Son veciño do chamado rural carballines, e teño que dicir que non se están a facer as cousas nada ben no referente as franxas de protección e a limpeza e mantemendo das parcelas afectadas. Calquera que queira cumprir as normas sabe que ten que ter limpas as fincas a 31 de maio. Este ano nin viñeron poñer o cartel informativo o pobo. Se queres que a cidadania cumpra as normas hai que dar exemplo. Non pode ser que a 22 de agosto se estea limpando por primeira vez neste ano viais e zonas públicas que tiñan que estar limpas a 31 de maio. Non hai escusa que valga, se hai que cumprir esa data haberá que empezar antes a limpar e ter persoal pra elo. Que máis ten que pasar aquí, na comarca ou en Galicia para que nos poñamos en serio con este tema. Ese famoso plan anticiendios, cas parcelas e donos identificados que teñen que estar limpas cando se vai aprobar e facer cumprir en serio. É ben sinxelo, comuniquen a tódolos implicados dunha soa vez que esas fincas a 31 de maio de cada ano teñen que estar limpas, senón multa o canto sen apercibimento con data do 1 de xuño. Unha vez feito o listado de parcelas e ben sinxelo facer un seguemento e mandar o municipais ou quen corresponda ver en que estado están. Se eu teño o coche correctamente aparcado en vial público pero sen itv e seguro o día, xa verás como se unha patrulla se para a comprobar e ver a matrícula na central, xa verás como me chega unha sanción por cada unha das duas infraccións cometidas. Como veciño non vou deixar de votar a unha opción política ou outra porque dende o concello me puxeron unha sanción por incumprir a lei. Xa non digo nada da inexistencia de tomas de auga ou hidrantes nos pobos de mal acceso para os bombeiros. o outro día en Longoseiros os camións tiveron que marchar do punto de actuación por mor de non poder cargar auga no sitio, iso implica desconectar as mangueiras e deixar avanzar o lume mentras no volve cargado. Hai moitos pobos nos que nin sequera entra un camión de bombeiros, e teñen que estirar as mangueiras dende o punto de acceso do camión (pasou inda non hai moito nun incendio en Porto de Eguas). Quen di Longoseiros, di Sagra, Banga, Cabanelas, o Barón..., todos núcleos rodeados de extensa arboreda. Por favor fagan ben as cousas dunha vez e tomen en serio este problema antes de que teñamos que lamentar perdas irrecuperables coma ocorre noutros lugares.
Pidoó por favor!!

O PSdeG-PSOE denuncia que o Concello de Punxín será o único da provincia de Ourense que, no ano 2022, non recibirá fondo algún do Ministerio de Igualdade para o desenvolvemento das actividades e accións incluídas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero –subscrito por todos os grupos políticos a excepción de Vox– xa que, no 2021, non empregou nin un só euro do importe concedido para ese exercicio.
As e os socialistas de Punxín recordan que estes fondos están destinados aos ámbitos de sensibilización e prevención, así como axuda e protección das vítimas de violencia de xénero, actividades de vital importancia que deben desenvolver as entidades locais. Concretamente, deben servir para “mellorar a resposta ás mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos menores a través da atención, información, asesoramento, asistencia social integral, aloxamento e recuperación”. Segundo salienta a voceira, Lorena Peleteiro, “parece que o goberno local vive completamente alleo a esta lacra que afecta a toda a sociedade e, por suposto, tamén á veciñanza de Punxín”, unha actitude “vergoñenta”.
Desde o PSdeG-PSOE deste municipio denuncian que executivo local –formado polo PP e un concelleiro non adscrito– “deixou escapar 1.647,52 euros que perfectamente se puideron ter investido no noso municipio” sobre todo cando, insisten, “estamos a falar dun tema tan relevante como é a sensibilización, formación e prevención ante a violencia de xénero”. “A violencia contra as mulleres, ademais de ser unha vulneración dos seus dereitos fundamentais, tamén é a expresión máis cruel da discriminación e das situacións de desigualdade”, advirten desde o PSOE polo que “aínda se entende menos que o PP e o edil non adscrito amosen un desprezo e unha insensibilidade tan grande contra esta discriminación”.
“Así amosa o grupo de goberno de Punxín o seu compromiso coas mulleres e os seus fillos e fillas menores e contra a violencia de xénero, convertendo ao noso municipio nun referente dentro da provincia, pero nun referente absolutamente negativo unha vez máis”, asevera Peleteiro antes de concluír recordando que “cada vez temos máis claro que a nosa veciñanza merece un equipo de goberno moito mellor, con capacidade dabondo para xestionar os recursos de todas e todos da forma máis eficiente”.
O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ademais de medidas xerais para todas as administracións públicas, inclúe accións específicas para as entidades locais. Para promover a súa realización a este nivel administrativo, contempla un compromiso económico consistente en que os orzamentos xerais do Estado destinen, vía transferencias aos concellos, un fondo anual de vinte millóns de euros, co fin de garantir a efectividade do conxunto de medidas a todos os niveis.
Entendo que a evidente suciedade do pobo pode inclinar a críticas e a botarlle as culpas a uns ou outros políticos, xerándose conflitos e debates que non levan a ningún lado. Eu quero invitar a unha reflexión: O pobo está sucio porque a xente non quere ser limpa. Por exemplo, non hai rubor por deixar excrementos de cans nas beirarrúas nin en permitir que as mascotas mexen en calquer sitio, non existe vergoña por tirar basura fóra das papeleiras, que semellan inservibles, pois a xente tira bolsas, latas de refrescos, cabichas... no chan. Outros deixan o lixo fóra dos contedores e a horas a destempo, o que coa calor do verán xera cheiros desagradables... Como se me fai difícil pensar que é por falta de información, por descoñecemento e sen mala fe, porque a estas alturas todos sabemos as mínimas reglas de respecto, educación, limpeza e convivencia, e o analfabetismo está -creo- erradicado, non queda máis remedio que pensar que os habitantes -ás veces tamén os visitantes- son uns porcos. A limpeza tería que empezar por un mesmo.

A Xunta ven de adxudicar por un importe de 150.000 euros o servizo para a obtención da cartografía e para poder redactar o Plan Básico Municipal en seis concellos galegos, entre eles o de San Amaro.
A partir de agora, a empresa adxudicataria disporá de 6 meses a contar dende a sinatura do contrato para obter a base cartográfica do concello de San Amaro, información que se utilizará como o punto de partida para a elaboración do Plan Básico Municipal, que pasará a regular o futura ordenación urbanística neste concello de San Amaro.
Ademáis, outros 3 concellos da comarca, os de Punxín, Beariz e San Cristovo de Cea, están rematando a redacción do borrador do Plan Básico Municipal e o documento ambiental estratéxico para poder iniciar o procedemento de avaliación ambiental, con vista á aprobación e entrada en vigor deste instrumento para a ordenación urbanística nos 3 citados concellos.
agora que xa temos a declaración internacional do pulpo imos a intentar conseguir a do pobo máis sucio e porco? poñerán unha escultura en honra a suciedade de todas a rúas? non pode ser...creo que nunca estivo o carballiño tan sucio, as rúas cheas de mexadas de cans, pasas por onde hai colectores de lixo e cheira que apesta, todo cheo de colillas, non hai beirarúa que non este chea de marcas....é unha pena que tanto queremos que veña xente de fora e logo que cheguen aquí e vexan o pobo máis sucio que eu lembro....e o parque xa non digamos
As obras das aceras que se están facendo en Brués iban ben hasta que chegou a chapuza.Según sabemos a empresa que se encarga de renovar toda a acera,tubos e demais, traballa fino deixando todo ben feito.Resulta que do pavimento encárgase outra empresa.O pavimento era para quedar pulido sin verse os coios,pois aquí está a chapuza que quedará para siempre.Anduveron apurando e quedou o pavimento en sitios perfecto,noutros véndose os coios,nalgúns lados medios soltos,mal rematado contra o bordillo,con pequenos buratos,mal rematado nas entradas...resumindo unha chapuzada.Onde está o director de obra, encargado, alcaldesa e demás para parar esta chapuza,porque se fan todo así vai quedar ben feo, terán que falar coa empresa e poñerlle remedio a este tema porque e unha obra que vai quedar para moitos anos e se queda mal o pavimento vai ser para siempre.
Vista a triunfal resposta do grupo de goberno ante as críticas da oposición pola festa do pulpo, solo se me ocurre preguntar en que mundo viven. Da festa do pulpo, o único que vai ben, é a festa para os mozos a tarde noite do domingo no parque, organizada por algún hosteleiro local. E alégrome que sexa así, polo menos alguén ten iniciativa. Pero o resto... ¿Que propón este grupo de goberno? Dende a época de Montes e de Marnotes, nada de nada. Con Montes se fixo o tema da tapa xigante, con Marnotes a semana do pulpo, as actividades culturais e gastronómicas ó redor da festa... ¿Agora? O combo dominicano o venres e a descansar.. ¿Canta xente vai agora comer o pulpo o parque? ¿Cantas pulpeiras hai no parque? ¿Que animación hai no parque o domingo? E falo de música tradicional, de ter ambiente de romeria, non de festival techno ou regaetton... ¿Que pasou co desastre das camisetas? Un desorden total, horas esperando, nin música nin nada... Co que esto era outros anos... Os postos no parque o domingo ven parecen unha feira barata que unha festa tradicional... En fin, que señores do grupo de goberno, en breve hai eleccións... E poñanse as pilas, por que o pobo é un desastre... O único ó que se adicaban era a organizar festas, ¿e agora ata eso lles da pereza?

O portavoz do grupo de goberno asina un comunicado no que Diego Fernández sae ao paso "ante as inxustificadas críticas do PP do Carballiño á última edición da Festa do Pulpo, o grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Carballiño manifesta o seguinte:
-Contrariedade porque o PP do Carballiño se amole ante a que foi unha das mellores fins de semana da historia de Carballiño, tanto en canto a afluencia de persoas como a volume de negocio para a hostalería en particular e o comercio en xeral. De feito, O Carballiño rexistrou cifras récord durante toda a semana, como dan fe deles os propios veciños e veciñas, tanto en número de visitantes como de actividades programas polo Concello. O dato dos miles de visitantes é especialmente relevante tendo en conta a coincidencia da Festa do Pulpo coa ponte do 15 de agosto, con festas tamén importantes en toda Galicia.
-Sorpresa porque o PP de Carballiño considere como algo negativo que a Festa do Pulpo recuperase o volume previo á pandemia, cando iso é algo do que todos deberiamos estar orgullosos e satisfeitos, pois supón cuantiosos ingresos para moitísimas familias da nosa vila e para a economía local. Contrasta coa relevancia que sí lle deron á festa tantos os medios nacionais (con amplas reportaxes en TVE, TVG, Telecinco, Antena 3, La Sexta ou Cuatro) como a repercusión internacional que tivo, que superou a de edicións anteriores a raíz da declaración de festa de interese turístico internacional.
-Perplexidade ante a alianza tácita e a pinza entre o PP do Carballiño, Espazo Común e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para atacar á Festa do Pulpo e ao Carballiño con exactamente os mesmos argumentos, reflectidos nas redes sociais, algo que non parece nin improvisado nin casual.
-En calquera caso, o goberno local de Carballiño e o PSdeG desta vila seguirán defendendo a Festa do Pulpo e a Carballiño por encima de calquera interese partidista e oportunista, ademais de traballar para que siga sendo unha referencia gastronómica xa non só nacional senón mundial.
-De feito, nada máis acabar esta edición, xa empezou a traballar na seguinte, que, non nos cabe ningunha dúbida, volverá ser a mellor edición da historia, por moito que lle pese ao PP, a Espazo Común e ao alcalde de Ourense.
Son os argumentos cos que o portavoz socialista rexeita as críticas da oposición e defenda a xestión do grupo de goberno socialista na organización da 60 edición da Festa do Pulpo celebrada a pasada semana.

Poderíamos enumerar un montón de despropósitos que se fixeron nesta edición, que sendo a primeira na que se estrenaba a declaración de interese Turístico internacional, foi tamén a primeira logo de moitos anos na que menos xente pasou polo Carballiño, non so no día grande do segundo domingo de agosto senón tamén no día da tapa, ou na mesma noite do sábado das camisetas.
O grupo municipal do Partido Popular ven de facer públicas varias reflexións sobre a recentemente celebrada 60 Festa do Pulpo, nas que en tono moi crítico coa organización por parte do goberno municipal do ccncello do Carballiño enumeran "un montón de despropósitos que se fixeron nesta edición, que sendo a primeira que estrenaba a declaración de Interese Turístico Internacional, foi tamen a primeira logo de moitos anos na que menos xente pasou polo Carballiño". Os populares concretan as súas críticas nos seguintes aspéctos organizativos:
Non se pode empezar a falar da festa do pulpo a finais do mes xuño.
Non se pode decidir a quen se lle dedica unha edición a uns días da propia festa.
Non se entende que sendo que se lle dedica a edición ao Xacobeo, tivesemos perdido metade do ano e non ter feito unha presentación da Festa, mesmo en Santiago e non ter aproveitado o noso Camiño Miñoto para darlle toda a visibilidade que posería ter.
Non se pode empezar a poñer o alumeado da Festa, cando a semana da Festa xa ten comenzado.
Non se pode deixar de publicitar con Banderolas a Festa no percorrido da N541 ao seu paso polo Carballiño.
Non se pode organizar un acto de homenaxe a Felipe Senén e as pulpeiras de Arcos tan pouco lucido e tan mal organizado.
Non se pode, nos tempos que corren, organizar o acto da tapa de pulpo mais grande do mundo para que sexa saboreada enriba de papeleras ou sentados no asfalto, nun lugar onde non se lle da nin visibilidade ao acto en si nin ao pobo.
Non se pode, unha vez que existe unha marca rexistrada da Festa do Pulpo, deixar sen explotar todaa as posibilidades do merchandainsing.
Non se pode organizar unha tarde noite das peñas das camisetas onde cada grupo teña que esperar horas para sacar unha foto, non se organice un desfile e dende logo non se teña o ambiente esperado na noite de mais afluencia de xente nova no Carballiño.
Non se pode aceptar que no día grande da festa, non exista nin a mais mínima actividade munsical na praza central do Parque Municipal.
Non se pode seguir permitindo o nivel de expositores que se ponen na Avd. de Vigo, que non lle dan valor engadido á festa.
Non se pode permitir que no parque municipal só asistan 13 pulpeiro/as e so unhs poucos bares que den comidas e sendo imposible tomar incluso un aperitivo no Parque Municipal.
Non se pode ir acabando coa romería no Parque a conta de potenciar o Casco urbano, cando son perfectamente compatibles.
Non debería de ser permisible 13 pulpeiras no Parque e polo contrario unhas 50 no casco urbano.
Non se pode ter un recinto oficial que por falta de previsión non pase de 800 persoas das cales 400 eran invitacións.
Non se pode permitir un sistema de venta de entradas ao recinto oficial no que se chega o primeiro mais madrugador da fila e queira comprar as 400 xuntas nadie llo prohíba, e a todo aquel que veña de fora lle fose imposible facerse con unha entrada.
Non se pode pactar o día anterior á Festa a cantidade de Xente que asiste á mesma, dando cifras que non se creen por nadie dos que a ela asisten, dando mostras de falta de seriedade.
Non se pode en definitiva orgaizar esta Gran Festa baixo o criterio de que a Festa camiña sola, cando o pasotismo e a Lei do mínimo esforzo nos leva a ver como esta Festa en vez de ir a mais, vai a menos, conclúen nas súas criticas dende o Partido Popular.
E tamén fan crítica propositiva, en neste contexto propoñen dende o Partido Popular que os sectores implicados na Festa do Pulpo fagan as súas aportacións para o futuro, e nós, máis alá de decir o que se está a facer mal, queremos deixar xa as nosas propostas enriba da mesa co tempo suficiente para que se poidan levar a cabo:
-A dedicación da Festa do ano seguine deberíase anunciar o mesmo día da festa do ano en curso e como esto xa é imposible neste caso, pedimos que se faga canto antes. De facelo así, daría tempo de organizar alguna actividade durante o ano no lugar ao que se lle dedique.
-As actividades que se organicen entorno a semana grande da Festa, que xa se debería de pensar en organizar todo un mes do pulpo, deberían de ter, na súa meirande parte unha relación coa gastronómía, Xornadas gastronómicas, rutas gastronómicas, etc. aparte das musicais e de artes escénicas.
-A tapa mais grande do mundo non pode estar no espacio mais pequeno do pobo, e deberiase facer na praza da Veracruz, pois proxectaria unha mellor visión do noso pobo coa presenza da Veracruz, sería moito mais fácil de ver para os que asistan e poderiase organizar cunhas mesas na zona verde da praza, unha zona moito máis atractiva para quenes queran probar o pulpo.
-Na tarde noite das camisetas, deberíase de recuperar o desfile con música no seu recorrido, facendo todo de forma mais axil e por suposto a noite debería estar amenizada por música na rúa e facilitar á xuventude espazos para a diversión, facer do Carballiño ese sábado á noite, un recinto urbano de festa.
-No Parque Municipal se te que recuperar a presenza das 40 pulpeiras e por suposto recuperar o número de bares que den comidas.
-En ningún caso se pode pemitir que a festa se traslade do Parque ao Casco Urbano. No casco urbano pode ter moito ambiente pero o Concello debe evitar o trasvase que se produce nos derradeiros anos hacia o casco urbano, motivado pola falta de inciativas no parque municipal
-Dende o cencello se deben de abaratar ao máximo as tasas para que sexan competitivas con outras festas e ao mesmo tempo nestes espacios se debe de garantizar un servicio en mesa a cada usuario, dando as mesmas facilidades que calqueira restaurane do casco urbano.
-Propoñemos a creación dunha aplicación que permita facer reserva de entradas no recinto oficial, e tamén en calqueira dos bares que se sitúen no parque.
-Reformular o recinto oficial, pois está desfasado o seu modelo.
-Retomar as xornadas de floclore Galego no parque, pois era moi demandado entre os visitantes e dáballe un verdadeiro ambiente de romería.
-Debense de transformar os postos de feira da Ada de Vigo nun mercado mais especializado e de calidade.
-E preciso buscar solucións para a falta de aparcamentos dese día con estacionamentos disuasorios e habilitando desde os mesmos transporte hasta o Parque.
-Referido á xuntaza de mozos e mozas ao redor de música a moitos decibelios no Parque municipal, mais que procurar que desaparezca, se debe de regular ben, e é moi importante tamén conseguir que esa xente nova participe do xantar no parque, pois moitos son mozos/as que se acercan a zona de festa pola tarde e non teñen interiorizado o ambiente de romería previa. Poderíase facilitar aos participantes nas peñas das camisetas a súa asistencia a comida do parque, con premios ou rebaixas nos prezos.
-Compre xa facer un estudio económico para saber o retorno económico que ten a Festa do Pulpo no noso pobo e que aportará os datos necesarios para fixar novas iniciativas.
Finalmente, manifestan os populares que éstas e outras moitas iniciativas, deberían de estudarse, pero para elo e imprescindible que os nosos mandatarios municipais estén á altura, recoñezan que as cousas se poden facer mellor e que escoiten a todos aqueles que aporten ideas novas.
E rematan cunha mensaxe directa ao grupo de goberno "Señores Gobernantes sepan vostedes que este Grupo, o Grupo Popular, está para remar a favor desta Festa, xa o demostramos cando gobernamos e seguimos pensando e actuando igual, polo que pedimoslle que cambien a súa forma de facer, consulten, escoiten e comecen a traballar xa na promoción da Festa do pulpo do 2023, que hoxe por hoxe é o maior reclamo que temos para poñer o noso pobo no mapa".

Dende Hogwarts ata O Carballiño. Se Harry Potter foi a temática do ano pasado, nesta edición do Encontro Literario de Ourense serán protagonistas os espazos máis emblemáticos do Carballiño. Así, neste evento cultural que se desenvolverá durante a xornada deste sábado dia 20 de agosto, haberá seis mesas de debate nas que participarán recoñecidos escritores e escritoras que levarán os seguintes nomes: Balneario, Pulpo á feira, Muíño das Lousas, Templo da Veracruz, Parque Municipal e Pena dos Namorados.
O Encontro Literario foi presentado no salón de plenos da Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e as organizadoras Cristín Ferro e Lizzie Quintas. O edil destacou que a iniciativa “estase consolidando a nivel estatal” e agradeceu que se faga nesta edición un guiño ao Carballiño e aos seus fermosos recunchos.
Lizzie Quintas explicou que nesta ocasión o Encontro Literario de Ourense terá o Auditorio Manuel María como escenario e que xa son 60 as persoas inscritas, se ben todos os interesados poderán acceder e disfrutar da programación, que se estenderá dende as 10.00 da mañá á notiiña, con debates, xogos e os concertos de Jorge Cervantes e Sueños de Ítaca na Alameda. Quintas tamén agradeceu ao Concello a súa colaboración e engadiu: “Temos moitas gañas de mostrar todo o noso traballo para organizar esta edición”.
Pola súa banda, Cristín Ferro destacou a relevancia dos escritores e escritoras que se darán cita no encontro, destacando que son moitos os que repiten e que chegan de diferentes puntos do país. Tamén animou a todos os veciños, veciñas e visitantes a participar: “Agardo que os amantes da literatura poidan darlle unha oportunidade a esta iniciativa cultural, que seguro que non defrauda”.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 182
- 183
- 184
- 185
- 186
- 187
- 188
- 189
- 190
- …
- seguinte ›
- última »