4, Setembro 2020

O concello de Boborás pon en marcha un programa cultural cunha serie de actividades para a veciñanza patrocinadas polo Agadic, da Conselleira de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Con todos os protocolos Covid-19 que garante a seguridade dos asistentes comezamos coa primeira delas.

Unha das actividades que se presentan é o espectáculo circense de "Desastronauts" titulado"Máis alto ainda". Trátase dun espectáculo de circo acróbatico, que xa ten sido un éxito por todos os lugares polos que ten pasado.

Será o sábado 5 de setembro no Campo da Saleta, Astureses, ás 19.30 h. Apto para todos os públicos.

Pódese obter máis información sobre este espectáculo neste enlace: http://www.culturactiva.org/gl/artista/desastronauts

3, Setembro 2020

Os dous últimos brotes de coronavirus declarados en Avión e O Carballiño continúan incrementando os contaxios, con novos casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

O brote orixinado no Carballiño a pasada semana nunha reunión de amigos xa alcanza as 15 persoas afectadas, tras sumar tres novos casos notificados por Sanidade, un home de 25 anos, unha muller de 82 e un menor. Polo que respecta ao brote no municipio de Avión, contabilízanse dous novos positivos co que se eleva a once os contaxios activos, estes dous últimos son unha muller de 79 anos e un menor de idade.

3, Setembro 2020

Unha traballadora da Residencia de Maiores A Saleta de Cea está entre os once contaxios activos de Covid-19 no concello de San Cristovo de Cea, según os últimos datos actualizados por Sanidade nesta xornada, todos eles en illamento domiciliario e seguimento por parte do Sergas.

A muller forma parte do brote familiar declarado esta semana no municipio de San Cristovo de Cea. Por parte da dirección do xeriátrico xa se notificou esta circustancia ás familias das persoas residentes.

3, Setembro 2020

Un home de 82 anos faleceu a primeira hora da tarde deste xoves 3 de Setembro nun accidente co seu tractor no lugar de A Vila, na parroquia de Pazos de Arenteioro.

O tractor que conducía chocou primeiro contra un muro e despóis envorcou, provocando a morte do octoxenario.

Ata o lugar do accidente, o 112 mobilizou un operativo de emerxencias no que participaron os bombeiros do parque comarcal, efectivos do GES de Avión e Protección Civil de Boborás, asi como o persoal médico do 061 e un helicóptero medicalizado, aínda que xa nada poideron facer para salvar a vida da vítima.

3, Setembro 2020

Cando este alcalde, mentireiro onde os haxa, di que a empresa que instalou os aparatos de calistenia di agora que o fixo mal e hai que retiralos...

Primeiro, está poñendo en entredito a quen asinou a acta de recepción de obra (él mesmo xunto co secretario). E segundo está tentando tomar por parvos a todolos carballiñeses.

Persoalmente penso que a primeira opción é a máis viable pra darlle unha saída digna ao alcalde, e é que él mesmo adoeza de algún tipo de retraso ou tara que lle impida ver que cando asina a recepción dunha obra esta ten que estar en condicións (pois é a súa responsabilidade). Xa sei, dirá que os técnicos e que tal e que cal e que él non ten nin idea de obras, de qué ten idea??? Pois que non poña en tela de xuizo aos técnicos e a sí mesmo porque se se asinou un acta de recepción, non se lle pode dar carta de natureza ás pamplinas da empresa ( ou serán as pamplinas do mentireiro alcalde???)

Cada vez aseméllase máis ao doctor cum fraude. Resulta moi sospeitoso que unha empresa diga que fixo mal algo. Cheira a chamusquina.

2, Setembro 2020

Sanidade confirmou este mércores 2 de Setembro un novo brote de Covid-19 na Comarca do Carballiño, está localizado no concello de San Cristovo de Cea e afecta, de momento a seis persoas, aínda que podería aumentar unha vez que se coñeza o resultado das probas que se realizan aos contactos destas seis persoas.

O brote ten neste caso carácter familiar, e as seis persoas afectadas son dous homes de 34 e 56 anos, tres mulleres de 33,35 e 56 anos, un menor, todos eles en seguimento domiciliario por parte do Sergas.

2, Setembro 2020

A planta do Carballiño do Grupo Dizmar atópase nun período de plena actividade. Estes días saíron en transporte por estrada as dúas primeiras seccións para a ponte de Veldebebas, en Madrid, e traballa arreo na elaboración da estrutura metálica do novo hospital para epidemias da Comunidade de Madrid. O centro sigue o modelo de Ifema e contará con tres pavillóns de 7.400 metros cadrados cada un.

Está ubicado na Cidade da Xustiza, xunto a Ifema e o Aeroporto de Madrid-Baraxas Adolfo Suárez. A superficie total do novo hospital acadará casi os 40.000 metros cadrados organizados en tres pavillóns de 7.400 metros cadrados cada un, un centro loxístico/almacén central do Servizo Madrileño de Saúde (Sermas), de 7.900 metros cadrados; unha avenida peonil, un área administrativa polivalente, unha central de instalación, un memorial para as vítimas do Covid-19 e un monumento dedicado aos profesionais santarios. Este centro, que disporá de máis dun millar de camas e 48 postos de UCI, está previsto que se conclúa este próximo outono, polo que a planta de Dizmar do Carballiño traballa intensamente na elaboración da súa estrutura metálica, que lle foi encargada pola Comunidade de Madrid.

1, Setembro 2020

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil José Antonio Quiroga, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, rubricaron o Convenio de colaboración para o “Acondicionamento das marxes do río Arenteiro no Carballiño (Ourense)”, a través do mesmo, determínanse as condicións para o financiamento e execución, así como, o réxime da posterior entrega das obras para o seu mantemento e conservación.

PROXECTO

Nos anos 2007 e 2008 a extinta Confederación Hidrográfica do Norte executou o proxecto de acondicionamento de marxes do rio Arenteiro no T.M. do Carballiño (Ourense), no que se incluía a realización de paseos en ambas as marxes. Estes paseos sufriron unha notable deterioración no tempo transcorrido debido fundamentalmente á acción erosiva da auga de escorrentía.

As obras contempladas no presente convenio consistirán, por unha banda, na substitución do pavimento actual de xabre compactado por un novo a base de aripaq ou material similar resistente á erosión pola acción da auga e mellora da drenaxe e evacuación de augas pluviais e, doutra banda, o proxecto contemplará a substitución da cuberta dun lavadoiro adxacente ao paseo así como a mellora do acceso a través da rúa río Miño e o acondicionamento dunha leira próxima para a futura instalación dun parque infantil.

O proxecto será redactado polo Organismo de conca e o investimento necesario estímase en 350.000 €, dos cales a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. achegará 280.000 € e o Concello do Carballiño 70.000 €.

1, Setembro 2020

O xuizo por un presunto delito de prevaricación a Pachi Vázquez foi fixado no seu inicio no xulgado do penal de Ourense para o próximo dia 23 de novembro, o excalde e actúal concelleiro de Espazo Común no concello do Carballiño deberá responder ante a xustiza da súa actuación na alcaldía entre os anos 1999 e 2005.

En total, son sesenta os contratos de traballo no concello carballiñés que están baixo sospeita, cuestionados pola xustiza nunha causa aberta a raíz dunha denuncia da Fiscalía de Ourense.

Neste mesmo procedemento penal están invstigados o sucesor de Pachi Vázquez na alcaldía, o tamén exalcalde socialista Carlos Montes, asi como outros tres concelleiros con responsabilidades na contratación de traballadores no concello do Carballiño entre os anos 1999 e 2011.

 

31, Agosto 2020

O concello do Carballiño, conxuntamente coa Comisión de Festas de San Cibrao, toman a decisión de suspender a celebración das festas patronais deste ano 2020 por causa da pandemia. Habida conta da situación que se padece por causa da covid 19, trátase dunha medida dirixida a evitar calquera tipo de situación de risco, e por iso se suspenden as festas.

No seu lugar, e coincidindo coas datas do mes de setembro que corresponderían a estes festexos, o concello programará diversos actos culturais de pequeno e mediano formato, que terán lugar mantendo todas as medidas preventivas de separación, seguridade e control de aforo establecidas na normativa polo coronavirus.
Este programa de actos, que se dará a coñecer os próximos días, terá como obxectivo primordial ofrecer diversas alternativas de lecer pero garantindo en todo momento a seguridade tanto do público asistente como dos intérpretes

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS