10, Xaneiro 2022

Boas tardes a todos,  o venres pola noite como xa saberedes unhas BOSTAS HUMANAS dedicaronse a arrincarlle os retrovisores a uns sete coches entre eles o meu, o primeiro que fago na maias ver o coche e chamar a POLICIA LOCAL, e dinme que vaia  o luns polas oficinas pa poñer a denuncia. Hoxe é o primeiro que fago, ir a POLICIA LOCAL,  e pa sorperesa miña a contestacion do POLICIA LOCAL é a siguinte: NON CHE VALE A PENA POÑER A DENUNCIA XQ TOLAL NON SE VAI SABER QUEN FOI.  Queridas BOSTAS HUMANAS quérovos pedir que pa proxima que volvades facer outra igual ou peor deixedes os vosos datos a vista pa que a POLICIA LOCAS SEPA QUEN FOI E ASI PODER POÑER EU UNHA DENUNCIA..

10, Xaneiro 2022

O incremento diario no número de contaxios non parece, de momento, chegar ao teito nesta sexta onda da pandemia en Galicia, tampouco no ámbito intercomarcal O Carballiño-O Ribeiro, que vai xa camiño de alcanzar a barreira dos 1.000 casos de covid.

O Carballiño chega hoxe aos 461 contaxios activos, son 61 máis en relación ao pasado venres. Maside continúa con 57 casos, Punxín 32, San Cristovo de Cea 30, San Amaro 28, Boborás 25, O Irixo 18, Piñor 9 e Beariz 8.

Leiro notifica hoxe lúns 25 contaxios, e Avión 12. No resto de concellos ribeiráns tamén se incrementou o número de contaxios durante a pasada fin de semana, con Ribadavia á cabeza superando xa os 150 contaxios.

9, Xaneiro 2022

En apenas 24 horas quedaron esgotadas as autocitas para participar nos tres cribados que para a poboación dos nove concellos da comarca do Carballiño programou o Sergas, e que se levarán a cabo o lúns 10, o mércores 12 e o venres 14 no auditorio municipal do Carballiño.

Aínda en plena fase expansiva desta sexta onda da pandemia, na que a comarca carballiñesa supera os 500 contaxios activos, a finalidade dos cribados é detectar persoas infectadas e asintomáticas entre a poboación.

Tamén están esgotadas as autocitas dispoñibles para os dous cribados programados en Ribadavia para a poboación do concellos do Ribeiro.

8, Xaneiro 2022

A Xunta inicia a redacción da segunda fase dos plan básicos municipais, da que forman parte nove concellos galegos, entre os que están Beariz, Punxín, e San Cristovo de Cea.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar os contratos do acordo marco para o servizo de redacción deste instrumento de ordenación, pensado para os concellos de menos de 5.000 habitantes. O importe global destes contratos supera os 530.000 euros.

Cómpre lembrar que a financiación dun plan básico municipal é unha das vías da Xunta de Galicia para apoiar ás administracións locais na meta de contar cunha ferramenta que lles garanta unha ordenación responsable e sustentable do seu termo municipal e que está recollida na Lei do solo.

A Xunta "defende que o urbanismo é unha tarefa que precisa do traballo de todos, por iso seguirá ao carón das administracións locais concedendo 3,2 millóns de euros en 2022 en axudas para a redacción dun PXOM ou para a elaboración dun plan básico, tal e como fai con 18 concellos que apostan polo mesmo, así como prestando o apoio e asesoramento técnico que necesiten".

Dende o goberno galego remarcan que "o obxectivo do Goberno galego é acadar que todos os concellos galegos conten un planeamento que protexa e poña en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo".

8, Xaneiro 2022

Bos dias queridos veciños, hoxe a mañá cando chego ó coche pa ir ó traballo, vexo que unhas BOSTAS HUMANAS ANDANTES dedicaronse esta noite a arrancarlle ós coches que estaban aparcados na rúa Juan Corral Pajariño os dous retrovisores, entre eles ó meu. Queridas Bostas Humanas Andantes, desexovos, que o Ano Novo que comenzamos vos traia tanta DOR e DESACOUGO como vos deixastes esta noite nos propietarios dos coches dañados.

 

 

 

 

 

7, Xaneiro 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou a residencia para maiores dependentes do Carballiño, na que a Xunta vén de ampliar o número de prazas das 50 que había ata o momento ás 80 das que disporá este ano. Este incremento de 30 prazas entrará en vigor o vindeiro 1 de abril a través da nova licitación da xestión deste centro, que terá un período inicial de dous anos prorrogables ata os cinco.

Fernando González Abeijón lembrou durante a súa visita que a Xunta de Galicia ten na atención ás persoas dependentes un eixo prioritario que a levou a incrementar desde o 2009 un 44% a oferta de prazas públicas en residencias de maiores, ao pasar de 5500 a máis de 8000 que hai na actualidade.

6, Xaneiro 2022

Son unha veciña do concello do Irixo, e o motivo desta denuncia é comentar unha serie de irregularidades que se produciron ao redor da exposición pública da documentación dos parques eólicos Valdepereira e Pico Seco que están previstos que se executen nos montes do Irixo e Lalín. Neste caso aféctanos á comunidade de montes da Ermida do Fondo, pertencente ao concello do Irixo e do cal nós temos parte, así como nos montes dos arredores que tamén terán un impacto negativo.

Como resumo desta irregularidade dicirlles que a documentación destes parques non estivo en exposición pública dende o día seguinte á publicación no DOGA n° 234 do día 07 de decembro, é dicir a partires do 09 de decembro terían que estar expostos os proxectos de execución, os impactos ambientais e os proxectos de interés económico e relacións de bens e dereitos dos afectados.

Dicímolo con coñecemento de causa, xa que presentamos un rexistro de entrada no concello do Irixo o día 23 de decembro solicitando a consulta de dita documentación e non a puidemos consultar xa que non estaba exposta. Volvemos o día 30 de decembro para que nos deran unha explicación, xa que non obtivemos resposta da anterior, e ese día volvía sen estar exposta, fixemos de novo unha entrada por rexistro ese mesmo día para solicitar ao secretario do concello que nos informara de dita irregularidade e seguimos á espera de resposta.

E o tempo segue pasando, as alegacións podían presentarse ata o 29 de decembro e a exposición pública non existiu. Por iso que isto é unha cousa que debe saberse, xa que é unha grave irregularidade que non só queda nun simple erro irrelevante.

6, Xaneiro 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou algunhas das melloras levadas a cabo no Concello de Boborás o ano pasado, que supuxeron un investimento por parte do Goberno galego de máis de 88.100 euros. Ademais, contaron cunha axuda para a adquisición dun vehículo todo terreo 4x4 tipo pick-up, por importe de 34.900 euros.

Por unha banda, visitaron o novo parque infantil situado nunha zona que xa concentra varios equipamentos públicos como o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, o edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas e o polideportivo. A Xunta achegou máis de 35.300 euros á dotación do novo parque para o desfrute da veciñanza e que contribuirá á rexeneración desta zona, na que se aglutinan distintos servizos municipais educativos deportivos e socioculturais. Os traballos incluíron a limpeza da parcela, así como a colocación dos xogos con temática de bosque, o pavimento de caucho, o valado de seguridade e a cartelaría e sinalización.

Por outra parte, o concello recibiu outros 28.725 euros para sufragar os gastos de persoal do servizo de auga potable e de saneamento, que se encarga do mantemento, a conservación, a vixilancia e o control e reparación da rede de distribución de auga e da lectura dos contadores. A Xunta apoiou ao funcionamento deste servizo o ano pasado cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), e outros 15.000 euros do mesmo fondo para o servizo de protección ambiental e do espazo natural da Mancomunidade da comarca do Carballiño, que integra Boborás con O Carballiño, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

Tamén ao abeiro do FCA, a Administración autonómica destinou ao Concello de Boborás máis de 9.000 euros na mellora da rede de abastacemento en varios núcleos do municipio. Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello con estas dúas liñas de axudas e outras vías de colaboración entre a Xunta e as entidades locais, así como o apoio á Mancomunidade do Carballiño e á Mancomunidade Turística Terras do Avia das que forma parte, supera os 456.600 euros.

5, Xaneiro 2022

O Carballiño está a un paso de rebasar a barreira dos 400 contaxios activos, nas úlitmas horas diagnosticáronse 34 novos positivos de covid, unha cifra que unha vez descontadas as altas médicas deixános un incremento de 20 contaxios activos respecto a onte, pasando de 367 a 387 contaxios activos neste mércores 5 de xaneiro.

Maside chega hoxe aos 60 casos activos, Boborás aos 28, Cea aos 26, Punxín 25, San Amaro 22, Leiro 17, O Irixo 14, Avión 12, Piñor 7 e Beariz 5.

4, Xaneiro 2022

O concello de Maside ven de instalar na Praza Maior un panel explicativo da riqueza patrimonial do municipio baixo o título "Concello de Maside. Terra de auga, fragas e pedra". O panel está incluído no proxecto de sinalización e posta en valor do castro de Santa Mariña. Estivo cofinanciado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Carballiño–Ribeiro GDR 12.

O propósito do panel é mostrarlle aos veciños e aos visitantes os recursos máis salientables do concello: A área termal e recreativa da Rañoa, o Espazo Natural de Interese Local do Pozo do Lago (ENIL), a ruta do románico e a ruta do castro de Santa Mariña.

Tratouse de reunir nunha infraestrutura, de forma sinxela, comprensible, accesible e visual, os recursos, lugares, paisaxes e rutas máis relevantes de Maside. Convida ao lector a unha combinación do turismo cultural co turismo de natureza e benestar. A idea é aumentar o interese turístico do concello presentando unha oferta complementaria ao resto dos 21 concellos que forman parte do GDR 12.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS