28, Febreiro 2023

A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe o Concello de Avión, onde participou no acto de constitución da Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, á que asistiron diferentes colectivos implicados na devandita mesa como son as diferentes asociacións de mulleres existentes no termo municipal, así como culturais, veciñais e educativas, entre outras.

O alcalde, Antonio Montero, destacou a importante implicación da Secretaria Xeral polo apoio mostrado en todas as medidas de igualdade de oportunidades e de Violencia de Xénero para o Concello de Avión. A directora do CIM, Yesica Moreno, aproveitou a presentar oficialmente a programación do vindeiro 8M, na que se inclúe ao colectivo educativo e á cidadanía en xeral.

27, Febreiro 2023

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou hoxe en Boborás a concesión en Galicia de 56 axudas de transición ecolóxica a 30 pequenos concellos por un valor de 26,4 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. José Miñones fixo este anuncio no Concello de Boborás, que acadou unha das axudas deste programa, o DUS5000, que xestiona o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

“Hoxe en Boborás comprobamos como o Goberno de Pedro Sánchez tende a man aos pequenos concellos para avanzar na súa transición verde e na súa dixitalización e como materializamos os investimentos e as accións políticas para combater o Reto Demográfico”, remarcou José Miñones. En Boborás, o delegado mantivo unha reunión coa alcaldesa, Ana Patricia Torres, e con parte da Corporación Local, con quen avaliou o proxecto que en Boborás financiará o programa DUS5000 con 102.625,79 euros de subvención.

En concreto, con esta axuda a Administración Local poderá afrontar a mellora da iluminación exterior de varios puntos do concello, co obxectivo de facela máis eficiente, reducindo o consumo de enerxía e a pegada ecolóxica do Concello.
Programa DUS5000 en Galicia.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é o responsable desta liña de axudas, recollida no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos fondos Next Generation UE. A convocatoria ten como obxectivo impulsar a transición ecolóxica nos municipios de reto demográfico financiando proxectos de enerxía limpa con ata o 100% do investimento necesario.

José Miñones detallou que o orzamento total do programa ascende a 675 millóns de euros, dos que se reservan 51.232.500 euros para os proxectos presentados por municipios de Galicia: “hai que destacar que o Goberno aprobou varias ampliacións do orzamento inicial ata multiplicalo por nove”. Con esta decisión, o Goberno deu resposta ao enorme éxito do programa, para o que recibiu, ata o pasado 7 de novembro, fin da convocatoria, 3.000 solicitudes, 222 delas procedentes de concellos de Galicia.

Entre os proxectos financiados ata o momento en Galicia inclúense melloras da eficiencia enerxética, desenvolvemento de instalacións de enerxías renovables e o fomento da mobilidade sostible. O programa establece unha pinza de investimento que vai desde un mínimo de 40.000 euros ata un máximo de 3 millóns, segundo o proxecto. A subvención cobre o 85% da mesma e pode alcanzar o 100% en casos puntuais. “No caso de Boborás, a axuda concedida permite financiar a totalidade da actuación”, sinalou o delegado.

Na provincia de Ourense, ademais de Boborás, oito concellos acadaron, ata hoxe, 23 axudas deste programa por un importe de 4,2 millóns de euros. José Miñones apuntou que este listado se vai incrementar posto que aínda quedan orzamento dispoñible ata esgotar os 51,2 millóns de euros totais.

Apoiando a transición verde e dixital en Boborás

O delegado do Goberno lembrou que o proxecto aprobado en Boborás no marco do Programa DUS5000 complementa as axudas que xa percibiu este Concello do Goberno de España para a transformación da iluminación exterior do municipio. Isto é así porque o Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu tres subvencións por valor de 337.211,16 euros para executar nos últimos dous anos tres proxectos de mellora de eficiencia enerxética da iluminación exterior municipal deste Concello.

Os proxectos consistiron na substitución de preto de 700 luminarias de tipo tradicional por luminarias tipo LED de maior rendemento e eficiencia, xunto coa substitución de cadros de mando. Esta transformación permite ao Goberno local de Boborás aforrar un 70% do consumo de luz nas zonas que se executou e reducir, en consecuencia, a factura eléctrica municipal, que é un dos gastos máis elevados que ten esta administración.
Xunto coa transición verde, José Miñones subliñou que o Goberno traballa para a dixitalización do Concello de Boborás a través do Programa ÚNICO-Banda Ancha, un programa que tamén financia o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

“A través deste programa imos garantir a conexión a través de fibra de moi altas prestacións de 675 vivendas de Boborás en 153 zonas do municipio que non dispoñían desta conexión”, sinalou o delegado.

Como novidade, José Miñones avanzou que o Goberno vén de aprobar o programa UNICO-Demanda Rural que permitirá que, mentres a fibra non estea instalada nestas zonas, as persoas que desexen acceder a internet dispoñan de acceso mediante satélite a prezo fixo: “costearemos a instalación cunha axuda de ata 60 euros e reduciremos o prezo da conexión mensual a 35 euros ao mes, para facelo competitivo e accesible. Estamos traballando para ofrecer este servizo nesta próxima primavera”.

27, Febreiro 2023

A Deputación de Ourense colaborará coa celebración da I Ruta Cabalar de San Amaro, organizada pola Escola de Equitación de San Amaro e o Concello, e que se realizará o vindeiro sábado 4 de marzo.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse co rexedor de San Amaro, Fernando Redondo, para abordar os detalles da colaboración cunha actividade aberta a todos os públicos.

O titular do goberno provincial pon en valor o traballo do equipo de goberno e destaca o compromiso da Deputación con San Amaro, apoiando "proxectos estratéxicos coma a transformación do antigo campo de fútbol nun espazo multiusos para a escola de equitación, a mellora dos camiños ou a celebración do Festival Céltico xunto ao Irixo".

Pola súa banda, o alcalde desta localidade, Fernando Redondo, explicou que "o que se pretende coa primera edición da Ruta Cabalar é que esta sirva como un elemento de promoción e dinamización do noso concello, enchendo a vila de xente e mostrándolle as atraccións turísticas coas que contamos".

"A finalidade é poñer en valor o noso patrimonio e crear un movemento de xente que se traduza en retorno económico para os negocios locais", sinala Fernando Redondo.

A ruta a cabalo terá un percorrido circular de 20 quilómetros, permitindo coñecer os principais puntos de interese patrimoniais cos que conta San Amaro, como o Castro de San Cibrao de Las ou o mosteiro budista, así como as distintas parroquias pertencentes ao concello. Ademais, a actividade ecuestre, que arrancará ás 15,30 horas do sábado, estará acompañada dunha merenda e dunha cea con verbena, a partir das 21,00 horas, no campo da festa de San Amaro. A inscrición remata o 1 de marzo.

26, Febreiro 2023

A Deputación de Ourense colaborará co Concello de Boborás na modificación do PXOM para a delimitación do núcleo da capital co fin de, entre outros obxectivos, dotar de solo dotacional para a construción dunha residencia de maiores no municipio. Esta nova liña de cooperación institucional foi abordada nun encontro de traballo do presidente da Deputación, Manuel Baltar, coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres.

Trátase dunha axuda de 18.000 euros coa que o Concello de Boborás poderá contratar o equipo que se encargará de facer este documento e así poder levar a cabo os cambios pertinentes na delimitación urbanística en vigor.

Esta modificación, explica a alcaldesa, suporá ademais a adaptación á normativa actual e coa que o equipo de goberno de Boborás tamén quere aproveitar para ampliar o solo edificable e definir a ampliación de espazos públicos e viais para mellorar ó acceso a zona do colexio. Un espazo no que na actualidade se están a levar a cabo novas infraestruturas coma a piscina ou o futuro centro de saúde, sumadas ás xa existentes e coa previsión da mencionada residencia de maiores.

O presidente da Deputación enmarca esta nova liña de cooperación na “posición activa do goberno provincial atendendo as necesidades dos concellos ourensáns” e resalta o “bo traballo de Patricia Torres e o seu equipo deseñando e implementando novos proxectos para Boborás”.

Pola súa banda, Patricia Torres resalta a importancia da colaboración da Deputación co Concello de Boborás -“sen a súa cooperación sería imposible desenvolver e transformar Boborás”- e agradece ao presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, “o seu compromiso e sensibilidade coas diferentes necesidades trasladadas”.

A rexedora pon en valor a importancia da modificación do PXOM, “un feito importantísimo que nos permitirá avanzar na transformación de Boborás, que, entre outros avances, contará cunha residencia de maiores que, ademais dun servizo á veciñanza, será unha fonte de traballo local”.

