20, Setembro 2024

Por respecto ao que son, sen discusión, as festas máis tradicionais do Carballiño, dende Espazo Común, agardamos á finalización do Setembro para emitir a nosa opinión.

A triste realidade é que cada ano que pasa, están máis preto de converterse nas dunha aldea (pequena). Na mesma liña que o resto de actuacións do goberno municipal que levan a este pobo a perder e perder peso en tódolos sentidos posibles.

Moi lonxe quedan xa aqueles tempos de grandes concertos de estrelas do panorama musical nacional. Moi atrás quedan os anos nos que había dúas orquestras diarias, unha banda de música cada día ou actividades para os cativos durante toda a semana. Aquelas etapas nas que as nosas festas superaban a calquer outra da provincia, incluídas as da capital.

Non debería ser necesario dicir o gran valor económico que isto tiña para o noso pobo pero vivimos tempos nos que os que mandan no Concello nos contan que podemos ter un estadio de 10 millóns de euros pero non unhas festas patronais decentes.

As queixas que nos chegaron dos cidadáns son tantas que sería imposible recollelas todas neste comunicado pero imos comentar algunhas das máis repetidas:

-Non é serio falar de sete días de festas cando realmente foron 4. O 18 só houbo o día do neno (con algunhas atraccións que xa marcharan e outras que seguiron cobrando o mesmo ca días anteriores). O 19 resúmese nunha liña: “Romaría da Saleta, que como é sabido ten lugar noutro concello.
-O cambio de datas dos fogos artificios, rachando coa tradición de facelos o día de feira, o 16, causou moitas molestias na xente. En tempos houbo ata tres días de fogo.
-A ausencia case total de bandas de música, charangas ou gaiteiros fixo que moita xente se preguntara se realmente estábamos en festas.
-Das poucas orquestras que viñeron, varias tocaron na Praza da Veracruz a escasos metros das atraccións, producindo unha cacofonía de sons entremezclados que resultaba atronador.
-A actuación estrela por enésimo ano consecutivo, a Panorama axendouse para o día festivo local, o 17. Sen ter en conta que ao día seguinte, a rapazallada xa tiña que ir a clase e a xente de maior idade, a traballar. Damos por sentado que é un concepto que os membros do grupo de goberno non manexan.
-Non é de recibo que se perxudique aos hostaleiros locais que pagan os seus impostos todo ano permitindo a colocación de barras de particulares de fóra do Carballiño nas zonas próximas ás orquestras. Así foi que no día do patrón, moitos locais que soen ter ambiente pola noite pecharon arredor das 12 da noite.

Esta afrenta aínda é máis grave se temos en consideración que os mesmon que autorizaron este negocio particular, impediron que o sábado da Festa do Pulpo os hostaleiros locais instalaran terrazas no exterior dos seus establecementos.

O primeiro fito acadado polo goberno PPPSOE é conseguir algo ben difícil: que todo o pobo estea de acordo. Foron as peores festas da historia do Carballiño.

Todo o goberno é responsable desta desfeita pero hai tres persoaxes cunha habilidade especial para estes desastres: o trío formado polo aferrado á silla alcalde Fumega e os eternos Diego Fernández e Manolo Dacal. A estas alturas xa demostraron que a duras penas son quen de organizar nada que non responda aos seus intereses particulares.

Dende Espazo Común pedimos que se deteña xa esta deriva e que de cara ao ano 2025 se pense dende xa nunhas festas dignas, nunhas festas coas que tódolos veciños de Carballiño se sintan orgullosos e das que se poida disfrutar sen preocupacións.

19, Setembro 2024

Opinión unánime, a romaría da Saleta deste 2024, foi sen dúbida a máis concurrida dos últimos anos, o tempo de verán acompañou a celebración e durante toda a xornada foron varios milleiros de persoas os que se achegaron a esta paraxe da parroquia de Astureses, no concello de Boborás.

Pola mañá, a afluencia de devotos á capela foi unha constante, e na procesión da imaxe da Virxen da Saleta do mediodia, a participación foi a máis numerosa que se recorda en anos.

Á hora do xantar de romaría, non había unha mesa libre nas tabernas ambulantes que servían comida convertiron a Saleta nun gran comedor ao aire libre, ademáis das mesas de familias e pandillas de amigos repartidas pola contorna, que tamén foron probablemente as máis numerosas que se recordan nos últimos anos, e todo esto nun día xoves no que tan so foi festivo local no concello de Boborás.

A romaría, animada polo día con música tradicional e de charanga, despedíuse xa entrada a noite con ambiente de verbena co trio Nostalgia e a orquestra Ritmo Joven.

Un éxito de afluencia de público no que, sen dúbida, moito ten que ver o traballo e organización que desenvolve a comisión integrada por varios veciños da parroquia de Astureses que non so manteñen viva a tradición desta romaría da Saleta, senón que mesmo consiguen que cada ano vaia a máis.

19, Setembro 2024

O PSdeG-PSOE de Punxín levará ante a Valedora do Pobo a decisión do bigoberno municipal do PP e CxG de negarse a facilitar a información e a documentación requirida polas socialistas. Solicitan a súa mediación, intervención e amparo urxente ante unha situación que consideran “moi grave” e que tal e como apuntan “non é compatible coa lei, que avala o acceso a información para exercer a labor de oposición”.

O grupo municipal socialista sinala que o bloqueo permanente do labor fiscalizador da oposición, por parte do grupo de goberno, materialízase tanto na falta de resposta ás preguntas e solicitudes de información formuladas vía rexistro electrónico e no pleno municipal. As e os socialistas alertan que “estamos ante unha trama deliberada de ocultación de información, polo que pedimos o amparo da Valedora do Pobo para que actúe en consecuencia”.

Dende as filas socialistas sospeitan que este escurantismo é unha “manobra premeditada de ocultación por parte do goberno municipal” e denuncian a “gravidade” desta cuestión, que tal e como apuntan “repercute de xeito directo e negativo sobre a rendición de contas na xestión pública, dificultando aínda máis o labor da oposición no relativo ao control da actuación do goberno”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, pon de manifesto que neste último mandato, “caracterizado polas mentiras e o bombo e platillo das mesmas, non só non melloramos en cuestións de transparencia, senón que imos a peor”. A edil socialista sinala que coa negativa do goberno municipal a facilitar a información e a documentación requirida “pretenden vetar á oposición, algo que non imos permitir”.

Peleteiro Vázquez subliña que “tomaremos as medidas que sexan necesarias para ter acceso a información e documentación solicitada e a que temos dereito” e apunta que “esta forma de actuar déixanos claro que algo teñen que ocultar”. Neste senso, a voceira socialista tamén recalca que “nunca se coñeceu unha época tan antidemocrática, escurantista e con tanta falta de transparencia como a do actual mandato” e denuncia que “PP e CxG non están facilitando información á oposición, e polo tanto tamén lla están negando á veciñanza”.

O PSdeG-PSOE de Punxín esíxelle ao bigoberno que “devolva a democracia ao concello de Punxín e que se convertan nun goberno municipal no que haxa transparencia e información aos grupos políticos” e sinalan que “esta situación de bloqueo e antidemocrática ten que rematar xa”.

18, Setembro 2024

Creo que estas fiestas son las peores que se recuerdan en O carballiño. Desidia y falta de interes por quien las organiza y el concello. 

No solo para diversion de los vecinos , si no tambien para los negocios y hosteleria 

Todo se resume a contratar grupos y charangas locales, aburriendo con lo mismo, para teber cobtentos a 4 amigos, que paran en sus bares de interes en lugar de tocar por el pueblo.

Eliminar gigantes y cabezudos y bandas de musica con sus conciertos en plazas, para encerrarlas en una iglesia.

Actuaciones de calidad, pero no para estar en unas fiestas y animar  como Gaudi galego mas propia de un auditorio, y sin afluencia de publico. 

Actuaciones que co.ienzan a media tarde no dando opcion a gente de los alrededores a que se acerquen, debido a la hora. 

Una actuacion cerrada como Panorama en la veracruz con una barra, como si no hibiese negocios en el pueblo.

En fin un desastre, un descontento y muchos locales negocios cerrados pronto pir no moverse gente. 

Las fiestas deben de ser centricas, para disfrute de todos, generar ingresos y vet buen ambiente en el pueblo. 

El tema va a peor y picas criticas pir muchos hosteleros debido a los favores que deben pir saltarse horarios todo el versno, poner la terraza que quieren etc...

Una pena , el proximo año nadie deberia dar un euro,  y que el concello haga lo que tiene que haceren condiciones..

Y eso que gobiernan dos partidos...en fin,alguno cuando el concejal de turno le pregi te dira que bien.

Paciencia....

 

 

18, Setembro 2024

A Deputación inicia a campaña Ourense sobre rODaS!, que achegará os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a concellos e centros educativos da provincia, no marco do proxecto OU DS Axenda 2030 – financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

O deputado provincial de Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030, Jorge Pumar, acompañado do alcalde do Carbaliño Francisco Fumega e outros representantes do goberno municipal, participaron no inicio da campaña de difusión do proxecto que tivo lugar no Carballiño, onde a través dunha caseta deuse a coñecer entre os visitantes os detalles do proxecto e os temas vinculados aos ODS en materia de saúde, educación, igualdade, deporte, entre outras.

Esta campaña permitirá achegar os ODS a 12 concellos e 18 centros escolares, difundindo e sensibilizando á poboación ourensá co desenvolvemento sostible. Nos centros escolares dos 18 concellos participantes haberá actividades dirixidas ao alumnado de infantil e primaria e, entre os maiores, promoverase a importancia de coidar o medio ambiente e a natureza, temas asociados ás metas 13, 14 e 15 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030, mentres que os máis pequenos poderán gozar de fantásticos conta contos.

17, Setembro 2024

Unha procesión do patrón polas rúas do Carballiño este ano con sol e con temperaturas de verán, e con numeroso público que logo encheu o Templo da Veracruz na celebración da misa solemne de San Cibrán.

A banda de música de Boborás, que acompañou a procesión, ofreceu posteriormente un concerto na propia Veracruz.

Ademáis, anima este festivo local no Carballiño coa súa música de rúa a Charanga Castro Bello. As seis da tarde ten lugar unha gran festa infantil na Praza Maior conducida polo DJ Tibu.

E xa pola noite, na verbena na praza da Veracruz, desde as 10 da noite ás 3 da madrugada alternarán a Macro Disco Móbil A Gramola e a orquestra Panorama, que actuará nun concerto de 3 horas de duración, entre as 11 da noite e as 2 da madrugada.

16, Setembro 2024

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o regulamento do novo programa de termalismo, dirixido ás persoas afectadas por lesión medular así como aquelas persoas que sufriran accidentes cerebro vasculares (ACV ) ou sofren enfermidades dexenerativas.

Dotado cun orzamento total de 25.000 euros, no programa participan os balnearios de O Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada, Caldas de Partovia, Berán e Allariz, en cuxas instalacións ofreceranse os tratamentos e servizos que se subvencionarán aos beneficiarios do plan.

Estas axudas serán do 50% no prezo sinalado para cada sesión, subvencionándose como máximo unha sesión por semana e persoa cun prezo máximo de 25 euros por usuario. A achega máxima que poderá obter cada beneficiario será de 1.000 euros ao longo do programa, e sempre entre o 1 de febreiro e o 30 de novembro.

As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación das bases do programa no BOP, que será simultánea a súa publicación na base de datos nacional de subvencións.

O programa implica o acceso a unha terapia termal individual que será definida polo establecemento balneario baixo criterios sanitarios. En todos os casos inclúese consulta médica á chegada do beneficiario ao balneario, que necesariamente ten que autorizar a persoa solicitante do programa o acceso a unha terapia de este tipo, que terá unha duración máxima de 10 meses.

Este programa enmárcase no labor que a Deputación de Ourense desenvolve desde hai mais de dez anos, xunto cos balnearios da provincia, para promover o benestar persoal e social e unha vida mais saudable das persoas.

O colectivo de persoas afectadas por lesións medulares, accidentes cerebro vasculares e enfermidades dexenerativas, teñen unha alta potencialidade de ver limitada a súa capacidade de realizar actividades de vida cotiá, sendo unha das actividades recomendadas a rehabilitación ou estimulación a través da hidroterapia, dado que se trata dun recurso terapéutico con múltiples áreas de actuación.

14, Setembro 2024

Coa apertura das atraccións festivas e o festival "Feito no Carballiño" comezou este pasado venres a programación das Festas do Setembro 2024. Unhas festas que este ano estarán acompañadas de bo tempo, con previsións de ceo despexado e temperaturas veraniegas para os próximos dias.

SABADO 14
10:00 Alborada bombas de palenque
11:00 1º pase Charanga CLK
13:30 Inauguración do Arenteiro Fotográfico
18:00 2º pase Charanga CLK
19:30 a 22:30 Grupo Grease Rúa Calvo Sotelo
00:00 Gran Tirada de Fogo “Fixo e Voador”
00:30 Concerto grupo Gin Toni’s Praza Maior

Domingo 15
10:00 Alborada bombas de palenque
11:00 1º pase Charanga Dr.Anchoa
11:30 Pasarrúas da Agrupación Musical da Limia
12:00 Espectáculo itinerante de música e baile tradicional de Cantigas e Agarimos
13:00 Concerto da Agrupación Musical da Limia no patio do Asilo do Carballiño
17:00 Exhibición de patinaxe artística do Club Aehde no patio do Asilo
17:30 Futbol da Primeira Federación en Espiñedo: CD Arenteiro-Bilbao Atletic
18:00 2º pase Charanga Dr.Anchoa
22:30 Concerto de Guadi Galego Praza Maior

Luns 16

10:00 Alborada bombas de palenque
11:00 Música na Feira con Serandeiros
18:00 Música tradicional na rúa
21:00 a 22:00 1º pase Orquestra Fórmula Praza Veracruz
23:00 Concerto Tributo Dire Straits Praza Maior
01:00 2º pase Orquestra Fórmula

Martes 17
10:00 Alborada bombas de palenque
11:00 1º pase Charanga castro Bello
11:00 Misa Solemne en honor a San Cibrán acompañada da Banda de Música de Boborás
12:30 Concerto da Banda de Música de Boborás
18:00 2º pase Charanga Castro Bello
18:00 Festa Infantil e olimpiadas populares con Dj,Tibu con agasallos para tod@s. Praza Maior
22:00 1º pase Discomóbil A Gramola Praza da Veracruz
23:00 Orquestra Panorama Praza da Veracruz
02:00 2º pase discomóbil A Gramola

Mércores 18
Día do Neno nas atraccións

Xoves 19
Gran Romaría da Saleta

12, Setembro 2024

O alcalde Francisco Fumega pasou polos estudos de COPE O Carballiño para repasar a actualidade municipal e politica no concello carballiñés

Contestando á pregunta dun oínte, o rexedor carballiñés asegurou que o pacto de goberno co Partido Popular vaise cumprir, Fumega atendeu as peticións da audiencia desta emisora de radio e tivo tempo para referirse aos tres grandes proxectos que "van sentar as bases do Carballiño do futuro", que son a ampliación do parque empresarial, a construcción do novo Centro Integral de Saúde e o novo contrato para a xestión do ciclo da auga no municipio.

Escóitao no PODCAST de COPE O Carballiño:

11, Setembro 2024

O Itinerario Europeo das Farmacias Históricas e hortas mediciñais é un percorrido único que une lugares emblemáticos como boticas monásticas, boticas históricas e hortas botánicas e mediciñais, Itinerario Cultural que ven de conseguir a certificación do Consello de Europa.

A botica do mosteiro de Santa María A real de Oseira, no concello de Cea, e a antiga botica de Doade, no concello de Beariz, pasan a formar parte deste Itinerario Cultural Europeo.

No PODCAST de COPE O Carballiño, podes escoitar a entrevista a Tomás Sancho, concelleiro de Beariz, que explica a importancia para a comarca deste novo proxecto que pon en valor o patrimonio natural e cultural que promove o diálogo intercultural, a identidade, e o desenvolvemento humano sostible que representa "Aromas Itinerarium Salutis".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS