O RAPOSO, A XINETA E O TEATRO DE SUSANA

9, Novembro 2025

 O RAPOSO, A XINETA E O TEATRO DE SUSANA
“De quen fixo da alcaldía un escenario e agora se queixa do guión.”

“O raposo no galiñeiro”, dis ti.
Pois se hai algún, fuches ti quen lle abriu a porta cando fixeches da alcaldía o teu propio corral particular. Peor có raposo é a xineta: escóndese, róubao todo e logo fai ver que non foi ela. O Irixo xa sabe ben o que é terte gobernando: personalismo, prepotencia e un Concello bloqueado pola túa incapacidade para entenderte nin co teu propio grupo nin cos demais concelleiros.

Escoitarte falar de “falta de traballo” ou de “proxectos herdados” é como ver a quen deixa un papel en branco e logo quere que lle dean as grazas por escribir o libro.

O que ti chamas proxectos eran simples anuncios e propaganda de bar. As obras que hoxe se están vendo no Irixo son resultado do traballo do actual goberno, que tivo que proxectar, tramitar e executar o que ti deixaches sen orzamento, sen documentación e, nalgúns casos, sen sentido.

Dicir que non se convocaron plenos en dez meses é outra falsedade máis: houbo dous plenos extraordinarios, e ademais o secretario municipal estivo de baixa, polo que houbo que incorporar un novo. Pero ti, que nin sabes como funciona a administración, prefires manipular antes que informarte e dicir a verdade.

Tamén falas de obras “mal feitas” que nin sequera fuches ver. Opinas de oídas, porque pasar tantas horas no bar non deixa moito tempo para comprobar as cousas. E o máis curioso é que agora andas vendendo, ou cando menos dando a entender, que a obra de Alemparte foi idea túa, cando desde que fuches buscar os votos por alí non volviches máis. Se che interesa tanto, vai vela: aglomerado en quente, ben feita, e non a trapallada de firme que deixaches en Rivela e Santiso. Alí a Deputación fixo a obra e, ademais, concedeu unha subvención de 40.000 euros, cos que ti fixeches un simple rego asfáltico vendido como se fora unha gran obra. E xa sabemos todos que esa chapuza non vale nin de lonxe o que custou.

E xa que falas de “intereses persoais”, cómpre lembrar quen mandou hormigonar para si mesma o acceso á súa casa turística do río e á súa eira privada que ten detrás, mentres deixaba en terra as entradas doutros veciños do mesmo camiño. Despois buscaches a escusa de sempre: que era “para o chilote que ten alí ao lado o Concello”. Outra mentira máis. E xa que estamos, outro día falamos tamén dalgunhas facturas de traballos sen executar ou con importes inflados para xustificar pagos e favores a cargo do diñeiro do Concello… porque diso tamén houbo, e todos sabemos que un simple "xogo para nenos" non vale case dez mil euros.
Do raposo falas ti… pero no galiñeiro xa deixaches máis dun burato.
Igual a Fiscalía tiña que pedir as facturas do teu ano de goberno. ¿Dicímosllo?

E iso de que vas ir “casa por casa” tamén fai graza. Igual querías dicir “bar por bar”, que é onde pasas máis tempo contando as túas versións e repartindo culpas. Mira que agora xa non podes cobrar dietas por andar por aí… que seica as chegaches a cobrar ata por ir ós enterros.

O señor Cerdeira —por moito que che pese— gañou as eleccións e quedou a unha ducia de votos da maioría absoluta. Ti quedaches con tres concelleiros, pero se non chegaras a levar na túa lista ao concelleiro de Corneda, que tanto utilizaches para chegar á alcaldía e despois che sobrou cando deixou de servirche, terías quedado con dous, a metade dos que sacou o Partido Popular. Esa é a túa maneira de facer política: usar ás persoas mentres che son útiles e apartalas cando xa non che valen. E por se non abondase, falaches mal del por todos lados, entrando en cuestións persoais e difundindo mentiras. Xa o dicía unha veciña: “tes unha lingua que atravesa as paredes.”

E xa que tanto che gusta poñer exemplos, poderías aprender algo do que foi o teu propio socio de goberno do PSOE, o tenente de alcalde que dimitiu cando viu que non eras quen de respectar nin as súas competencias nin o acordo de goberno. Ti si deberías aprender a asumir responsabilidades, sobre todo despois de fracasar dúas veces seguidas ao tentar aprobar uns orzamentos que nin o teu número dous quixo apoiar.

Non sabemos quen será alcalde ou alcaldesa dentro de dous anos, pero o que si parece cada día máis claro é que ti non. Alá onde vas, repartes odio, igual que o fas co portavoz do PP. E se algún veciño aínda ten dúbidas do tipo de persoa que es, que pregunte na farmacia da túa familia, onde traballaches máis de 20 anos. Seica as donas están desexando que volvas… menos mal que che son da familia.

Cando che convén, pos voz conciliadora e falas de unión; cando non, insultas e atacas. Tes un don para manipular, para aparentar o que non es, e iso xa non engana a ninguén. Porque quen te coñece sabe ben o que se agocha detrás desa voz doce e dese ton de vítima.

O tempo das mentiras, das escusas e dos teatros xa pasou. O Irixo merece seriedade, non política de taberna. E mentres ti segues co teu papel de vítima, outros —sen ruído— seguen traballando polos veciños e poñendo o Concello a funcionar

Entre o bar, a radio e as mentiras, non che queda tempo nin para traballar.