Mesmo río, mesma tipoloxía constructiva de canalizar o paso dun río baixo estrada con 3/4 tubos de fibrocemento en paralelo que non teñen capacidade de paso para semellante caudal de auga. Resultado, efecto presa ata que reventa todo porque o dique que fai o camiño ou estrada non soporta tal presión de auga o mesmo tempo que ablanda o terreo. A única diferenza é que no ambulatorio a estrada está asfaltada, e máis ancha e aguanta máis e somentes baixou de cota sen chegar a desaparecer. Tal e como é a confederación hidrográfica cos permisos e licenzas, gustariame saber quen permitiu facer iso. Non creo que haxa que estudar moito para darse conta delo.

O comité nacional do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) acordou conceder o seu distintivo de “Compromiso de Calidade Turística” a 25 empresas e entidades da provincia que participaron nunha actuación enmarcada no plan “Ourense Termal”, entre elas encóntrase dous restaurantes carballiñeses como son "Casa Gazpara" e "Fuchela", ambos pertencen a dúas familias relacionadas directamente coa tradición pulpeira de Arcos.
O certificado supón un aval para o labor de desenvolvemento continuo e competitividade dos negocios seleccionados, entre os que figuran aloxamentos, centros de interpretación, balnearios, hostalería, clubs náuticos, adegas, museos, salas de exposición ou servizos de benestar.
O comité nacional acaba de facer pública a súa decisión tras a reunión celebrada a finais do pasado mes de decembro, nunha convocatoria anual coa que a Secretaría de Estado de Turismo quere recoñecer o esforzo que realizan as empresas participantes nos diferentes destinos turísticos.
Distintivos a empresas e servizos en doce municipios
Tras o fallo da presente convocatoria, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, organizará un acto de entrega dos distintivos de calidade que lucirán nos establecementos e instalacións das seguintes empresas e entidades: As adegas Celme e Cunqueiro e o Club Náutico en Castrelo de Miño; os albergues da Rola e O Corgo, o cámping, os apartamentos de Outeiro de Cela e a casa reitoral de San Pedro en Muiños; o albergue municipal, o centro de interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova e a asociación de Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e dá Rainha Santa en Bande; Casa Gazpara e Fuchela no Carballiño; Casa Idalia, Cuñas Davia e Experiencia Wellness en Cenlle; gastrobar Ou Birrán en Ribadavia; licores Vos maios en Leiro; o museo de Moncho Borrajo en Baños de Molgas; a oficina de turismo de Verín; a oficina de Monterrei e a sala de exposición Hospital da Trindade e un servizo de guía turístico no mesmo municipio; e os balnearios de Caldaria en Lobios e Arnoia.

Un décimo de máquina do número 72.289, segundo premio na lotaría do neno deste dia de reis de 2023, foi vendido no Bar Lérida, na Praza dos Irmáns Prieto do Carballiño Correspóndelle un premio de 75.000 euros.
O establecemento, na actualidade rexentado por Mönica Blanco e Andrés Iglesias, parece que está bendicido pola sorte, en 2019 entregou un premio dun millón de euros do Euromillón, na lotaria do nadal de 2020 e 2021 dous décimos premiados co quinto premio, ao que se suma agora este segundo premio deste 6 de xaneiro de 2023.
Cabalgatas hai moitas, aínda que da beleza, espectacularidade e vistosidade, e tamén de maxia para os e as que somos do Carballiño coa torre da Veracruz como escenario, seguramente que poucas ou ningunha. O Carballiño xa pode presumir dunha cabalgata con identidade propia.
Excelente e coidada posta en escea, que cautivou ao númeroso público congregado na rúa Evaristo Vaamonde, para seguir este espectáculo que precedeu á máxica aparición de Melchor, Gaspar e Baltasar na Torre da Veracruz, ante a atónita mirada dos máis cativos, e o aplauso dos maiores.
Despois, a cabalgata tradicional de sempre, cada rei na súa respectiva carroza, e este ano coa ambientación especial da compañía "Fantasía de Nadal" e como cada ano a amenización do DJ Tibu, que vai xa camiño de ser tamén outra seña de identidade da cabalgata de reis á carballiñesa.
Como usuario habitual da OU-504 ou tamén chamada carretera de Ribadavia-Cea ou Eixo do Ribeiro, fago tódolos días viaxe de ida e volta dende o enlace da Fontela ata San Cristobo para ir a traballar. Como vexo que xa é segunda vez que alguén se queixa da falta de pintado da estrada vou opinar porque penso que nesta vida hai que ser tolerantes. É certo que xa hai un tempo que remataron os traballos de asfaltado, polo menos no tramo polo que circulo eu a diario, pero non é certo que a carretera estea sen puntear, está totalmente punteada, e en puntos donde non hai barreiras quitamedos cos reflectores hai conos de sinalización. Con isto non quero dicir que non faga falta pintar, pero hai que recordar que os traballos de asfaltado desenvolvéronse incluso cando chovia, pero os traballos de pintado non se poden levar a cabo. Cantos días tivemos sen choiva? Ainda que non chova dun día pra outro a carretera segue mollada o día seguinte. Teñamos un pouco de paciencia, e non inventemos cousas raras, non se pintou porque non parou de chover e a estrada segue mollada e punto. Aproveito para recordar que o verdadeiro problemón desta estrada é o XABARÍN.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe na presentación dos Plans de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía na provincia de Ourense, do que se beneficiarán 30 concellos que contarán con 4 millóns de euros para levar a cabo 3 dos Plans aprobados na Conferencia Sectorial de Turismo, a proposta do Goberno galego.
Durante a súa intervención, Nava Castro puxo en valor os tres Plans que se levarán a cabo na provincia de Ourense, que serán o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria (O Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín, Rubiá, Larouco, Carballeda), que conta con 1,5 millóns de euros para a posta en valor da súa Ruta do viño e as súas covas centenarias, entre outras accións; o PSTD Ribeiro – O Carballiño (Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrenda e Pontedeva), cunha dotación orzamentaria de 1,5 millón de euros e que tamén porá en valor a Ruta do viño do Ribeiro entre outras accións; e o PSTD O Carballiño e a gastronomía do Polbo, do concello do Carballiño, con 1 millón de euros.
Entre esta accións está a posta en valor dos territorios vitivinícolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sostible desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.

Unha representación da Xunta Directiva da Asociación de Empresarios da Área Industrial de O Carballiño, representada polo seu presidente , Manuel Carballeda e o vogal , Daniel Atanes, reuníronse co alcalde, D. Francisco Fumega, e o Concelleiro de Industria, D. Manuel Dacal, co obxectivo de demandar información da situación das vindeiras obras do Viveiro Municipal de Empresas, estado da ampliación da Área Industrial, cursos de emprego e expoñerlle os problemas, melloras e axudas que o colectivo empresarial ten solicitado ao Concello do Carballiño.
O obxecto da reunión foi poder dar solución as diferentes necesidades, inquedanzas e demandas, que se foron recollendo ao longo do ano nun informe elaborado polo servizo técnico de AICA, asociación que agrupa a 52 empresas con mais de 1.200 traballadoras/es e unha facturación por enriba dos 300 Mn de euros.
Entre os principais temas que se trataron neste encontro foron:
•O estado do futuro acceso da autovía de Lugo a área empresarial de Carballiño.
•A sinalización e limpeza dos viais.
•O acondicionamento das zonas comúns.
•A seguridade da área industrial.
•Acondicionar e asfaltar o tramo do vial 6 en dirección á antiga feira de gando.
No marco da FP Dual, tamén se abordou a necesidade de mais persoal cualificado nas empresas así como a importancia de cursos ou talleres para formar a futuros traballadores e ampliar os coñecementos dos actuais empregados.
Así mesmo foron presentadas alegacións, o pasado mes de Novembro para a Modificación Puntual nº2 do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia respecto da importancia de comunicar as dúas glorietas mais próximas ao eixo do Ribeiro, e así mellorar o transito dentro da área industrial.

Logo das limitacións impostas pola pandemia, o Carballiño volverá á normalidade para a realización da tradicional Cabalgata de Reis. Nos dous últimos anos, a Concellería de Cultura realizou dous formatos diferentes para evitar que os máis cativos puideran quedar sen formalizar as súas peticións, un ano se executou a través dunha plataforma online e outro nun espectáculo estático na Praza do Emigrante.
Este ano volverá ser o punto de partida o Templo da Veracruz, a xoia arquitectónica do Carballiño, nunha tarde máxica que se atopa entre as grandes citas de Galicia nestas datas. Será a partir das 18 h, cando comece o espectáculo de pirotecnia, música e circo co que se celebrará a chegada das súas Maxestades á vila. Nos últimos anos este evento congregou a milleiros de persoas, polo que dende o Concello xa teñen planificado os tempos para os cortes das rúas, co fin de asegurar a comodidade das familias e evitar bloquear o tráfico máis tempo do debido.
Unha vez rematado, comezará o espectáculo Fantasía de Nadal, onde os Reis Magos acompañados de persoaxes máxicos e artísticos, arrincarán nas súas carrozas ata a Praza Maior, pasando por Conde Vallellano, Rosalía de Castro, Tomás María Mosquera, o cruce da estrada de Ribadavia e Rúa Ribeiro. Durante o percorrido, que irá acompañado da actuación de DJ. Tibu, se botarán dende as carrozas caramelos que, un ano máis, serán sen gluten, mantendo o compromiso adquirido polo Concello do Carballiño ca Asociación Nacional de Celíacos. As carrozas deste ano terán como temática o medio mariño, sempre vinculado á nosa vila a través do noso produto estrela, o polbo.
Unha vez rematado o tradicional desfile na Praza Maior, as familias entrarán ó Concello dunha forma ordenada para a recepción dos Reis Magos que, un ano máis, intentarán cumplir os desexos dos máis cativos.
Dende o Concello do Carballiño tamén queren agradecer, por adiantado, a todo o persoal que fai posible un evento destas características, a policía Local, Grupo Municipal de Emerxencias, Protección Civil, Cruz Vermella e ós servizos municipais de medio ambiente, obras, electricidade e cultura. Asemade, tamén salientan a importancia que teñen espectáculos coma este para economía da vila e aconsellan á veciñanza que prioricen nas súas compras ó comercio local.

Un gran buraco na rúa Alberto Vilanova obrigou a cortar o tráfico nesta mañá de lúns, nas inmediacións do Centro de Saúde. O alcalde Francisco Fumega confirmou a esta emisora de radio que esta mesma mañá "o inxeñieiro xa fixo un informe dos danos para encargar con urxencia a obra de reparación porque a rúa quedou practicamente no aire".
A auga acumulada nesta zona, provocada en parte polo desbordamento do Carrás, fixo que os sumidoiros non poidesen absorver "toda a enorme cantidade e a auga buscou o seu camiño", explicou o rexedor municipal", que fixo repaso das incidencias máis relevantes que nos deixa este dia de Ano Novo debido ao gran temporal de choiva, que deixou rexistros de 110 L/m2 en apenas 24 horas no Carballiño, que foi o municipio máis afectado da comarca cun total de 14 incidencias que atendeu o 112, seguido de San Cristovo de Cea cun total de 10 incidencias.
Tamén se recuperou a normalidade na estrada de Mudelos, a altura da Xesteira, que na xornada deste domingo mantivo incomunicada esta localidade durante varias horas.
As precipitacións acumuladas dende a tarde deste pasado sábado ata o mediodia de hoxe domingo xa alcanzan os 100 L/m2 nalgunhas zonas da comarca, como mostran os medidores de Meteogalicia, e mesmo cantidades superiores como acontece na estación de control de Amiudal, no concello de Avión, no que se rexistran 120 L/m2 ou os 130 L/m2 en Povadura, no concello de Cea. En Leiro, o medidor de Meteogalicia recolleu 110 L/m2 neste mesmo intervalo de tempo, igual que practicamente en todo o noso ámbito comarcal O Carballiño-Ribeiro.
A gran cantidade de precipitacións provocou o desbordamento de varios dos nosos ríos, como aconteceu de novo co Arenteiro ao seu paso polo Carballiño, O Viñao ao seu paso pola capitalidade municipal do Irixo, o Avia en Leiro, o mesmo que O Carrás ou río Varille, que provocaron grandes inundacións na zona de Porto de Eguas, no concello carballiñés.
Nas fotografias poden verse os desbordamentos do Viñao no Irixo e o Arenteiro no Carballiño.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 162
- 163
- 164
- 165
- 166
- 167
- 168
- 169
- 170
- …
- seguinte ›
- última »