29, Marzo 2021

Pois hai veciños de Cea que parecen estar moi Ledos de que a entrada ó seu pobo leve nome dun Fascista; ah! agarda! O de José Antonio moléstalle un chisco o señorito pero o que non entende é o de Calvo Sotelo claro, eso é o que lle molesta porque Calvo Sotelo como solo foi un Ministro nunha dictadura pois debeu ser un bo home claro, como Fraga. Bueno Fraga é algo máis cun bo Home, é Deus para o señorito porque conqueriu tecer unha rede clientelar infinita para certo partido político, eso é o fundamental para estes señoritos que non teñen nin idea da Memoria Histórica: seguir vivindo do Público a costa da degradación social.

Pois non.

29, Marzo 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, visitou o centro histórico de Pazos de Arenteiro. O representante do Goberno galego aproveitou o percorrido pola localidade para explicarlle a nova orde de axudas para a compra de vivendas nos dez concellos da provincia, case medio cento en Galicia, que teñen declarado un centro histórico e cuxas bases saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 15 de marzo.

O delegado territorial informoulle “que o pasado 16 de marzo abriuse o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar esta liña de axudas ata o vindeiro 1 de setembro”, e subliñoulle “que se trata da terceira convocatoria deste programa, que para 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación coa que saíu convocada o ano pasado”.

Deste xeito, os beneficiarios poderán optar a unha axuda de ata 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (xa sexa nova, usada ou necesite de rehabilitación) localizada nun dos centros históricos existentes en Galicia. Na provincia, poderán acceder a este tipo de axudas os concellos de Allariz, Boborás, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Verín, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía.

A finalidade, salientou Gabriel Alén, é a de contribuír a fixar poboación de forma estable nestas zonas, lugares emblemáticos e cunha grande riqueza patrimonial e arquitectónica.

29, Marzo 2021

O Irixo é, cos datos deste lúns, concello candidato ao endurecemento de restricións, despois de varias semanas libres de virus, O Irixo suma hoxe outros dous contaxios activos, e contabiliza 5, o que o pon a un paso do endurecemento de restricións na próxima reunión do comité clínico.

O Carballiño incrementa en 2 os casos activos e alcanza os 15, e Maside mantén 4 persoas con infección activa, e Boborás 1. O resto de concellos siguen sen contaxios.

29, Marzo 2021

A Insua dos Poetas, no Carballiño, acolleu este pasado sábado a celebración do IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que na presente edición converteuse na primeira homenaxe ourensá á poeta Xela Arias, protagonista do Día das Letras Galegas 2021. Poesía, danza e música mesturáronse nun acto que incluíu o descubrimento dunha escultura do artista ourensán Alberto Fernández, realizada en granito procedente das canteiras de Melón e que, dun xeito simbólico, interpreta a poesía de Arias.

No parque temático situado na localidade carballiñesa de Madarnás e xunto co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, tamén participaron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como representantes das entidades colaboradoras, ademais do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, a familia da homenaxeada e representantes do ámbito cultural ourensán, entre outros.

O acto, titulado "Xela Arias en liberdade: auga, árbores e palabras", comezou cun espectáculo de música, danza e poesía conducido pola escritora Yolanda Castaño, para a continuación descubrir a escultura que perpetúa as obras fundamentais de Xela Arias e que, ademais, se inspira nun dos seus versos: "unha árbore no canto dunha lúa preñada de soños".

Na quenda de intervencións, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, agradeceu o esforzo realizado por Luis González Tosar "para que a Insua dos Poetas siga a ser un lugar de referencia cultural en Galicia, a pesar da complexa situación que vivimos". Fernández dirixiuse á familia da homenaxeada para subliñar que "grazas a iniciativas como esta, Xela Arias terá en Ourense un espazo permanente no que recordar o seu labor", felicitando tamén ao escultor Alberto Fernández "porque tamén coa súa obra pasa a formar parte do legado da Insua dos Poetas".

"Xela Arias marchou demasiado pronto –dixo Luis González Tosar en referencia á temperá morte da poetisa, aos 41 anos- pero aínda así converteuse nunha das voces más innovadoras e rupturistas da poesía contemporánea en lingua galega". Tosar tamén tivo palabras de agradecemento para o escultor Alberto Fernández, "que contribúe a dar forma ao verdadeiro espírito da Insua dos Poetas, un parque temático no que a literatura e as artes plásticas dialogan co medio ambiente".

"Un espazo de liberdade e recoñecemento que vai construíndo Luis Tosar co seu esforzo", dixo Francisco Fumega, mentres Anxo Lorenzo subliñou que esta era "unha oportunidade para redescubrir a unha persoa que forma parte do universo literario e creativo de Galicia". Miguel Santalices, que agradeceu á invitación ao Parlamento, definiu a Xela Arias como "unha muller cun firme compromiso coa lingua galega", pechando as intervencións o fillo da poeta, Darío Xil, que no nome da familia agradeceu esta primeira homenaxe.

Os actos desenvolvidos na Insua dos Poetas coinciden, como vén sendo xa tradicional, coa Semana Escolar da Árbore e da Auga, organizada pola Deputación de Ourense, e que na súa sétima edición celebrouse entre os días 22 e 26 do presente mes, con motivo dos días mundiais da árbore e da auga dos pasados 21 e 22 de marzo, respectivamente, ademais de coincidir co inicio da primavera e o Día Mundial da Poesía, o pasado domingo.

29, Marzo 2021

É o colmo identificar a Calvo Sotelo ca dictadura franquista tendo en conta que foi asasinado polo frente popular  na madrugada do 13 de xullo do 36 por ser xefe da oposición na Segunda República. Estes do BNG andan aí aí cos que identifican a Churruca, Gravina e Cervera con fascistas ou franquistas. Que Santa Lucía bendita lles conserve a vista. E que calquer santo lles devolva o sentidiño.Que foras asasinado por auténticos fascistas comunistas non debe ser suficiente, pero que casi cen anos despois sexas vilipendiado por semianalfabetos xa é o colmo.

29, Marzo 2021

Nesta última semana saltou á prensa nacional o ridículo estrepitoso feito polo alcalde socialista de Palma, que tivo a brillante idea de quitar o nome dunhas cuantas rúas da cidade adicadas, segundo él e máis a súa ignorancia, a destacados dirixentes do réxime franquista, como foron Churruca, Gravina e Cervera. Claro que todos eles foran admirantes da Armada do século XIX, un pequeno detalle sen importancia cando o sectarismo é a única ideoloxía que un ten. 

Pois ben, parece que ó BNG de Cea, sempre atento ás necesidades principais dos seus conveciños, e tomando exemplo do mencionado alcalde balear, propón agora quitar o nome de ruas de Cea a Jose Antonio (de acordo ata ahí), pero tamén a Calvo Sotelo. Convén recordarlle entón ó voceiro do BNG en Cea algún pequeno detalle sobre a vida do citado Calvo Sotelo.

É que D. José Calvo Sotelo, sendo deputado elexido democráticamente durante a segunda república (polo partido xudicial do Carballiño, por certo), foi asasinado a sangue fría por milicias socialistas no ano 36, antes de comenzar a guerra civil. E o foi despois de ser ameazado nas propias cortes por Dolores Ibárruri, a Pasionaria, coa súa framosa sentenza de morte: "Este hombre ha hablado por última vez".

Calvo Sotelo foi, polo tanto víctima da intransixencia e do extremismo que parece estar apoderándose de novo da nosa sociedade nestos últimos anos de Podemos, Voxes e independentistas de todo signo. Calvo Sotelo foi, en todo caso, víctima dese enfrentamento civil que se levou por diante a tantos compatriotas e que nos levou a unha longa dictadura que sufriron varias xeracións durante máis de 40 anos. Pero no seu caso, foi víctictima da extrema esquerda, dos socialistas, que non se quedaron corta en tropelias antes e durante a guerra civil.

Eu creo que a aplicación da memoria histórica é necesaria. No Carballiño fai xa 40 anos que se cambiaron moitos nomes de rúas. Pero estos cambios deben realizarse coas máximas garantías que nos permita a historia, e sen sesgos ideolóxicos nin como escusa  para borrar toda mención a calquera nome que sone a España,  asimilando así todo o Español á dictadura. Cando a memoria histórica se fai cunha clara intencionalidade política, convirtese, ben en revanchismo, ou ben en un alarde de ignorancia.

28, Marzo 2021

Pleno de negativos, ningunha das 667 persoas que participaron no cribado realizado polo Sergas este pasado sábado no polideportivo Paco Chao do Carballiño deu positivo na PCR.

A este cribado estaban citadas 1000 persoas entre os 18 e os 55 anos. Nos dous cribados realizados anteriormente, a finais de xaneiro e principios de febreiro, e nos que participaran algo maís de 2.500 persoas detectáranse 17 casos asintomáticos

28, Marzo 2021

Para o BNG de Cea "vai sendo hora de eliminar do rueiro municipal aqueles nomes vinculados á ditadura franquista e substituilos por outros máis neutrais, que teñan implicacións positivas para a veciñanza". Este é o motivo polo cal o Grupo Municipal do BNG presenta para o seu debate, e agardan, aprobación, unha moción na que insta ao Goberno Local a iniciar o cambio de nome de varias rúas do concello. Segundo o BNG, "se queremos afondar na democracia é preciso buscar nomes que non provoquen o rexeitamento de ninguén, fomentando a neutralidade e o entendemento entre todas e todos, así como aproveitar esta circunstancia para enxalzar a Cea".

Tal e como afirma o portavoz nacionalista Manuel Pérez, "son merecentes de distinción aquelas persoas que levantaron o pobo co seu traballo e esforzo. Neste aspecto cabe destacar, sen menosprezo de ninguén, dous sectores que foron chave para levantar o concello, as panadeiras e a emigración". "As panadeiras cocían, levaban o pan e atendían o seu fogar. Así foron levantando pouco a pouco, co seu traballo diario, un sector que na actualidade e básico para Cea polo que ben merecen que unha das principais rúas leve o seu nome".

Por estes motivos, desde o BNG de Cea propoñen que as actuais rúas Calvo Sotelo e Jose Antonio muden o seu nome polo de "Avda das panadeiras", en clara alusión a un dos sectores referentes do concello ao tempo que solicitan que dita avenida comprenda o mesmo tramo que na actualidade corresponde ás dúas rúas modificadas. 

28, Marzo 2021

A comarca carballiñesa entra na Semana Santa con 21 contaxios activos de coronavirus, que se reparten en catro  concellos.

Á cabeza continúa O Carballiño, con 13 casos hoxe domingo, un menos que onte. Repiten dato Maside con 4 casos activos e O Irixo, que este pasado sábado entrou outravolta na relación de concellos afectados, con 3 contaxios. Pecha esta relación Boborás, onde queda unha soa persoa con infección actva. O resto de concellos mantéñense sen contaxios.

27, Marzo 2021

O cribado realizado polo Sergas nesta mañá de sábado no pavillón Paco Chao do Carballiño rematou cunha participación do 66,7%, a máis alta entre os 3 cribados feitos no Carballiño no que levamos de ano, acudiron 667 persoas do total das 1.000 que foran citadas. Os resultados serán comunicados ás persoas que participaron mediante SMS entre o domingo e o lúns.

Por terceiro dia consecutivo baixa a incidencia acumulada no concello do Carballiño, que se sitúa hoxe nos 120 casos por 100.000 habitantes, e tamén baixa o número de contaxios activos, que son hoxe 14 no municipio carballiñés. Tamén continúa a evolución favorable no concello de Maside, que baixa aos 4 contaxios activos, o próximo lúns dia 29 Maside abandona o máximo nivel de restricións e pasa a nivel alto, polo que recupera a mobilidade e a hostelería poderá atender en terraza.

A mala noticia desta xornada de sábado está no Irixo, onde se diagnosticaron 3 positivos nas últimas horas. Cea súmase ao resto de concellos da comarca, na relación de municipios libres de virus.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS