O PSdeG-PSOE de Leiro pide a dimisión do presidente da Entidade Local Menor de Berán polo fracaso e abandono do proxecto do balneario
O grupo municipal socialista de Leiro esixe a dimisión inmediata de Avelino Carballal, presidente da Entidade Local Menor de Berán, tras o fracaso absoluto da xestión do balneario de Berán, que supuxo un gasto de centos de miles de euros en fondos públicos sen resultado ningún para a veciñanza.
No pleno extraordinario celebrado recentemente, o presidente quedou mudo ante as preguntas formuladas polos socialistas, sendo o alcalde de Leiro quen respondeu por el. Esta situación demostra a súa falta de independencia, de valentía e de capacidade para exercer as responsabilidades que lle corresponden como máximo representante da Entidade Local Menor. Poucos días despois confirmouse o que xa se intuía: a concesión do balneario quedou deserta, ningunha empresa se interesou polo proxecto, certificando así un rotundo fracaso político e de xestión.
Para o PSdeG-PSOE, este episodio é especialmente grave porque: As instalacións permanecen pechadas e en estado de abandono, pese aos cuantiosos fondos públicos investidos. Perdeuse unha oportunidade para xerar emprego, turismo e riqueza local en Berán e en todo o concello de Leiro.
A veciñanza ve como se gastaron cartos en proxectos que nin se abren nin serven para nada, mentres se desatenden necesidades urxentes. Os concelleiros socialistas lembran que a súa posición foi de abstención responsable, porque non se pode apoiar un proxecto desta envergadura sen contar previamente cos veciños e veciñas de Berán. A nosa prioridade segue a ser poñer o foco na cidadanía, defendendo os seus intereses fronte ao desleixo e o conformismo de quen debería liderar con seriedade a entidade.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Leiro considera que Avelino Carballal debe asumir responsabilidades políticas e presentar a súa dimisión como presidente da Entidade Local Menor de Berán, pois a súa inacción e dependencia do alcalde deixan claro que non está en condicións de seguir representando á veciñanza O grupo municipal socialista de Leiro esixe a dimisión inmediata de Avelino Carballal, presidente da Entidade Local Menor de Berán, tras o fracaso absoluto da xestión do balneario de Berán, que supuxo un gasto de centos de miles de euros en fondos públicos sen resultado ningún para a veciñanza.