16, Agosto 2022

Veciños do concello do Irixo organizan unha charla informativa sobre a enerxía eólica sostible, que terá lugar este xoves dia 18 de agosto ás 20:00 horas na casa do concello.

Na mesma participarán Jacobo Feijóo do Sindicato Unións Agrarias, e  José Antonio Diéguez de "Ventonoso" un colectivo de propietarios afectados a nivel galego pola implantación de novos parques ao abeiro do novo plan eólico, que contempla no caso do Irixo e o resto dos concellos da comarca carballiñesa a creación de 7 novos parques de tramitación autónomica e 1 de tramitación nacional.

Unha das veciñas do Irixo que promoveron a celebración deste acto informativo, Helena Iglesias, explicou que ante a falta de información existente sobre a nova lexislación en materia eólica e o novo plan eólico e a inquietude xerada entre veciños e propietarios afectados "acercámonos a Valentín Formoso, o Secretario Xeral do PSdeG, pedímoslle axuda, e púxonos en contacto con outras persoas para traballar na organización desta charla, e polo menos estar informados".

Defenden a enerxía eólica como unha boa oportunidade para o rural, sempre que sexa respectuosa e non "o que vemos que está a suceder, que é claramente unha especulación", subliñou esta veciña afectada por un dos proxectos previstos.

Nesta charla abordaránse os aspectos máis relevantes da nova lexislación, os diversos datos técnicos, os contratos coas empresas promotoras, e as problemáticas derivadas da proximidade dos parques eólicos ás vivendas e os núcleos de poboación.

16, Agosto 2022

Non vou entrar en comentarios subxetivos contra a escultura do pulpo que non van a ningures como se fixo estes días no Facebook do Concello, teño as miñas propias impresións subxetivas coma calquer veciño e prefiro gardalas pra min. Entendo que é unha obra de arte e como tal non pode evocar en tódolos cidadáns as mesmas emocións e sentimentos. Hoxe fun a feira e tiven a oportunidade de vela por primeira vez en persoa e percateime de que está colocada o revés: os ollos do pulpo están mirando cara o cruce dos catro camiños, deberían estar mirando a modo de saúdo os que entran no pobo desde a carretera de Pontevedra, non os que saen. Tamén me fixei que caeron catro gotas de auga e o pedestal que ten de base xa está sucio. 

16, Agosto 2022

O Festival de Títeres do Carballiño volve á programación de verán polo éxito colleitado en pasadas edicións e con catro compañías dispostas a sorprender a nenos, nenas e maiores. Será dende hoxe ata o 19 de agosto e escenificaranse historias como a titulada “Cando un paxariño me espertaba tódalas mañás do confinamento”. Esta obra baseada nun feito real é só unha das propostas que terán o Parque Municipal como escenario e sempre no mesmo horario: as 19.00 horas. Hoxe, pola previsión de chuvia, trasladarse ao Auditorio Manuel María.

Esta é a programación detallada:
Martes 16 de agosto: Teatro Babalúa. “Feira das Sementes”
Mércores 17 de agosto: Micromina Títeres. “Historias para unha man”
Xoves 18 de agosto: Animar-T. “De cando un paxariño me espertaba tódalas mañás do confinamento”
Venres 19 de agosto: Escola Galega de Teatro Musical. “Mario e Manolo”.

A maiores, a compañía Micromina Títeres ofrecerá un obradoiro mañá, ás 20.00 horas. As prazas para participar son limitadas, polo que os interesados deberán inscribirse previamente. A iniciativa diríxese a nenos e nenas dende os sete anos e as familias poderán informarse no Departamento de Cultura do Concello do Carballiño ou no número de teléfono 662 198 615.
Agárdase que nesta edición aumente aínda máis o número de espectadores, tendo en conta que o pasado verán asistiron preto de 200 persoas a cada espectáculo

15, Agosto 2022

A Consellería de Medio Rural declarou como extinguidos os dous grandes incendios declarados nos concellos do Irixo e Boborás no pasado mércores dia 10, ambos están extinguidos dende as 19:30 horas deste lúns dia 15 de agosto, polo tanto tiveron que pasar 5 dias para que os lumes fosen extinguidos. 

Certo é que ambos estaban estabilizados dende o venres e baixo control dende o sábado, ata que finalmente Medio Rural confirma a súa extinción. En ambos lumes ardeu unha superficie de 800 hectáreas, das que 120 corresponden ao incendio orixinado a altura da parroquia de Astureses, en Boborás (100 hectáreas de monte arbolado, e 20 de monte raso) e 680 hectáreas ao lume declarado na parroquia de San Cosme de Cusanca, no municipio do Irixo.

Ademáis, na tarde deste lúns dia 15 declarouse outro lume forestal  nas inmediacións da localidade de Miomás, na parroquia carballiñesa de Sagra, onde os equipos de extinción lograron o seu control, tras arder unhas 15 hectáreas.

 

 

 

14, Agosto 2022

O patrimonio etnográfico do Carballiño volveu a sufrir un novo atentando por parte de vándalos. A víctima foi unha vez máis o cruceiro de Flores ao cal algún "artista" de brocha gorda decidiu decoralo pintando con spray negro dúas das caras da súa base como ven se pode comprobar nas fotografías que adxuntamos a esta denuncia. Por desgraza esta non é a primeira vez que este cruceiro é obxecto de gamberradas como así o demostra o feito que noutras dúas ocasión a súa base fora pintada (a primeira con pintura e a segunda con spray de cor branco) sen esquecernos que algúns rapaces decidiron pintar con rotulador as imaxes das ánimas existente na parte inferior da súa columna e que fai dez anos, máis ou menos, a este cruceiro lle roubaron a imaxe de S. Xoán existente na parte posterior do desu varal. Coido que é o momento de que o concello instale varias cámaras para vixiar a este cruceiro e identificar, deste xeito, aos vándalos que atenten contra el. 

14, Agosto 2022

Agora que estamos metidos de cheo na Festa do Pulpo, abro unha reflexion moi importante, e se o pulpo que se colle os pulpeiros nas rúas deberia ir a peso coma a froita, o peixe ou a carne, esto sería moito mellor para os consumidores xa que deste xeito pagarían polo que levan, alguen a estas alturas sabe canto leva unha ración ? A que algun de vos se sentiu estafado algunha vez o mercar este manxar 

14, Agosto 2022

A primeira Festa do Pulpo tras a pandemia, a edición número 60 da súa historia e primeira co recoñecemento de "Interese Turiístico Internacional" volveu ser multitudinaria, cunha afluencia de visitantes a O Carballiño que foi a máis co avance da semana e alcanzou o seu punto álxido a partir do venres, cunha afluencia masiva nas xornadas do sábado e o domingo.

A noite do venres xa facía presaxiar unha gran participación nas actividades da fin de semana, e como pode apreciarse na fotografía da actuación do Combo Dominicano da Praza da Veracruz, foron miles de persoas as que protagonizaron unha das verbenas con máis público de cantas se recordan no Carballiño.

O ambiente continuou índo a máis na xornada do sábado, coa festa das peñas da Festa do Pulpo e o Pirata na Praza Maior, seguida dunha noite que desbordou por completo á hostalaría carballiñesa, primeiro nos restaurantes e locais de comida que rexistraron un cheo total, e despóis nunha noite-madrugada do domingo que deixou desabastecidos a varios locais, ao quedarse sen algunhas bebidas, esto sucedía na madrugada do domingo e cando deberían ter previsión tanto para o domingo como o lúns que é festivo, o que da unha idea do curto que se quedaron nas súas previsións ante a avalancha de público que rexistrou O Carballiño.

Xa na xornada dominical, a estampa do dia estan a ser as colas ante as caldeiras das pulpeiras tanto no parque municipal -onde se mantén a Festa do Pulpo máis xenuína e tradicional- como esta outra máis urbana dos últimos anos nas rúas do Carballiño. E é que tanto no parque, como nos locais de comidas, como no ámbito familar nos fogares carballiñeses, como cada segundo domingo de agosto, réndeselle tributo ao mellor pulpo do mundo, o pulpo do Carballiño.

12, Agosto 2022

Coincidindo coa edición na que a Festa do Pulpo foi declarada de interese turístico internacional, o Concello do Carballiño encargou ao artista Acisclo Novo unha gran escultura de bronce en homenaxe ás pulpeiras e a unha celebración que xa volve a ser a que se recorda despois do parón da pandemia. A figura, que representa a un pulpo de pé con cinco metros de altura e pesa ao redor de 900 quilos, foi instalada na glorieta de entrada á vila pola estrada N-541.

Para poder soportar en altura a escultura foi necesario colocar unha peana de formigón armado cun peso de 4.500 quilos. Os operarios da brigada municipal supervisaron os traballos, xunto co escultor Acisclo Novo. O pulpo é un símbolo do Carballiño e un motor para a economía do concello, polo que coa instalación da escultura preténdese celebrar a declaración de internacionalización da festa que se conseguiu este ano despois de décadas de esforzo.

Será  así a carta de presentación da vila, a capital mundial do pulpo. Despois de que o pasado martes O Carballiño batera o récord da tapa de pulpo máis grande do mundo -515 quilos cocidos por unha trintena de pulpeiros e pulpeiras e cortados en 11 minutos-os festexos continuarán co concerto de Roi Casal previsto para esta noite, a actuación do Combo Dominicano de mañá á noite e a Festa das Camisetas do sábado.

Precisamente que a mocidade se involucre na Festa do Pulpo e se contaxie do espírito da celebración é o obxectivo do certame, no que participarán 2.000 persoas unha vez que rematou o prazo de inscrición das peñas. En canto aos premios, establécese un único ao mellor deseño e dotado con 200 euros para a camiseta que reciba máis votos. O resto das que cumpran os requisitos das bases recibirán unha compensación por importe de 60 euros cada unha. As camisetas de cada peña serán expostas na Praza Maior o sábado, a partir das 17.00 horas. En lugar do desfile, o Concurso das Camisetas contará este ano cunha actuación estelar. Pablo Ordúñez, máis coñecido como El Pirata, protagonizará un espectáculo na Praza Maior, a partir das 20.00 horas. O locutor da emisora Rock FM ofrecerá grandes doses de música e humor. Un día despois, o 14 de agosto, celebrarase o día grande da Festa do Pulpo. Calcúlase que durante a fin de semana se sirvan no Carballiño unas 63.000 racións de pulpo, o que supón un gasto de 2.000 litros de aceite.

11, Agosto 2022

A Xunta solicitaba onte a declaración da "Situación 2" de emerxencia, unha situación operativa que se decreta cando existe perigo pola proximidade dos lumes aos núcleos de poboación, de fetio a Garda Civil desaloxou o pobo de Trabazón no Irixo a advertíu a poboación doutros núcleos que estivese preparada para proceder a unha evacuación de emerxencia, aínda que finalmente non foi precisa.

Xa nesta tarde de xoves, desactivabase esta "Situación 2" de emerxencia, ao non existir xa perigo para os núcleos de poboación nestes lumes nos concellos de Boborás e O Irixo, nos que a situación foi sendo máis favorable co avance da xornada, aínda que nalgunhos casos os incendios reaviváronse ao mediodia, como aconteceu nos de Trabazón, Outeiro e Saavedra, todos eles no municipio do Irixo.

Aínda que Medio Rural mantén aínda os datos do mediodia sobre a superficie afectada, 680 hectáreas no Irixo e 120 en Boborás, o certo e´que os lumes aínda permanecen con algunhos focos activos e a superficie afectada é maior que as 800 hectáreas recollidas no último informe con datos de primeira hora da tarde deste xoves dia 11.

11, Agosto 2022

Os lumes declarados nas últimas horas en varias localizacións dos concellos do Irixo, Boborás e O Carballiño permanecen activos nesta mañá de xoves, aínda que comezan a estabilizarse, según os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural.

No balance non se recollen aínda outros focos activos nas ultimas horas, xa que a superficie afectada sería de momento inferior ás 100 hectáreas, aínda que no caso do incendio na parroquia de Espiñeira, no concello do Irixo, o lume afectou a casas no lugar de Trabazón, e varios pobos da parroquia foron desaloxados entrada a noite. A Consellería do Medio Rural declaraba na tarde de onta Situación 2 na área de influencia do distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro.

Esta situación operativa de emerxencia decretábase pola proximidade dos lumes rexistrados nos concellos do Irixo, de Boborás e do Carballiño a diversos núcleos de poboación na contorna destes incendios. O lume do Irixo, parroquia de San Cosmede de Cusanca iniciouse ás 12,30 h. do mediodía e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de que supera xa as 500 hectáreas. (Última actualización das 13:30 horas deste xoves, 680 hectáreas) No lugar levan traballado ata o de agora un total de 4 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 7 avións e 11 helicópteros.

O lume de Boborás, parroquia de Astureses, comezou ás 17,30 h. e permanece tamén activo, según os últimos datos aportados por Medio Rural a superficie afectada supera as 120 hectáreas. No lugar están a traballar 1 axente, 2 brigadas e 1 motobomba.

O lume rexistrado no concello do Carballiño, parroquia de Longoseiros, iniciouse ás 15,51 h. da tarde e permanece tamén activo agora. No lugar están a traballar 1 axente, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS