xuntos de levar a cabo accións de entendemento e colaboración continua co CEIP da localidade e co tecido asociativo do termo municipal.

Cristina Vázquez Rodríguez, nº 3 na candidatura, centrou a súa intervención na posta en valor dos recursos culturais, patrimonias e medioambientais do concello. Falou da impotencia que provoca saber que a multimillonaria inversión que a Xunta de Galicia realizou no Castro de San Cibrao de Las non aportou á penas ningún posto de traballo entre as veciñas e veciños do San Amaro.

Apuntou a situación irregular do concello ao non ter aprobado un plan de emerxencias e un plan de prevención de incendios, e comprometeuse a aprobar ambos plans, conforme ao PEIFOGA e á lexislación vixente. Tamén anotou a intención de incoar expediente para a declaración BIC do Castro de Las, ao tempo que anunciou a "creación dunha Biblioteca Vivente, que recolla desde xa a memoria das persoas que habitaron e habitan o noso concello, deixando para as xeracións futuras copia dos seus testemuños".

Manuel Cao González, nº 4 na candidatura, fixo unha introdución sobre a merma demográfica do concello e sobre a urxente necesidade de poñer en marcha unha batería de medidas que persigan a creación de emprego e faciliten a vida cotiá no concello. "A última vez que San Amaro apareceu no DOG foi en febreiro do 2018. E non foi para anunciar unha inversión ou unha licitación, senón para facer público un informe ambiental estratéxico promovido por unha Fundación radicada no noso concello. Tres cuartos do mesmo pasa co BOP, onde no mes de xaneiro deste ano atopamos con sorpresa como o concello de San Amaro pasa a ser un dos únicos concellos da provincia que non está incluido no plan provincial de limpeza de marxes de estradas. Ningunha inversión realizada nos últimos anos. Ningunha inversión comprometida nos últimos anos".

Falou tamén da necesidade de aprobar o plan urbanístico, para poder construir e rehabilitar dun xeito ordenado e conforme ao interese xeral de veciñas e veciños. Por último, indicou que consideran "oportuna e necesaria unha Guía de Recursos económicos do concello, na que se inclúan todos os servizos económicos que ofrezan ou demanden as veciñas e veciños do concello. Tería un espazo no web do concello, ademais dun ocupar un lugar físico nos edificios municipais ou comunitarios", subliñou.