6, Agosto 2025

O Concello do Carballiño acendeu na noite deste mércores 6 de agosto a nova iluminación do templo e da praza da Veracruz nunha noite moi especial, dentro da semana grande da 63ª Festa do Pulpo e antes do concerto do Cuarteto Alfonso Medela “On cue”.

Os asistentes puideron gozar en vivo e directo do acendido dos 47 novos proxectores e 11 luminarias ambientais, ubicados arredor do templo. A intervención supón un salto de calidade respecto á iluminación antiga, coa sustitución dos antiguos proxectores por novos puntos de luz e a recuperación do deseño lumínico orixinal ideado polo arquitecto Antonio Palacios.

Coa iluminación de hoxe, o Concello do Carballiño ponlle o broche aos actos organizados con motivo do 150 aniversario do arquitecto Antonio Palacios, aínda que seguirá a difundir a súa obra e o seu legado, que na vila ten unha das súas obras máis importante e a principal no ámbito relixioso. Nesa liña, este sábado o templo acolle o concerto de Emocións Sonoras da Xove Orquestra Ourensanía, unha cita para escoitar música á luz das candeas.

O proxecto de iluminación, financiado con fondos europeos, foi redactado e dirixido por Audites e adxudicado á empresa Acelec Instalaciones Eléctricas, cun investimento de 87.846,00 euros. A solución técnica foi consensuada coa oficina técnica de Patrimonio Cultural, garantindo o respecto ao valor patrimonial do conxunto.

A actuación incluíu a retirada da iluminación que discorría polo perímetro e cuberta do templo, eliminando tamén todo o cableado e substituíndo os 78 proxectores e as 11 luminarias existentes por 47 novos proxectores e 11 luminarias ambientais, todos eles con tecnoloxía LED de alto rendemento fabricados por Moonoff.

A maior parte deste novos elementos instaláronse en 4 columnas de 6 e 10 metros de altura, situadas fóra do perímetro do templo e aliñadas cos seus eixes principais. Tamén se instalaron proxectores, dirixidos cara ao templo, na casa parroquial. As novas lentes e potencias están adaptadas a cada elemento a iluminar, garantindo unha correcta direccionalidade que diminuirá a contaminación lumínica.

Os únicos proxectores que quedaron colocados sobre o templo son os do interior da torre.

“Esta intervención non só dignifica un espazo emblemático para a veciñanza e un dos lugares máis visitados polos miles de turistas que chegan cada ano á vila, senón que tamén serve como homenaxe á figura de Antonio Palacios, apenas un ano despois de celebrarse os 150 anos do seu nacemento no Porriño (Pontevedra)”, destaca o goberno local.

Ademais da substitución do cadro eléctrico, canalizacións e conexións, o proxecto contemplou o reforzo das luces do anfiteatro e a posta en valor dos volumes arquitectónicos da Veracruz, recuperando o xogo de luces concibido por Palacios e un tono de luz especial no interior do templo, que marcará “un antes e un despois”, segundo explica o inxeñeiro, Enrique Pardo, responsable da empresa adxudicataria do proxecto.

A nova iluminación mellorou tamén a seguridade da contorna, actualmente con varias zonas escuras, e supón un aforro enerxético superior ao 60%, contribuíndo así á sostibilidade e ao equilibrio orzamentario municipal.

6, Agosto 2025

O meu nome é Ana Belén, e son veciña de punxín aínda que por motivos laborais resido en Pontevedra. O motivo de trasmitir estás palabras a modo de denuncia nesta web, é porque aquí, en Pontevedra, non teño esa opción.

E necesito gritar ós 4 ventos o malestar e frustración que me apodera nestes intrés. Bruce, o meu gran pirineo, está aqueixado dunha doenza na que está a tratamiento dende hai Unha semana. Cando saíu da consulta veterinaria, á que foi por una hemorraxia nasal. Durante 3 días todo parecía ir ben ata que se lle foi introducindo máis medicación e os sangrados son cada vez mais intensos e longos.

Esta noite, despois de estar toda a tarde con sangrados intermitentes e abundantes, as 11, decidimos levalo de urxencia á consulta. A sorpresa? Qué nos remitían a Unha clínica de Beade, a Unha hora daquí.

E ó parecer eso deben facer tódalas clínicas veterinarias desta Vila que resultou Unha total decepción para mín en canto ó día a día. Esta lei de benestar animal non veu para axudarnos os que vemos nestes seres a nosa familia. Non necesito nin é primordial poder ir a zara cos meus peludiños. Necesito ter medios cerca e Unha atención asequible.

Cando nos toca ter que recurrir a estes servizos ese mes xa quedamos moi apretados. Pero lamentablemente caín na conta que a xente vive en estado de resignación e así non podemos facer que cambien as cousas. E con isto xa me refiro en termos xerais.

Ten que haber un veterinario de urxencias na Vila. Se isto pasara cun ser de 2 patas o tema estaría no xuzgado. Que cosan moi ben eses flecos que desbordan por toda esa lei que aprobaron que non nos axuda nada.

6, Agosto 2025

Desde o Colectivo Veciñal Carballiño queremos facernos eco dunha queixa que, de xeito reiterado, estamos a recibir por parte dunha gran cantidade de cidadáns nestes últimos días pola insoportable calor que teñen que soportar os pacientes e acompañantes que acoden ó Centro de Saúde da nosa vila.

A situación, nestes días de altas temperaturas é insostible, sobre todo no PAC de Urxencias, onde ata o propio persoal padece as consecuencias da ausencia dunha mínima climatización.

Demandamos á Xunta de Galicia e ó Sergas que tomen medidas inmediatas para paliar esta problemática pois a xente que vai alí con circunstancias de saúde complexas, pásao realmente mal.

Polo demáis, a situación do edificio é absolutamente insostible cun equipamento envellecido e unhas instalacións do século pasado.

Tamén temos que denunciar a falla de persoal que provoca que sexa case imposible conquerir cita con menos dunha semana de antelación.

Os nosos asociados con nenos pequenos tamén nos reclaman que reivindiquemos que segue a haber eivas importantes na área de pediatría.

Faise moi difícil entender a defensa a ultranza da sanidade galega que fixo unha concelleira do Carballiño no pasado pleno que rematou afirmando “que ela defende ó conselleiro, á Xunta e ó PP”.

O noso colectivo demanda ós políticos do Carballiño que defendan ós carballiñeses e que pelexen para mellorar as condicións dun Centro de Saúde impropio dun pobo coma o noso.

Asdo: Colectivo Veciñal O Carballiño.

5, Agosto 2025

As pulpeiras e pulpeiros do Carballiño baten o récord mundial e logran elaborar a tapa de pulpo máis grande do mundo con 600 quilos de cefalópodo.

Pouco antes das oito da tarde, a Praza Maior estaba repleta de veciños e visitantes que non dubidaron en achegarse a animar aos grandes protagonistas da xornada: as pulpeiras e pulpeiros, que se preparaban arredor do gran prato, de 5,37 metros de diámetro. Lograron cortar 10 quilos máis que o ano pasado, alcanzando os 600 quilos.

Esta 15ª edición da elaboración da tapa realizouse en 10 minutos e 30 segundos. Unha vez rematado o corte, aderezaron o pulpo con 8 quilos de sal, 54 litros de aceite e 3 quilos de pimentón doce e picante.

A Asociación de Pulpeiros do Carballiño repartiu máis de 1.600 tapas de pulpo entre o público asistente, que por 7 euros desfrutou dunha tapa de pulpo, pan, viño, postre, o prato especialmente gravado, pulseira e chaveiro elaborado polos usuarios de Aspadisi.

O DJ Tibu encargouse de poñer a animación musical, así como de guiar a elaboración da tapa, un ritual que volveu ter unha gran repercusión mediática tanto nacional como internacional.

5, Agosto 2025

Boas. Parece ser que hai algo de desorientación á hora de buscar o proxecto da liña de alta tensión que afecta ao noso concello xunto con outros da contorna. Pois nada, explico onde miralo.

Se imos a este enlace: 

https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/098c9649ed12fbb4710a...

Deberemos descargar a primeira carpeta comprimida. Unha vez descargada debemos abrir o seguinte arquivo: 08_LASAT_SE_CARQUEIXA-SE_AGROVENTOSAS.zip. Dentro de este arquivo xa nos ven o PDF co nome LASAT SE CARQUEIXA - SE AGROVENTOSAS.pdf.

O documento é extenso e bastante técnico (son 615 folios). Pero para ir mirando podo decirvos que o tema das torretas métalicas e a súa localización ven na páxina 76 e seguintes. Adianto que en principio se proxecta a colocación de unhas 87 torretas para dar apoio á liña aérea.De estas, dende a 42 ata a 73, é decir 31 torres, discurrirían polo noso municipio. Si queremos ver os planos, estes veñen a partir do folio número 342. Cartografía extensa e completa para quen queira sacar máis información.. E xa como último dato, comentarvos que as servidumbres do paso aéreo afectan a unhas cuantas fincas ao longo do seu percorrido: unhas 500 en San Cristovo, 200 en Piñor, preto de 600 no Carballiño, unhas 100 no Irixo e pouco máis de 500 en Boborás (estes datos xunto con outros bastante importantes sobre as parcelas e zonas afectadas veñen a partir do folio 227).

Non me extendo máis e espero haber sido de axuda.

Un saúdo.

Manuel Nogueira.

5, Agosto 2025

Suso Pereira e Oliver Fernández, da Asociación de Pulpeiros e Pulpeiras de Arcos-O Carballiño avanzan nesta entrevista os preparativos e como vai desenvolverse a xornada deste martes 5 de agosto no que intentarán bater un novo record mundial, para elo deberán picar 600 kilos de polbo, 10 máis que o ano pasado cando o conseguiron en 10 minutos e 28 segundos.

O espectáculo será a partir das 20:00 horas na Praza Maior do Carballiño, e como ven acontecendo desde fai 15 anos, estará rodeado dunha gran repercusión mediática para ver como se elabora a Tapa de Pulpo máis grande do mundo.

Escoita aquí a entrevista:

4, Agosto 2025

Como cidadán do Carballiño interesado na preservación e defensa da simboloxía do noso concello, solicito a Restauración e posterior revisión do vello escudo do noso concello, mantendo a súa forma barroca e incorporando nel e de forma máis digna as "innovacións" heráldicas da actual versión (como o carballo co mesmo número de follas que parroquias ten o municipio, e a incorporación dos elementos acuáticos (auga/fontes) nunha paisaxe como no anterior escudo.

1. Defensa do escudo barroco:

  • O antigo escudo, posúe liñas onduladas e marco decorativo de inspiración barroca, estilo artístico comprendido entre os séculos XVII-XVIII, momento no que O Carballiño consolidou o seu pequeno núcleo urbano e nos recorda o carácter moderno (tanto no sentido actual, como o referido á Idade homónima) da nosa vila.
  • Este tipo de composición é única en toda a comarcae moi pouco común, o que otorga á nosa vila/concello dun símbolo ÚNICO, inconfudible e fácil de lembrar e distinguir visualmente, cousa que non pasa coas outras composicións heráldicas comúns que sofren moitísimo cando se minimizan en logotipos ou en selos municipais (pensemos nos documentos oficiais, taxas, multas, carteis festivos etc).
  • As leis, recoñecen a protección da identidade gráfica municipal como parte do noso patrimonio inmaterial. 

2. Pérdida de identidade e homoxeneización

  • O novo escudo, cun escudo español estándar e unha coroa real clásica forrada de carmesí (a anterior era unha coroa sinxela, sen forro e elegante), podería valer para calquera municipio: carece de rasgos propios e dilúe a nosa personalidade colectiva.
  • A supresión do marco barroco  e a ornamentación naturalista (que ben podería readaptarse a follas de carballo como podemos ver en deseños antigos de carteis da Festa do Polbo,) provoca que o símbolo pase a formar parte dunha “comunidade heráldica xenérica”, afastada do espírito local.

3. Empobrecemento simbólico e estético

  • Mentres o escudo antigo integraba de forma natural e pictórica o carballo, os osos e o entorno paisaxístico, o novo recorta a narrativa a pezas planas e simétricas, sen relieve nin atmosfera, sobre os colores estipulados polas máis insulsas normas disque-heráldicas, unha mediocridade.
  • A inexistencia de follas (símbolo da vitalidade dos nosos bosques de carballos, do que levamos o nome) e a banalización cromática —ouro plano, verde e azuis case artificiais— traducen un gusto gráfico minimalista que non respecta o carácter popular nin o valor etnográfico e histórico do orixinal.

4. Beneficios dunha restauración do vello escudo.

  • Participación cidadá: convidar á veciñanza a un proceso participativo de mellora suporía unha ferramenta de cohesión social.
  • Maior facilidade para recoñecelo en carteis, taxas, documentos oficiais, logotipos... 
  • Custe económico reducido: pola reutilización da iconografía existente e o soporte dixital de novas versións, os gastos serían mínimos.
  • Non se pretende tirar con todo o traballo feito pola suposta comisión heráldica para o novo escudo, manteríanse na proposta que dende eiquí lanzo os elementos aceptábeis da mesma: Referencia acuática/termal PERO integrada nunha paisaxe e a incorporación do numero de follas ao carballo en representación e homenaxe ás parroquias do noso concello.

Por todo o anterior, e amparados na normativa vixente de protección ao patrimonio cultural, rógolle á Cidadanía do Carballiño interesada, e aos membros da corporación municipal que esten lendo esta denuncia, sexan do partido que sexan, que por favor, debatan este asunto e esta proposta polo ben da identidade corporativa e da imaxe do noso concello. 

Un cordial saúdo.

 

 

3, Agosto 2025

O Carballiño quenta motores para vivir a semana grande da Festa do Pulpo, que culminará o domingo, día 10, coa 63ª Festa do Pulpo do Carballiño. A programación, que arrancou o pasado 24 de xullo co Día da Emigración, ampliouse este ano ata os 20 días, cunha ampla variedade de actividades para todos os públicos. Estes días pasarán polo Carballiño milleiros de persoas que gozarán de gastronomía, cultura e tradición.

O martes, a Praza Maior acollerá unha das citas máis emblemáticas: a elaboración da tración de pulpo máis grande do mundo. Nesta 15ª edición, os pulpeiros e pulpeiras enfrentaranse ao reto de cortar 600 kilos de pulpo, 10 kilos más que na edición de 2024, para bater o récord mundial. Para a súa elaboración empregaranse 8 kilos de sal, 54 litros de aceite e 3 kilos de pimentón doce e salgado. O prato no que se realizará terá un diámetro de 5,37 metros.

A cita congrega a milleiros de persoas na Praza Maior, que se achegan para animar aos pulpeiros e, como non, para probar o pulpo. A previsión da organización é repartir 1.800 tapas entre os asistentes. A cita, que arrancará ás 20,00 horas, contará coa ambientación do coñecido DJ Tibu.

Prazo de inscrición do concurso de camisetas

O sábado terá lugar outra das citas máis esperadas da Festa do Pulpo: a Festa das Camisetas. Cabe recordar que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 6. Os participantes optan a tres premios: o primeiro, de 300 euros; o segundo, de 200 euros, e o terceiro, de 100 euros. Ademais, se o deseño cumpre coas bases do concurso, os grupos poderán recibir unha compensación de 60 euros, ata esgotar o orzamento dispoñible.
O deseño pode incluír debuxos, frases, imaxes ou calquera elemento gráfico, e debe reflectir o espírito da Festa do Pulpo e a súa temática italiana (este ano, a Festa do Pulpo está adicada á vila italiana de Noventa Padovana).

Concertos cada día
A programación para estes días, ao marxe das datas máis significativas, inclúe concertos e ambientación musical diaria. O luns, será o músico Isidro Vidal quen suba ao escenario para amosar o seu manexo dos instrumentos tradicionais galegos, como a gaita e a pandeireta. A actuación comeza ás 20,00 horas, na Praza Maior.

O mércores será a quenda de Alfonso Medela “On Cue”, quen inundará a Praza da Veracruz de ritmos de jazz. Neste caso, o concerto arranca ás 23,00 horas. O xoves actuarán os Coribantes de Buchabade, que festexan os seus 20 anos de música no Carballiño. A cita será na Praza da Veracruz e comezará ás 20,30 horas.

O venres, na previa da Festa das Camisetas, serán os coñecidos Zapato Veloz e Los Limones quen faga bailar e cantar ao público na Praza Maior, a partir das 23,00 horas.

2, Agosto 2025

Se vostede conseguiu ver o " expediente dos eólicos" no mesmo está, sí ou sí, o trazado das liñas de alta tensión, xa que forman parte do proxecto. O expediente son miles de páxinas, que pode vostede consultar no mesmo enlace do BOE onde supoño que viu o dos eólicos. 

Esa utopía da que vostede fala: os 5 parques Eólicos dos que partirían esas liñas de alta tensión, son un proxecto publicado no BOE. As fases dun proxecto deste tipo son:

1. Unha promotora solicita ao Goberno ou Xunta ( neste caso Goberno) construir un parque eólico e presenta o proxecto.

2. A Administración publica o proxecto no BOE ou DOG ( segundo sexa tramitado pola Administración Central ou Autonómica, neste caso BOE) e da 30 días á xente para que o consulte e presente alegacións ( fase que rematou a mediados de xullo e por eso houbo movemento respecto a estes parques eólicos). 

3. A Administración estudia o proxecto da promotora e as alegacións presentadas e decide se lle da autorización ao proxecto ou non. 

Respecto á decisión xudicial da que fala, non ten nada que ver con este proxecto de 5 parques eólicos ( que son 2 deles os que mandan a alta tensión polo Carballiño). O dictamen do Tribunal Europeo era a resposta a unha consulta elevada polo TSXG por unha serie de criterios enfrontados entre este e o Supremo en parques xudicializados, caso que non é o que nos ocupa. Porque estes 5 parques ainda non foron aprobados, xa que se atopan na fase 3 anteriormente descrita, polo tanto non están en fase xudicial.

Agardo terlle dado algo de luz no asunto, que non tiña vostede os conceptos moi claros. 

2, Agosto 2025

Hai que falar ben claro. Son veciño de San Fiz do Barón dende fai moitos anos e dicir que non houbo queixas polas dúas liñas de electricidade que atravesan o pobo é faltar a verdade. Pola primeira, a que ben da central de Cabanelas, vaia se houbo queixas xa que atravesa o pobo  polo medio e por riba de viñedos e fincas productivas. Inda eran tempos da dictadura e as queixas ian como ian. Camelouse o pobo e os seus ánimos ca excusa de poñer un transformador para dar servizo eléctrico o pobo. A segunda e mais recente, a que ben de Moldes de cara Cenlle, non hai mais que ir a internet e ver as denuncias que fixo o comprador do Pazo Ludeiro.

A realidade e a verdade é que eses eólicos so existen en papel, son un proxecto, e o verdadeiro problema e a linea de evacuación da electricidade que levan consigo. A data de hoxe somentes conseguin ver os proxectos dos eólicos. Se alguén ten o proxecto da liña electrica e ver por onde vai, se agradece que o publique. Eu inda non fun quen de conseguilo para ver.

Seguramente vou cabrear a moita xente, ou no millor dos casos non van estar dacordo comigo. Pero estou convencido delo. Xa teño uns anos e a experiencia suple outras cousas.

A mín o que me preocupa e a dichosa liña, que non pase preto das miñas fincas e moito menos preto da casa. Dicir que hai que loitar para que non se faga o parque eólico para que non haxa liña eléctrica de evacuación e unha utopía. Xa non estamos a falar dun só parque eólico, estamos a falar de 5 que van no mesmo expediente. Calquera que veu a prensa estes días, puido leer que teñen luz verde dende a xustiza. Sinto ser eu quen o diga, pero eses parques eólicos non os para nin Dios, ca excusa de interés xeral xa sabemos como van esas cousas. O mais que poderemos facer e que esa liña pase lonxe das casas e das fincas productivas. Quen queira ver outra cousa vai levar unha hostia como un piano.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS