22, Maio 2021

Dos 3 casos covid  que permanecían activos fai pouco máis dunha semana, pasamos hoxe a 16 contaxios na comarca carballiñesa, según a última actualización de datos do Sergas correspondente a este sábado dia 22 de Maio. 

Encabeza esta relación de concellos afectados con 10 contaxios activos O Carballiño, seguido do Irixo que rexistra 3 casos. Con 1 contaxio activo están Boborás, San Amaro e San Cristovo de Cea, respectivamente. Os demáis concellos da comarca non rexistran persoas enfermas de coronavirus a dia de hoxe.

20, Maio 2021

Fitur acolleu hoxe a presentación de"Sendeiros polo país dos ríos", o novo producto turístico do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño, que ofrece unha diversidade de rutas de sendeirismo que teñen en común que os seus percorridos seguen o curso de varios ríos do territorio comarcal.

Concretamente, os 14 concellos integrados neste novo paquete turístico son A Arnoia, Beariz, Castrelo de Miño, Cenlle, O Irixo, Maside, Melón, Piñor, Pontedeva, San Cristovo de Cea, O Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro. No acto de presentación en Fitur proxectouse un vídeo e tivo unha intervención o Presidente do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño, Francisco Fernández.

Para ver o video promocional sigue a ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=U2XkPKvcmrA

19, Maio 2021

O parque natural e cultural da Insua dos Poetas, na carballiñesa parroquia de Madarnás, acollerá a derradeira fin de semana do próximo mes de Agosto o Festival "OURENROCK", que se organiza cada ano coa colaboración da Deputación de Ourense e o patrocinio de outras entidades e empresas.

O sábado 28 actuarán Iván Ferreiro e Indomable. O domingo 29 subiránse ao escenario Nos da Insua dos Poetas o grupo M-CLAN Acústico e a xoven promesa LAU.

As entradas, ao prezo de 25 euros para cada dia. sairán a venda nos próximos dias en www.ourenrocksound.com e a plataforma woutick. Sinalar que o evento realizarase cun aforo reducido, entradas nominativas,grupos de 1,2,3,4, e 6, persoas e distancias de seguridade, e demáis medidas vixentes no seu momento.

19, Maio 2021

Os representantes da Plataforma pola defensa do transporte público do Carballiño e Comarca lamentan "a actitude pasiva e complice da sociedade carballiñesa, mentres se comete un golpe letal ao futuro do Carballño".

Ramiro Bello, en representación deste colectivo, demandou unha maior implicación tanto por parte da veciñanza como das institucións que nos representan e recordou que cos inicios da pandemia e o estado de alarma, foron suprimidos os servizos ferroviarios que a diario se prestaban entres as estacións do Carballiño e Ourense e aínda non se repuxeron a dia de hoxe, máis dun ano despóis. Neste contexto, dende a Plataforma agardan que "co inicio do próximo curso escolar, a partir de Setembro volvan estar operativos os servizos que foron suprimidos".

Os dirixentes da Plataforma afirmaron "ter a nosa conciencia moi tranquila, porque fixemos todo o noso traballo, aínda que o certo é que non vemos avances, despois dun ano e medio de traballo a conclusión non pode ser máis desalentadora, as verbas quedaronse en verbas, non se fixo nada por resolver o desmantelamento da estación do Carballiño, estamos nunha deriva absoluta", manifestan. Recoñeceron, eso si, que a pandemia condicionou a actividade que viñan desenvolvendo dende esta Plataforma, unha actividade que agora esperan poder reactivar.

Asemade, agardan noticias concretas da anunciada estación intermodal para O Carballiño "estamos atentos para o que aquí se faga non sexa unha trapallada" e avanzan que volverán convocar á sociedade carballiñesa a unha concentración reivindicativa a favor do transporte público "isto será cando a situacion da pandemia sexa máis favorable e non se poña en risco a saúde de ninguén".

18, Maio 2021

Na liquidación do orzamento do ano 2020, a cifra de dereitos pendentes de cobro, ascende a máis de 5.000.000 de € e, lóxicamente, gran parte destes cartos proveñen de impostos impagados, aseguran dende Espazo Común. Engaden que "a xestión feita por parte do Servizo de Recadación merece unha atención especial e sería desexable a elaboración dunha auditoría para coñecer realmente as causas de que uns veciños paguen, outros non e a outros se lles perdoen débedas".

O Grupo Municipal de Espazo Común do Carballiño anuncia que vai presentar, para que sexa tratada no pleno deste mes de maio, unha iniciativa para que o Concello, amplíe os prazos de pagamento de débedas de particulares "xa que os que establece actualmente a ordenanza son inasumibles para moitos veciños", consideran.

"Son xa varias as persoas que se dirixiron a nós para expresar o seu desexo de facer fronte ás contías pendentes pero que non poden facerlle fronte ao ser prazos moi reducidos", manifestan dende esta formación politica no concello do Carballiño.

18, Maio 2021

A Concelleira de Medio Ambiente do Concello do Carballiño, Rita Soto, pon en coñecemento dos veciños e veciñas do Carballiño, o inicio da campaña de compostaxe doméstica co fin de aproveitar os residuos orgánicos e obter un abono de calidade e de balde. O que ,ademais, supón unha importante redución de gases de efecto invernadoiro e favorece a loita contra o cambio climático.

A campaña, que se leva a cabo nos concellos da provincia que teñen delegado o servizo de recollida de RSU na Deputación de Ourense, céntrase na distribución dos composteiros e no seguimento do proceso. Para poder solicitar a inclusión no programa o usuario debe ter a primeira residencia no Carballiño, un mínimo de 50 metros cadrados de horta ou xardín, non ter participado noutras edicións e o compromiso de estar presente nas visitas previstas na campaña.

A solicitude debe realizarse na área de medio ambiente do Carballiño en horario de 9h a 14h. Dende a concellería se anima á veciñanza a participar nesta experiencia que, sen dúbida, vén para quedarse.

17, Maio 2021

O Día das Letras Galegas tivo hoxe o gran acto de lembranza da poeta Xela Arias, á quen se lle dedica este ano a efeméride da nosa cultura. Jazz e poesía mesturados para dar forma no espazo único de natureza e intelectualidade que conforma a Insua dos Poetas (na Esgueva, Madarnás, O Carballiño). Sobre o escenario, o escritor porteño e ourensán Luis González Tosar destacou a personalidade de Xela Arias como muller e poeta e a súa amizade, para dar paso, de seguido, aos poetas Quico e Rochi Nóvoa, e á banda 4Mal Quarter Jazz, que brindaron ao público o espectáculo de música e palabras titulado "Musicando versos".

O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e demais persoeiros institucionais, sociais e culturais, nunha xornada na que e protagonista foi Xela Arias, poeta, profesora, editora e tradutora galega. A actividade, patrocinada pola Deputación de Ourense a través da Rede de Auditorios Provincial, contou tamén co apoio do Concello do Carballiño.

15, Maio 2021

Despois de varias semanas cunha incidencia en mínimos, con apenas 3 casos activos no Carballiño e cos 8 concellos restantes da comarca libres de virus, o certo é que chegamos á fin de semana con tendencia ascendente e con 4 concellos nos que o virus volve estar presente.

Según a última actualización de Sanidade correspondente ao sábado 15 de Maio, O Carballiño suma 7 contaxios activos, mentres que os concellos de Boborás, O Irixo e San Amaro notifican un contaxio activo, respectivamente. O resto de municipios seguen limpos de covid.

No Ribeiro, Ribadavia chega a 9 casos activos e Cortegada continúa con 1, os demáis municipios non rexistran contaxios activos.

14, Maio 2021

O Alcalde do Carballiño, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, o Concelleiro de Dinamización Turística e a experta en turismo Carmen Pardo, coordinadora da publicación, presentaron na casa do concello o informe "Estratexias Turísticas para O Carballiño", informe que pretende sumar propostas ao traballo que vén realizando para a dinamización do sector.

Tras un proceso participativo, que incluíu visitas de campo, entrevistas, focus group e visitas cliente misterio (virtual e presencial), chegouse a 27 propostas de actuación municipal que respectan os ODS (obxectivos do desenvolvemento sostible).

O documento estruturásese en varios piares, un de termalismo, como non podería ser doutra maneira, acompañado doutro de natureza, un terceiro de patrimonio histórico, outro de gastronomía e finalmente un sexto de márketing.

Propóñense, entre outros, no eixo de termalismo un proxecto de formación de sanitarios non médicos no sector termal ou un programa de incentivo ao residente para o termalismo, así como outra acción de atracción de investimentos. No eixo de natureza propóñense un parque de aventura, dado que o diagnostico demostrou o potencial do Carballiño para atraer turismo familiar ou, no eixo de patrimonio histórico, a recuperación da antiga fábrica de papel como tourism lab da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS