
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de manter unha reunión co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, na que lle avanzou a sinatura neste primeiro trimestre do ano do convenio de colaboración para mellorar o sistema de abastecemento de auga. Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, abordou co rexedor as actuacións previstas neste proxecto que ten como obxectivo garantir o subministro de auga a cinco parroquias do municipio.
Para acometer as actuacións necesarias, cómpre asinar este convenio de colaboración entre a Xunta, o Concello de Leiro e tamén o Concello de Boborás, xa que un treito das obras desenvólvense polo territorio deste último municipio. O proxecto, xa redactado e supervisado desde o punto de vista técnico, conta cun prazo de execución de catro meses e cun investimento de máis de 330.000 euros. Trátase de renovar a tubaxe desde Pazos de Arenteiro ata a potabilizadora de Leiro coa fin de solucionar os problemas de falta de subministro de auga potable aos veciños e ás empresas da zona, ocasionados polas frecuentes roturas da rede. Os traballos centraranse na substitución da tubaxe existente por un tubo de abastecemento con capacidade para soportar maior presión.
Esta actuación desenvolverase ao longo de case 3,5 km que discorren pola estrada provincial OU-0414. A instalación da nova tubaxe realizarase no mesmo emprazamento que a actual, tendo que retirarase a existente, e garantirase o subministro á poboación mentres duren as obras mediante tramos ‘by-pass’ provisionais. As obras, unha vez finalizadas, permitirán dar servizo a unha poboación fixa de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045

O foco de coronanavirus declarado na residencia de maiores de Leiro fai que o número de contaxios activos siga aumentando neste municipio, nos datos facilitados por Sanidade neste dia 21 de Xaneiro o número de persoas afectadas pola enfermidade en Leiro ascende a 71, a maioría usuarios e traballadores do xeriátrico local.
A comarca do Ribeiro está atravesando polos peores dias dende que se declarou a pandemia en Marzo de 2020, sendo o de Avión o único concello que en plena terceira onda da pandemia resiste libre de virus.

Definitivamente, o coronavirus volve acelerar no Carballliño, que pasa dos 58 contaxios activos que notificaba onte aos 69 (+11) que rexistra hoxe. Tamén aumentan os casos en Maside (+3) e alcanza os 11 casos activos, Boborás (+1) e pasa a ter 3, e volve o virus a Beariz, que rexistra un caso cando onte estaba con cero contaxios.
Baixan un caso, respectivamente, Cea que se queda con 8 e O Irixo, que ten un contaxio activo. Sen variacións en Punxín, que continúa cun único caso activo no municipio, e tanto Piñor como San Amaro, que siguen sen contaxios activos.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar economicamente co Concello de Piñor nun proxecto municipal de restauración de antigas vivendas co fin de destinalas a alugueiro social entre a veciñanza.
No transcurso dunha reunión por videoconferencia, a conselleira Ángeles Vázquez trasladoulle esta tarde ao alcalde José Luis González a existencia de varios programas e liñas de subvención cos que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) apoia ás entidades locais para que poidan incrementar ou crear o seu propio parque de vivenda pública, polo que o animou a presentar o seu proxecto co fin de optar a financiación.
Neste sentido, avanzoulle que en breve publicarase unha nova convocatoria de axudas para actuacións de rehabilitación dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes interesados en recuperar edificios e vivendas de titularidade municipal para destinalos a alugamento social. A dotación desta orde será de 1,7 millóns de euros, un crédito inicial que, en todo caso, poderá ser ampliado.
Ademais, tamén se referiu ao Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado polo IGVS en 2017 para ofrecer préstamos sen xuros e en condicións vantaxosas para obras de rehabilitación do patrimonio construído; e ás axudas do programa de Infravivenda para municipios con menos de 10.000 habitantes, que prevé como actuacións subvencionables as obras de rehabilitación en edificacións e vivendas co obxecto de garantir que acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.
Por outra banda, a conselleira e o alcalde de Piñor tamén acordaron estudar posibles vías de cooperación entre ambas administracións con relación a outros proxectos do Concello en materia de urbanismo e equipamentos públicos dotacionais.

Esta bella estampa era a que podía verse este dia 20 de xaneiro na avenida do Balneario do Carballiño, consecuencia directa do funcionamento do alcantarillado tras as obras feitas polo concello nas rúas que baixan desde Julio Rodríguez Soto. Hasta cándo ?

O Carballiño rexistra 55 novos contaxios nos últimos 14 dias, con esta incidencia acumulada chega hoxe aos 58 contaxios activos de coronavirus, a cifra máis alta desta terceira onda da pandemia.
Tamén incrementa un caso hoxe o concello de Maside, que alcanza os 8 contaxios activos. San Cristovo de Cea continúa con 9 casos, con 2 Boborás e O Irixo e con 1 Punxín. Resisten con cero casos os municipios de Beariz, Piñor e San Amaro.
Leiro e Avión
O concello de Leiro chega hoxe aos 42 contaxios activos, cun incremento de 7 casos nas últimas 24 horas, aínda a maioria das persoas enfermas pertencen a un mesmo foco localizado na Residencia de Maiores da localidade
Na comarca do Ribeiro, o único concello que resiste con cero contaxios é o de Avión, que leva varias semanas sen rexistrar casos de coronavirus.

O Instituto Galego da Vivenda e o Solo incluirá este ano esta obra de mellora no "Fondo de Cooperación para Rehabilitación de Patrimonio Municipal", éste foi o compromiso adquirido co alcalde de Maside polo Presidente do IGVS no transcurso dunha reunión entre ambos mandatarios.
Desta maneira, a entidade autonómica achegará ao concello de Maside 205.000 euros para este proxecto de mellora do antigo grupo escolar, coñecido como o colexio vello, promovido pola instución municipal. Os traballos consistirán na reforma da cuberta do edificio, a carpinteiría e o sistema de climatización. A idea do alcalde José Manuel Iglesias, tal como manfestou en COPE O Carballiño, é "que sexa un espazo cultural para Maside, no que poidan centralizarse todas as actividades culturais".

Na exposición de motivos da moción que trasladará ao pleno da corporacion municipal, o grupo popular manifesta que "é un problema cada vez máis acuciante que O Carballiño ten o seu cemiterio parroquial colmatado, sen posibilidade de construción de novos nichos ou de adquisición dos xa existentes".
Engaden que o concello ten a obriga de proporcionar este servizo público a veciñanza "pois non sempre vai ser a Igrexa a que nos quite dos problemas nesta cuestión, e por iso é preciso que a nosa vila conte, canto antes, cun cemiterio que sexa civil e de promoción municipal, e que ademais dispoña de certos servizos que non ten o actual cemiterio de Señorín, como poden ser columbarios ou espazos públicos axeitados para os visitantes", remarcan.
Entenden os populares que "o máis desexable sería que o novo cemiterio fose unha ampliación do actual cemiterio parroquial, facendo así máis sinxela a tramitación dos procedementos ante Sanidade; pero de non ser posible a adquisición de terreos anexos, deberíase promover igualmente a súa construción noutro lugar do Concello". O grupo popular reproba que fai anos "vense anunciando en notas de prensa que o concello está a facer xestiós" pero sen ningún tipo de avance neste proxecto.
"Poden ser varias as fórmulas para conseguir o obxectivo de contar cun cemiterio civil municipal, pero temos a obriga ante a nosa veciñanza de comezar canto antes as xestións precisas, pensando ademais que o noso Concello non ten terreos propios para instalar esta infraestrutura",subliñan.
O acordo que o Partido Popular propón ao pleno da corporación carballiñesa ten dous puntos: PRIMEIRO: Que se aproben unhas bases técnicas e administrativa para que, por medio de concurso, se poidan ofertar terreos ó Concello do Carballiño para a construción dun cemiterio civil municipal. SEGUNDO: Que se habilite partida económica nos orzamentos do 2021 para a tramitación e adquisición dos terreos.

A tarxeta ideada polo concello do Carballliño no programa de reactivación económica pensado neste caso fundamentalmente para o comercio e a hostelería amplia o prazo de vixencia, que será ata o 28 de Febreiro de 2021.
Inicialmente, estaba programada con caducidade para o 31 de Xaneiro, non obstante as restricións de mobilidade que afecta a o concello do Carballliño levou aos responsables do Centro Comercial Aberto a solicitar a ABANCA que se prorrogáse por un periodo dun mes, pensando en todos os clientes que residen fora do municipio carballiñés. Calcúlase que a dia de hoxe aínda resta por gastar o 30% do diñeiro no total das 2.000 tarxetas que foron vendidas ao prezo de 25 euros, e cargadas con 50 euros.

O Carballliño pasa de 47 contaxios activos que rexistraba onte aos 51 que notifica hoxe martes, os mesmos do pasado domingo, a cifra que de momento marca o record de contaxios diarios nesta terceira onda da pandemia no Carballliño. Tamén incrementa un caso activo Maside, que se sitúa hoxe con 7.
No resto de municipios non hai variacións, e polo tanto continuamos cos mesmos casos activos dos últimos dias: San Cristovo de Cea (9) O Irixo (2) Boborás (2) Punxín (1) Beariz (0) Piñor (0) San Amaro (0)
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 288
- 289
- 290
- 291
- 292
- 293
- 294
- 295
- 296
- …
- seguinte ›
- última »