
O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación dun traballo de investigación recollido no libro Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, no que se reúne unha ampla documentación e datos históricos que avalan este vía de comunicación entre a cidade portuguesa de Braga e Santiago de Compostela como ruta de peregrinación. “Unha achega importantísima para conseguir que sexa recoñecida de forma oficial como ruta xacobea”, destacou o vicepresidente da Deputación, César Fernández, durante a presentación do libro, na que tamén participaron o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Miñoto Ribeiro, Avelino de Francisco, e os investigadores Castor Pérez, José Ramón Estévez e Jorge Bértolo.
César Fernández transmitiu os seus parabéns aos responsables dunha publicación “que permitirá demostrar que este camiño é unha das rutas de peregrinación máis antigas que enlazaban o norte de Portugal con Compostela, o que de seguro vainos axudar a conseguir en pouco tempo esa oficialidade que perseguimos, obxectivo que seguirá a contar co total apoio da Deputación de Ourense e que suporá un antes e un despois para os concellos polos que transita esta ruta e por extensión ao resto da provincia”.
Avelino de Francisco subliñou pola súa banda o importante labor realizado pola asociación desde 2014 en torno a esta ruta, “que agora se complementa cun amplo compendio histórico que achegaremos ao traballo que a Consellería de Cultura vai realizar sobre este camiño a través dun convenio co Centro Superior de Investigacións Científicas e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento”
Castor Pérez, entre tanto, defendeu a “rigorosidade dunha investigación histórica exquisita, avaliada por institucións portuguesas e galegas, nun proxecto xacobeo apoiado polas seis cámaras portuguesas e os 17 concellos galegos por onde transita esta vía, ademais da Deputación de Ourense e o propio goberno de Portugal. Un labor “que conta non só co recoñecemento da Oficina do Peregrino de Compostela senón da propia xerarquía católica, xa que a emisión da Compostelana foi referendada en setembro polos arcebispos de Braga e Santiago”.
O libro Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro fundamenta o carácter xacobeo dunha vía que parte de Braga e atravesa as terras miñotas de Vila Verde, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Monçáo e Melgaço, entrando en Galicia por Lobios para continuar por Entrimo, Padrenda e Pontedeva nas terras do Ribeiro e do Ulla ata rematar en Compostela. No ámbito das comarcas do Ribeiro-O Carballiño, esta ruta xacobea atravesa os municipios de Cortegada, A Arnoia, Castrelo de MIño, Ribadavia, Leiro, O Carballiño, Boborás e Beariz.
A investigación recolle como esta ruta engloba tres elementos diferenciais que lle confiren un carácter específico: a natureza, o termalismo e viño. Durante séculos, o viño destas terras era transportado á cidade de Santiago polos arrieiros, compartindo ruta cos peregrinos, proliferando ao longo do camiño institucións hospitalarias e zonas de augas quentes onde os viaxeiros atopaban alivio para a súa fatiga.

O sector termal será o primeiro en contar cunha estratexia singular "orientada ao aproveitamento das vantaxes que ofrecerá a alta velocidade ferroviaria, axudando así a optimizar a competitividade dos nosos balnearios", anunciou hoxe o presidente da Deputación, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo no Pazo Provincial cos representantes dos balnearios da provincia. Unha estratexia de "Alta velocidade termal" que xa estará incluída no programa de Termalismo Social 2022 e que ademais contempla un acordo con Renfe para unha nova modalidade de estancias termais de fin de semana, a loxística necesaria para facilitar o desprazamento dos viaxeiros do AVE ata os establecementos e unha campaña de promoción do termalismo provincial nos trens.
A chegada da alta velocidade "é un punto de inflexión na colaboración que a Deputación de Ourense mantén desde hai sete anos con RENFE no ámbito do sector termal, a través da sinatura de convenios que facilitan a mobilidade desde 50 estacións de tren de toda España ata Ourense, de maneira dixital e con paquetes de estancias e tratamentos", lembrou Manuel Baltar, destacando que este todo este tempo "xestionáronse máis de 15.000 pernoctacións nos balnearios de persoas procedentes doutras provincias".
A estratexia "Alta velocidade termal" é o resultado de meses de traballo entre o goberno provincial e Renfe para adaptar o actual modelo ao novo xeito de comunicación ferroviaria, con más frecuencias, menor tempo de desprazamento no eixo Madrid-Ourense, novos horarios de conexión e unha nova política de prezos.
Neste sentido, no presente mes de decembro a Deputación publicará o Programa de Termalismo Social 2022, no que xa estará incluída a "Alta velocidade termal". Así, as estancias semanais, de luns a sábado, veranse favorecidas pola redución de tempos non só entre Madrid e Ourense, senón tamén nas conexións con máis de 30 estacións.
Outro dos aspectos clave é a mobilidade entre a estación de Ourense a os balnearios. A alta velocidade facilitará a chegada de persoas á capital da provincia, pero para que este factor de competitividade sexa aproveitado polos balnearios do Carballiño, Cenlle, Arnoia ou Lobios cómpre ter en conta o desprazamento desde la estación AVE a estes centros. Con este fin seleccionáronse unha serie de frecuencias, de entre as dez dispoñibles desde Madrid, para centrar a loxística necesaria que inclúa a estación de orixe, a estación de Ourense e o balneario.
A Deputación, Renfe e os balnearios tamén estudan a posta en marcha dunha nova modalidade de estancias termais de fin de semana, que incluiría o AVE unido a un sistema de "mobilidade á carta", tanto desde a estación ao balneario como desde o balneario aos principais recursos do territorio. Nesta liña estase a deseñar para o mes de xaneiro un proxecto piloto con algunha comarca, ampliándose despois a máis zonas da provincia.
Entre os acordos alcanzados con Renfe figura ademais unha campaña de promoción dos balnearios ourensáns coincidindo co inicio das viaxes comerciais da alta velocidade, coa emisión dun vídeo sobre o programa "Ourense, la provincia termal" e outras campañas publicitarias a desenvolver no primeiro trimestre de 2022.

Pode que O Carballiño estea doblegando a curva de contaxios nesta sexta onda expansiva da pandemia, toda vez que por cuarto dia consecutivo baixa a IA a 14 dias no municipio carballiñés, que chegou a alcanzar a pasada semana os 880 casos por cada 100.000 habitantes a pasada semana e sitúase hoxe martes 14 de Decembro nos 674 casos por 100.000 habitantes, unha incidencia en todo caso que continúa sendo moi alta. Os contaxios activos a dia de hoxe no concello do Carballiño son 110.
NO resto de municipios mantéñense estables os datos, con Maside á cabeza con 16 casos activos, San Cristovo de Cea con 9 e Beariz con 6. O resto de concellos manteñen casos illados, incluído Punxín, que viña resistindo libre de virus nos últimos meses e rexistra hoxe un primeiro caso nesta sexta onda da pandemia.

As taquillas de Espñedo abrían ás 10 da mañá para poñer á venda as entradas para o público en xeral, dende antes das oito da mañá xa había persoas agardando na cola para asegurarse unha entrada para o histórico encontro da segunda ronda da Copa do Rei que xogarán este xoves ás 19:00 horas CD Arenteiro e Valencia C.F.
As entradas quedaron esgotadas a última hora da mañá, e eso que so se despachaban 3 entradas por persoa. Ninguén quedará sen poder ver este partido, o máis importante e tamén o máis mediático nos 63 anos de historia do Arenteiro, xa que será televisado en aberto por Mediasset, a través de Cuatro Tv.

O grupo municipal popular manifesta que " no pleno se vai celebrar o próximo mércores no Concello do Carballiño, o Grupo de Goberno pretende subir o 2,7% de todos as taxas e prezos públicos que cobra no Carballiño, sen facer caso de todos os informes dos técnicos municipais que lle están dicindo que esa suba é ilegal".
Recordan que no pleno do pasado mes de outubro, os socialistas aprobaron inicialmente a suba "a pesar de que os informes xa os advertían da ilegalidade, e agora pretenden manter a súa postura, sen tan sequera molestarse en dar unha explicación". Asemade, engaden que esta subida das taxas e prezos públicos municipais aprobouse iniciamente "cos votos en contra de toda a oposición, a pesar de que os informes técnicos de Tesourería e intervención estábanlle dicindo que era ilegal. O Grupo Popular fixo alegacións contra esa suba, dándolle a oportunidade de rectificar, pero atopámonos con que non teñen a intención de facelo".
Aseguran os populares que "dende o primeiro momento os informes dos técnicos municipais (todos, intervención, secretaría e tesouraría) eran clarísimos, dicindo que non podían facer esa suba, e agora, ao examinar as alegacións presentadas, son aínda moito máis".
E mesmo fan referencia literal ao informe do Secretario: “Visto o art. 25 do TRLFL que dispón que os acordos de establecemento de taxas pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público, ou para financiar total ou parcialmente os novos servizos, deberán adoptarse á vista de informes técnicoeconómicos nos que se poña de manifesto o valor de mercado ou a previsible cobertura do custo daqueles, respectivamente. Este informe incorporarase ao expediente para a adopción do correspondente acordo. Os informes tecnico-economicos que non consta no expediente, e sobre o que versa este informe, o que unido a mais que ampla xurisprudencia existente suporán a nulidade do procedemento e cos efectos recollidos no presente informe.”
Os populares tamén indican que "Interventor e mais da Tesoureira abondan na mesma línea, esixindo os informes económicos que o Grupo de Goberno non fixo nen quere facer, acordando a suba dos impostos sen que existan motivos para elo".
Finalmente, o Grupo Popular advirte que "non vai consentir estes feitos, polo que de non retirar esta suba ilegal e inxustificada das taxas e prezos públicos do Concello, estudará acudir aos tribunais para obrigar o Grupo de Goberno a cumprir a lei, e a non subirlle os impostos os veciños sen xustificación ningunha".

A concellería de cultura do concello do Carballiño programa para as próximas semanas actividades para todas as idades, ainda que con especial protagonismo para o público infantil:
CONCERTO DE VILANCICOS GALEGOS VOX STELLAE
Día 12 ás 19:00 h no Templo da Veracruz
CINE CLUB CARBALLIÑO
“TITANE”
Día 17 ás 20:00 h e ás 22:30 h (VOS) no Auditorio Manuel María
OS QUEIMATASAS “OS ELEGANTES EN PERCUSIÓN”
Día 18 ás 19:00h polas rúas do Carballiño
MONÓLOGO
BEATRIZ RICO
Día 19 ás 19:00 h no Auditorio Manuel María
GALA CENTROS EDUCATIVOS
Día 21 no Auditorio Manuel María e será retransmitido posteriormentre no facebook do Concello do Carballiño
PASARRÚAS DO TRINEO DE PAPÁ NOEL (Organiza CCA)
Día 22: de 16:30 a 18:30 pola rúas da vila de 18:30 a 20:00 recepción cartas na Praza Maior
PAPÁ NOEL CONVÍDATE A SÚA CASA (Organiza CCA)
Con máquina de neve Día 23 na Praza Maior
TEATRO INFANTIL,COMPAÑÍA: CULTURACTIVA
OBRA: “ROSALÍA”
Día 24 ás 12:30 no Auditorio Manuel María
Público: infantil e familiar de 4 a 10 anos
CONCERTO DE NADAL
ORFEÓN DO CARBALLIÑO
Día 25 no Templo da Veracruz
PANXOLIÑAS NO RURAL
Os Serandeiros percorrerán o rural os días 25 e 26 .
CINE CLUB CARBALLIÑO
Ciclo de cine infantil os días 25, 26 e 27 no auditorio Manuel María
CONCERTO DE FIN DE ANO
CORAL POLIFÓNICA DO CASINO DO CARBALLIÑO
Día 28 ás 12:30 horas no Casino
SÚBETE AO TREN DE NADAL DO CCA
Día 3 de xaneiro de 10 a 14 horas e de 16 a 20 h
GRAN CABALGATA DE REIS
Día 5 de xaneiro
SORTEO DO CCA DE 1500 € en VALES DE COMPRA
Día 6 de xaneiro
MUSICAL TRIBUTO “REY LEÓN”
Día 8 no Auditorio Manuel María
CONCERTO DE REIS
CORAL POLIFÓNICA CASINO DO CARBALLIÑO
Día 6 de xaneiro ás 18 horas no Templo da Veracruz
EXPOSICIÓNS DURANTE O MES DE DECEMBRO/2021
Organiza Asoc. Cult. O POTIÑOS
ARENTEIRO FOTOGRÁFICO. Asociación fotográfica O Potiños
- Exposicións: Ana Iglesias – Retrato (Casa do Concello)
Sala de Exposicións do Auditorio: Brais Lorenzo, fotoperiodista.

Xa é oficial, o club acaba de recibir a comunicación do comité de competición da RFEF que confirma que o partido de copa do próximo xoves ante o Valencia xogaráse no estadio municipal de Espiñedo.
Os socios do Arenteiro terán preferencia para retirar a súa entrada, dende hoxe venres e ata o próximo domingo dia 12 nas taquillas de Espiñedo, en horario de 17 a 20 horas e polas mañás de 10 a 13:30 horas. A partir do lúns a venda será libre, tanto para socios como público en xeral. Os prezos das entradas son 15 euros para socios e 30 euros para os non socios.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o concello de San Amaro, onde mantivo un encontro co seu alcalde, Fernando Redondo, para analizar e facer repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia, entre elas, a cuberta do Centro de Saúde.
Tras a reunión, o delegado territorial visitou as obras de mellora do abastecemento e do sistema de depuración que se están a desenvolver grazas ás axudas concedidas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, por importe superior aos 70.000 €. Concretamente, a Xunta concedeu ao Concello de San Amaro unha axuda de máis de 21.000 euros para a mellora do abastecemento no municipio; e outra por importe de 49.210 euros para a conexión da rede de saneamento e depuración do lugar das Viñas á rede das Casas Novas.

O Carballiño sumou 115 novos positivos nos últimos 14 dias, o que representa unha incidencia acumulada de 816 casos por cada 100.000 habitantes.
En canto a contaxios activos, O carballiño alcanza hoxe os 120 contaxios activos, un incremento que tamén afecta a outros concellos da contorna, que tamén soben o número de contaxios activos: San Cristovo de Cea ten 8 casos, Maside tamén rexistra 8 contaxios, O Irixo 4, con 3 casos -respectivamente- figuran os municipios de Beariz e Boborás, con 1 contaxio están San Amaro e Piñor, polo que o único concello comarcal que resiste sin notificar casos nesta sexta onda da pandemia é o de Punxín.

A banda ancha ultrarrápida chegará a seis dos nove concellos da comarca carballiñesa durante os dous próximos anos no marco do plan de ampliacion do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para beneficiar a empresas e fogares, asi o acredita a resolución definitiva da convocatoria do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Ancha, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
Desta maneira, os primeiros proxectos desenvolveranse nas chamadas "zonas brancas", é dicir, aquelas áreas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 megabits por segundo, nin plans para a súa dotación no próximos tres anos. A data límite para a súa execución é o 31 de decembro do 2023, de modo que a cobertura de banda ancha comezará aextenderse a partir do próximo ano nestes concellos con problemas de conectividade. Os plans son plurianuais, polo que as tarefas contempladas na convocatoria do 2022 poderanse executar ata o 2024 e os do 2023 ata o 2025, para chegar así á totalidade da poboación en tres anos.
Na comarca do Carballiño, son en total 132 as áreas na que Telefónica desplegará redes de banda ancha ultrarrápida, figuranda á cabeza o concello do Irixo con 46 zonas brancas, seguido de O Carballiño con 29, Beariz con 18, Boborás con 18, San Amaro con 14 e Maside con 6. Quédanse fora deste plan do goberno os concellos de San Cristovo de Cea, PIñor e Punxín, nos que non se contempla ningún tipo de actuación deste deste programa. Dentro do noso ámbito tamén se quedan fora os municipios de Avión e Cenlle, mentres que no de Leiro contemplanse 3 zonas brancas.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 223
- 224
- 225
- 226
- 227
- 228
- 229
- 230
- 231
- …
- seguinte ›
- última »