18, Outubro 2024

Na Tertulia deste venres 18 de outubro, participan Sebas Lamazares, Fátima Gómez, José Antonio Barge e Manuel Nogueira, moderados por Xan Pinal.

Tamén foi destacada a participación da audiencia de COPE O Carballiño, sumandose coas súas opinións e comentarios a este animado tempo de tertulia.

Escóitao aquí:

17, Outubro 2024

O alcalde Francisco Fumega acudíu, como fai periodicamente, aos estudios de COPE O Carballiño, e no programa de mediodia presentado por Xan Pinal, o rexedor municipal atendeu as queixas e suxerencias da audiencia desta emisora de radio.

A unha destas preguntas, o rexedor municipal repasou e defendeu a xestión económica desde o seu acceso á alcaldía do Carballiño, asegurando que "collín un concello con catro millóns de débeda e hoxe está totalmente saneado, temos músculo económico, e pagamos aos proveedores en 30 dias, agora todo o mundo quere venderlle ao concello", resaltou.

Escoita a intervención íntegra de Fumega no PODSCAT de COPE O Carballiño:

16, Outubro 2024

A agrupación organiza un evento de música e baile tradicional que terá lugar o próximo sábado 19 de outubro, na Estación de Tren de O Irixo.

O encontro comezará ás 18:00 h cun obradoiro de baile tradicional que impartirá o profesor da escola, Ismael Rodríguez. Ao remate deste, ás 19:00 h iniciarase a foliada cos grupos invitados: “Xunquereteiras”, “Pandeireteiras de Zobra”, “Ferreñas do Testeiro”, “Airiños de Arnoia”, “Cuarteto Tradicional de A Carballeira”, “Grupo de música da EMBT Rebulir”, “Xúa” e “Pandeireteiras Celavella”.

Como remate desta segunda parte do serán e inicio da foliada libre ás 22:00 h, dende a Banda de Gaitas e Danzas O Irixo propoñen a divertida interpretación conxunta do baile tradicional do “Esparabán do Incio”, actividade que tivo gran aceptación entre o público da pasada edición do evento. A foliada libre estenderase durante o resto da noite e promete manter un ambiente festivo ao máis puro estilo da nosa cultura tradicional.

Dende a organización anuncian que ante a probabilidade de chuvia e frío, o evento transcurrirá baixo carpas nas que haberá venta de bebidas e bocadillos quentes.

Estará á venta o merchandising do II Serán de Outono e de participacións para numerosos sorteos que se rifarán durante a foliada, as cales se poden mercar de forma anticipada ou o propio día do evento.

15, Outubro 2024

O Grupo Provincial Socialista reclama na Deputación de Ourense a disolución do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) a que “a Corporación Provincial asuma as misións e proxectos que supostamente (este) desenvolve”.

“As funcións que desenrola o INORDE son unha inquedanza manifestada en sucesivos mandatos polo noso Grupo Provincial a través de preguntas e requirimentos, aínda que nunca se materializou nunha moción concreta, como agora é o caso”, explicou o voceiro socialista, Álvaro Vila.

Desde o momento da súa creación, en 1987, o INORDE preséntase coma un “organismo autónomo” con independencia económica e administrativa “para a realización das súas fins”. “Na práctica resulta que o Instituto non ten autonomía financeira, xa que o seu financiamento depende arredor dun 70% das achegas da propia Deputación”, explicou Vila. A aportación en 2024 da Deputación de Ourense ao INORDE ascende a 2.369.000 euros sobre un orzamento total de 2.856.204 euros, sendo “mínimos” os fondos que capta doutras administracións e proxectos comunitarios, estatais e europeos.

O voceiro socialista subliñou que, amais da súa dependencia económica da Deputación, o INORDE tamén está supeditado administrativamente e operativamente á Corporación Provincial. A modo de exemplo, Vila explicou como as funcións de asesoría legal corresponden ao secretario xeral da Deputación e as labores de control e fiscalización recaen no interventor da propia Corporación. Segundo dixo o voceiro socialista, “o Instituto está absolutamente supeditado aos recursos, escrutinio e control da Deputación, que determina as súas liñas de actuación e designa aos seus responsables existindo de facto un réxime de tutela”. Máis eficiencia e transparencia “Xunto coa ausencia de autonomía e o redobramento que implica o INORDE da propia acción da Corporación Provincial, o Instituto tampouco é modelo de eficacia nin transparencia”, engadiu Vila.

O político abondou en fitos como a ineficacia administrativa, desperdicio de recursos, rixideces organizativas, eivas na coordinación estratéxica e falta de transparencia na toma de decisión e xestión do INORDE. “Unha serie de elementos que fan que Instituto non sexa unha entidade protagonista no desenvolvemento provincial”, conclúe Vila. Porén que en 2024 os gastos de persoal representan un 40% do orzamento do INORDE, en exercicios anteriores este representaba entre o 50-70% do total de recursos do Instituto. Na proposta socialista, que será debatida no pleno do vindeiro 25 de outubro, contémplase a eliminación dos cargos políticos e a integración do persoal do INORDE “nos departamentos acaídos da Corporación Provincial en función dos seus perfís e experiencia profesional”. “A disolución do INORDE aspira a modernizar a administración provincial, introducir mellores prácticas no seu cotiá, centralizar servizos para evitar de duplicidades e reducir estruturas, que sexan moito máis eficientes economicamente e, sobre todo, transparentes a ollos da cidadanía de Ourense”, debullou o voceiro do Grupo Provincial Socialista.

14, Outubro 2024

Saúde, sustentabilidade e coñecemento son os piares da estratexia de alimentación consciente desenvolvida por Cruz Vermella Española e na que se basea ‘Creamos Saúde Tour’, un proxecto de Cruz Vermella en Galicia en colaboración coa compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski. Dirixida a persoas de 65 e máis anos,

‘Creamos Saúde Tour’ é unha iniciativa de sensibilización coa que Cruz Vermella busca promover ferramentas e coñecementos sobre o papel esencial da alimentación na saúde. Así, a través de sesións divulgativas da man de profesionais da cociña e baixo a premisa dunha alimentación saudable e dun consumo responsable, Cruz Vermella ofrece consellos, receitas e degustacións fundamentados nas claves dunha alimentación consciente e do seu impacto na saúde.

A bordo dunha foodtruck, profesionais e alumnado de escolas de hostalería como o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, CIFP Vilamarín de Ourense, IES Sanxillao de Lugo e CIFP Paseo das Pontes A Coruña, compartirán xunto ao voluntariado e persoal técnico de Cruz Vermella os principais detalles esenciais para poñer en práctica unha alimentación saudable desde os 65 anos.

Só en 2023, Cruz Vermella atendeu a un total de 44.810 persoas con 65 e máis anos en Galicia a través de iniciativas enmarcadas nas áreas de intervención de saúde e persoas maiores. Itinerario ‘Creamos Saúde Tour’

Este martes 15 de outubro a foodtruck de Cruz Vermella estará situada na Praza Maior do Carballiño, entre as 10:30 e as 13:00 horas. O xoves 17 de outubro, no mesmo horario, o circuíto chegará a Ourense, e instalarase diante dos xardíns de Pai Feijóo. En ambos os casos contarase coa participación e colaboración do CIFP Vilamarín. (A ter en conta: de 10:30 a 11:30 estarán a elaborar as receitas)

13, Outubro 2024

Partido para enmarcar, para gardar na memoria dos bos afeccionados do Arenteiro e para a historia de Espiñedo, o visto neste domingo 13 de outubro, unha sinfonía futbolística dos verdes ante o Nástic de Tarragona, un dos equipos máis potentes desta Primeira Federación.

Un partido coral do Arenteiro, comezando por Raúl Jardiel que apostou de inicio pola titularidade de Enol, do asturiano saíu o primeiro e serio aviso para a portería do Nastic, provocou o penalti que abríu o marcador e do mesmo fútbolista foi o cuarto e último gol da tarde.

Antes, Baselga regalou a afección do Arenteiro un "Hat Trick" que xa non se recordaba en Espiñedo desde a tempada do ascenso do Arenteiro á terceira división, maio de 2017, con triplete de Dani Chimpin naquel 5-0 ao Caselas.

O primeiro desta tarde, de penalti. O segundo cunha enorme xogada na que participaron Jordan e Diego Gomez, con asistencia de Jordan para que rematara finalmente Baselga, fútbol de salón en Espiñedo. E o terceiro, tras resolver dous rexeites consecutivos ante o gardameta catalán.

Con éste e o resto de resultados desta oitava xornada no campionato da Primeira Federación, o Arenteiro ocupa posto de promoción de ascenso, que defenderá na súa visita ao estadio do Couto, o próximo domingo ás 19:30 horas ante o Ourense C.F.

Video resumen do partido cos catro goles do Arenteiro:

https://www.youtube.com/watch?v=-Op-M04Pj7s

Cronica do partido en "La Voz de Galicia:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2024/10/14/mejor-arenteiro...

13, Outubro 2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, supervisou as obras para a creación da ruta Serra Martiñá, nas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu preto de 25.000 euros.

O delegado territorial explicou que con esta actuación preténdese promover a creación e adecuación en cada Zona de Especial Conservación (ZEC) das infraestruturas de uso público necesarias para achegar a poboación local e os visitantes aos valores do espazo natural, de forma ordenada e compatible cos obxectivos de conservación.

Manuel Pardo, destacou que a Xunta concedeu máis de 1 millón de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade da rede Natura 2000 na provincia de Ourense sendo os beneficiarios os concellos da Gudiña, Larouco, San Cristovo de Cea, Chandrexa de Queixa, O Irixo, O Bolo, Manzaneda, Laza, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Montederramo, Vilar de Santos, Monterrei, Beariz, Vilar de Barrio, A Veiga, A Mezquita, Porqueira e Quintela de Leirado; que reciben máis de 400.000 euros; as persoas físicas -preto de 60.000 euros-, e entidades como asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común, que se reparten máis de 600.000 euros.

O representante do Goberno galego lembrou que o obxectivo desta orde de axudas, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, é subvencionar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional.

12, Outubro 2024

A travesía urbana da N-541 continúa acumulando accidentes de tráfico con persoas feridas, o útimo deste suma e segue rexistrábase nesta mañá de sábado na Avenida 25 de Xullo, esta vez en forma de atropelo a altura do paso de peóns do restaurante Fuchela.

O 112 mobilizou á Policia Local e unha unidade de Urxencias Sanitarias de Galicias 061, que trasladou en ambulancia á persoa ferida.

Mentres, o "Pacto de Pedre" que integran os concellos polos que percorre esta estrada N-541 continúa denunciando a alta sinistralidade desta estrada e demandando do Ministerio medidas que melloren a súa seguridade, precisisamente este tramo entre Dacón e Boborás figura entre os máis perigosos para os accidentes de tráfico en toda a rede viaria española.

 

12, Outubro 2024

Nadie en este concello va a hacer nada por el abuso de terrazas en los soportales de la calle principal, toda del mismo dueño, o esta corporacion le tiene miedo o debe algo.

11, Outubro 2024

Charcos, salpicaduras e buratos ...

QUE ARREGLARON ESTES DIAS?

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS