
O Secretario Técnico de Competencias Administrativas de Podemos Galicia, Manuel Nogueira, xunto con unha das veciñas afectadas polo proxecto de Aldea Modelo de Trabazón protagonizaron unha comparecencia cunxunta ante os medios para dar a coñecer "a aceptación e tramitación da denuncia contra as irregularidades e presuntas ilegalidades dadas ao longo da tramitación de este proxecto", apuntan dende a formación morada.
As aldeas modelo naceron - manifestaron- como un proxecto que se anunciaba como de investigación da propiedade real, actualización do catastro e crear terrenos produtivos, non obstante entenden que "o que está a facer a Xunta de Galicia con estas aldeas modelo queda moi lonxe do que anunciaron. Máis concretamente no caso da Aldea Modelo de Trabazón se ven certas eivas, irregularidades e mesmo presuntas ilegalidades para tramitar e aprobar si ou si estes proxectos".
Según puxeron de manifesto "mesmo parece ser que houbese intereses ocultos para querer aprobar a toda costa estes proxectos, non publicitar os mesmos nin dar a coñecer de xeito claro que empresas e que proxectos, cos seus tempos e procedementos administrativos, se van facer cargo".
Entenden e asi o manifestaron que "os proxectos de Aldeas Modelo se anunciaban como de recuperación da actividade económica e social dos núcleos onde se aplicarían para recuperar a súa demografía e o aumento de calidade de vida da súa poboación. Lonxe están de cumprir esa meta, si as terras se poñen en man de empresas foráneas e que as mesmas fagan cero contratacións na veciñanza dos pobos onde se están a acometer estes proxectos".
Preguntouse Manuel Nogueira ¿Como é posible que a Xunta e o Consello Rector da Axencia Galega de Desenrolo Rural non cumpra coa súa propia lexislación ao non dar a coñecer nin publicitar estes proxectos?
Helena Iglesias, a persoa denunciante e afectada "pola mala praxis e polo caciquismo do alcalde de O Irixo, Manuel Cerdeira e da propia Xunta de Galicia, vese perxudicada nos seus dereitos como cidadá ao obrar forzosamente o concello nas súas terras, pese a negativa da mesma por entender que hai certos erros en catastro e non haberse solucionado os mesmos por parte do alcalde como lle prometerá", según o relato da denunciante.
Considera, ademáis que o rexedor municipal "enviou presuntamente documentación total ou parcialmente falseada, incorrendo nun presunto delito de falsedade documental e prevaricación administrativa".
Dende Podemos cualifican como grave que "a Xunta de Galicia a través de estes proxectos busque outros intereses distintos aos que anuncia, pondo as terras das galegas en mans de empresas que non velan polos intereses da xente do rural, senón polos seus propios intereses, e que esto se faga incluso indo en contra da lei, como parece ser o caso".

Dende o BNG manifestan que "o estado da nosa vila queda reflexado na suciedade presente e na falta de mantemento das rúas e beirarrúas, chegando incluso a dificultar a accesibilidade ás mesmas e supoñer un perigo para todos. Tamén debemos destacar a presenza dun gran número de terreos abandoados e sen o valado correspondente".
Consideran os nacionalistas "vergonzoso que moitas das beirarrúas non teñan unha continuidade correcta para poder camiñar sen ningún perigo debido á falta de mantemento e á presenza de maleza". E como exemplo desta situación que denuncian poñen á Rúa Alberto Vilanova, Rúa Astureses, Avenida de Seoane ou a Rúa Francisco Castelló.
Manifestan que esta situación non está xustificada coa crise sanitaria xenerada polo COVID-19, "posto que, todos os anos por esta época a situación repítese". E inciden no feito de que "a falta de limpeza nas rúas, a invasión de maleza nas beirarrúas e os colectores abandonados forman parte da paisaxe representativa da nosa vila dende fai moito tempo".
Finalmente, o BNG remata trasladando varias preguntas para o grupo de goberno municipal, ¿cándo se levará a cabo un proxecto medio ambiental axeitado para a nosa vila? ¿Para cándo unha vila máis limpa, natural e cunha maior calidade de vida? ¿Para cándo a aplicación dunha normativa ao respecto de peches de fincas e terros no casco urbán?

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Medio Rural, José González, supervisaron hoxe no municipio de Avión as labores que se están levando a cabo neste concello cara á prevención de incendios forestais.
Esta cooperación entre Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, que se estenderá a outras zonas da provincia de Ourense, ten como obxectivo "a prevención e extinción de incendios forestais, na liña do que vimos facendo todos estes anos poñendo a disposición do goberno autonómico maquinaria especializada e persoal necesario para desenvolver traballos naquelas zonas que necesitan un especial tratamento por ser posible foco de incendios". O presidente do goberno provincial destaca que esta actuación supón "unha transmisión de confianza á veciñanza e cooperación interinstitucional, que forma parte da nosa vocación e da nosa filosofía, e traballar conxuntamente coa Xunta de Galicia cun obxectivo tan prioritario como a prevención de lumes, forma parte dunha das apostas que puxo en marcha o goberno provincial de Ourense, unha estratexia que vai seguir con permanencia no futuro", destaca Manuel Baltar.
Por parte de Medio Rural, nestas labores mobilizáronse dous tractores e dúas brigadas de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios, que tamén están a executar accións de anticipación aos lumes. Precisamente, neste concello, a Deputación de Ourense vai intervir en 92 quilómetros de pistas e en 13 hectáreas de cortalumes, e actuacións semellantes acometeranse de seguido noutras áreas da provincia. No acto de visita, o conselleiro agradeceu a implicación da institución provincial ourensá nestes labores e animou ás demais deputacións galegas a seguir o seu exemplo. Fíxoo tendo en conta os beneficios que este traballo comporta para a seguridade das persoas e dos bens e, ademais, que a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias dos organismos provinciais, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.
Estes traballos entre a Xunta e a Deputación de Ourense realízanse ao abeiro dun acordo entre ambas partes que facilitará que a Deputación realice, co seu propio parque de maquinaria, tarefas de prevención de lumes, tales como áreas de devasa e mantemento de pistas e camiños que atravesen as zonas de actuacións de xestión de biomasa. Uns traballos que guiará a Consellería do Medio Rural co obxecto de potenciar a prevención fronte o lume, conforme ás liñas deseñadas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2020.
Os labores en colaboración prolongaranse ata o vindeiro día 16 de xullo. Neles, a Deputación de Ourense participa con diferentes vehículos pesados, tales como unha pa cargadora, un tractor, dúas motoniveladoras e un camión. Estas actuacións da Deputación de Ourense súmanse e complementan ás que está a levar a cabo a Xunta dentro do seu Plan de prevención iniciado en maio, centradas en traballos silvícolas preventivos; na creación e mellora de infraestruturas de defensa, e en intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións que redunden nun incremento do valor do monte. O plan contempla a intervención, no conxunto de Galicia, en preto de 46.000 hectáreas mediante diferentes tipos de traballos silvícolas, a actuación en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación repartidas por toda a comunidade, así como a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento doutros 3.207.
Desta forma, lévanse a cabo labores relacionados coa creación e mellora de devasas e faixas auxiliares, co mantemento de pistas no monte ou coa eliminación de residuos forestais. Así mesmo, supervísase o estado dos devanditos puntos de auga e fanse labores de roza mecanizada arrastrada, roza manual e roza mecanizada de brazo.
Non dou crédito o que acabo de ler na noticia da portada deste diario en relación a reapertura dos parques infantís "un custe importante, que é preciso valorar e contratar, pois non pode ser asumido directamente por persoal do concello, nin se pode levar a cabo dun dia para outro, hai que facelo cumprindo estrictamente os procedementos...", etc. Disculpas de pésimos xestores, se o concello nin tan xiquera ten capacidade para xestionar a reapertura dos parques infantís, polo menos unhas horas ó dia, o mellor é agradecerlle os servizo prestados e que convoquen elecciós municipais anticipadas, creo que Carballiño, non solo os nenos, agradeceránllo. Igual sucede coa biblioteca, o concello, o pabellón de deportes, auditorio, piscina, etc, o mellor houbera sido seguir no estado de alarma., total.

O concello afirma por medio dunha nota informtiva que "ante a publicación no DOG do sábado pasado dalgunhas das condicións sanitarias para a apertura dos parques infantís, o concello do Carballiño informa que os abrirá cando se podan garantir estas condicións sanitarias, e tendo sempre en conta a preponderancia da normativa relativa ao aforo, desinfección e dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, sobre calquera outra consideración que puidera poñer en perigo a seguridade dos nenos e nenas e das súas familias fronte ao coronavirus".
Desde xeito, o concello anuncia que a apertura realizarase unha vez que se poidan asumir todas as esixencias especificadas para este tipo de instalacións, pois é preciso -manifestan- delimitar e controlar o aforo permitido (unha persoa por cada catro metros cadrados de espazo), así como desinfectar cada día (unha desinfección diaria dos xogos e o espazo) e contar con dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida (ou dunha solución xabonosa no caso de espazos para menores de dous anos de idade).
Todo esto supón, afirman "ademáis dun problema de organización, un custe importante, que é preciso valorar e contratar, pois non pode ser asumido directamente por persoal do concello, nin se pode levar a cabo dun día para outro, e hai que facelo cumprindo estrictamente os procedementos de contratación das administracións públicas, como é o caso dun concello".
En todo caso, o concello "traballa na avaliación destas medidas co obxectivo de que se podan abrir os parques infantis cando haxa a seguridade do seu cumprimento".

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ven de incluir a Residencia de Tempo Libre do Carballiño entre as instalacións autonómicas que acollerán este ano actividades da oferta de campamentos de verán.
Concretamente, a residencia carballiñesa acollerá dous campamentos de verán "Arte e Tecnoloxía", que celebraránse entre os dias 19 ao 26 de Xullo, e do 28 de Xullo ao 4 de Agosto, terán un prezo de 148 euros por participante.
As condicións e requisitos que deberán ter participantes, asi como os trámites para as solicitudes, son as que figuran na convocatoria que publica o Diario Oficial de Galicia, no seu número correspondente a este lúns dia 15 de Xuño. Mediante a oferta da devandita campaña, a Consellería de Política Social ofrece a posibilidade de que a mocidade empregue o seu tempo libre de verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital.
A convocatoria recolle que "as circunstancias actuais derivadas da crise sanitaria do COVID-19, e logo de superar a etapa de confinamento, fan máis necesario que nunca poder ofertar un recurso de conciliación para as familias galegas e de educación non formal para o tempo de lecer dos nosos mozos e mozas que lles permita beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dun espazo de ocio favorable para as súas emocións e sentimentos. Así, a oferta comprenderá actividades para desenvolver en Galicia, coas adaptacións necesarias en canto a limitacións de aforo máximo nas instalacións xuvenís ofertadas, reforzo das medidas hixiénico-sanitarias e incremento das ratios monitor/participante para unha prestación do servizo máis eficiente e con todas as garantías".
Este xoves pasado estaban convocadas manifestacións en señal de duelo polas vítimas do coronavirus nas residencias de maiores de Galicia convocadas polas familias e polos traballadores. No Carballiño quen anunciou ditas manifestacións foi Bernardo García o portavoz de alternativa dos veciños. Que sorpresa que ao chegar a Ourense vexo que el xunto coa súa muller son quenes dirixen o cotarro. Sorpresa maior cando di que a xente de modepen non é de ningún partido cando a súa dona vai na lista de Podemos. Nos toma por tontos. Hai eleccións. Ben se nota pois aparecen os politicuchos intentando sacar crédito de todo. Creo que por respeto a xente que morreu e as súas familias, os políticos nunca deberían encabezar estes actos. Acompañar si, protagonizar non. Pero vindo de quen ven, o raro era que este personaxe da autodenominada rexeneradora política rupturista non salise antes a palestra con calquera parautada. Pasou polo bloque, pola marea, por alternativa dos veciños e agora está coas pensións e con podemos. Por donde pasa este homiño non crece a herba. Cousas así deixan aos políticos a altura do barro.

O portal dixital da Deputación recolle o proxecto realizado polo arquitécto municipal do concello do Carballiño, que adxudica e financia na súa totalidade a entidade provincial cunha aportación de 47.955 euros.
A interveción ten como finalidade a mellora da accesibilidade á areal termal coñecida como o Bañiño de Arcos, nesta parroquia carballiñesa.
Consistirá no reforzo do pavimento existente e na creación dunha senda peonil entre a estrada OU-0403, á saída do pobo de Arcos en dirección ás parroquias da Piteira e Santa Uxía de Lobás, neste vial que é o único con acceso directo para vehículos ao Bañiño.
Con esta nova actuación, que vai mellorar a seguridade para os peóns e automovilistas, a Deputación acada unha suma de 250.000 euros, con distintas e sucesivas obras de mellora neste entorno termal.

O PSdeG-PSOE de Leiro ven de rexistrar unha petición formal no Concello para que se proceda con “carácter de urxencia” a limpeza integral da Ponte da Esperela e da Ponte de San Clodio, xa que tal e como denuncian presentan unha imaxe “deplorable e de abandono” e están totalmente cubertas pola maleza.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén se critica a “desidia” do alcalde do Partido Popular, “o que parece que a imaxe do noso municipio lle importa pouco”. Os socialistas consideran estas dous infraestruturas claves no municipio, xa que no caso da Esperela, “trátase dunha das portas de entrada a capital do Concello”, pola cal transcorre a estrada autonómica OU-209 polo que en palabras do voceiro socialista, Manuel Rodríguez, “o seu estado afecta tanto á paisaxe e tamén a súa conservación patrimonial”.
En canto a Ponte de San Clodio de orixe medieval, estamos a falar dun referente cultural e etnográfico de Leiro e dende 1981 é Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural (BIC). Trátase dunha infraestrutura con moita historia que foi reformada no século XVIII polo arquitecto Agustín Coutiño e que viviu de primeira man durísimos enfrontamentos durante a Guerra da Independencia contra as tropas francesas de Napoleón. Dende o PSdeG aproveitan tamén para lembrar que no ano 2018 procedeuse a limpeza na mesma, “traballos realizados por un arqueólogo e o seu equipo e no que se retiraron árbores, plantas ou pedras incrustadas, que puñan en perigo a integridade da ponte”, explica o voceiro socialista, que tamén apunta que “os propios técnicos xa avisaron por entón que a ponte estaba nunha situación moi delicada, tras anos de abandono e coa presenza de bidueiros, amieiros e acacias crecendo entre as súas pedras, pero dende entón, nada se fixo”.
Por estes motivos, dende o Grupo Municipal Socialista de Leiro instan o Concello a que dirixa, no caso da Ponte da Esperela, un escrito a Xunta de Galicia e concretamente a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que procedan a limpeza “urxente” da ponte xa que, tal e como apunta Manuel Rodríguez “a Xunta é a titular da estrada OU-209 que transcorre por esta infraestrutura e no caso de non facelo, que asuma o Concello a limpeza, como xa fixo nalgunha ocasión puntual”. Iniciativa que tamén trasladan no caso da Ponte de San Clodio e na que solicitan o Concello que busque axudas a través das administracións estatais, autonómicas ou provincias para acadar “unha subvención para realizar unha limpeza integral, que xa está afectando, e moito, tanto a conservación como a vista paisaxística e non é de recibo o tratarse dunha das moitas xoias arquitectónicas que temos no noso concello”, subliña Rodríguez.
Solicitude para que se proceda a limpeza de fincas
O Grupo Municipal Socialista rexistrou tamén outro escrito no que instan ó Concello a elaboración dun bando para recordarlle á veciñanza a obriga de manter as fincas limpas e que no caso de que non se proceda á limpeza das mesmas, sexa o propio Concello o que adopte as medidas o seu alcance para proceder a limpeza e evitar riscos á veciñanza. “Atopámonos ás portas do verán, épocas de elevadas temperaturas en Leiro e o risco de incendios é por tanto moi alto e máis se cabe coas fincas e parcelas sen desbrozar e limpar”, apunta Manuel Rodríguez.
Os socialistas lembran tamén nesta iniciativa que “fai un ano, dende o Concello dábase unha gran publicidade ao Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios, elaborado pola Xunta de Galicia e que se aprobou no pleno do 28 de outubro, pero parece que agora nada se está a facer”. Recalcan dende o PSdeG-PSOE de Leiro que “ter un Plan de Prevención e Defensa contra Incendios non é suficiente para evitar os lumes e por tanto é preciso remarcarlles os propietarios das parcelas situadas nas franxas a carón dos núcleos de poboación, ou de vivendas illadas, a súa obriga de mantelas limpas.

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, visitou o balneario da Entidade Menor de Berán, no Concello de Leiro acompañada por representantes municipais da formación. Presas sinalou que as instalacións simbolizaban o desperdicio do PP de fondos públicos e un modelo termal fracasado. A candidata apostou por un Plan Estratéxico do Termalismo que aposte por este recurso como un ben público e desenvolva todo o seu potencial no eido tamén da saúde pública e con liñas de investigación.
Durante a visita ás instalación termais na Entidade Menor, a cabeza de lista do BNG sinalou que este balneario “demostra o fracaso do modelo termal do PP e como se desmonta o mito do bo xestor dos fondos públicos”. Presas apuntou a que “é todo un exemplo do desaproveitamento do potencial de transformación que podería ter unha infraestrutura deste tipo para unha comarca coma O Ribeiro”.
O novo balneario, aínda sen abrir despois de máis dunha década desde a súa construción, supuxo máis de 3 millóns de euros de investimento tanto de Fondos Europeos como da Xunta de Galiza. Para o BNG é un exemplo máis da incapacidade de Feijóo de colaborar coa Entidade Local Menor de Berán para a reapertura do antigo balneario e a apertura do novo. “A día de hoxe este balneario está en moi mal estado e requiriría dunha reforma ambiciosa. Sería necesario un goberno que tendera a man para levar a cabo tamén unha reforma no antigo balneario” afirmou Presas.
Desde a organización nacionalista sinalaron que se comprometen a “abrir un tempo novo no termalismo” fuxindo do “curtopracismo do Partido Popular”. “É necesario apostar por un Plan Estratéxico do Termalismo que impulse a participación pública e procure o valor social do termalismo e abra a mente máis alá do turismo” sinalou a candidata do BNG.
Para Noa Presas, o desenvolvemento da área termal non pode ficar relegado a un ben de interese turístico senón que pode ser aproveitado para outras áreas de especialización. “É importante consolidar as liñas de investigación dos seus usos industrias, coma por exemplo no ámbito da cosmética. Temos un Campus da Auga en Ourense no que hai que consolidar as liñas de investigación” enumerou Presas “a través de programas específicos de innovación”.
A organización nacionalista, en palabras da súa candidata por Ourense, tamén se comprometeu a poñer en valor a figura do termalismo en materia sanitaria. Presas quere que o termalismo xogue “un papel fundamental como parte do coidado da saúde pública e implicar neste ámbito ao SERGAS”.
Desde o BNG comprométense a tenderlle a man aos Concellos e “asumir as responsabilidades da Xunta de Galiza que é quen ten as competencias neste tipo de augas e quen ten que asumir o liderado, a planificación e o financiamento”. Presas tamén lembrou que a súa formación reclamará a competencia plena das bacías hidrográficas- a día de hoxe está en mans do goberno central- xa que sinalaron que é unha cuestión fundamental para o desenvolvemento do termalismo á hora de abordar a explotación de novos recursos e de regular es enchentas das zonas afectadas polos encoros.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 345
- 346
- 347
- 348
- 349
- 350
- 351
- 352
- 353
- …
- seguinte ›
- última »