25, Febreiro 2023

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, recibiu este sábado no concello a 32 asociados da Unión Iberoamericana de Profesionales de Turismo que viaxaron dende Madrid no AVE para pasar esta fin de semana no Carballiño.

Na recepción, os visitantes puideron coñecer a historia da vila e a nosa tradición termal e pulpeira. O alcalde, estivo acompañado polo concelleiro de seguridade, Manuel Sotelo, e o de cultura, Diego Fernández. Rematado o encontro, o concelleiro de turismo, Manuel Dacal, acompañou á delegación ata o Parque Etnográfico do Arenteiro.

Os visitantes que pernoctan no Carballiño, percorrerán varios espazos emblemáticos da vila e da comarca, e, como non, estarán presentes durante a xornada da Festa da Cachucha, da que de seguro levarán un grato recordo.

24, Febreiro 2023

A Xunta ofertará cinco prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da Comarca do Carballiño. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao centro de saúde de Punxín, acto no que estivo acompañado polo delegado territorial, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Tal e como detallou o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde, desas cinco prazas, “unha será no centro de saúde de Punxín, outra no do Irixo e tres no do Carballiño”. “Estamos a blindar a estabilidade da asistencia médica dos centros de saúde desta comarca nos vindeiros dous anos”. “Neles teremos ese núcleo de cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”, subliñou Comesaña.

O conselleiro remarcou que toda España está a vivir agora un problema importante de escaseza de especialistas de medicina de familia. “Estabamos vendo como determinadas prazas quedaban desertas nos concursos de traslados ou na elección de praza despois dunha oposición, e decidimos que a Xunta tiña que facilitar que a veciñanza destes concellos tivese asistencia sanitaria nas mesmas condicións que o resto”. “Por iso a Xunta está a posibilitar que as prazas de difícil cobertura se convoquen sen oposición, mediante un concurso de méritos”, engadiu.
“Galicia foi a primeira comunidade en implantar este sistema de acceso mediante concurso, a través de habilitacións legais extraordinarias, e semella que agora vaise xeneralizar a nivel nacional”, sinalou o máximo responsable da sanidade pública galega.

Comesaña agradeceu á maioría absoluta do Parlamento de Galicia que respaldase habilitar á Xunta a facer estas convocatorias, xa que como consecuencia desta medida posta en marcha pola Xunta, “a nosa comunidade é a única na que un médico pode rematar o MIR e obter praza fixa no sistema no mesmo ano”.
Medidas autonómicas
O conselleiro incidiu en que, dende a Xunta, e ante o problema da falta de médicos, vaise manter a política de tomar todas as medidas posibles para dar cobertura sanitaria a todo o territorio, "e para incentivar que se ocupen as prazas que teñen demostrado ser de difícil cobertura”.

“Seguiremos avanzando nestas medidas autonómicas e reclamando ao Goberno de España que cumpra as reformas que ten pendentes para abordar o problema nacional de déficit de especialistas”, defendeu. Ao respecto, destacou que a Xunta "fixo a súa parte" este ano coa súa maior convocatoria de prazas formativas para médicos de familia, 207 prazas, "o 100 % das acreditadas en Galicia e 65 máis que na anterior convocatoria”.

De feito, incidiu o conselleiro, máis da metade das 120 novas prazas formativas de medicina de familia creadas no conxunto de España este ano proceden de Galicia. “Todo para garantir aos pacientes a asistencia sanitaria que merecen”, concluiu.

24, Febreiro 2023

O PSdeG-PSOE de Punxín cualifica de “chapuza” as obras que se están a levar a cabo na área termal do Bañiño das que segundo afirman “non aportarán solucións aos constantes problemas na canalización das augas”. As concelleiras socialistas consideran que o goberno municipal debe apostar por un proxecto “ambicioso” en lugar de por “parchéoos cutres” e converter esta zona termal nun “referente” na bisbarra.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o único obxectivo que ten o goberno municipal con estas obras “é que estean rematadas antes das eleccións para poder facer deste xeito propaganda e vender fotos dun parcheo que non vai solucionar os problemas da área termal”. As concelleiras socialistas consideran que as condicións da zona “son pésimas, co terreo totalmente encharcado e coa auga sen canalizar nas condicións idóneas”. A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que os traballos que se están a efectuar “non valen para nada, posto que non se van a solucionar os principais problemas que presenta a área termal do Bañiño”.

Neste senso, a edil socialista explica que “o Concello está gastando os cartos dunha subvención da Xunta de Galicia para facer unha foto cos correspondentes cargos do PP e vender fume electoral”. Peleteiro Vázquez tamén se pregunta “quen pagará despois as reparacións que haberá que facer para solucionar esta chapuza?” e critica que o goberno municipal do PP e o concelleiro non adscrito “hipoteque a futura corporación municipal cunha obra que dista moito das necesidades reais que ten o Bañiño e que implicará novos investimentos no futuro”.

Asemade, as concelleiras socialistas consideran que as obras “non se corresponden para nada co proxecto defendido polo PSdeG-PSOE” e sinalan que “nós creemos e apostamos por un proxecto máis ambicioso para a área termal do Bañiño, xa que consideramos necesario recuperar o proxecto que xa existe e que o grupo de goberno gardou nun caixón”. Dende o Grupo Municipal Socialista finalizan afirmando que “parécenos ben que se fagan dúas charcas e dous baños, nós non nos imos opor a iso, pero iso non é o que precisa Punxín”.

23, Febreiro 2023

Non quero parecer pretencioso, pero véxome na obriga de aclarar unha serie de cousas das que se falou no programa, concretamente durante a entrevista co anterior membro do Consello Local do BNG, anteriormente membro da directiva de Anova e anteriormente membro outrora do BNG, o señor Andrés. Durante o programa deste xoves dia 23 tivo a ben anunciar candidaturas para o que non está autorizado como persoa sen voz representativa do BNG, xa que ven de deixar o posto que tiña.

Tampouco considero que teña motivos para expoñer publicamente os seus, repito, os seus, problemas, pero de facelo estaría ben que o fixera de forma clara, completa e sen faltar á verdade. Unha persoa que se che presentou como Responsable Local dende hai anos, que contestou afirmativamente a axeitada pregunta "hai tres ou catro anos que eres responsable local?", pois esa persoa perde certa credibilidade no seu lastimeiro discurso cando ese cargo realmente o tiña, redondeando, dende hai apenas un ano (preciso, dende o 29 de novembro de 2021). Non fai falla decir, evidentemente, que non engañou con eso de que non presentou unha lista por reforzar a candidatura oficial do BNG do Carballiño, é obvio que non o fixo porque non tiña con quén facela.

Tamén é obvio que, vista a reacción que tivo ante a consolidación desa lista oficial, sobran os motivos para que ningún candidato á alcaldía, sexa polo BNG, ANOVA ou polo partido que sexa, queira contar con él na lista xa que, e esto é o importante, tras esa dimisión o que realmente está agachado non son nin diferencias políticas, nin xenerosidade ante o empuxe e enerxía de outros militantes ou, nin sequera, motivos laborais, o verdadeiro motivo é a frustración de que non fose incluído no posto número dous da lista, un posto número dous que ansiaba enormemente (non xa o número un, que ambicioso será, pero vista para non columpiarse tanto aínda ten).

Sí, teño que suliñar o para tí evidente, que non se puso en contacto contigo e con outros medios por unhas conviccións democráticas das que tanto fala, senon procurando atopar a mezquiña e triste satisfacción de intentar a desacreditación desa lista e desa candidata. Quería ser o número dous, alimentar esa necesidade de aplauso que os musicos precisan, e tirstemente quería que apesares da súa distancia co pobo, ca súa orixe ourensana, co seu traballo en Pontevedra, coa súa falta de disponibilidade para atender a responsabilidade municipal, que se sacrificase a presencia de persoas de valía en pos da súa ambición. É certo que nese proceso atopou apoios, poucos evidentemente (que se non tería artellado esa lista alternativa), pero todos eses apoios estaban na liña máis, digamos, "veterana" do BNG do Carballiño. Atopou apoio entre os que levan dende a Transición asentados nos órganos de dirección local, impedindo a renovación de ideas e persoas e que chocan de fronte coa liña máis moderada, feminista e dialogante que ven representando Sofía García e o seu equipo. E si, cunha chantaxe á que Sofía non cedeu, defendendose ela e defendendo o seu equipo, acadou o que a maioría da militancia do BNG quería, o que a maioría dos votantes do BNG queren, e o que todos os carballiñeses necesitan, unha candidatura feita con xente nova e cualificada que teñen como obxectivo único facer do Carballiño o mellor sitio para vivir. Asina: un militante do BNG

23, Febreiro 2023

Quixera facer un comentario sobre o escoitei do BNG. En política como en calquera empresa da vida existe un momentum. E penso que a actidude da executiva local do BNG non soupo elexir o momento adecuado para unha dimisión en bloque ¿Por qué? Porque a 3 meses das eleccións non hai tempo pra articular equipas, nin compromisos nin a maioría dos detalles que atinxen aos comicios.

¿Non houbo tempo pra facelo con anterioridade? ¿Non se podía facer despois?

Non quero perxudicar para nada ao BNG e agardo que polo menos manteña representación. Non quero nin perxudicar a Sofía, que me parece unha excelente candidata, nin á executiva sainte. Pero penso que lles faltou unha máis fonda reflexión. Porque está en xogo acadar representación política (os números serán axustados). E remontar un partido sen representación non é nada doado. Agora Sofía queda moi desanxelada e penso que non é xusto despois do seu traballo máis que aceptable.

22, Febreiro 2023

O PSdeG-PSOE reclamará á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense a mellora dos servizos e equipos de dependencia, así como dos equipos sociais que traballan nos municipios da provincia. Mediante unha iniciativa que se debaterá no pleno de febreiro da institución provincial, os e as socialistas esixen “incrementar os equipos de valoración, así como os equipos dos servizos sociais comunitarios, permitindo incrementar o número de solicitudes ás axudas para a dependencia”, xa que, segundo denuncian, Galicia é a comunidade autónoma que menor número de solicitudes rexistra.

Tamén piden á Deputación que “financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, para atender as demandas e necesidades psicolóxicas e sociais da poboación de máis idade”. Desde PSOE veñen denunciando que o PP está a “facer caixa” cun servizo básico tan sensible como a dependencia, xa que “Galicia é unha das autonomías que máis fondos recibe do Estado neste ámbito, pero a que menos inviste”. A “pésima xestión” e os “tesoirazos” nos orzamentos están a provocar “importates deficiencias”, xa que as persoas teñen que agardar unha media de 365 días para resolver a súa solicitude, duplicando o prazo marcado pola lexislación, “a pesar de que a Xunta ten agochadas preto de 10.000 solicitudes que non figuran nos rexistros oficiais”, matizan.

Desde o grupo provincial resaltan que esta situación resulta “máis grave e preocupante” no caso de Ourense en relación ao resto de provincias, xa que “temos unha poboación con maior índice de envellecemento e, polo tanto, maior porcentaxe de persoas dependentes ou con necesidades especiais neste ámbito”. “O proceder do PP supón unha falta de dilixencia e de sensibilidade coa veciñanza de maior vulnerabilidade”, denuncian, polo que “se eles non o fan, seremos nós quen trataremos de emendar o problema”. “No Partido Popular deben abrir os ollos ante á presión duns datos preocupantes” e aceptar que “urxe” incrementar o persoal dos equipos de valoración, porque “a xente segue a esperar por dereitos que teñen recoñecidos, pero que non se poden facer efectivos pola inoperancia e a desidia das administracións xestiondas polos conservadores”, aseveran.

Equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios

O grupo do PSdeG-PSOE tamén reclamará á deputación que apoie aos concellos na prestación dos servizos sociais, xa que, como concello de concellos, é a administración pública ourensá con maior capacidade económica e de xestión, fronte a outras entidades locais “esquilmadas de recursos”. Por iso reclamarán ao pleno que o goberno provincial de Manuel Baltar financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes. É dicir: todos menos a capital. “Desde hai tempo estamos a observar unha deterioración na calidade da atención e na dotación de recursos que dificultan o benestar das persoas e das súas familias tamén neste ámbito”, resaltan, xa que os cocientes de profesionais por usuario ou usuaria son insuficientes, o que impide ofrecer unha atención individualizada de calidade. “A complexidade das necesidades destas persoas esixe unha formación específica e cualificada no ámbito asistencial”, aseguran os e as socialistas da institución provincial antes de concluír reclamando que “o respecto á súa dignidade, autonomía e intimidade debe ser unha prioridade administrativa” e iso pasa por ofrecer “desde a Xunta e a Deputación de Ourense os medios suficientes”.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS