
O Voceiro do Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou as pasadas semanas unha moción para ser debatida no pleno instando ao Concello Á ADQUISICIÓN PARA A SÚA CONSERVACIÓN E POSTA EN VALOR DAS CASAS REITORAIS ABANDONADAS NO CONCELLO DO IRIXO.
O concello do Irixo, do que forman parte doce parroquias, ten a meirande parte das súas casas reitorais en auténtica ruína como a de San Cosme ou a de Reádegos , Froufe ou Espiñeira; ou en semi-ruína, como a de Dadín, Cangues ou Corneda, esta última dun gran valor artístico e arquitectónico e en continua espoliación. Xa no ano 2002 o concello anunciou publicamente a adquisición da casa reitoral de San Cosme para turismo Rural e así fora reflectido nos medios de comunicación, pero pasados, máis, de 14 anos nada se sabe da compra de ningunha destas casas reitorais que forman parte do noso rico patrimonio, aínda que non sexan propiedade deste Concello.
O Grupo Municipal Socialista, indica que estas accións se poden realizar sen prexuízo de incluír outras casas reitorais, edificacións ou terreos que puideran quedar en desuso como a do Campo, ou en estado de abandono progresivo, pero actualmente de forma mais urxente centrándose claramente na Parroquia de Cangues (Santo Estevo), Parroquia de A Cidá (Santa Mariña), Parroquia de Corneda (Santiago), Parroquia de Dadín (San Pedro), Parroquia de Espiñeira (San Pedro), Parroquia de Froufe (San Xoan), Parroquia de Reádegos (Santa Baia) e Parroquia de San Cosmede de Cusanca (San Cosmede) As casas reitorais do Concello do Irixo, conforman, en gran parte, un conxunto artístico e arquitectónico que merece, sen lugar a dúbidas, a pena ser conservado e posto en valor e uso con múltiples posibilidades.
Debido ao estado destas propiedades, e a que a Igrexa hai xa uns anos que decidiu vender algunhas propiedades en desuso e especialmente as que están en estado ruinoso ou practicamente, como é o caso das anteriores sinaladas, sería moi asumible negociar coas autoridades eclesiásticas para que o Concello do Irixo adquirise a titularidade de todas estas antigas casas reitorais para recuperalas e poñelas en valor. Todas estas casas, algunhas situadas estratexicamente e outras con enormes posibilidades segundo o caso, poderían, despois dun laborioso proceso de restauración, non so albergar espléndidas vivendas de turismo rural ou albergues, que darían un pulo importante ó concello no ámbito laboral e turístico; senón tamén poderían ser convertidas en centros culturais, dotacionais ou municipais que darían servizo social para todos os veciños e veciñas do Irixo.
Xa que logo, poderían ser puntos de ocio e reunión dos veciños de cada unha das parroquias. É, ademais, unha obriga moral non deixar que se perda o patrimonio deste concello, senón arranxalo, conservalo e destinalo para uso e desfrute dos veciños ou dotar, nesas instalacións, outros servizos a este concello, porque non esquezamos que o patrimonio do concello é dos veciños e veciñas de todas as parroquias. Debido ao seu estado de deterioro á inversión inicial non debería ser moi elevada e perfectamente asumible por este concello, sempre e cando se axuste o seu presuposto, dotando unha partida orzamentaria, ou chegado o caso, unha modificación de crédito para acometer a compra despois dunha negociación coas autoridades eclesiásticas.
A rehabilitación de todas estas propiedades, que se iría prolongando no tempo, podería contar con diversas subvencións de distintas administracións e mesmo poderían dar lugar á creación dun obradoiro de emprego, xerado polo propio concello ou en colaboración con outros concellos veciños, o que xeraría traballo e riqueza no concello.
Os socialistas, queren destacar que a negociación para a adquisición destas casas reitorais coas autoridades eclesiásticas, debería incluír espazos ou metros de terreos da Igrexa que sexan necesarios para mellorar as comunicacións ou as infraestruturas do concello. Sirva como exemplo, que coa cesión duns dous ou tres metros na fachada do destro da parroquia do Campo se podería acometer o ancheamento e a urbanización do entorno con beirarrúas, que mellorarían considerablemente o entorno e garantirían a seguridade dos peóns que actualmente circulan pola estrada para desprazarse á igrexa; ao non dispoñer, no entorno da parroquia, de accesos axeitados.
O Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo, presentou, hai semanas, para a súa consideración e dada a importancia da conservación e posta en valor deste patrimonio existente no concello, que ademais serviría conxuntamente con outras accións para dinamizar o turismo e a economía do concello, unha moción instado ó Pleno municipal á adopción do seguinte ACORDO: “Que o Concello do Irixo negocie coas autoridades eclesiásticas, sexa o Bispado ou quen ostente a representatividade deste para tales cuestións, a adquisición na fórmula máis vantaxosa, preferiblemente a compra, das casas reitorais existentes no Concello, deshabitadas e en estado de abandono para rehabilitalas coa solicitude das axudas das distintas administracións autonómicas, estatais ou europeas, aproveitando a rehabilitación das mesmas para a creación dun Obradoiro que xere emprego e dinamice a economía do municipio e finalmente destinalas a vivendas de turismo rural, albergues, centros culturais, dotacionais ou municipais, etc. para todos os veciños e veciñas de O Irixo.”

O presidente da Xunta de Galicia e o alcalde do concello de Maside reúnense para impulsar o desenvolvemento de dous proxectos no municipio masidao
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde do concello de Maside, José Manuel Iglesias, veñen de manter esta mañá unha reunión de traballo en San Caetano na que abordaron temas moi importantes e de interese para o concello masidao en materia de erradicación do chabolismo e accesibilidade e dotacións educativas.
Por una banda, a posibilidade de estudiar unha serie de actuacións encamiñadas á erradicación do chabolismo no lugar da Fontela entre as que se contemplaría a limpeza das marxes das estradas N‐541 e OU‐504, a demolición das chabolas e o traslado da poboación residente a unhas novas vivendas localizadas en terreos propiedade da Xunta, localizados ao sur oeste do actual asentamento e para os que que se conta cun plan parcial aprobado no ano 2011 que contempla un ámbito cunha extensión 2,76 hectáreas.
Outras actuacións incluídas serían a adecuación, clausura e selado do vertedoiro de RSU ao carón do asentamento, a limpeza e a recuperación das marxes do regato do Varón, cun nivel de degradación ecolóxica do medio moi elevado e cun nivel de salubridade moi deficiente, localizado entre a antiga estrada a Ourense (que discorre polo centro do poboado) e a marxe esquerda da N‐541.
Por outra banda, no encontro tamén tiveron ocasión de analizar outras necesidades deste concello como a construción dun novo aparcadoiro para o profesorado e o alumnado do CPI Terras de Maside que contaría cun novo acceso, una nova vía dende a avenida do Grupo Escolar e a rúa Outeiro Grande. A inversión nunha primeira fase ascendería a 350.000 euros para os traballos de urbanización, dun total de 900.000 euros que precisará finalmente esta actuación.

A entrevista entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Maside José Manuel Iglesias, para sentar as bases do proxecto de erradicación do chabolismo na Fontela, e doutra parte, o novo servizo de limpeza viaria no concello do Carballiño para os próximo dous anos adxudicado á empresa FCC, entre os asuntos estelares na Tertulia de Cope O Carballiño deste venres 2 de maio.
Coa opinión e comentarios de Fátima Gómez, Sebas Lamazares, Maria Luisa Rodríguez e Manuel Nogueira, nos estudos de COPE O Carballiño xunto a Xan Pinal.
Escóitaa aquí:

O Carballiño acolle este 1 de maio a primeira das catro etapas da "1ª Volta Internacional BTT a Galicia", en cuxa organización figura o Club de BTT "Os Mosqueteiros" do Carballiño.
A saída (9:30 h.) e tamén a meta á que comezarán a chegar os primeiros clasificados a partir das 12:30 horas, estarán na Praza da Veracruz do Carballiño.
A competición, que reunirá a 250 ciclistas procedentes tanto de América, Europa como da xeografía española, percorrerá pola ruta BTT creada polo club carballiñés de BTT a través de camiños dos concellos do Carballiño, Boborás e O Irixo.
A competición conta coa colaboración da Xunta, e das Deputacións de Ourense, Pontevedra e A Coruña.

O Carballiño celebra o Día da Nai coa campaña “Unha nai, unha flor” e sortea premios entre quen compre no comercio local Con motivo do Día da Nai, o Centro Comercial Aberto de Carballiño lanza a campaña “Unha nai, unha flor”, unha iniciativa pensada para poñer en valor o papel das nais e, ao mesmo tempo, fomentar as compras no comercio de proximidade.
Durante toda a campaña, as persoas que realicen compras nos establecementos asociados recibirán unha papeleta de participación para o sorteo dun tratamento de beleza.
Ademais, tamén poderán optar a unha sesión de balneario, rexistrando o seu ticket de compra a través do QR habilitado ou directamente na web: www.comerciocarballino.com.
Como acción destacada, os días venres 2 e sábado 3 de maio, instalarase unha caseta do CCA na Praza Maior do Carballiño, onde se regalará unha flor a todas as persoas que se acheguen a depositar a súa papeleta de participación.
Horarios da caseta:
• Venres 2 de maio: de 11:00 a 13:30 h e de 18:00 a 20:00 h
• Sábado 3 de maio: de 11:00 a 13:30 h
Ademais, quen o prefira tamén poderán deixar a súa papeleta directamente no establecemento onde realizaron a compra. O presidente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga, anima á cidadanía para participar nesta campaña: “O Día da Nai é unha ocasión moi especial, e desde o CCA queremos convidar a todos os veciños e veciñas a facer as súas compras no comercio local. Porque regalar con corazón tamén é apoiar ás tendas que dan vida ás nosas rúas.”
Pola súa banda, a xerente do CCA, Noelia Mares, destaca o valor deste tipo de iniciativas: “Campañas como esta son fundamentais para incentivar o consumo local, xerar movemento nos establecementos e premiar a fidelidade dos nosos clientes. Queremos que a experiencia de compra sexa tamén unha forma de celebración.”
Esta campaña está pensada para dinamizar o comercio de Carballiño nunha data clave, xerando proximidade, emoción e beneficios tanto para os comercios como para os seus clientes. Esta campaña conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico de impulso ao Comercio de proximidade, que ten como obxectivo dinamizar e incentivar a actividade comercial nos núcleos urbanos galegos.

A Deputación de Ourense xa dispón dun estudo pioneiro sobre as claves da lonxevidade na provincia, despois dunha análise cualitativa e cuantitativa a partir de entrevistas a centenarios de Ourense, realizadas por un equipo de expertos multidisciplinar e financiado pola institución provincial.
“O fenómeno das persoas centenarias”, investigación liderada pola asociación Ourensividade, foi presentada hoxe nun acto no Centro Cultural Marcos Valcárcel ao que acudiron tamén dúas das participantes no estudo, Elisa Soria e Laura Fernández. O presidente provincial, Luis Menor, felicitou ás centenarias por acadar a súa idade con calidade de vida e puxo en valor as “políticas sociais” da Deputación de Ourense, anunciando a potenciación do actual servizo de teleasistencia, para chegar a unha inversión de dous millóns de euros en catro anos.
Menor tamén fixo referencia a plans contra a soidade non desexada, poñendo énfase na accesibilidade á vivenda, cunha convocatoria de axudas técnicas para crear fogares adaptados, que sairá proximamente. Así, prevese que a teleasistencia acade unha cobertura de máis de 3.000 persoas na provincia, con melloras tecnolóxicas grazas á cooperación con Illumium, entidade do grupo Fundación Once.
O presidente provincial tamén lembrou que os servizos públicos que cofinancia a Deputación en materia de axuda no fogar contan cun millón de euros de investimento, a través das iniciativas prestadas polos concellos. Ademais, Luis Menor fixo referencia ao termalismo social, destacando este programa de acceso aos balnearios como “moi exitoso” e con novidades, xa que proximamente se vai poñer en marcha unha iniciativa para combater o Deterioro Cognitivo Leve.
“Somos exemplo dunha institución volcada coa xente maior e coas súas condicións de vida, queremos seguir fomentando que a xente poida vivir na súa casa, mellorando a nosa resposta”, sinalou Menor sobre os programas da Deputación en materia de axuda aos maiores de Ourense. Por outra banda, felicitou aos responsables da investigación, “pioneira e científica”, que servirá como “folla de ruta” para deseñar programas de atención á cidadanía.
126 variables analizadas
Pola súa banda, Roberto Fernández, investigador principal do estudo científico, citou algunhas conclusións clave. Tras analizar 126 variables nunha mostra de centenarios da provincia, os expertos chegaron á conclusión de que o 41% dos entrevistados carecía de deterioro cognitivo ou tíñao nun estado moi leve. Ademais, só un 12% dos centenarios tiña sobrepeso.
En canto a alimentación, os expertos probaron que o autoconsumo, a través dos produtos da horta, era un factor común na maioría dos entrevistados. Outro dos resultados relevantes para os investigadores foi a gran laboriosidade, concluíndo que para o 70% das persoas era importante este aspecto, xirando a súa vida en torno ao traballo.
Por último, tamén puxeron en valor a resiliencia dos maiores, no sentido de adaptarse aos cambios e repoñerse de situacións adversas, como factor coincidente entre os lonxevos. O estudo científico, levado a cabo por profesionais de diferentes ámbitos como a medicina, a enfermería ou a farmacia foi aprobado polo Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.
As centenarias
Durante o acto, tamén interviñeron dúas das centenarias que participaron no estudo científico financiado pola Deputación de Ourense. “Hai que seguir tendo inquedanzas, cultivándose tanto física como intelectualmente, esa é a forma de adaptarse á vida actual”, dixo Elisa Soria durante o acto. Pola súa banda, Laura Fernández atribuíu a “familia e amigos” os segredos da felicidade. Ligazón ao enlace O estudo pode atoparse na seguinte ligazón:
--

O Templo da Veracruz, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) dende o ano 1995 coa categoría de Monumento Histórico-Artístico, será obxecto dunha actuación integral na súa iluminación ornamental exterior e no contorno axardinado da praza da Veracruz.
Búscase así paliar as deficiencias no seu funcionamento e resaltar a singularidade arquitectónica do edificio.
Dado o alto valor patrimonial do templo, os traballos desenvolveranse co máximo respecto ao conxunto arquitectónico e a nova instalación traducirase en puntos de luz máis respectuosos coa arquitectura orixinal.
Así mesmo, o uso de tecnoloxía LED suporá unha mellora substancial na eficiencia enerxética, ao tempo que contribuirá á redución da contaminación luminosa e ao control do exceso de iluminación sobre o monumento.
Como parte do proxecto, tamén se recuperarán os xogos de luz ideados polo arquitecto Antonio Palacios, autor do templo, coincidindo coa conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento.
Así pois, esta iluminación contribuirá non só á mellora estética e funcional do contorno, senón tamén á valorización do interior do templo e á súa identidade histórica e cultural.
O concelleiro de turismo, Manolo Dacal, indica que a obra supón un investimento de 87.000 euros e comezará a súa execución no vindeiro mes. Esta actuación forma parte das actuacións de mellora da eficiencia enerxética do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo”, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado pola Unión Europea a través dos fondos
NextGenerationEU.

Debido ao apagón eléctrico e ao estar fora de servizo o noso centro emisor de FM, podes sintonizar a emision de COPE no seguinte ligazón:
A ver si cada vez que hai un partido en Espiñedo, alguen cobtrola o trafico, os accesos e saludas para a veciñanza e que ninguen tapeportas de garaxes.
Esta moi ben o futbol, pero os veciños tamen temos dereitos, ou como facemos.
Non e cortar calle, irse, deixar señalizacion horas de calle cortada e todo cheo de porqueria.
Ou tomanse medidas ou os veciños teremos que ver como solucionalo.
Podrían os responsables do bar do Espiñedo,baleirar as papeleiras,e deixalas limpas,o igual ca rúa.Si podrían,pero non queren.Xa que fan negocio,que non carguen a limpeza a conta de tódolos Carballiñeses.