22, Xuño 2025
21, Xuño 2025

Quixera opinar o seguinte ante o comunicado emitido polo Partido Popular tras o último pleno extraordinario:

1. O respecto non se defende silenciando a verdade

Comparto como non pode ser doutro xeito, a necesidade de manter as formas democráticas e un clima de respecto institucional. Pero non concordo que se utilice o discurso do respecto como un escudo para evitar falar do trilerismo, que é o verdadeiro motivo da crispación de moitos dos que depositamos os nosos votos no PP pra ser ninguneados e traizoados por este sorprendente trilerismo.

2. O transfuguismo (trilerismo neste caso) é a falta de respecto máis grave que pode sufrir a democracia local

Un concelleiro ou concelleira que traizoa a confianza das urnas para cambiar de políticas  está faltando ao respecto á cidadanía, non quen  denuncia o trilerismo e mercadeo dos votos. O Partido Popular, co seu mercadeo de votos, está lexitimando un comportamento que degrada a democracia e mina a confianza da xente nas institucións locais.

3. O institucionalismo non pode ser selectivo

Apelar ao “sentido institucional” cando se está calando fronte á maior anomalía democrática que pode sufrir unha corporación municipal é, cando menos, incoherente. As institucións deféndense coa verdade, co compromiso democrático e co respecto á vontade popular, non coa equidistancia e coas medias tintas, ou co mercadeo da vontade dos votantes do PP.

4. O pleno foi convocado por responsabilidade, non para o espectáculo

O pleno extraordinario foi solicitado con seriedade, co único obxectivo de que a cidadanía saiba a verdade. Non se convocou para o enfrontamento, senón para poñer sobre a mesa un feito político de gravidade, e que cada grupo se posicione con claridade. Así o vexo eu. O modelo PPSOE é unha anomalía, unha aberración democrática que non anda nin ao revés. 

5. Quen non condena, ampara

O Partido Popular fala de responsabilidade, pero esquece a súa responsabilidade coa xente que depositou a confianza no seu discurso e que foi mutado por arte de maxia. E nesta situación, non posicionarse é tomar partido polo silencio, pola ambigüidade e polo beneficio que lles pode reportar o trilerismo. Iso si que non é responsable, nin respectuoso, nin democrático. É, dito dun xeito suave, unha tomadura de pelo. Porque o argumentario do PP pra tocar a vontade do seu electorado non se sostén por ningures. Caen todos e cada un dos seus argumentos falaces.

Moi ben pola oposición, tanto por Espazo Común, como polo BNG, o primeiro por propor a convocatoria deste Pletno que aporta máis claridade, e o segundo por aportar unha versión máis calmada pero que no fondo critica este trilerismo vergoñento. Hoxe en día a oposición é mais necesaria que nunca, tendo en conta que un partido da oposición, o PP, supedita os seus intereses ¿espúreos? á vontade do seu electorado.

 

21, Xuño 2025

Os traballos de mellora dos apoios do taboleiro do viaduto da autoestrada Santiago-Ourense (AG-53) sobre a A-52 farán necesarias afeccións ao tráfico a partir do luns 23.

Ademais o tráfico procedente da AG-54 (O Carballiño) verase afectado, debendo pasar directamente á N-541 desde o enlace de Maside.

Esta actuación prevese levar a cabo entre o luns 23 e o venres 27 de xuño, sendo necesario un corte de tráfico entre as 10 horas do martes 24 e as 13 horas do venres 27. O corte efectuarase na calzada dereita da AG-53 desde o enlace coa AG-54 (pk 79), desviando aos usuarios a través de AG-54, N-541 e N-120, para que accedan á A-52 a través dun enlace situado a 2 quilómetros do enlace entre AG-53 e A-52.

O desvío estará sinalizado e realizarase a través dos paneis na AG-53, colocándose tamén carteis específicos na conexión da AG-53 coa AG-54 e nas saídas do enlace de Maside, para orientar aos usuarios ata a N-541. No resto do percorrido, a través de N-541 e N-120, xa existe sinalización fixa permanente que guía aos condutores para acceder á A-52 en dirección Ourense.

O citado viaduto, obxecto dos traballos, dá continuidade aos dous carrís da calzada dereita da AG-53, Santiago-Ourense, conectando con A-52 e OU-402.

Para poder acometer a intervención cómpre levantar o taboleiro, liberando os neoprenos e deixando un espazo que permita a execución de todas as tarefas precisas, polo que non é posible manter o paso do tráfico sobre a estrutura.

Estas tarefas continuarán nunha segunda fase entre o luns 7 de xullo e o venres 11, cun corte de tráfico previsto entre as 10 horas do martes e as 13 horas do venres 11, que se comunicará con antelación.

20, Xuño 2025

Dende o Partido Popular, expresan "o rexeitamento rotundo a calquera falta de respecto producida no pleno de onte. As sesións plenarias deben ser un espazo para o debate democrático e a confrontación de ideas, pero sempre dentro dos límites do respecto e da convivencia institucional."

Fan referencia a este último pleno covocado por Espazo Común sobre o transfuguismo "comportamentos baseados en descalificacións persoais, interrupcións constantes ou actitudes ofensivas non teñen cabida nesta corporación. A cidadanía que nos elixiu merece un exemplo de responsabilidade, educación e compromiso co ben común".

Os populares do grupo municipal no concello carballiñés apelan "ao sentido institucional de todos os membros desta corporación para que se retome un clima de diálogo construtivo e de respecto mutuo. Non se pode defender ningunha posición política a través da falta de respecto".

Finalmente, manifestan que "noso compromiso é claro, seguiremos traballando por un pleno onde as ideas se debatan con firmeza, si, pero tamén con educación, respecto e altura
democrática".

20, Xuño 2025

Na tertulia deste venres 20 de xuño participan Sebas Lamazares, Fátima Gómez, Manuel Nogueira e José Antonio Barge, xunto a Xan Pinal.

Escóitaa aquí:

19, Xuño 2025

Os feitos aconteceron na tarde deste pasado mércores nas piscinas do Carballiño, un grave episodio violento protagonizado por dous mozos veciños do concello do Carballiño, e presenciado polos numerosos usuarios -moitos nenos- que estaban no recinto, atónitos co que pudo verse.

Ata cinco denuncias están presentadas contra os autores desta auténtica batalla campal, o concesionario do bar por destrozos de botellas e equipamento nas instalacións, as dos dous socorristas que estaban de servizo, que foron agredidos e sufriron lesións, asi como a encargada da "taquilla", á que amenazaron esixíndolle a entrega de diñeiro obtido pola venda de entradas.

Tamén presentou denuncia o concelleiro de deportes Pepe Castro-Gil, pola actitude violenta dos dous mozos e os danos causados no recinto público.

Cando chegaron ás piscinas Policia Local e Garda Civil, os protagonistas dos incidentes xa fuxiran, sendo posteriormente identificados e detidos. Esta mañá pasaron a disposición xudicial.

19, Xuño 2025

Escoita aquí a entrevista ao portavoz de Espazo Común, Adofo Nogueira, en COPE O Carballiño, tras a celebración do pleno extraordinario convocado a instancias deste grupo sobre o transfuguismo político;

19, Xuño 2025

A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) de San Cristovo de Cea para dotar o municipio dun instrumento eficaz de ordenación do territorio. A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica. No que se refire á tramitación, tras a aprobación inicial, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.989 habitantes, clasifica un total de 82 núcleos rurais, repartidos en 13 parroquias. Ademais o Plan tamén contempla un total de 530 elementos de patrimonio cultural, clasificados do seguinte xeito: Bens de Interes Cultural (BIC), 1 arquitectónico, 10 artísticos e 18 etnolóxicos; e Bens Catalogados, 71 arqueolóxicos, 128 arquitectónicos, 301 etnolóxicos e 1 relativo ao Camiño de Santiago.

18, Xuño 2025

O pasado 28 de maio de 2025, a cidadanía tivo coñecemento a través do Boletín Oficial da Provincia de Ourense da apertura do período de información pública relativo á solicitude de Autorización Administrativa Previa (AAP) e ao Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) dos parques eólicos denominados Agratina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi, promovidos por diversas empresas do sector.

Estes proxectos afectan a varios concellos da comarca, incluído o do Carballiño, xa sexa pola instalación directa de aeroxeradores ou pola construción das infraestruturas de evacuación da enerxía xerada, mediante liñas eléctricas de alta tensión. Destaca especialmente a reactivación dos proxectos Agratina e Agromaces nunha área que xa fora obxecto dunha avaliación ambiental desfavorable en 2022 (Proxecto Avoceta, expediente 2022/0148) por parte da Xunta de Galicia, o que incrementa a preocupación sobre a viabilidade ambiental desta iniciativa.

Ademais, non consta que o Concello do Carballiño puxera en marcha ningún proceso informativo nin establecera canles de comunicación coa veciñanza afectada, antes da publicación oficial no BOP. Esta ausencia de participación pública efectiva vulnera os dereitos da cidadanía e contribúe á súa indefensión, especialmente nun contexto de elevada complexidade técnica e cun prazo reducido de 30 días hábiles para a presentación de alegacións. Segundo o Estudo de Impacto Ambiental, as empresas promotoras xa terían mantido reunións con representantes municipais co obxectivo de asinar convenios de colaboración que destinarían parte dos beneficios a proxectos locais.

Porén, non existe constancia pública de tales encontros nin do contido destes supostos acordos. Un dos puntos máis sensibles é o trazado da infraestrutura de evacuación eléctrica (LASAT SE Carqueixa SE Agroventosas), que atravesa zonas de protección de augas minerais e termais, incluíndo a contorna do Balneario do Carballiño, entre os apoios 38 e 64. Esta situación podería afectar os acuíferos da zona, así como múltiples parroquias do municipio, como Seoane, A Piteira, Mudelos, Madarnás, Banga e O Varón, todas elas próximas a núcleos de poboación. Cómpre salientar tamén que este proxecto podería supoñer un impacto negativo sobre o patrimonio natural, paisaxístico e etnográfico, así como sobre a biodiversidade local e o benestar da veciñanza, polo que se considera imprescindible unha avaliación rigurosa, transparente e participada antes de que o proxecto avance nas súas fases administrativas.

Polo que o BNG do Carballiño, ven de rexistrar unha solicitude dirixida ó Sr. Alcalde cos seguintes puntos:

Que o Concello do Carballiño convoque asembleas informativas abertas nas parroquias afectadas, co obxectivo de explicar á veciñanza os detalles dos proxectos, os seus posibles efectos e as vías de participación cidadá.

Que se faga pública a posición oficial do goberno municipal respecto destes parques eólicos, indicando se ten previsto presentar alegacións a través das concellarías competentes

17, Xuño 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Lás, situado a 10 quilómetros do Carballiño, nos termos municipais de San Amaro e Punxín.

Esta publicación, polo tanto, supón o comezo do procedemento e a aplicación de forma inmediata e provisional do máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia.

Deste xeito, fundaméntase a declaración de San Cibrao de Lás como Ben de Interese Cultural “no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro”.

Ademais do seu valor histórico e arqueolóxico, San Cibrao de Lás destaca polo seu bo estado de conservación, cun 15% da extensión do poboado xa escavado e musealizado. Neste senso, o expediente destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono. Cómpre destacar que esta singularidade foi a que fixo que a Xunta o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia.

Tras esta publicación, ábrese agora un período de información pública dun prazo dun mes, que comezará a contar a partir de mañá, co fin de que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e facer alegacións. De igual xeito, solicitarase o ditame aos órganos consultivos correspondentes que acrediten o valor cultural sobranceiro desta instalación, que son necesarios para que conte con esta máxima protección e o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.

O inicio deste expediente para declarar Ben de Interese Cultural este espazo reflicte o importante compromiso do Goberno Galego por protexer, poñer en valor e conservar o patrimonio sobranceiro da nosa Comunidade. Así o demostran os 114 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando un total de 787.

Valor cultural singular
O Castro de San Cibrao de Lás foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou lugar elevado do cambio de Era, pero nas intervencións máis recentes ampliase a súa ocupación como castro entre os séculos II a. C. ata ou século II d. C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico ata o derrube da muralla e abandono definitivo do xacemento no século XI d.C.. As diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde inicios do século XX levan a describir o ben como un espazo elevado que conta con dous recintos ovalados e concéntricos.

Ademais, San Cibrao de Lás conta coa presenza dunha variada tipoloxía de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural na súa veciñanza que avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude, e a súa relevancia e valor cultural singular.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS