
O Programa complementario de educación e apoio familiar do Concello de Piñor pon en marcha unha nova actividade para os nenos e nenas, trátase da “SEMANA DOS SUPERPODERES”.
O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é servizo que ademais de trallar de forma individualizada coas familias diferentes problemáticas (menores en situación de risco ou desamparo, conflitividade familiar, dificultades educativas, drogodependencias, etc) tamén leva a cabo actividades comunitarias que permitan traballar aspectos preventivos que favorezan o desenvolvemento axeitado da familia e infancia. Dende devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, levarase a cabo a actividade SEMANA DOS SUPERPODERES, unha maneira orixinal, lúdica e chamativa de traballar cos nenos e nenas as habilidades precisas para afrontar as diferentes dificultades que podan atopar ó longo da súa vida.
A educación en valores como o respecto é esencial para crear adultos que, no día de mañá, configuren unha sociedade mellor. Por outra banda, preténdese dotar ós participantes de “superpoderes” como a autoestima, a empatía... e competencias emocionais que fomenten o seu desenvolvemento persoal e faciliten a resolución de conflitos. Terá lugar os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de 10h a 14h, no Centro Social. A inscrición é gratuita e deberá formalizarse en Servizos Sociais ata o 6 de abril. Manteranse tódalas medidas actuais de prevención contra o COVID19.
Dende o concello de Piñor á poboación a inscribir ós seus fillos e fillas nesta actividade, que ademais de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, permitirá que os nenos e nenas desfruten aprendendo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento da Xunta de 445.000 € para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada autonómica OU-212, reforzando a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.
Vázquez Mourelle presentou en Beariz as obras e informou da publicación hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia da licitación da execución deste acceso ao futuro parque empresarial de Lebozán, conectando o viario interior coa OU-212, que comunica Beariz con Avión e tamén coa estrada N-541, que une Pontevedra e Ourense, dándolle maior operatividade ao polígono.
Apuntou o obxectivo da Xunta de iniciar estes traballos en setembro, polo que que a comezos de 2023 poderán estar rematados, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses.
O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas rematará o 20 de abril. Segundo dixo a conselleira, no período de valoración e adxudicación das obras avanzarase en paralelo nas expropiación das 6 fincas necesarias para que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde a OU-212.
A titular de Infraestruturas subliñou que esta actuación é o resultado dun minucioso estudo previo, onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. Así, a solución concreta a proposta recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan especial.
Explicou que con estas obras actuarase na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.
A conselleira concretou que a intervención inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada autonómica cara a área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.
Na zona onde se realizará a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente. Así, tal e como indicou a conselleira, o deseño da nova conexión adáptase á contorna, aproveitando esas estruturas sobre o regato, e respectando todos os parámetros recollidos na normativa.
Adiantou que na intervención tamén se procederá á instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.
A actuación complementarase coa mellora da sinalización, horizontal e vertical, a dotación de sistemas de contención de vehículos e axardinamento.

Ata cinco películas en pantalla grande podemos ver esta fin de semana, cunha actrativa carteleira con cine recomendable para todas as idades, ademáis o ciclo "Carballiño Comedy 6" presenta este sábado no auditorio do Carballiño ao actor galego Luis Zahera.
O Cine-Club Carballiño proxecta este venres, ás 20 horas en versión dobrado ao castelán e as 22:30 horas en versión orixinal subtitulada, a película noruega "La peor persona del mundo", a última de J. Trier, nominada a dous Oscar e á mellor película europea, e acumula xa varios premios. Mestura de de comedia, drama e romance, céntrase na vida de Julie e as súas relacións amorosas e preocupacións existenciais.
O domingo 26, o Cine-Club Carballiño ofrécenos ás 19 horas o documental español "Tierra de leche y miel", que conta as historias de persoas refuxiadas que escapan de distintos conflictos.
O Novocine de Leiro proxecta estes dias "Malancolía" a película rodada en varios escenarios do Carballiño e O Irixo, faino na sesión das 20:30 horas. Antes, tamén a diario, ás 16 e 18:15 horas continúa proxectando a película de animación "Los Tipos malos".
No centro multiusos de Cea proxéctase "O Gran Camiño" un documental de 82 minutos de duración , no que unha parella de mozos narran a súa aventura polas grandes rutas que podemos facer a pe no mundo, como é no caso europeo o camiño xacobeo. A proxección será este sábado 26 ás 19:30 horas.
E finalmente, unha boa sesión de humor, a que está programada para o sábado 25 ás 21 horas no auditorio do Carballiño, unha cita co humor no monólogo do actor galego Luis Zahera, dentro do ciclo "Carballiño Comedy".

O PSdeG-PSOE de Punxín insta ao goberno municipal a solicitar á subdelegación do Goberno, así como a calquera organismo competente, un incremento da presenza policial no municipio, co fin de rematar coa vaga de roubos que se están a producir nos últimos meses e darlle unha maior seguridade á veciñanza. As concelleiras socialistas levarán ao pleno da próxima semana unha moción neste senso para que se busquen solución a un problemática que “se disparou” nos últimos tempos.
Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que nos últimos meses “produciuse un considerable aumento dos roubos no municipio, o que disparou os índices de delincuencia en Punxín”. As concelleiras socialistas apuntan a que “só nas últimas semanas entraron a roubar na igrexa de Vilela, así como na casa reitoral, e intentaron tamén acceder á igrexa de Ourantes”. Unha situación que ten “moi preocupados” os veciños e veciñas de Punxín e que “xera moita inseguridade, especialmente nas horas nocturnas”.
A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, destaca que esta situación “está causando moita inseguridade entra á veciñanza”, motivo polo que considera que “é imprescindible atallar esta situación, reforzando a presencia das forzas e corpos de seguridade do Estado no noso municipio”. A edil socialista tamén apunta a que “hai que buscar vías para tentar rematar coa vaga de roubos que se están a producir en Punxín, polo que consideramos que un incremento da presenza policial pode ser a solución idónea”. Peleteiro Vázquez afirma que esta moción vén motivada pola “inacción” do alcalde do Partido Popular, Manuel Vázquez, e o seu equipo de goberno.
A concelleira socialista considera que “chegou o momento de que o goberno municipal se poña a traballar por Punxín, escoite as reclamacións da veciñanza e dea un resposta clara e contundente contra os roubos”. A voceira do PSdeG-PSOE tamén remarca que “é urxente e necesario proporcionarlle seguridade aos nosos veciños e as nosas veciñas, que en moito caso teñen unha idade moi avanzada e aos que os roubos poñen moi nerviosos e réstanlle moita seguridade”.
A min o que mais me intriga de todo este asunto da parcela do centro de saúde é o seguinte. Según o publicado nalgún xornal de prensa e según as declaracións do propio delegado provincial da Xunta o outro día en Partovia, soamente foron dúas as propostas remitidas dende o concello do Carballiño a Xunta de Galicia: a do propio gobero municipal do PSOE e a do PP. ¿Que pasou entón cas propostas do BNG, Espazo Común e Podemos? ¿Por que non foron tamén remitidas aos técnicos da Xunta para a súa valoración?
https://www.farodevigo.es/ourense/2022/03/17/xunta-elige-parcela-estacio...
Nese enlace dise claramente que so foron dúas as propostas. Quen minte? A prensa, a Xunta ou o Concello? Moi escuro pinta todo este asunto.

A Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde de Boborás, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, a construción de beirarrúas e a instalación de colectores para a xestión de residuos.
Así o destacou o vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández, tras asistir hoxe á sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás para a construción do novo centro asistencial. O vicepresidente da Deputación subliñou que “a colaboración entre administracións constitúe sempre un exemplo positivo, máis importante aínda tratándose dunha infraestrutura sanitaria”.
A institución provincial, sinala Rosendo Fernández, “sempre está e seguirá estando aí para cooperar na mellora dos servizos á cidadanía”, felicitando tamén á alcaldesa de Boborás “por estar sempre á procura de novos proxectos”, así como ao conselleiro de Sanidade “por atender as necesidades da veciñanza”.
Patricia Torres expresou o seu agradecemento á Xunta de Galicia e á Deputación polo seu apoio a Boborás, exemplo da “aposta polos concellos rurais sen mirar o número de habitantes, e neste caso por unha infraestrutura sanitaria maila urbanización dos terreos nos que se asenta, o que vai mellorar de modo significativo a vida e a calidade asistencial da veciñanza”. Subliñou a alcaldesa que o novo centro de saúde situarase “nunha zona dotacional de servizos públicos na que xa están instalados o colexio, a gardería, o edificio sociocultural, un parque infantil e o pavillón de deportes, ademais de acoller no futuro a unha residencia de maiores e unha piscina”.
O novo centro de saúde de Boborás substituirá ás actuais instalacións, construídas hai 32 anos e situadas nun inmoble onde comparte espazos con outros servizos municipais. O futuro centro asistencial e os servizos asociados ocuparán unha parcela de máis de 6.000 metros cadrados, cuxa expropiación xestionada pola Deputación de Ourense. Deste xeito, aumentarase nun 40% a superficie construída en comparación co actual centro, pasando a ocupar 650 metros cadrados. Neste espazo haberá unha área específica para a consulta do programa da muller, ademais dunha sala polivalente para atender casos urxentes ou a realización de técnicas, así como unha sala para patoloxías respiratorias. Desde o punto de vista do profesional tamén haberá unha mellora importante nas instalacións, xa que o novo centro contará cunha sala de xuntas, vestiarios e almacén, e dúas consultas de medicina xeral e outras dúas de enfermería, coas dimensións establecidas nos criterios asistenciais do Sergas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia construirá en Boborás un novo centro de saúde que aumentará en case un 40% a superficie do actual.
A tal efecto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego e a alcaldesa deste concello, Patricia Torres, asinaron un convenio de colaboración para edificar este novo centro nunha parcela cedida polo concello.
Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde vai ter 650 metros cadrados e nel contarase cun espazo específico para a consulta do programa da muller. Ademais, terá unha sala polivalente que poderá usarse para a atención de casos urxentes ou para a realización de técnicas.
Tamén terá unha sala específica para casos de patoloxías respiratorias, co obxecto de garantir que, no caso da covid ou de calquera outra infección semellante, a atención a este paciente non comprometa nin aos outros usuarios nin aos profesionais.
Dende o punto de vista do profesional tamén haberá unha mellora importante nas instalacións, xa que o novo centro contará cunha sala de xuntas, vestiarios e almacén. Terá, así mesmo, dúas consultas de medicina xeral e dúas de enfermería, coas dimensións establecidas nos criterios asistenciais unificados do Sergas.
En consecuencia, “vai ser un inmoble moderno para darlle aos profesionais unha contorna de traballo á altura do seu labor”, dixo o conselleiro no acto, no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, García Comesaña sinalou que Boborás será o primeiro concello da fase 1 do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, aprobado o pasado mes de outubro polo Goberno galego, que se constrúa e poña en marcha, “o que demostra a aposta da Xunta porque a cidadanía do rural reciba a mellor asistencia e porque os profesionais que exercen nestes centros traballen nas mellores condicións”.
Ao respecto disto, o conselleiro destacou a celeridade do concello no proceso de identificación da parcela e no inicio dos trámites de expropiación, coa colaboración da Deputación de Ourense.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe algunhas das melloras levadas a cabo no Concello de Avión que contou o ano pasado cunha axuda de 28.650 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para a adquisición dun vehículo con distintivo ambiental Eco.
Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello nos últimos anos supera 1 millón de euros, que foron destinados, entre outros proxectos, á instalación solar térmica na residencia de maiores de propiedade municipal; á creación dun espazo destinado a infancia en Barroso; ou á recuperación da antiga levada como sendeiro en Amiudal, dentro do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) en Albarellos, así como á adquisición de máquina retrocargadora para a realización de labores ambientais e de prevención de incendios forestais.
Tamén se instalou un punto para almacenamento temporal de residuos de construción e demolición, e outros residuos urbanos, xunto con melloras de eficiencia enerxética de alumeados públicos en diversas localidades do termo municipal de Avión. No ano 2017 foron premiados co 3º premio dos Coopera pola creación do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño con 12.500 euros, no marco da Mancomunidade Turística do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, da que forman parte os concellos de Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, O Carballiño, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Maside, José Manuel Iglesias visitou as obras que se realizaron no centro de saúde de Maside que permitiron levar a cabo melloras para a posta a punto do edificio naqueles elementos máis deteriorados.
O orzamento executado ascendeu a algo máis de 48.000 euros e foi financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.
O delegado territorial destacou que se levou a cabo esta actuación porque o edificio requiría dunha serie de actuacións para o acondicionamento e melloras das súas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo. Gabriel Alén informou de que as obras que se levaron a cabo consistiron en renovar a carpintería exterior, a adaptación do aseo, acabados interiores e renovar a calefacción.
O representante do Goberno galego puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños de Maside; e lembrou a recente reforma da cuberta deste edificio, na que Vicepresidencia primeira investiu case 34.000 euros.

A porta fora reforzada por dentro cunha plancha metálica antirroubo, o que impedíu que os ladróns poidesen acceder ao interior, aínda que a porta de madeira da parte lateral do templo ardeu por completo.
A igrexa parroquial de San Xoán de Ourantes está alonxada do núcleo de poboación, unha característica que parece está sendo común na maioria das igrexas da contorna que foron obxeto de roubo nas últimas semanas, desta maneira os autores poden actúar con total impunidade, sobre todo se o fan de noite. Varias igrexas parroquiais dos concellos de Boborás, San Amaro, Maside e Punxín foron roubadas no transcurso das últimas semanas.
O párroco de Ourantes, Victor Bernárdez, lamentou en COPE O Carballiño esta vaga de roubos que se está rexistrando nas igrexas da comarca "esta vez, salvámonos pero non estamos libres de que poden volver intentálo". O responsable desta parroquia pensa que este carrusel de roubos son obra dunha banda organizada dedicada ao mercado tráfico de tallas relixiosas, e agarda que as investigacións que está a levar a cabo a Garda Civil poidan poñer fin a esta vaga de roubos que está causando intranquilidade e malestar no rural.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 205
- 206
- 207
- 208
- 209
- 210
- 211
- 212
- 213
- …
- seguinte ›
- última »