31, Xullo 2025

A Consellería de Economía e Industria acaba de remitir á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa tramitación ambiental o borrador do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) do parque empresarial de Carballiño-Maside, que afecta a estes dous municipios da comarca do Carballiño e que prevé crear 886.478 metros cadrados de solo para uso industrial.

Este proxecto conta con dúas zonas de actuación diferenciadas, xa que está localizado en dous municipios en ámbitos lindeiros entre eles. A primeira supón unha ampliación do actual parque empresarial do Carballiño ata o suroeste; e a segunda desenvólvese integramente no concello de Maside, ao sueste da estrada OU-504.

O acceso viario ao novo parque empresarial farase a través dun enlace a distinto nivel desde a estrada OU-504, no caso do sector de Maside; mentres que no caso de O Carballiño empregaranse as conexións do parque xa existente. A localización desde novo polígono é estratéxica para toda a comarca, xa que está próxima ao acceso da autovía AG-53, que une a Autovía das Rías Baixas con Santiago de Compostela e a AP-9.

O borrador do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) que agora se remite á aprobación ambiental prevé crear 886.478 m2 de solo industrial, dos que 517.710 m2 son de superficie útil. Desde xeito, a Xunta, a través de Xestión do Solo de Galicia – Xestur, multiplicará por 2,6 a superficie do parque actual, que conta con 341.395 m2, e que está practicamente esgotado, xa que tan só hai unha parcela dispoñible.

30, Xullo 2025

O Concello do Carballiño xa está inmerso na celebración da 63ª edición da Festa do Pulpo. Esta fin de semana, a Concellería de Turismo organiza a II Mostra de Viño do Carballiño, unha posta en valor da viticultura e do traballo realizado polas adegas da comarca.

A iniciativa, impulsada por primeira vez no 2024, gaña peso nesta segunda edición: o número de adegas aumenta ata 10 e haberá presenza internacional grazas á presenza da Adega de Favaios, procedente de Alijó, a vila lusa irmandada co Carballiño.

O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, destaca a boa resposta do sector vitivinícola, así como do público. “Agardamos que este ano as adegas e os asistentes tamén marchen cun bo sabor de boca”, apunta o edil, que convida a veciños e visitantes a achegarse ao recinto ferial durante a fin de semana.

Dez adegas

A II Mostra de Viño conta coa participación de 10 adegas: Casal de Armán, Viña Costeira, Adega do Eladio, Outeiro de Barra, Eulogio Collarte, Pazo Tizón, Eduardo Bravo, Adega de Favaios, Viña Carpazal e Adega Cotarelo. Cada unha delas presentará os seus mellores viños, que o público poderá degustar durante as dúas xornadas da mostra. Casal de Armán, adega creada nos anos 90 pola familia González Vázquez, presentará varios dos seus caldos, todos eles realizados con uvas do val do Avia. Viña Costeira sorprenderá ao público coa variedade de viños escollida, na que haberá oco para grandes coñecidos, pero tamén para novas propostas que pouco e pouco gañan máis adeptos. Pola súa parte, Adega do Eladio, creada en 2004, amosará a calidade dos seus caldos, elaborados a partir de uvas recollidas en viñas propias, herdadas de pais a fillos desde hai séculos. Outeiro da Barra presentará as súas dúas variedades, baseadas na tradición, a innovación e a creatividade. O colleiteiro Eulogio Collarte dará conta da calidade dos seus caldos e do seu proceso de elaboración a partir de uvas de Cenlle. O Pazo Tizón, de Moldes, recentemente galardoado coa medalla de ouro no Concurso Mundial de Bruselas 2025 pola calidade do Cuvée Treixadura 2022, dará conta do seu bo facer vitivinícola. Eduardo Bravo presentará os seus viños, elaborados coas uvas colleitadas en Paraxe de Flor de Vides. A adega Viña Carpazal levará á mostra os seus viños de autor cuxa personalidade radica nas uvas procedentes de antigos viñedos nas beiras do Miño. A Adega Cotarelo, situada no Barral, tamén nas beiras do Miño, levará os seus viños elaborados ao xeito tradicional. Por último, a Adega de Favaios de Alijó presumirá dos seus caldos do Douro, unha das zonas vinícolas máis emblemáticas de Portugal.

Programación

A II Mostra de Viño do Carballiño abrirá as súas portas este sábado 2 ás 12,00 horas coa actuación musical de Pola bica baila o can. O recinto pechará as súas portas ás 15,00 horas e volverá abrir ás 20,00 horas. Ás 21,00 horas o grupo Tres Pesos será o encargado de poñer a ambientación musical. A mostra pechará ás 00,00 horas.

Xa o domingo, o recinto abrirá as súas portas ás 12,00 horas coa actuación musical de Perrito Piloto. De novo, a mostra pechará ás 15,00 horas para volver abrir ás 20,00 horas. A agrupación Amigos do Acordeón Terras de Celanova será o encargado da animación musical a partir das 21,00 horas. A II Mostra de Viño rematará ás 00,00 horas.

29, Xullo 2025

O Concello do Carballiño vén de iniciar a renovación de mobiliario urbano coa substitución dos bancos da Praza Maior e a instalación de 40 novas papeleiras en diferentes ubicacións da vila. A intervención, realizada desde a Concellería de Política de Benestar Comunitario no marco do plan CooperOU, mellora a comodidade do espazo público e favorece a limpeza das rúas.

A concelleira, Rosa Fuentes, destaca a importancia da actuación, que supuxo un custe de preto de 12.000 euros. Nestes días de tanta actividade, veciños e visitantes puideron desfrutar xa dos novos bancos, cuxo deseño ergonómico está pensado para favorecer o repouso.

A actuación de substitución dos bancos foi adxudicada á empresa Mobipark. Pola súa banda, a colocación das 40 papeleiras repártese entre a empresa adxudicataria de limpeza viaria, FCC, e a propia concellería.

29, Xullo 2025

Estamos a só uns días de entrar no mes de agosto e achegámonos á semana grande do Carballiño, a do Pulpo.

Por sorte, e a pesares do desgoberno que padecemos, a afluencia de turistas é notable, coma tódolos anos e ben se nota en factores coma a gran número de vehículos que circulan a diario polas nosas rúas e avenidas.

Lamentablemente dende o Concello semellan decididos a ser sempre un problema permanente en vez de ser un proveedor de servizos de calidade a veciños e visitantes.
Agora atopámonos que xa dende hai días, polas vacacións do operario titular e a incapacidade para suplir o servizo con outros traballadores, como se facía de toda a vida, o Carballiño está sin servizo de grúa municipal.

Si, así é. A finais de xullo, co pobo cheo de xente e os endémicos problemas de aparcamento igual ca sempre, pois o goberno PPSOE deixa aos veciños sen grúa.
Dende Espazo Común demandamos a reposición inmediata deste servizo imprescindible e rogamos que este desgoberno deixe de ser un xerador de problemas absurdos que perxudican gravemente á cidadanía.

Asdo: Grupo Municipal de Espazo Común no concello do Carballiño.

28, Xullo 2025

O PSdeG-PSOE destaca a “aposta decidida” do Goberno encabezado por Pedro Sánchez pola provincia, que en 7 anos avanzou coma “nunca antes”, gracias aos “importantes” investimentos en materia de política social, emprego, mocidade e infraestruturas. As e os socialistas consideran que estes 7 anos de Goberno socialista “foron anos de política útil fronte ao ruído, de feitos contra o bloqueo, anos de crecemento, de xeración de emprego, de ampliar dereitos e de reforzar a convivencia”.

PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que valoraron “moi positivamente” tódalas iniciativas levadas a cabo polo PSOE dende o Goberno central e que provocaron “importantes avances na provincia de Ourense”. Na rolda interviron a deputada no Congreso por Ourense, Marga Martín Rodríguez; o senador, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario local das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, fixo balance da parte social, destacando os importantes avances en materia de emprego, de subida do salario mínimo interprofesional, de subida das pensións ou da creación do ingreso mínimo vital. “Este Goberno fixo algo que o PP dicía que era imposible, que era subir os salarios e crear máis emprego e os datos demostran que tiñamos razón porque o SMI subiu un 61% e acabamos de conseguir os 22 millóns de afiliadas e afiliados á seguridade social”.

A representante do PSdeG-PSOE de Ourense na cámara baixa puxo o foco nos datos da provincia, lembrando que en 2018, cun goberno do PP, en Ourense había 104.333 persoas afiliadas á seguridade social, namentres que hoxe son 108.226. Tamén destacou as pensións, nunha provincia que conta con 108.847, pensionistas e que pasaron de cobrar 732 euros a 976. En relación ao salario mínimo interprofesional pasou de 736 euros a 1184, beneficiando a 13.000 persoas na provincia, cunha suba mensual de 448 euros. E en relación ao ingreso mínimo vital, cabe sinalar que 11.500 persoas benefícianse hoxe del e foron máis de 9 millóns de euros os que viñeron para Ourense nesta materia.

“Estamos ante un Goberno que traballa, que xera máis emprego, que mellora os salarios, que amplía dereitos, que reforza a convivencia e que garante as pensións dos ourensáns e as ourensás”, apuntou Marga Martín. A deputada socialista finalizou afirmando que da man do PSOE “mellora a calidade de vida da cidadanía da provincia”.

Pola súa banda, o senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, fixo fincapé nos importantes investimentos en materia de infraestruturas. O representante socialista na cámara alta destacou que “cando o PP tivo oportunidade de facer algo pola provincia, impediuno, bloqueando o desenvolvemento, namentres que dende o PSOE fixemos todo o contrario e impulsamos medidas para mellorar a calidade de vida e rematar coa discriminación nunha das provincias máis envellecidas do Estado”.

En relación cas infraestruturas Villarino lembrou o AVE, “que chegou a Ourense gracias a un goberno socialista, despois de que da man de Rajoy se tapiaran túneles e se paralizaran obras por importe de 1.000 millóns de euros, namentres Feijóo e Rueda impulsaban un pendello na estación de autobuses”. Neste senso tamén apuntou á variante exterior “unha obra na que se destinan polo momento 300 millóns de euros, aos que se suman outros 300 na electrificación da liña a Monforte e que o ex ministro De la Serna chegou a dicir que non merecía a pena construíla”.

Villarino tamén subliñou obras importantes como a variante norte, que “permitirá que vellos soños da cidade como o boulevard termal se fagan realidade”; os 35 millóns destinados ao complexo cultural de San Francisco; os máis de 15 millóns nas obras do Museo Arqueolóxico; os investimentos no regadío da Limia con 42,2 millóns; a mellora do saneamento do río Barbaña e da EDAR de San Cibrao con máis de 35 millóns; os 9 millóns en dixitalización; ou os 6 destinados a BRIF de Laza. “Todos estes investimentos demostran as vantaxes que ten para a provincia contar cun Goberno socialista”, finalizou o senador do PSdeG-PSOE de Ourense.

O secretario local das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, puxo o foco na mocidade e nos investimentos do Goberno para os mozos e mozas da provincia”. “As becas aos estudantes permitiron impulsar o ascensor social, duplicándose as contías e beneficiando a máis de 70.000 galegos e galegas”, subliñou. Tamén puxo o foco no bono de transportes que “durante 2 anos permitiu que a mocidade e os estudantes non tiveran que pagar nada nas súas viaxes” e destacou que “o Goberno xa traballa na tarxeta de transportes única, un abono mensual que permitirá á mocidade e aos traballadores viaxar por todo o país en transporte público sen gastos adicionais”.

Gómez tamén destacou durante a súa intervención a subida do salario mínimo interprofesional, do que afirmou que “era vergoñento cando gobernaba o PP e hoxe segue medrando e resulta moi importante para a mocidade”. Por último apuntou a que este Goberno “ten proxecto e paga a pena seguir loitando”.

27, Xullo 2025

Vou facer un breve repaso da situación da comarca baseada na miña experiencia

Eu vivo moi ben onde estou, non o vou negar, teño a miña casiña co meu garaxe e a miña finca cos meus árbores (pinos, carballos, chopos, lourerico, alcolitos etc.....) pero cando baixo a garabás as pistas deixan que desear, a xente marcha de Bouzas, as casas caen, non vexo moito comercio (porque morren) e todo dios anda a roubar por esta terra e digo: ¿¿¿Non hay lei estamos no wild westt?? Onda andan os Gard. Cvis (dos locales non falo por respeto)  pra deter aos mangantes que as veces ate esperan fora da casa a ver se che poden roubar, mober os marcos e os do poboado e agora os que veñen de fora de españa o que che montan, nunca tan inseguro no meu lar, e por faquín e lamasaida tamen terrible e por canedo NIN O CONTO, ¿¿Que lle pasou a nosa comarca?? Porque os politicos non fan algo por nos que para algo os votamos e confiamos niles, eu mire votei ao psoe e o pp, admitoo pero dende fai 10 anos non voto porque o que nos fan en madrid e en santiago e despois polo partido xudicial e para machacalos e que volvan os militares, e non o digo por mal pero xa esta ben, as aceras do carballiño? Eu recordabaas  bien pero volvino carballiño (levaba sin ir dende o ano 12 e non recoñecia a vila, e a cousa nova que fixeron na veracruz moi bonita pero caese e esta xa desfeita, pero unha suciedad que non te la crees¡¡¡¡ Xa vin o que fixeron o pachis, o Argemero do arenteiro e o fumega e asi non se pode levar a nosa ciuda, este rincon do mundo era o mellor digocho eu pero agora vilagarcia, Lalin, ponferrada, Crecente e ata chantada gustanme moito mais, hai que porse as pilas co patrimonio, aceras, deter os ladrós e poñer bonitas e seguras as vilas E AS ALDEAS, que e o corazon da nosa comarca, menos plantar pinos de repoboacion e deixar todo feito unha fenteira e mais limpar o monte, iabos por a todos a limpar o monte, si señor. E bueno, perdoade a ortografia que e a primeira denuncia que fago e non son un home de letras, son do agro e do arado, un saudiño.  

27, Xullo 2025

O Concello do Carballiño organiza a Semana Grande para pequenos, unha proposta dirixida ao público familiar para desfrutar de actividades lúdicas ao aire libre. O programa, incluído na oferta cultural do verán, arranca este luns 28 de xullo, e remata o vindeiro venres, 1 de agosto.

Cada día, a partir das 18,30 horas, as familias poderán achegarse á Praza da Veracruz para desfrutar dunha divertida variedade de actividades. “Queremos que os nenos e nenas do Carballiño teñan o seu oco dentro da programación cultural do verán”, destaca Diego Fernández, concelleiro de Cultura.

Así, a Semana Grande inclúe inchables, espectáculos de maxia, música, festa da escuma e moitas sorpresas máis, das que desfrutará tanto a veciñanza coma os visitantes. “É unha semana especial pensada para que as familias se acheguen e se divirtan”, engade Fernández.

O concelleiro tamén destaca o lugar escollido para a Semana Grande, que non é outro que un dos puntos máis emblemáticos do Carballiño: a Praza da Veracruz. Por último, Fernández lanza un chamamento a todas as familias: “Que axenden estes días e desfruten da programación, que vai ser moi divertida”.

25, Xullo 2025

Boa Tarde. Son Elsa Martínez, veciña de Figueiroa de Punxín.

O motivo polo que me dirixo a vostedes é dar voz a gran frustación que temos os veciños desta aldea ante o agravante abandono do noso concello con nos. Durante anos, levamos reclamando dous problemas que para esta corporación local resultan parecer insignificantes. Un deles é o grave deterioro da carretera. Prácticamente intransitable debido os numerosos fochancos que cada ano son de maior profundidade e que abarcan dende ó acceso de barxelas a Figueiroa ata o final deste pobo. O que conleva o deterioro dos vehiculos que temos que transitar obrigatoriamente por ela. Algúns deles mesmo nos foxos.

É sabido que nas carreterar rurais, cando coincidimos 2 vehículos temos que poñernos na beira para poderes pasar ambos. Con fuchancos nos foxos ata podemos acabar rodando monte abaixo. Adxunto imaxes que non pensen son repetidas. Son as existentes en todo o tramo da carretera de Figueiroa. Cabe puntualizar que en época de choivas, a situación agrávase cada vez máis.

É tal o abandono de este concello neste lugar, que nunha nota informativa deste, dan a coñecer as melloras que se van facer na carretera nos tramos correspondentes de Vilela a Barxelas, ambos limítrofes con Figueiroa, e que non teñen ningún problema nelas. Nos escritos dirixidos en varias ocasións por este problema aplicouse o silenzo administrativo. Outro dos problems ós que fago referencia. é a existencia dunha colonia felina, tamén posto en coñecemento dende hai dous anos.

Sabemos que unha colonia felina pode propagar e transmitir enfermidades, atraer plagas... esto en canto o relativo a nós os humanos, nunha aldea donde predominamos xente maior. No que respeta ó bienestar animal: impacto na fauna silvestre, atropelos, maltratos, estrés e vulnerabilidade.... a Lei 7/2023 aborda a xestión de colonias felinas e gatos de rúa, recoñecéndoos como seres sentintes e suxeitos a protección. Dita lei establece que os concellos son os responsables da xestión destas colonias. Incluíndo a identificación, esterilización, vacinación e control sanitario dos gatos, mailo control poblacional mediante o método CER. A este segundo reclamo si me responderon... Que non había cartos.

Si esta corporación non ten a capacidade para abordar directamente este problema..non terá que transmitilo a un organismo que si a teña como órgano de goberno que é?. Espero que esta denuncia pública poida servir para darnos voz. Somos veciños dunha pequena aldea, pero pagamos tódolos impostos como calquer veciño dunha gran cidade.

Agradézolles de antemán a atención prestada. Reciban un cordial saúdo. 

P.D.: Exite un erro á hora de adxuntalas imaxes, é unha auténtica mágoa porque así non podedes percibir a gravidade do problema. Pero si me dicen unha dirección de correo electrónico ou whatssap, encantanda as envío. Grazas novamente.

25, Xullo 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, xunto ao alcalde en Funcións Pepe Castro-Gil e o concelleiro de turismo Manolo Dacal, participaron no acto de celebración do Día da Emigración no concello do Carballiño, unha iniciativa enmarcada na programación da Festa do Pulpo e que serve coma homenaxe a un colectivo fundamental no desenvolvemento da nosa terra.

Durante a xornada, e antes do inicio do concerto da artista Lucía Pérez incluído no evento, Miranda fixo entrega dunha placa conmemorativa ao presidente do Centro Galego de México, Alfonso Martínez Lorenzo, en recoñecemento ao labor desta entidade centenaria, fundada inicialmente como Orfeón Galego en 1911, e que conta na actualidade con preto de 1.700 socios e socias, todos de orixe galega ou descendentes.

O secretario xeral puxo en valor o papel fundamental que xogou e segue a xogar a emigración na construción da identidade galega, así como o compromiso do Centro Galego de México na preservación e proxección da cultura propia en terras americanas. Precisamente, nesta aposta por reforzar os vínculos coas colectividades galegas no exterior, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, emprenderá mañá unha viaxe institucional a Arxentina e Chile con motivo da celebración do Día de Galicia co obxectivo de continuar afondando nas relacións con estas comunidades e informar sobre as políticas de retorno que promove a Xunta.

24, Xullo 2025

Aquí podes escoitar o programa emitido neste venres dia 24 de xullo desde o concello de Piñor.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS