24, Febreiro 2021

A proposta vaise presentar por parte do grupo municipal de Espazo Común ante o pleno da corporación carballiñesa, que o 8M -Dia Internacional das Mulleres- teña unha dedicatoria en clave local, recoñecendo neste caso ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar nun ano marcado pola pandemia e no que foron moitos os colectivos que estiveron en primeira liña en momentos de grandes dificultades, sobre todo durante os primeiros e duros meses do confinamento, con especial protagonismo para o sector sociosanitario.

Neste contexto, Espazo Común recorda como as traballadoras do SAF carballiñés "tiveron, por exemplo, que afrontar os riscos das duras condicións que se viviron nos primeiros tempos cheos de incertidume e de falla de elementos básicos de protección, coma máscaras ou luvas. E, a pesares diso, en ningún momento desta pandemia deixaron de atender aos máis vulnerables: os nosos maiores e dependentes".

Asemade, remarcan como "a situación das mulleres no eido laboral ten moito que mellorar ata chegar a equipararse coas dos homes, en condicións, salarios e mesmo en recoñecemento. Xa que moitas veces os traballos que realizan son labores que na sociedade ainda se perceben coma intrínsecas da muller e por elo, son minusvaloradas social e económicamente".

Por todas estas razóns dende Espazo Común propoñen recoñecerlle a sua laboura coma unha das fundamentais e imprescindibles "para una sociedade de calidade e de benestar social. É moi de agradecer tamén o seu bo facer nestas circunstancias tan complicadas, creemos que o seu colectivo continua a ser a representación perfecta da segregación por sexos nos eido laboral que existe de xeito social establecido. E tamén un exemplo do moito que ainda queda por avanzar ata acadar una normalidade igualitaria".

Por todo o comentado, o Grupo Municipal de Espazo Común do Carballiño proporá na sesión plenaria deste xoves que o concello do Carballiño dedique especialmente un día tan sinalado coma o 8 de marzo ás mulleres que traballan so Servizo de Axuda no Fogar.

24, Febreiro 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, continúa coa súa rolda de encontros institucionais tras tomar posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial. Nesta ocasión, desprazouse ao concello de Piñor, onde mantivo unha reunión co corr alcalde José Luís González, analizando as principais demandas deste municipios en relación á Administración autonómica.

Nesta xornada de traballo na casa do concello de Piñor ambos mandatarios abordron diversos temas prioritarios para o municipio en materia ambiental e de patrimonio cultural, entre outros. O delegado sinalou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai contratar a redacción do proxecto da segunda fase da travesía do Reino.

Así mesmo, Gabriel Alén informou ao alcalde de Piñor que Vicepresidencia da Xunta está a redactar o proxecto de construción dun novo albergue para peregrinos no concello de Piñor, que ascende a preto dun millón de euros, e cuxa singularidade é que contará con cabalarías para aqueles peregrinos que fagan o camiño a cabalo. Este futuro albergue de peregrinos ubicaráse na localidade de Arenteiro.

24, Febreiro 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle hoxe ao Concello de Avión a proposta de convenio de colaboración para impulsar a mellora do sistema de saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo. No ano 2013 finalizaron as obras de execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e dunha nova depuradora para 1.250 habitantes equivalentes. Porén, os núcleos do municipio ourensán de Sifón e San Vicenzo, contan na actualidade con redes de saneamento que conflúe en senllas fosas sépticas cuxo funcionamento é moi deficiente. Mediante este convenio, desde Augas de Galicia proponse solucionar estes problemas no saneamento. Para iso ten proxectada unha rede de conexión ata a depuradora de Avión, deseñada no seu día para atender tamén á poboación deste dous núcleos do municipio ourensán.

Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 148.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción. Pola súa banda, o Concello de Avión contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 37.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.

Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo. Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19. Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local. As obras proxectadas prevén a execución dunha rede de saneamento en tubaxe de PVC, estruturada en dous tramos. Esta intervención permitirá dar servizo a unha poboación de 94 habitantes para o ano horizonte 2045.

24, Febreiro 2021

Os dous indicadores reflicten hoxe bos datos para O Carballiño, con 9 contaxios activos menos que onte, quedando en 21 a cifra actualizada de persoas que están pasando pola enfermidade. Ademáis, tamén baixa a incidencia acumulada (IA) nos últimos 14 dias ata os 163 casos por cada 100.000 habitantes.

Tamén baixan os contaxios activos no conxunto da comarca, onde apenas quedan  12 contaxios activos de coronavirus: Boborás (5) Cea (3) Maside (2) O Irixo (1) Punxín (1) San Amaro (0) Piñor (0) Beariz (0)

23, Febreiro 2021

Os casos de Covid-19 tamén se reducen nos centros educativos da comarca carballiñesa a un total de 12 no informe facilitado pola Consellería de Educación correspondente a este martes dia 23 de Febreiro, antes das vacacións do entroido chegaron a sumar 29 casos.

O IES Chamoso Lamas rexistra 5 casos, con 3 figura o Colexio Terras de Maside, e con un único caso están a Escola Infantil Trastes, CPR Sagrado Corazón, CEIP Calvo Sotelo e CEIP do Irixo.

23, Febreiro 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle hoxe ao Concello de Beariz a proposta de convenio de colaboración para impulsar a renovación da rede de abastecemento no núcleo de Magros. Na actualidade os barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo, dentro do núcleo de Magros, dispoñen dunha rede de abastecemento moi antiga, instalada na súa maior parte polos propios habitantes do núcleo.

A rede presenta múltiples carencias, ademais non dispón de ningunha válvula redutora de presión, o que fai que parte do barrio de Aldea de Arriba estea a traballar con presións moi altas polo que as roturas na rede son frecuentes e causa problemas no funcionamento dos aparellos domésticos. Mediante este convenio, desde Augas de Galicia proponse a execución dunha nova rede de abastecemento en ambos os barrios do municipio de Beariz, para asegurar un caudal mínimo de auga ás vivendas e caudal nas bocas de rega e incendio. Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 84.000 euros.

Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción. Pola súa banda, o Concello de Beariz contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 21.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo. Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local.

Actuacións a executar

As obras proxectadas incluirán a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo, instalando tubaxe de 75 mm de diámetro. En ambos os extremos colocaranse válvulas redutoras de presión. Renovarase tamén toda a rede da Aldea de Abaixo con tubaxe. En conxunto, executarase un total de 456 metros de tubaxe, ademais de chaves de paso, bocas de rega, ventosas e desaugadoiros para o correcto funcionamento da rede. Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 431 habitantes.

23, Febreiro 2021

Pouca ou ningunha vergonza. Pouco ou nada máis hai que comentar.

23, Febreiro 2021

O Carballiño sube hoxe a incidencia acumulada no indicador dos últimos 14 dias, que se sitúa hoxe nos 198 casos por 100.000 habitantes, onte estaba nos 191 casos. Ademáis, tamén se incrementa un caso os contaxios activos, que onte eran 29 e hoxe son 30 no municipio carballiñés.

No resto dos concellos da comarca, os casos activos según esta última actualización de datos son os seguintes: Boborás (5) Maside (4) Cea (3) Punxín (2)  O Irixo (1) San Amaro (0) Piñor (0) Beariz (0)

23, Febreiro 2021

A historia de nunca acabar. A rúa Rega, fan e desfán, e non sabemos que están a facer agora.

23, Febreiro 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da nova liña de axudas directas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias adoptadas desde xaneiro, coa que se completa a activación íntegra do 2º Plan de rescate da Xunta, dotado en total con 75 millóns de euros.

O 2º Plan de rescate ten en conta, ademais das da hostalaría, as necesidades doutras actividades afectadas polas medidas sanitarias que obrigaron a pechar establecementos como poden ser os ximnasios, salas de espectáculos ou parques de ocio infantil, entre outros. A orde de hoxe destina 15 millóns de euros de maneira específica a compensar as consecuencias das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias no mes de xaneiro, en aras a preservar a saúde das galegas e galegos nestes espazos.

As axudas concederanse por establecemento e suporán contías que irán dos 1.900 euros aos 3.700, mediante a ponderación da duración dos peches, e con compensacións para os negocios con 10 ou máis persoas empregadas. Unha mesma persoa empresaria pode multiplicar estas cantidades por cada un dos establecementos dos que dispoña.

O prazo de solicitude para acceder a esta nova liña ábrese mañá mércores. Os empresarios disporán dun mes para poder cursar as súas peticións. A Xunta artellou un procedemento electrónico moi sinxelo, sen burocracia e compromete achegar os primeiros pagamentos en cuestión de días, como ocorreu co primeiro plan.

Requisitos
Para acceder ás axudas da liña activada hoxe bastará con que os solicitantes desenvolvan a súa actividade nalgún concello de Galicia e tivesen que pechar polas restricións ordenadas en xaneiro polas autoridades sanitarias.

Ademais da hostalaría, nas ordes con medidas sanitarias aprobadas este ano víronse afectados, entre outros, sectores como o de espectáculos, actividades recreativas e de lecer, cines, teatros, auditorios, ximnasios, centros de lecer infantil, escolas de música e danza, ou de actividade feirante.

A Xunta terá en conta o tempo no que os locais non puideron ter aberto ao público. No caso da hostalaría, computará como tempo de inactividade, o período no que un determinado establecemento mantivese pechado o interior e a barra, a pesares de manter o servizo en terraza ou para recoller.

Excepcionalmente, por mor da situación actual, poderán acceder ás axudas os negocios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas, sen prexuízo de que deban cumprir coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Axudas acumulables
Coa convocatoria de hoxe complétase a activación íntegra do 2º Plan de rescate, que está estruturado en dúas liñas de axuda: a primeira, para persoas traballadoras autónomas e microempresas -que se abriu o pasado xoves e está dotada con 60 millóns de euros-; e esta segunda de hoxe, con axudas automáticas para o sector da hostalaría e outras actividades pechadas desde o pasado mes de xaneiro, cun orzamento de 15 millóns. Desde novembro, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao tecido empresarial.

Todas as axudas do 2º Plan de rescate son acumulables entre si, polo que un mesmo beneficiario podería obter un máximo de 15.700 euros por negocio. Son, así mesmo, compatibles cos importes recibidos no 1º Plan de rescate. Deste xeito, un empresario que se beneficie de ambos os dous programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un máximo de 24.200 euros. Son ademais complementarias co resto das liñas de apoio artelladas polas diferentes administracións.

Para resolver dúbidas sobre o programa a Xunta ten habilitada a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es; ademais da aplicación móbil Gohu dispoñible para iOS e Android. Tamén pode obterse toda a información por medio da web da Consellería de Emprego e Igualdade.

Acondicionamento de espazos
Onte mesmo, por outra banda, a Xunta ampliou ata os 7 millóns de euros a dotación da liña dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para facilitar que a súa actividade sexa compatible coas medidas de protección da saúde ante a covid-19. Búscase asegurar a cobertura do maior número posible de investimentos que están a realizar os establecementos no acondicionamento dos espazos exteriores e na posta en marcha do servizo de vendas a domicilio ou para levar. Unha mostra máis do apoio decidido do Goberno galego a un dos sectores que peor o está a pasar por mor da pandemia.

Con apoios directos do 80% do investimento, o programa diríxese a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1.200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 28.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS