6, Outubro 2025

A Deputación de Ourense vén de adxudicar ao Laboratorio de Radon de Galicia (LRG) da Universidade de Santiago de Compostela a asistencia técnica do programa de cooperación para realizar as medicións deste gas nos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O Laboratorio está acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para medicións de radon e ten unha longa experiencia, sendo recoñecido a nivel nacional e internacional.

Este programa de cooperación, aprobado por unanimidade no pleno de xaneiro deste ano para protexer á veciñanza fronte aos riscos do radon, pretende colaborar cos municipios interesados na medición deste gas no seus respectivos ámbitos territoriais.

A práctica totalidade dos concellos da provincia amosaron o seu interese para participar neste programa de tal modo que, a primeira medición en postos de traballo das dependencias municipais será financiado pola Deputación integramente.

Unha vez que os concellos interesados informaron do número de estancias nas que traballa o persoal en planta baixa e soto, iniciouse o procedemento de contratación adxudicado ao LRG por importe de 14.976 euros, para contactar cos concellos e enviarlles as instrucións e os aparatos de medición que deberán ser colocados durante tres meses.

Unha vez rematado o tempo de medición, os medidores serán devoltos ao Laboratorio para recoller os resultados que serán comunicados aos concellos da provincia para que, en base a eles, poidan adoptar as medidas que recomenden os organismos acreditados, e axudar así a reducir as concentracións deste gas en caso de que existan niveis elevados.

Estes traballos de medición iniciaranse nos 20 concellos que foron os primeiros en aceptar a participación neste programa e, posteriormente, no prazo máximo dun mes ampliarase ao resto de concellos.

Os vinte concellos nos que se inicia este programa son: Arnoia, Beade, Melón, Calvos de Randín, A Rúa, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Celanova, Cartelle, Bande, Sandiás, Maceda, Xunqueira de Ambía, Taboadela, Castro Caldelas, O Bolo, Petín, Piñor, Toén e Cortegada.

A provincia galega con maior concentración de gas radon

Con este programa, a Deputación pretende colaborar cos concellos da provincia para protexer á veciñanza fronte aos riscos do gas radon, un elemento radioactivo natural, incoloro e inodoro, que se acumula en espazos pechados e cuxa inhalación prolongada asóciase a un maior risco de cancro de pulmón.

Ourense é a provincia galega cos índices máis elevados de concentración deste gas polas súas características xeolóxicas, é dicir, pola presenza de chans graníticos. Por elo, con este plan preténdese controlar e eliminar este elemento para protexer a saúde da veciñanza fronte aos riscos asociados ás elevadas concentracións deste gas.

5, Outubro 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu este domingo á XXXVII Festa do Cabalo Puzo do Lago, que se celebra na paraxe natural de Puzo do Lago, no concello de Maside.

Trátase dunha cita que congrega cada edición a afeccionados e espectadores para participar nun programa de actividades con diferentes competicións e exhibicións equinas, así como rutas a cabalo e xantar popular.

Isto reflicte a esta iniciativa como exemplo do dinamismo do rural galego e da capacidade económica e turística do sector cabalar para seguir xerando riqueza e atraendo poboación ao rural.

3, Outubro 2025

Sebastián Lamazares, Fátima Gómez, José Antonio Barge e Manuel Nogueira participan nesta tertulia de COPE O Carballiño, outro venres máis presentada e moderada por Xan Pinal.

Escóitaa aquí:

2, Outubro 2025

Deixando atrás máis de tres meses de baixa médica, Francisco Fumega  volve asumir as súas funcións ao fronte da alcaldía do Carballiño.

No transcurso dunha entrevista en COPE O Carballiño, Fumega avanzou cales van ser as  actuacións prioritarias na súa xestión, entre as que se encontran a humanización da Praza Maior e a súa contorna, asi como a apertura do vial que dará continuidade á rúa Faustino Santalices.

O rexedor municipal puxo en valor o sigñificativo incremento de poboación que ven rexistrando nos últimos anos O Carballiño, citando o Padrón Continúo, Fumega manifestou que o concello está a piques de alcanzar os 15.000 habitantes, estaría a apenas 15 habitantes de chegar a esa cifra, que consolidan ao municipio como o segundo con máis poboación da provincia, tras a capital.

Escóitao aquí:

1, Outubro 2025

   HOXE TAPARON O CRÁTER DA RÚA COLOMBIA, PERO SÓLO O CRÁTER GRANDE, O RESTO DA CALLE OUTRA VEZ SERÁ.       ESTO NON TEN TRAZA NIN XEITO. ÑAPAS OTILIO.

     HAI TEMPOS AQUELES! AÍNDA ME LEMBRO O DÍA QUE DIXO FUMEGA NA COPE QUE XA ESTABA METIDA A RÚA COLOMBIA NO PLAN DA DEPUTACION. FARÁ DOUS ANOS. AINDA ME LEMBRO DO QUE DIXO." Cando veña a maquinaria xa fai todo. O que custa é mover a maquinaria"

CONTEILLO OS VECIÑOS. DAQUELA MIRABANME RARO.  AGORA PARTENSE O CU.

 

 

 

1, Outubro 2025

Os veciños da Avenida do Balneario volvemos alzar a voz este pasado fin de semana nunha xuntanza veciñal na que analizamos as graves deficiencias que afectan á rúa e acordamos novas accións para esixir solucións.

Denunciamos as inundacións levan producíndose dende hai moitos anos, pero a situación empeorou considerablemente tras as obras realizadas nas rúas Brasil e Cuba.

Dende entón, con cada episodio de chuvia, as alcantarillas desbórdanse, as tapas saltan e as augas residuais rematan vertidas na vía pública. O problema non só se limita ás inundacións: tras cada desbordamento, a rúa queda cuberta de restos, toalliñas e residuos que permanecen durante meses sen seren retirados, xerando cheiros insoportables.

Xa no ano 2023, ante o deterioro progresivo da situación, os residentes organizaron unha recollida de sinaturas na que participaron máis de 150 veciños do barrio, co obxectivo de instar ao Concello a intervir de maneira urxente.

Porén, denunciamos que ata a data non se realizou ningunha actuación efectiva. Ante a falta de resposta institucional, os afectados reclamamos unha solución inmediata e advirtimos que, se non somos escoitados, verérmonos obrigados a valorar novas medidas para defender o noso dereito a vivir nun contorno limpo e seguro.

1, Outubro 2025

O Concello do Carballiño aposta pola mellora da seguridade vial e cidadá no casco urbano co investimento de preto de 130.000 euros para o pintado de pasos de peóns, a instalación de cámaras de video-vixilancia e tráfico e a renovación integral do grupo semafórico do cruce dos Catro Camiños, un dos puntos con maior tráfico da vila, por tratarse da Nacional 541 e o principal acceso ao centro da vila.

A primeira das intervencións, iniciada esta mesma semana, inclúe o pintado dun total de 84 pasos de peóns repartidos polo casco urbano da vila. A actuación, valorada en preto de 20.000 euros, comezou na avenida do Balneario e na rúa Martínez de Avellanosa. Os traballos estenderanse durante as próximas semanas para actuar no resto de rúas.

Evitar o vandalismo e o acceso a zonas de tráfico restrinxido

O goberno local ten en fase de licitación a instalación de tres cámaras de video-vixilancia e tres cámaras de tráfico para evitar actos vandálicos e o acceso de vehículos a zonas de tráfico restrinxido. Estarán na Veracruz, no Barrio de Flores e no parque infantil da Alameda. A intervención, orzamentada en preto de 37.000 euros, permitirá reforzar a seguridade da veciñanza e a identificación de quen comenta actos de vandalismo, pois esa será precisamente a misión das cámaras de televixilancia.

En canto ás cámaras de tráfico, gravarán e memorizarán as matrículas dos vehículos que accedan sen autorización ou fóra de horario a estas zonas restrinxidas, xerando as correspondentes multas e a súa incorporación ao sistema informático da Policía Local.

Os tres puntos (A Veracruz, o Barrio de Flores e o parque infantil da Alameda) son zonas nas que, de xeito recurrente, circulan ou estacionan vehículos sen autorización, o que afecta non só ao tráfico senón tamén á mobilidade peonil.

Cambio de grupo semafórico

Por último, o Concello do Carballiño tamén ten en proceso de licitación a substitución do actual grupo semafórico localizado no cruce dos Castro Camiños, na confluencia da N-541 coas rúas Catro Camiños e Curros Enríquez. O orzamento da licitación será de 75.000 euros e o obxectivo é mellorar a circulación na zona corrixindo os fallos e desaxustes dos actuais semáforos, o que en ocasións provoca retencións.

1, Outubro 2025

O Servizo Galego de Saúde vén de adxudicar á empresa COVIASTEC S.L. a construción do novo centro de saúde de Boborás por un importe de 1.816.809 euros.

A nova infraestrutura permitirá ampliar en máis de 200 m² a superficie do actual centro de saúde ata acadar os 786 m², o que tamén posibilitará a ampliación dos seus servizos.

En concreto, posibilitará dispor dunha consulta para a saúde da muller, unha consulta polivalente de urxencias e outra destinada aos pacientes respiratorios.

Ademais, o novo inmoble contará con dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermería e tamén unha novas sala de xuntas.

O deseño elixido para o novo centro de saúde busca a mellor integración coa contorna en todos os seus aspectos, empregando materiais característicos da zona, como a pedra e a madeira.

A empresa adxudicataria dispón do prazo de 16 meses para levar a cabo a construción deste novo centro de saúde co que se optimizará a calidade dos servizos asistenciais nesta localidade ourensá.

30, Setembro 2025

Este 30 de setembro foi o último dia de servizo para Paco Valeiras como xefe da Policia Local do Carballiño, cargo que viña exercendo desde o ano 2008.

Valeiras incoporouse á Policia Local carballiñesa en novembro de 1991, nesta maña de feira no Carballiño patrullando as rúas completou 34 anos de servizo como axente, sendo unha das persoas máis recoñecibles do concello para varias xeneracións de carballiñeses.

Na entrevista de COPE O Carballiño, Paco Valeiras fai memoria do que foi o seu paso pola Policia Local do Carballiño. Escóitaa aquí:

29, Setembro 2025

A Xunta vén de aprobar de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) do concello de San Amaro para dotar o municipio dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.

Tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.040 habitantes, clasifica un total de 62 núcleos rurais, repartidos en 8 parroquias. Deles, 46 son tradicionais, 7 comúns e 9 combinan partes tradicionais e comúns.

Ademais o Plan tamén contempla un total de 160 elementos de patrimonio cultural. Deles, 19 son bens etnolóxicos catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC); e entre os Bens Catalogados (CAT) hai 27 arqueolóxicos, 43 arquitectónicos e 71 etnolóxicos.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais.

O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

Na comarca do Carballiño xa contan con aprobación inicial do PBM os concellos de San Cristovo de Cea, Punxín e Beariz.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS