21, Xullo 2022

O salón de actos da casa do concello acolleu o acto de presentación do programa e o cartel promocional da festa, deseñado por Ari Quintas para esta edición número 60 e no que faise un guiño ao Xacobeo e intégranse todos os elementos que conforman a preparación do pulpo á feira. O programa de actividades converterá as prazas da vila no escenario de concertos, festivais de corais, danza, cine, monicreques, verbenas, exhibicións folclóricas e exposicións, entre outros actos.

“O Carballiño está a cumprir un soño”. Así o destacou o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, facendo referencia á declaración de interese turístico internacional que acadou a Festa do Pulpo e que chega na edición número 60 para devolver a ilusión por esta celebración a todo un pobo. Despois de dous anos nos que os festexos tiveron que adaptarse á pandemia, a programación recuperará a súa esencia, destacando como día grande o domingo 14 de agosto e a preparación da tapa máis grande do mundo, prevista para o día 9. Dacal insistiu na importancia da distinción: “Supón un pulo extraordinario e un aliciente para seguir traballando no engrandecemento desta manifestación gastronómica e cultural que rende homenaxe a unha tradición ancestral”.

Na mesma liña manifestouse o alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, agradecendo “o traballo de todo o pobo e o apoio dos patrocinadores, xa que sen eles isto non sería posible”. Tamén quixo brindar todo o protagonismo aos pulpeiros e insistiu nas gañas que teñen os veciños e veciñas de disfrutar uns festexos como os que se recordan.

O recoñecemento da Festa do Pulpo coa declaración de interese turístico internacional chega “nun momento crucial”, tal e como o sinalou Manuel Arias, secretario da Subdelegación do Goberno, que tamén insistiu “no bo traballo do Concello na tramitación do expediente, pois precisa de requisitos que non son doados de alcanzar”. Tamén recordou que onte mesmo se publicou no Boletín Oficial do Estado dito expediente.

Pola súa banda, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, felicitou ao Concello e a todo o pobo pola festa e sinalou que o recoñecemento recentemente acadado “é unha gran responsabilidade, pois é un escaparate a nivel internacional”. Castro tamén agradeceu o guiño que se fai no cartel deste ano ao Xacobeo, xa que o pulpo semella a concha de vieira que simboliza o Camiño de Santiago. Neste traballo artístico, realizado por Ari Quintas, intégranse todos os elementos que conforman a preparación do pulpo á feira.

A deputada de Cultura Patricia Torres denominou á do Pulpo como “a festa das festas” e auguroulle “un gran éxito a esta edición”.

A presentación foi un exemplo de colaboración público-privada entre institucións e cos patrocinadores, tal e como subliñou a secretaria xeral de Turismo, Nava Castro. No acto tamén estivo presente o deputado nacional e portavoz da Comisión de Industria, Comercio e Turismo, Adolfo Pérez, e a xerente do Inorde, Emma González.

20, Xullo 2022

O cinema de verán volve ao Carballiño a cargo das Xociviga (Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia) que presentan xa a súa programación completa para a súa XXXVIII edición, do 27 de xullo ao 31 de xullo. A programación foi presentada nun acto na casa do concello no que participaron o concelleiro de cultura Diego Fernández, e os responsables de organización Flavia Rodríguez e Daniel Filloy, respectivamente, presidenta e vicepresidente da asociación cultural Xociviga.

Durante as mañás, os máis pequenos teñen cita ás 11:00h no Auditorio do Carballiño no Ciclo de Cinema Infantil cos títulos de Lunáticos (2021), Ainbo (2021) e Valentina (2021). Polas tardes, no mesmo lugar, ás 19:00h atopamos títulos de éxito nacional e novidades como El Buen Patrón (2021), Tres (2021), La Voluntaria (2022) e Cinco Lobitos (2022). Para acabar cada xornada, volve o Cinema ao aire libre na Praza da Veracruz ás 23:00 con Espíritu Sagrado (2021), ¿Qué hicimos mal? (2021), Jacinto (2021) e Malencolía (2021).

O festival amplía o seu apartado formativo con dous masterclass ao cargo de directores de relevancia nacional: o día 28 de Julio ás 12:00 con Chema García (Espíritu Sagrado) e o 29 de Julio ás 12:00 con Liliana Torres (¿Qué hicimos mal?). Ambos falarán sobre o proceso creativo e produción das súas películas. A estas poderase asistir de forma gratuíta na Casa da Cultura ou a través da plataforma de Twitch. Todas as películas serán gratuítas, excepto El Buen Patrón cunha entrada de 1€.

O domingo 31, as Xociviga proxectarán ás 18:30 no auditorio carballiñés as curtametraxes seleccionadas do concurso de curtas, coa posterior entrega de premios ás 22:30 na Praza da Veracruz. Para pechar, sesión de concertos co grupo Abuela te quiero ás 23:30 e a DJ Emedj á 1:00 da madrugada, tamén na praza da igrexa.

19, Xullo 2022

Os concellos do Carballiño e Maside veñen de presentar formalmente a solicitude ante a Xunta de Galicia para contar cun novo Programa Integrado de Emprego(PIE)de carácter intermunicipal edestinado a un total de 100 participantes, que deberán encontrarse en situación de desemprego.

Trátase dunha iniciativa que ten como finaliade a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral durante un periodo de 12 meses, o proxecto leva consigo o compromiso por parte dos promotores de insertar laboralmente a un mínimo do 45% das persoas atendidas durante o seu desenvolvemento.

O programa promovido polos concellos do Carballiño e Maside terá un carácter multisectorial e consta de dous itinerarios formativos: industrial e atención ao cliente. No primeiro, as persoas participantes recibirán formación en soldadora, carretilla elevadora, xestión de almacén, opoerario de ponte-grua e interpretación de planos mecánicos e caldereiría, mentres que no segundo itinerario ofertaráse formación en atención ao cliente en hostalaría e correo electrónico.

De forma transversal, os participantes no programa tamén recibirán formación en manipulación de alimentos e alfabetización dixital, en total serán 441 horas de formación durante un ano que ten de duración este PIE.

Os concellos de Maside e O Carballiño terán a colaboración para desenvolver esta actividade a 10 empresas, que facilitarán as prácticas non laborais dos participantes nas súas instalacións.

18, Xullo 2022

Como pode apreciarse na fotografía, asi quedou na madrugada deste pasado domingo a rúa Curros Enríquez tras unha pelexa entre xóvenes que se saldou cun mozo ferido que precisou asistencia sanitaria urxente, e a intervención policial que procedeu á detención dunha persoa. 

Aconteceu na rúa Curros Enríquez, a altura coa rúa Cerca, nunha zona na que son varios os veciños que manifestaron en COPE O Carballiño que este tipo de pelexas son practicamente algo habitual nas madrugadas do sábado e o domingo nesta mesma zona.  Non poucos foron os veciños que na mañá do domingo alarmáronse ao encontrarse coa rúa ensanguentada varios metros.

Tanto dende a Xefatura da Policia Local, como dende a Concellería de Seguridade, manifestaron a esta emisora de radio que este tipo de incidentes, asi como tamén os que teñen que ver con destrozos no mobiliario urbano están dentro do que é habitual en poboacións con cifras de habitantes idénticas a O Carballiño.

 

18, Xullo 2022

Espazo Común asegura que son empresas que están a facer obras públicas "as que baleiran alí os escombros coa connivencia do goberno municipal".

Manifestan que foron veciños de Señorín os que lle fixeron chegar a queixa pola "gran cantidade de verquidos procedentes de restos de obras e de podas" e mesmo que "a sorpresa foi en aumento cando foron informados por algún dos coonductores dos vehículos que alí se dirixian de que foi o concello quen lles indicou onde tirar os refugallos". Engaden que "se xa é preocupante o gran número de pequenos vertedoiros ilegais que hai polos nosos montes adiante, é imperdonable que o goberno municipal alente estas prácticas".

Finalmente, dende Espazo Común demandan ao alcalde Fumega e ao seu grupo de goberno "respecto polo medio ambiente, pola lexislación vixente e, sobre todo, polos veciños que teñen que aturar as consecuencias das súas practicas", remarcan.

16, Xullo 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe nos actos de celebración da XIV Festa da Palabra, que un ano máis conta co apoio da Xunta e que nesta edición homenaxea ao grupo Brais Pinto. Tamén acudiron outros representantes institucionais, entre eles o alcalde do Carballiño Francisco Fumega ou o presidente da Deputación José Manuel Baltar.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou o papel dinamizador e o carácter vangardista deste colectivo de intelectuais, artistas e escritores galegos entre os que se atopan Xosé Luis Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo así como Bernardiño Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Cebreiro ou Ben-Cho-Shey, entre outros.

Recordou que o colectivo Brais Pinto súmase “a prolífica listaxe de homenaxeados nos últimos anos na Festa da Palabra para poñer en valor e recoñecer o seu papel a prol da cultura galega”. En concreto, desde 2009 homenaxeáronse na Festa da Palabra a figuras como Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, os poetas do Rexurdimento, Eduardo Blanco Amor, Pura e Dora Vázquez, Carlos Casares ou a Xeración Nós, entre outros.

A XIV Festa da Palabra serviu tamén para entregar os premios en recoñecemento ao labor de varias entidades e persoas que destacan nos seus ámbitos profesionais. En concreto recaeron en Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo, historiador e secretario da Real Academia de Belas Artes de Galicia, na modalidade de investigación e promoción cultural; en Bieito Romero, músico e fundador de Luar na Lubre, no eido da música e Pilar Corredoira, crítica de arte e curadora de exposicións, polo seu labor nas Artes Plásticas.

Tamén no Festival de Teatro Galego Celso Parada, por 33 anos de teatro desde O Carballiño; en José María Vila Alén, membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires polo seu traballo na Cultura na Emigración; en Ramón Caride Ogando, nacido en Cea e un dos máis destacados escritores actuais das letras galegas, no eido da Literatura e o programa da TVG Cos pés na terra na modalidade de cultura rural.

15, Xullo 2022

A carballeira do Tellado recreará este domingo 17 de xullo aquela feira secular da que hai constancia da súa existencia dende fai 150 e que celebrábase todos os dia 2 e 17 de cada mes, da súa importancia da conta o número de casas de comidas que había neste lugarciño da parroquia de S. Cosme de Cusanca, onde se chegaron a contabilizar ata 15 tabernas e casas de comida.

Durante esta xornada dominical poderáse desfrutar dunha exposición de gando autóctono, asi como actividades de animación orientadas ás familias, animación musical, xantar a base de polbo e carne ao caldeiro, haberá activades parateatrais, paseo das mozas e concurso de premios para os mellores traxes, tamén un amplo mercado artesanal no que terá especial protagonismo os productos de proximidade e os que están acollidos á marca O Irixo, entres os que encontraremós productos de alimentación, tales como embutidos, pan, empanadas, doces, marmaladas ou os lácteos da Cooperativa de Santa Mariña de Loureiro.

De forma simultánea, celebraráse a Festa do Cabalo do Concello do Irixo, que terá ruta cabalar nas primeiras horas da mañá polo montes do Irixo, e logo cos tradicionais concursos hípicos xa na propia carballeira do Tellado, e concluirá coa sempre simpática carreira de burros.

Para unha máis detallada información de ambos eventos, aconsellamos escoitar a entrevista a Gloria Bernárdez, no PODCAST de COPE O Carballiño, nesta mesma páxina WEB correspondente ao  venres dia 15 de xullo. 

14, Xullo 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos mozos e mozas de entre 10 e 13 anos que participan na segunda quenda do campamento Streamers polo cambio da Xunta de Galicia e que se está a celebrar na Residencia de Tempo Libre do Carballiño.

Durante a súa estancia, os mozos e mozas contan cunha completa programación que xira arredor do mundo influencer, da creación audiovisual e dos videoxogos. Cristina Pichel visitou aos rapaces desta segunda quenda e destacou a importancia de achegar á mocidade as vantaxes das redes sociais desde un uso responsable.

Ademais, os 45 participantes desfrutan de outras actividades de lecer relacionadas coa natureza e ao aire libre e tamén coa comunicación oral e a expresión corporal. Deste xeito, as mozas e mozos estarán desfrutando deste campamento no que a tecnoloxía é a protagonista ata o vindeiro luns 18.

Esta iniciativa forma parte da maior campaña de verán posta en marcha pola Xunta de Galicia. Baixo o lema O verán que queres contar, póñense a disposición da xuventude de todas as idades máis de 10.800 prazas. Con esta proposta, o Goberno galego ofrece á xuventude a posibilidade de empregar o seu tempo libre estival participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo ou formativo.

13, Xullo 2022

A Xunta comunicou esta mañá a cancelación da Xuntanza de Maiores que dende fai 42 anos vense celebrando no parque municipal do Carballiño, e que estaba programada para este sábado dia 16 de xullo.

A organización estaba pendiente da evolución meteorolóxica marcada pola vaga de calor desta semana, e finalmente as autoridades sanitarias aconsellaron adiar este evento, no que cada ano concéntranse no parque municipal carballiñés miles de persoas chegadas de toda a xeografía galega.

A nova data fixada pola Xunta para a súa celebración é a do xoves dia 15 de setembro, coincidirá polo tanto, coas festas patronais do Carballiño.

12, Xullo 2022

A XIV edición da Festa da Palabra celebrarase este sábado 16 de xullo, a partir das 11,30 horas, na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño) coa presenza de Xosé Luis Méndez Ferrín e Ramón Lorenzo, fundadores de Brais Pinto, o colectivo homenaxeado nesta edición.

A Festa da Palabra, organizada como cada ano pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense, ademais do apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, ten preparada unha programación deseñada arredor da reivindicación da fonda pegada deste grupo cultural, que sucede a homenaxeados como Carlos Casares, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Xela Arias ou Federico García Lorca -a través dos seus seis poemas galegos-.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destaca a importancia dunha Festa da Palabra consolidada como un “potente encontro activado para homenaxear ós nosos grandes da cultura galega, coma Brais Pinto”. Baltar define a este colectivo como “un dos grandes defensores da cultura galega no franquismo” e recalca a súa ourensanía, coa presenza neste grupo de Ben-Cho-Shey -unha figura central por como conectou esta xeración co galeguismo do primeiro terzo do século XX-, Bautista Álvarez, Xosé Fernández Ferreiro e o propio Méndez Ferrín.

Manuel Baltar incide na necesidade de “seguir potenciando, defendendo e alimentando a identidade galega”, a través de actos coma a Festa da Palabra e nun espazo “tan emblemático” como a Insua dos Poetas, “unha embaixada na que todos os ourensáns estamos invitados a celebrar a nosa palabra, a nosa lingua, a nosa literatura, da que tanto orgullo sentimos e da que tanto queremos compartir co mundo”.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, fala da “orixinalidade e perdurabilidade” desta homenaxe anual, adicada este ano a uns grandes “defensores da lingua e cultura galega nun tempo tan escuro para Galicia como a ditadura franquista”. Coa perspectiva do tempo, valora o poeta, os membros de Brais Pinto “tiveron unha gran responsabilidade na evolución da cultura galega en ámbitos como a literatura, as artes plásticas, o audiovisual ou a pedagoxía”.

Premios Insua dos Poetas 2022

Durante o transcurso da Festa da Palabra entregaranse os premios Insua dos Poetas 2022, que recoñecen a labor cultural en sete modalidades diferentes. Este ano, o xurado decidiu premiar ó escritor Ramón Caride -literatura-; ó arqueológo, historiador e secretario da Academia de Belas Artes de Galicia, Felipe Senén López Gómez -en investigación e promoción cultural; ó músico e fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero -música-; ó Festival de Teatro Galego (FETEGA) “Celso Parada”; á crítica de arte e curadora de exposicións Pilar Corredoira -artes plásticas-; ó membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén -cultura na emigración-; e ó programa da TVG “Cos pés na terra” -cultura rural-.

Os sete gañadores recibirán unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano, recentemente galardoado coa Medalla de Ouro da provincia de Ourense.

O xurado desta edición dos premios estivo presidido polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar; e contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; actuando de secretario Xavier Castro Martínez e de vogais Celso Sánchez e Antón Pulido.

Intensa programación

A xornada deste sábado arrancará na Insua dos Poetas ás 11,30 horas cunhas palabras de benvida do presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar. A continuación, Lucía Álvarez e Xosé Luís Troitiña ofrecerán un recital poético-musical con textos de Brais Pinto.

Despois do recital entregaranse os premios Insua dos Poetas e actuará no Anfiteatro Nós a artista arxentino-galega Lorena Lores, dentro dunha xornada que contará coas intervencións do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que pechará a primeira parte do acto.

A continuación inaugurarase o conxunto escultórico en homenaxe a Brais Pinto, tres pezas realizadas polo artista ourensán Ramón Conde, nun espazo no que intervirán o filólogo e poeta Ramón Lorenzo e o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, fundadores do colectivo homenaxeado.

A continuación celebrarase un xantar de confraternidade, con produtos ourensáns, na explanada da Galería da Literatura Galega, para completar unha programación que busca tanto reivindicar a influencia deste grupo como celebrar o encontro na Insua dos Poetas dos actores creativos de Galicia , nesta “gran festa de exaltación da nosa identidade cultural”, como resalta Luís González Tosar.

O colectivo Brais Pinto, defensores da cultura galega no franquismo

A XIV edición da Festa da Palabra recoñece a Brais Pinto como un actor decisivo na construción cultural da Galicia contemporánea, a través de proxectos e accións culturais que alimentaron un espazo clave de reflexión e activismo cultural, primeiro no franquismo e despois na democracia.

O colectivo creouse en 1958 arredor de nove galegos residentes en Madrid, todos eles estudantes universitarios ou traballadores preocupados pola situación de Galicia. Entre eles estaban nomes referenciais da cultura galega do século XX como os ourensáns Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938); Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” (Ourense, 1896 - Madrid, 1988); Bautista Álvarez (San Amaro, 1933 - Beariz, 2017) e Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931 - A Coruña, 2015). Ademais, completaban o grupo Bernardino Graña (Cangas, 1932); Ramón Lorenzo (Ames, 1935); Reimundo Patiño (A Coruña, 1936- A Coruña, 1985); Xosé Alexandre Cribeiro (Pontevedra, 1936 - Pontevedra, 1995); Herminio Barreiro (Sanxenxo, 1937- Santiago, 2010) e César Arias (Ribas de Sil, 1932 - Madrid, 2021).

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS