2, Decembro 2022

A partir do próximo dia 11 de decembro Ourense e O Carballiño recuperarán as conexións que Renfe suspendeu no marco da pandemia, según ven de confirmar a operadora ferroviaria. Isto supón a recuperación dos servizos que se ofrecían antes da pandemia entre as estacións de Ourense e O Carballiño, en ambos sentidos para a circulación.

Ainda así, Renfe aclara que a posta en funcionamento destes servizos modificará algúns dos horarios da liña Ourense - O Carballiño - Santiago. Segundo explican nun comunicado informativo, a modificación farase en virtude de "cubrir ao longo do día máis franxas horarias". A conexión entre as estacións de Ourense e O Carballiño pasará así dun a tres trens por sentido de circulación, na liña de ferrocarril convencional Ourense-Santiago.

Os novos horarios entre Ourense e O Carballiño, e viceversa:

-Ourense con destino O Carballiño: 14,30, 16,40 e 21,10 horas

-O Carballiño con destino Ourense: 7,48, 15,00 e 19,56 horas

2, Decembro 2022

Hoxe coñeceuse a noticia da reposición de trens entre O Carballiño e Ourense, cousa que ben me alegra, aínda que tampouco e que sexa a panacea ter 3 trens por sentido a Ourense o día, pero bueno e unha mellora de agradecer certo e, a pesar de que o ideal sería ter 6 como había antes de que se fiexese a linea do AVE, e todo isto e posible gracias o moito inisistir dalgunhas persoas da Plataforma  para a defensa do Transporte Público, os cales fixeronlle un favor a moita xente inmovilista que por desgracia hai neste pobo, e que so se moverían so sofa se lle falta a luz para ver a televisión, en especial os dous Nogueiras, Adolfo e Manuel que tanto interese parecían ter o principio, cando o ruido mediático era considerable, pero de súpeto sairon de escena cando viron que o rédito político se asemellaba a inexistente, renta mais o chapapote, por moito que lles pese a alguns.

E menuda imaxen de pobo, que deixou  case solos a unhos rapaces na loita por algo universal como e o transporte público

2, Decembro 2022

Luis Boyano presenta este sábado dia 3 de decembro ás 7 da tarde no auditorio do Carballiño o seu espectáculo "Maxia...e Máis aló"

Pallaso de corazón, ilusionista e comunicador nato, un showman. Luís Boyano é moito máis que un mago, é un cómico, un mimo e sobre todo un gran ilusionista que sobre o escenario non deixa un segundo para a reflexión ou o descoido.

En “MAXIA...E MÁIS ALÓ”, o público gozará e participará activamente durante toda a actuación. Porque continuamente a sorpresa se lapela coa gargallada, e viceversa ata o final do seu show.

Ademais, como broche final contaremos co seu acto “A CABINA DOS ESPIRITUS”, co que foi galardoado co Premio Nacional e posteriormente o Mundial de Maxia no ano 2000.

"Coa cabina espiritista, Luís Boyano e Karla regresan aos escenarios o misterio e a intriga da maxia espectral de finais do século XIX e comezos do XX. É fermoso ver como aqueles efectos e manifestacións seguen emocionando e sorprendendo ao público do século XXI. A cabina é todo un clásico que se nos presenta cun estilo actual e renovado nesta versión".

Ademáis, na carteleira cinematográfica temos dúas películas para ver, no auditorio do Carballiño a película dos venres do Cine-Club, que proxecta "Utama" ás 20:00 e 22:30 horas. Mentres, o Novocine de Leiro proxecta ata o xoves dia 8 a nova película de Santiago Segura "A todo tren-2", en horarios diarios ás 16:00, 18:15 e 20:30 horas.

E dous espectáculos de teatro. O sabado 3 ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Boborás as actríces Estefi Llaryora e Pepa Barreiro presentan "Loló&Mamá", baixo dirección de Esther Carrodeaguas. E na tarde do domingo, ás 18:00 horas no auditorio do Carballiño, unha proposta de teatro infantil con "A Tartaruga Manola".

1, Decembro 2022

O Grupo Municipal Socialista de O Irixo lamenta "o incremento do gasto en enerxía eléctrica en 20.000 €, pasando dun presuposto de gasto no actual orzamento de 78.000 euros a 98.000 € segundo a modificación de crédito aprobada recentemente e apenas dous meses despois de aprobarse o presuposto municipal".

Lamentan os socialistas este incremento no gasto eléctrico cando o Concello do Irixo ven de acometer a renovación de instalacións de alumeado público exterior nas Parroquias de Campo, San Cosme, Cidá e Parada por importe de 410.991,08€ cunha subvención do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de España para colocar luminarias leds de baixo consumo en todas estas parroquias sumándose a renovación que xa se fixo en outras parroquias do Irixo en anos anteriores.

O portavoz socialista do Irixo Iago Fariñas Valiña, denuncia "o fraude no cambio de luminarias a leds feito polo concello, onde se mantiveron luminarias non necesarias antigas, e nalgúns casos, mantendo luminarias a escasos dous ou tres metros unhas das outras, un claro e sangrante despilfarro do consumo eléctrico que paga todala veciñanza".

Engade que "é autenticamente lamentable e descarado por parte do alcalde e do grupo de goberno, que concelleiros do grupo de goberno, teñan 3 e 4 farolas o arredor da súa propia casa, nalgún caso, nos galiñeiros ou farolas que non distan máis de 2 ou 3 metros unhas da outras , unha auténtica vergoña".

Finalmente, consideran os socialistas que todo elo "é unha mostra máis do desgoberno, do despilfarro e a mala xestión deste alcalde e o seu grupo de goberno, que non atende as peticións de veciños para a colocación de luminarias necesarias nos camiños dos pobos e si as coloca nos galiñeiros, nas leiras ou arredor das súas casas unhas de par das outras", remarcan.

30, Novembro 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de mellora do sistema de abastecemento en varios núcleos do concello de Leiro, paliando os problemas de arsénico e asegurando a calidade da auga.

A Xunta executou unha nova conexión da auga de abastecemento desde o depósito municipal de Lebosende á rede existente que serve a auga aos veciños dos núcleos de San Tomé de Serantes, Sa e Paredes, na parroquia de Serantes. A intervención, que contou cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, incluíu a construción dun novo bombeo no depósito de Lebosende e unha nova condución de impulsión de 1.114 metros, soterrada, ata a conexión coa rede existente.

Dotouse tamén dun grupo electróxeno que se aloxa nunha caseta ao carón do depósito de Lebesende. Estas actuacións desenvolveron o proxecto construtivo redactado por Augas de Galicia e dan cumprimento ao compromiso de colaboración expresado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade na xuntanza mantida no mes de febreiro co alcalde de Leiro para solucionar os problemas que, en determinadas ocasións, xeraba o arsénico e asegurar a calidade do abastecemento aos veciños destes núcleos da parroquia de Serantes.

30, Novembro 2022

A Xunta licitou por importe de 90.857 euros a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Boborás.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ven de publicar a licitación destes traballos, aos que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 3 de xaneiro.

Os licitadores deberán incluír na presentación das súas ofertas a definición dunha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. Esta proposta determinarase de xeito que integre a tecnoloxía da madeira na súa definición e recolla unha resposta tecnolóxica que garanta un consumo enerxético o máis eficiente posible.

Una vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

O orzamento estimado para a execución das obras do novo centro de saúde de Boborás estímase en 1,24 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución, obxecto do contrato licitado hoxe.

Os terreos para a construción do novo centro de saúde de Boborás teñen unha superficie de 6.247,31 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo concello de Boborás.

A Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, a construción de beirarrúas e a instalación de colectores para a xestión de residuos.

O propio Concello está a urbanizar esta parcela, dotándoa de servizos urbanísticos e beirarrúas e incorporando, tamén, na súa parte traseira, unha zona de estacionamento que servirá ao conxunto de equipamentos que se están a construír neste ámbito. Prevese, polo tanto, unha superficie de 2.100 m2 aproximadamente na súa fronte para a localización do centro de saúde do municipio ourensá.

De acordo co programa funcional e de espazos, o centro de saúde incrementará en case un 40% a superficie actual. Máis en concreto, o novo centro acadará unha superficie construída de 663,60 m² e unha superficie útil de 592,50 m2.

A área de asistencia sanitaria contará con 2 consultas de medicina xeral, 2 de enfermaría, zona de espera e 1 sala da muller con aseo propio. Contarase cun área de respiratorios, con sala polivalente e sala de espera independente, e un área asistencia polivalente adicional.

O novo centro de saúde disporá dun espazo cuberto para a ambulancia, vestíbulo, recepción con zona de espera e un despacho para atención ao usuario. O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións

A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás en marzo deste ano.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

28, Novembro 2022

O Concello do Carballiño acenderá o seu alumeado das festas de Nadal o próximo día 1 de decembro. Nesta nova convocatoria o Concello apostará polo aforro enerxético e por potenciar as instalacións conmemorativas nos espazos públicos da vila.

Dende hai anos O Carballiño mantén a tradición de potenciar as festas de Nadal cun alumeado temático que ten por obxectivo animar a vila e contar cos espazos públicos ambientados cos motivos propios destas festas para que os veciños e os visitantes gozan dun O Carballiño a xeito cos días de celebración e de festas familiares que se organizan nestas datas. O Concello carballiñés aposta por incidir no aforro enerxético e para iso acordouse que neste 2022 o alumeado de Nadal reducirá o seu horario de funcionamento.

A diferenza doutros anos nesta ocasión as luces de Nadal apagaranse ás 00.30 horas para incidir neste compromiso co aforro enerxético.

Como en noutros anos, haberá instalacións temáticas, con motivos propios destas festas, en varios espazos públicos da vila. A caseta de Nadal xa está instalada na Praza Maior do Carballiño e na Praza Emilia Pardo Bazán estase a rematar a decoración que ten como motivo central a carroza e os renos. A grande árbore de luces da praza maior ou a caixa de agasallos xigante que protagonizaron as campañas anteriores tamén terán un protagonismo especial neste Nadal 2022.

Tamén se promoverá unha campaña de promoción das compras no comercio e haberá colaboración do Concello nas iniciativas que se organicen dende o propio Centro Comercial Aberto do Carballiño.

Nas vindeiras semanas tamén haberá unha ampla oferta cultural, que se dará a coñecer nos próximos días.

27, Novembro 2022

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións. Na xuntanza tamén estivo presente César Fernández, vicepresidente segundo e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos da comarca do Ribeiro.

Manuel Baltar avanzou a colaboración do goberno provincial a varias iniciativas de cooperación propostas polo rexedor, entre as que se atopan a mellora da estrada entre Leiro e a parroquia de Santa María de Lamas  (OU-0306) e o acondicionamento da rúa Real. Ademais, a Deputación tamén apoiará novos proxectos dinamizadores do territorio e colaborará na substitución das gradas do campo de fútbol de San Bartolomé.

"Estas iniciativas son fundamentais para Leiro ao permitir mellorar as infraestruturas públicas ao servizo dos veciños”, remarca Manuel Baltar, que incide na importancia da “acreditada capacidade da Deputación para recoller as demandas e necesidades dos concellos e implementar solucións dun xeito áxil e eficaz, para seguir construíndo Ourense”. Nesta mesma liña, o alcalde de Leiro destaca a “máxima cooperación da Deputación e do seu presidente para atender as nosas propostas e permitir seguir desenrolando proxectos”.

25, Novembro 2022

Totalmente dacordo co copenauta anterior sobre o pintado da estrada Cea-Ribadavia.

Onde está a DXT para salvaguardar a seguridade dos usuarios?

25, Novembro 2022

Os concellos do Carballiño e San Cristovo de Cea celebraban na mañá deste 25 de Novembro o "Dia Internacional Contr a Violencia de Xénero" coa organización de actos institucionais, no salón de actos da casa do concello do Carballiño e a Praza Maior de Cea, nos que se procedía á lectura dun manifesto pola eliminación da violencia contra as mulleres.

No concello de Piñor terá lugar na tarde deste sábado dia 26 a "1ª Xornada de Eduación Familiar Pola Igualdade" na Praza do pobo do Arenteiro, con unha representación teatral "Avoas" de Run Run Teatro, tamén con "misións" vinculadas á loita pola igualdade de xénero, nas que non haberá tempo para o aburrimento, e sorteo con agasallos para os nenos e nenas participantes.

Pola súa parte, a Mancomunidade de Concellos promove a cuarta edición do Contacontos Familiar, a cargo de Cristina Collazo, con sesións de contacontos que terán lugar en Beariz (sábado 26 ás 16:00 h. no centro social da Forxa) Boborás (sábado 26 ás 19:00 h. no centro multiusos de Boborás) San Amaro (Domingo ás 16:30 h. no colexio) e no Irixo (salón multiusos do concello,ás 19:00 h.)

O concello de Avión organiza durante esta semana varias actividades, das que podes informatrte no seguinte enlace: https://www.concelloavion.org/es/component/content/article/8-news/230-co...

Na foto, o acto celebrado no concello de San Cristovo de Cea.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS