Un pobo morrendo, con festas que non son unha autentica trapallada.
Ou vanse ou habera que botalos. Xa cansan. O millor son horas de moverse.
Os gobernantes do Carballiño presumen de ser a poboacion mais grande da provincia despois de Ourense, sen embargo a hora de programar as suas festas patronais, pois quedanse moi atras.
A dia de hoxe moitos concellos con bastante menos poboacion, teñen unhas festas ben mellores, e concellos equiparables o Carballiño, como son Monforte ou Lalin pois si se pode decir teñen unhas grandes festas.
O que temos aqui son unhas festiñas.

A Xunta declarará este venres a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas, entre elas as do Ribeiro e O Carballiño. Así o anunciou en rolda de prensa a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que explicou que esta será a terceira vez que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.
Tal e como subliñou a directora xeral, as circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos.
Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse, indicou, nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.
En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade.
Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.
Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.
De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial —persoalmente ou mediante terceiros— con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complemente a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.
As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 37 comarcas (12 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 5 en Pontevedra) que comprenden 248 concellos (75 deles coruñeses, 54 lucenses, 87 ourensáns e 32 pontevedreses) e un 80,7 % da superficie total de Galicia.
A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 16 de setembro —data de entrada en vigor das 4 resolucións— ata o 25 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2023-2024. Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración.
Primeira experiencia en 2019
A emerxencia cinexética temporal é unha medida prevista no regulamento de caza de Galicia para cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería ou a seguridade viaria. En 2019 a Xunta recorreu por primeira vez a esta medida en 33 concellos de 4 áreas xeográficas de Galicia. Tras esta experiencia pioneira, no ano 2021 volveuse declarar a emerxencia cinexética temporal en 29 comarcas como medida adicional para minorar o impacto da especie nas mesmas.
As novas resolucións, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia este venres, responden a unha análise pormenorizada e obxectiva das circunstancias actuais en cada comarca derivadas dos avisos por danos á agricultura polo xabaril, dos accidentes de tráfico, da superficie afectada e do censo gandeiro porcino e en base ás cales se decidiu declarar a emerxencia cinexética temporal nun total de 37 comarcas galegas.
Cómpre sinalar, tamén, que das tres ocasións en que a Xunta recorreu a esta medida, é a primeira vez que se fai extensible a un número tan grande de concellos, 248, que representan o 80 % dos de toda Galicia.
Neste sentido, Belén do Campo explicou que, se ben tras a declaración da emerxencia cinexética de 2021 detectouse un descenso do número de avisos polo xabaril, na tempada 2022-2023 recibíronse no teléfono 012 máis de 4.000 chamadas relacionadas con danos causados por estes animais, é dicir, case 900 máis que na tempada anterior.
Á falta dun censo oficial da especie a nivel estatal, a directora engadiu que este incremento dos avisos, unido aos datos de capturas obtidos a partir da información facilitada polos propios Tecores —uns 19.000 exemplares na tempada 2022-2023— levaron á Xunta a considerar necesario volver a recorrer a esta medida temporal e extraordinaria para reforzar o control da poboación de xabarís naquelas zonas de Galicia onde se está a constatar que ten unha maior incidencia.
Por último, do Campo incidiu na importancia de combinar medidas como a declaración da emerxencia cinexética e outras reformas normativas e de procedemento adoptadas nos últimos anos, coas liñas de axudas que ofrece a Xunta cada ano para previr e paliar os danos do xabaril, un esforzo que cifrou desde 2016 “en preto de 10 millóns de euros”.
O Xurado do Concurso fotográfico de tema libre, convocado pola Asociación Fotográfica O Potiños , xunto o Concello do Carballiño , así como o C.C.A. , outorgou os seguintes premios :
Primeiro premio a JAVIER ARCENILLAS, de Bilbao, pola fotografía RETRATO.
Segundo premio a JOSE MIGUEL ROMERO BARCO, pola fotografía O SALTO FALLIDO.
Terceiro premio a LUIS MANUEL BARRIO, pola fotografía MOSTEIRO.
As vinte mellores fotografías seleccionadas , estarán expostas no próximo Arenteiro Fotográfico 2023 , nos meses de Outubro e Novembro. Tamen poderán ser vistas na páxima web de O Potiños, potinos.com
O Gañador JAVIER ARCENILLAS é fotoperiodista profesional gañador do ANNUAL ART PRESS no 1997, así como gañador do WORD PRESS PHOTO no 2018, viaxeiro pola India, Guatemala, Honduras ou Salvador, a súa obra é moi coñecida e admirada no mundo fotográfico .

Ineco RuralTIC regresa aos pequenos municipios de España. A enxeñería e consultoría do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Ineco, abriu xa o prazo para que concellos de menos de 10.000 habitantes póidanse inscribir neste pioneiro programa que comezará a súa segunda edición en novembro.
Os profesionais da compañía convértense en nómades dixitais para desprazarse aos municipios seleccionados e desenvolver no territorio tarefas de dixitalización social e económica enfocadas aos habitantes e pemes locais, á vez que seguen desenvolvendo o seu traballo diario en remoto. Así, ademais de demostrar que o teletraballo pode converterse nunha poderosa ferramenta de dinamización do mundo rural, os nómades dixitais póñense ao dispor do municipio para contribuír a mellorar as necesidades relacionadas coa tecnoloxía.
Ineco RuralTIC baséase na dixitalización como palanca de transformación social e económica. Non en balde, a compañía conta con ampla experiencia no sector grazas a un equipo dedicado a este ámbito de máis de 800 profesionais e a unha ampla actividade de negocio que lle permitiu converterse nun dos principais subministradores de servizos tecnolóxicos para a Administración.
O primeiro eixo desta iniciativa consiste na dixitalización social, con formación e apoio no uso das novas tecnoloxías aos habitantes do medio rural, con especial foco na poboación maior. Así, os nómades dixitais de Ineco poñen a servizo dos habitantes distintos talleres presenciais, por exemplo o manexo de servizos en liña para a realización de trámites administrativos: xestión de citas médicas, banca electrónica… así como formación para coñecer aspectos sobre a seguridade na internet ou a pegada dixital. Ademais, hai xanelas de atención personalizadas en función ás necesidades específicas dos participantes.
O segundo eixo, a dixitalización económica, presta apoio e asesoramento ao tecido empresarial rural, a través do posicionamento dixital, con apoio á creación de servizos en liña. Neste caso, a atención céntrase nunha aplicación práctica de ferramentas que poden optimizar a actividade de pequenas e medianas empresas, como pode ser a apertura dunha páxina web ou o uso de perfís en redes sociais para o posicionamento no mundo dixital.
Ineco RuralTIC está dirixido a todos os municipios de menos de 10.000 habitantes que cumpran uns requisitos de partida: aloxamento para hospedar aos nómades dixitais e espazos para a realización de talleres, ambos con conexión 4G.
Os municipios poden inscribirse aquí ata o 30 de setembro para poder avaliar a súa candidatura.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou as instalacións do grupo Coren en Santa Cruz de Arrabaldo e destacou a súa relevancia no eido cooperativo tanto dentro como fóra de Galicia. Así, acudiu a escoitar as súas demandas e suxestións, nun momento no que se está a traballar na nova Lei de cooperativas co obxectivo de axilizar a creación de entidades e de adaptalas aos novos tempos.
Como primeira cooperativa agroalimentaria de España e unha empresa referente da provincia de Ourense, Coren é ademais a oitava cooperativa cárnica europea en importancia. Así, aglutina preto de 4.300 socios integrados e asociados e máis de 3.000 persoas empregadas, delas máis de 700 son veciños e veciñas residentes nas comarcas do Carballiño-O Ribeiro, polo que pode considerarse -e con diferencia- a empresa que da máis empregos directos á poboación de ambas comarcas. O grupo Coren supera os 1.000 millóns de facturación anual.

Sobre as novas beirarrúas en Flores e outras obras promovidas ou permitidas polo concello.
A LEI 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade di
Artigo 3. Definicións
b) Accesible: condición dun contorno, produto ou servizo que se axusta aos requirimentos funcionais, dimensionais, de iluminación e de comunicación que garantan a súa utilización autónoma, segura e con comodidade para todas as persoas
Artigo 6. Itinerarios
1. Os itinerarios peonís, como parte da área de uso peonil destinada específicamente ao tránsito de persoas, incluíndo as zonas compartidas de modo permanente ou temporal entre estas e os vehículos, deseñaranse e realizaranse de forma que resulten accesibles a calquera persoa e garantan un uso non discriminatorio.
Artigo 43. Controis de execución
En todas as actuacións suxeitas ao cumprimento das determinacións recollidas na presente lei e regulamentos que a desenvolvan, a Administración competente na concesión da autorización administrativa comprobará que a execución se axusta ao proxecto aprobado, de acordo coas disposicións recollidas na presente lei e nos regulamentos que a desenvolvan.
Artigo 50. Infraccións moi graves
d) O incumprimento por parte das persoas obrigadas das normas legais sobre accesibilidade na planificación, deseño e urbanización dos contornos, produtos e servizos á disposición do público que impida o libre acceso e a utilización regulares polas persoas con discapacidade.
Artigo 51. Sancións
4. Para as infraccións moi graves, o importe da sanción irá desde un mínimo de 90.001 ata un máximo de 1.000.000 de euros.

A Feira da Pepa Loba despedíuse na tardiña deste domingo cunha das novidades da edición deste ano, a "Pepa Loba infantil", na que un numeroso grupo de nenas e nenos recrearon as andanzas da famosa bandoleira e a súa gabilla. baixo a dirección artística da agrupación teatral "Dar Trela", que desde fai anos ven colaborando activamente coa asociación de veciñas e amigos de Flores, mantendo viva esta tradición no barrio máis xenuinamente carballiñés.
Como cada ano no setembro previo ás festas patronais, Flores volveu acoller a un bo número de artesáns, asi como as diversas actividades programadas aínda que todo elo bastante condicionado pola inestabilidade meteorolóxica, que trouxo chuvascos e treboadas durante os tres dias da celebración.
A organización dedicou a edición deste 2023 á lembranza de Rosa Núñez Muñoz, veciña deste barrio de Flores e falecida no úlitmo ano, como unha das grandes impulsoras e dinamizadoras tanto da Feira da Pepa Loba como doutras actividades culturais e sociais no propio barrio de Flores.

O concelleiro de Xuntos polo Irixo, e responsable da área de cultura, deporte, xuventude, turismo, voluntariado e educación, do goberno municipal bipartito que conforman Xuntos e PSOE, ven de estrearse esta semana na súa nova responsablidade no concello do Irixocoa organización dunha excursión-peregrinaxe ao santuario dos Milagres.
Nesta actividade participou un numeroso grupo de veciños e veciñas do Irixo, e Juan Manuel Villanueva califica como "un éxito" a mesma. Ademáis, o concelleiro avanzou a COPE O Carballiño que está a ultimar un ambicioso programa de actividades para o novo curso das que dará detallada información nos próximos dias.

Xa son 11.000 as persoas que na provincia de Ourense perciben o Ingreso Mínimo Vital (IMV) logo de que o Goberno de Pedro Sánchez aprobase esta renda en plena pandemia –primeiro por Real Decreto e despois certificando a súa seguridade xurídica por lei no 2021–. “Trátase dun dereito que ten como obxectivo loitar contra a pobreza infantil e a desigualdade”, lembrou a deputada no Congreso, Marga Martín. Nesta liña, a tamén secretaria de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE, explicou que a axuda foi pensada para as persoas que viven soas ou que están integradas nunha unidade de convivencia que non ten os recursos precisos para facer fronte ás necesidades máis básicas.
“Deses 11.000 beneficiarios que están a rercibir a prestación en Ourense, 4.467 son menores de idade e o 55% son mulleres”, incidiu sobre a importancia dunha medida enfocada tamén en reducir a fenda de ingresos con respecto aos homes. Tendo en conta os datos poboacionais, do total dos 11.000 beneficiarios no ámbito provincial, unhas 1400 persoas residen nas comarcas do Carballiño-O Ribeiro.
Coas cifras na man, a deputada lamentou: “É importante facer un paralelismo entre como afronta as problemáticas o Executivo de España e como o fai a Xunta de Galicia, coa maioría absoluta do PP de Feijóo e Rueda. A Risga, que é a prestación galega, atende nestes intres, só a 600 persoas e leva 30 anos en funcionamento”. Rematou afirmando que, tanto a nivel autonómico como estatal, a dereita implementa políticas antisociais que “lle dan as costas ás persoas máis necesitadas”.
Ademais dos datos que sitúan ao Ingreso Mínimo Vital como unha ferramenta indiscutible para os sectores de poboación en risco de exclusión social, esta semana coñeceuse que máis de 8.000 ourensás e ourensáns solicitaron outra das axudas outorgadas polo Goberno de Sánchez. En concreto, 8.328 persoas xa cobraron os 200 euros destinados a mitigar os efectos da subida de prezos. Os e as beneficiarias desta iniciativa –aprobada a finais de decembro do pasado ano– son traballadores, por conta propia ou allea, e beneficiarios da prestación ou subsidio de desemprego en 2022, que ese mesmo ano non superasen unha renda de 27.000 euros brutos e cuxo patrimonio, descontando a vivenda habitual, non rebasase os 75.000 euros.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 108
- 109
- 110
- 111
- 112
- 113
- 114
- 115
- 116
- …
- seguinte ›
- última »