
Tras asinarse o convenio de colaboración entre a Área de Promoción Económica do Concello do Carballiño e a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto, o programa de tarxetas bono “O Carballiño Contigo” para a reactivación da economía local, bota a andar coa apertura do prazo de inscrición para os establecementos interesados en participar. O prazo de participación estará aberto dende o 1 de decembro ata o 15 de decembro, e as inscricións realizaranse a través de www.ocarballinocontigo.com.
Calquera consulta ou dúbida relacionada co programa atenderase exclusivamente a través do correo electrónico info@ocarballinocontigo.com. A participación obriga aos establecementos a colocar os materiais informativos da campaña nun lugar visible dos mesmos, a utilizar a imaxe oficial do programa en calquera publicidade ou promoción que realicen e a comunicar á Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto calquera incidencia ou mal uso dos bonos que poidan observar nas súas instalacións. Unha vez remate o prazo de adhesión dos establecementos, abrirase o período de distribución das tarxetas bono “O Carballiño Contigo” para todas as persoas maiores de 18 anos.
A veciñanza poderá adquirir, previo pago de 25 €, unha tarxeta bono de 50€ por persoa presentando o seu DNI, implicando deste xeito a toda a poboación activa na reactivación da economía local. Ademais de aplicar un criterio de universalidade social local, xa que os bonos estarán a disposición de todas as persoas maiores de idade, o programa contribúe a fomentar a economía circular, porque só serán válidos no Carballiño; a reactivar a economía, porque poderán gastarse nas empresas afectadas pola declaración do estado de alarma, e a implicar a toda a cidadanía no reto da reactivación e o consumo local.
A campaña terá un gran impacto na vila, xa que se distribuirán un total de 2.000 tarxetas e poden participar todas as empresas excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados), as estacións de serrvizo de combustible e as salas de xogo/apostas; e ademais, dado que haberá que gastar os bonos nun prazo determinado , garántese a recuperación do consumo a curto prazo. A maiores, a iniciativa persegue a sensibilización da poboación máis nova co consumo de proximidade fronte ás grandes superficies e a venda online e ofrece ás empresas participantes a oportunidade de fidelizar a súa clientela.

O Carballiño despide o mes de Novembro con dúas persoas enfermas menos que onte, polo que quedan 10 contaxios activos de Covid-19 no municipio, a cifra máis baixa dos últimos meses. Nos datos actualizados polo Sergas, Maside mantén 4 contaxios activos, Piñor 3, Boborás 2, San Cristovo de Cea 1, O Irixo 1, e con cero casos continúan os concellos de Punxín e San Amaro.
A nota discordante e preoucpante é a do concello de Beariz, que notifica hoxe 5 contaxios activos máis que onte, de tal maneira que as persoas con infección activa ascende hoxe a 34, a maioría vinculadas ao brote declarado na residencia de maiores da localidade.

Os portavoces socialistas dos Concellos de Cenlle, Beade, Leiro, Arnoia e Cortegada non saen do seu asombro e lamentan o “escurantismo e caciquismo do proceso de de selección para os módulos de xardinería e albañilería que se vai a levar acabo na Mancomunidade este próximo mércores dia 2 de Decembro nas instalacións deste Organismo para o próximo Obradoiro de Emprego RIBEIRO 21 para 20 alumnos por un importe de 352.946,00 xa que non cumpre moitos dos principios que marca o articulo 103.1 da Constitucion Española como son Publicidade, Capacidade, Merito, Igualdade, Transparencia".
Os portavoces comentan que para nada se lle deu Publicidade a devandito Obradoiro xa que "en ningún Concello dos que compoñen a Mancomunidade puxéronse bandos publicitando dita selección de persoal, xa que isto dá a entender por moito que queiran maquillar os Alcaldes é un total caciquismo e opacidade dos rexedores municipais xa que os portavoces decatámonos polos medios de comunicación".
Os socialistas tamén consideran "que sería bo que a Fiscalía tamén abrise unha investigación neste proceso, como outros anteriores, coma se está a facer noutros casos xa que estes principios de Transparencia, Igualdade, Capacidade, Merito, Publicidade que acabamos de describir e que reflicte a nosa Constitución Española están a obvialos os Alcaldes e os socialistas podemos asegurar ou moito equivocámonos de que algo raro hai en todo este proceso, porque é lamentable que queiran maquillalo dalgunha maneira, para dar a entender ante a opinión publica que todo é perfecto, pero como di o devandito”pensa mal e acertarás”.
Tamén aseveran os portavoces socialistas que "algún Rexedor e o propio Presidente non sabía que obras se ían a realizar atraves a realizar por parte do Obradoiro e xa estaba concedido por parte Xunta, unha cousa moi rara, xa que o normal, que primeiro se saiban as diferentes obras e presentar as memorias para que o conceda a Administración Autonomica, por iso temos moitas dúbidas sobre o que concierne a este Obradoiro e anteriores xa que se trata de diñeiro publico que este de todos que pagamos atraves dos nosos impostos"

Espazo Común asevera que "coas cifras de paro en vertixinoso aumento e a tremenda crise que padece o pobo, faise gravísima a perda destas dúas iniciativas por valor duns 600.000 € para o apoio aos desempregados".
O Carballiño non contará para o curso 2020/2021 nin con Obradoiro nin con Plan Integrado de Emprego, asi o avanzou o alcalde Francisco Fumega no pleno da corporación municipal celebrado a pasada semana, contestanto a preguntas do concelleiro de ESCO, Adolfo Nogueira.
Dende esta formación politica manifestan que "no contexto da peor crise económica que se lembra e cos datos do paro en alarmante ascenso, que o noso Concello perda arredor de 600.000 € en fondos para a promoción do emprego e a formación dos cidadáns para facilitar a súa inserción no mercado laboral é dunha gravidade incalculable".
Asemade, recordan que "será o segundo ano consecutivo sen obradoiro despois de que o ano pasado, a pesares dos burdos intentos de Fumega de enganar aos cidadáns, quedou demostrado sen atisbo de dúbida que se perdeu pola nefasta xestión da solicitude remitida á Xunta, ignorando sinxelos requerimentos e deixando pasar prazos. Será, tristemente, tamén o primeiro ano sen PIE (Plan Integrado de Emprego) ou Carbaemprega como se denomina no Carballiño dende 2016 en que se fixo por primeira vez, continuando con gran éxito nos anos 2017, 2018 e 2019 e polos que pasaron uns 450 alumnos, moitos deles acadando traballos grazas á súa participación nesta iniciativa".
Tras pedir tamén responsabilidades directas ao concelleiro de industria e promoción económica, José Manuel Dacal, Espazo Común anuncia que van demandar "o acceso urxente a tódolos expedientes destas solicitudes para tentar determinar as causas desta circunstancia catastrófica para O Carballiño".

O concello de Boborás vai repartir entre a veciñanza 2.000 unidades, paraugas e bolsas para a compra co lema "Se nos educas por igual, vivirémos en igualdade".
A campaña, que está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, acompáñase coa entrega dun díptico informativo no que se incide na importancia dunha educación cos valores da igualdade entre mulleres e homes.

Pulpo Paixón Madrid 2020 celebra este ano a súa quinta edición, do 11 ao 20 de decembro. É unha cita xa consolidada entre os eventos gastronómicos da capital de España, organizada pola empresa especializada en comunicación e eventos gastronómicos Nacho Sandoval, con gran repercusión en medios de comunicación e páxinas web de gastronomía e restauración.
Por iso o Concello do Carballiño, a través da concellería de Turismo, colabora achegando un lote de pratos de madeira promocionando a Festa do Pulpo, que se sortearán, xunto a botellas de viño, entre as persoas participantes no roteiro gastronómico, compartindo as súas fotos nas redes sociais, e os gañadores do concurso o Mellor Pulpo de Madrid en categoría tradicional, vangarda, e a mellor maridaxe en Madrid.
Máis información do evento en www.pulpopasión.com
Non é a primeira vez que o concello colabora con esta iniciativa, pois hai tres anos xa o fixo facilitando o prato co que se elaborou a primeira tapa xigante de pulpo no Carballiño, de 2,20 m de diámetro, para elaborar a tapa de pulpo máis grande de Madrid.
Así mesmo, Nacho Sandoval ten acudido en diversas ocasións á Festa do Pulpo do Carballiño, e promociona cada ano a través das súas redes sociais este evento.
O Delegado Territorial da Xunta, Gabriel Alén e o alcalde masidao José Manuel Iglesias supervisaron as actuacións que veñen de levarse a cabo no municipio, financiadas por medio de distintas achegas económicas da adiministración autonómica, que completou con fondos propios o concello de Maside.
Dunha parte, a sinalización da Ruta do Románico "Terras de Maside", que ofrece aos amantes do románico a oportunidade de achegarse as xoias románicas que ten o municipio, como son as igrexas de Santo Tomé Vello (tamén o cemiterio merece unha visita), asi como Santa Comba do Trevoedo, Louredo, Garabás ou a capela de San Mamede de Rañestres. Tamén forman parte desta ruta do románico masidao os restos das torres do Pazo de Santa Comba de Trevoedo e Mundiín, ésta última foi no seu tempo celeiro do Mosteiro de Oseira. Ademáis da sinalización, tamén se editou un díptico, e na páxina Web do concello poden encontrarse as coordenadas de cada monumento.
Doutra parte, delegado e alcalde visitaron as melloras efectuadas na zona da Alameda, na propia vila de Maside, incluida a reforma do parque infantil, que agora ofrece novos elementos de xogo para os cativos, entre eles unha tirolina.

Desde hoxe, 27 de novembro, dá comezo no Carballiño a campaña “Os seus dereitos en xogo”, unha iniciativa de Cruz Vermella cuxos principais obxectivos son; en primeiro lugar, promover o uso de xogos e xoguetes como ferramenta educativa e de transmisión de valores no contexto escolar e familiar; ademais de dotar ás familias en dificultade social con nenos e nenas ao seu cargo, de xogos e xoguetes, enmarcado nun sistema de traballo real con estas persoas para que se cumpran os obxectivos de transmisión de valores e xogo saudable.
Este ano, a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto súmase a esta marabillosa campaña asinando un acordo de colaboración con Cruz Vermella, onde se detalla que vinte e dous establecementos asociados actuarán como punto de recollida de todos os xoguetes doados para esta iniciativa solidaria; desde hoxe 27 ata o 15 de decembro.
A campaña enmárcase dentro do proxecto “O Xoguete Educativo” que desenvolve a súa acción durante todo o ano, e que teñen como obxectivo asegurar o dereito ao xogo de nenos e nenas entre 0 e 18 anos, así como sensibilizar sobre a importancia do xogo e o xoguete, e a súa incidencia no desenvolvemento evolutivo.
Que tipo de xoguetes?
· Novos: por equidade e non discriminación, para que todos os nenos e nenas teñan un xoguete novo. De acordo co principio de Imparcialidade, resúltanos imposible ter que discriminar a algunhas persoas dándolles xoguetes de segunda man, non cremos que haxa infancia de primeira e infancia de segunda categoría. Ademais, non podemos garantir que un xoguete sexa 100% seguro unha vez sacouse do seu envoltorio orixinal.
· Non bélicos e non sexistas e preferiblemente educativos: para favorecer actitudes de respecto e cooperación. Os xoguetes son elementos transmisores de valores sociais. A través do xogo os nenos e nenas adquiren coñecementos e comportamentos. Se fomentamos que a infancia utilice xoguetes educativos estaremos a favorecer valores como a tolerancia, diversidade, respecto, igualdade…
· Medioambientalmente sostibles: fabricados a partir de materiais con menor impacto ambiental.

O Concello do Carballiño retomará o próximo luns, 30 de novembro, a celebración da feira, que quedou interrumpida desde as restricións impostas no municipio do Carballiño o pasado mes de outubro. Co obxectivo de garantir as medidas sanitarias de seguridade e separación pola Covid-19, ampliaranse os espazos reservados para ubicar os postos de venda ambulante, co que se cumprirá estritamente a normativa establecida para o nivel 2. Así mesmo, pídese á veciñanza o mantemento da distancia de seguridade, o uso da mascarilla e o lavado frecuente de mans con xabón ou xel hidroalcólico.

Este luns 30 de Novembro, o gaiteiro Isidro Vidal participará en “O gaiteiro da Catedral” de Ourense, o acto diario que se leva a cabo ás 11.30h dende o alto da torre da Catedral de Ourense coma homenaxe ás vítimas da Covid 19 no que se interpreta o Himno de Ourense. Esta xa é a segunda vez que Isidro participa, pero coa peculiaridade de que esta vez o fará cunha gaita construída coas súas mans durante o curso de construción de instrumentos tradicionais que desenvolve a Deputación de Ourense no Obradoiro de construción de instrumentos musicais baixo a batuta do mestre Manuel Brañas.
Proseguindo coa actividade artística case reducida por mor da Covid, Isidro Vidal foi convidado a participar no Festival Celta de México, que este ano ten a peculiaridade de realizarse de forma online por mor das restricións sanitarias en ambos países, pospoñendo así a visita a México para o futuro. Este festival complétase cun elenco de artistas internacionais e coa colaboración do Festival da Terra Celta.
Deste xeito, Isidro Vidal profundiza na internacionalización da súa música, que o pasado verán o levou a realizar unha pequena xira por Portugal, actuando en diversos eventos como o verán cultural da vila de Chaves ou no Festival Identidades de Loivos entre outros. Aproveitando esta pequena incursión no país veciño, participou como asesor de música tradicional na residencia artística para o establecemento do currículo dos estudos regrados de música tradicional portuguesa, que se levou a cabo na Academía das Artes de Chaves.
Un ano cheo de cancelacións e adiamentos, pero no que a música estivo presente no día a día deste músico galego, que tamén participou noutros eventos como o Festival Intercéltico del Sur Celtasur organizado dende Cúllar Vega, o festival solidario Quedo, que teño que quedar para recaudar fondos para Médicos Sin Fronteras para a loita contra a Covid, ou na semana cultural da Festa do Pulpo do Carballiño, compartindo carteis con artistas como Susana Seivane, Hevia, Flook, Bagad Cap Caval, Alasdair Fraser e Natalie Hass, Sharon Shannon ou Duncan Chisholm (Wolfstone).
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 302
- 303
- 304
- 305
- 306
- 307
- 308
- 309
- 310
- …
- seguinte ›
- última »