30, Abril 2020

Non quero entrar en polémicas porque está visto que cada persoa opina dun xeito e ve as cousas dende o seu punto de vista. Aquí xa houbo un comentario en contra das sereas as oito da tarde. Agora é a velocidade de traballo do tractor desinfectante... como sigamos así tamén van molestar as bombas de palenque das 10 da mañá nas festas do Setembro. 

Hai que ser obxectivo a hora de facer calquer comentario e ter un mínimo de coñecementos do que se fala pra que non quede un "retratado" como dín nese programa deportivo...

Segundo dí o veciño o tractor desinfectante recorreu os 100 metros da súa rua en apenas 4 segundos. Ten razón, ía rápido de carallo, non sei si sabe que recorrer esa distancia no tempo que dí este veciño son 90 km/h

Alguén viu un tractor circular a esa velocidade? 

Para empezar os tractores non poden circular a máis de 40km/h en carretera. 

Polo tanto se ía entre 36/40 km/h levoulle 10/11 segundos percorrer esa rua de 100 metros e non os 4 segundos que se dí na crítica. A diferenza é bastante notoria.

En relación a calidade da desinfección coa velocidade de traballo da máquina, hai moitos factores que influen niso. Nos viñedos van máis a modo porque o terreo polo que circulan e terra e polo tanto tamén máis perigoso. Non é o mesmo aplicar fitosanitarios cando a rama é pouca que a finais de agosto cando as vides están no seu esplendor. Tamén hai que ter en conta a viscosidade do producto a aplicar... 

Non se trata de regar as ruas con canta máis agua e lexía mellor. Hai unha proporción dos dous productos que hai que respetar. O que leva o tractor non son aspersores, é un atomizador que crea unha nube moi fina que impregna e envolve todo dese producto ata unha certa distancia. Non por mollar máis limpas mellor.

Máis sentidiño a hora de falar.

O importante;

Moitas gracias de corazón a eses tres tractores que viñeron desinfectar as nosas ruas. Algúnha vez vinnos marchar case as 23:00 horas dende a miña ventá.

E de paso viva o Ribeiro!

Un veciño da rua Ourense

30, Abril 2020

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou xunto ao conselleiro delegado de Gesmedica- Dis S.L., Jesús Pérez González, e o presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, no acto de recepción de 3.500 quilos de produtos alimenticios -cuxo valor supera os 7.500 euros-, que a Deputación entregou ao Banco de Alimentos, na súa estratexia de cooperación contra a pandemia do COVID-19. Baltar agradeceu a Gesmedical Dis "este importante xesto de solidariedade e colaboración, que fala alto e ben da responsabilidade social desta empresa, nun momento no que todos debemos actuar unidos #ante esta crise, e onde o ámbito económico xoga un papel fundamental", expresou o presidente da Deputación de Ourense.

A iniciativa solidaria da Deputación de Ourense e de Gesmedical forma parte da estratexia de cooperación do goberno provincial contra a pandemia no ámbito social, unha iniciativa á que se une a adquisición, días pasados, por parte da Deputación de 41.000 máscaras, 40.000 luvas e 450 litros de xel desinfectante -material entregado ao Posto de Mando Avanzado para repartir entre os concellos de Ourense-, e á doazón de 800 botellas da empresa Lixivia Sarmiento e tamén a achega da firma Adolfo Domínguez, que doou material sanitario. "Todo forma parte da estratexia que está a desenvolver a Deputación de Ourense, en colaboración con empresas e traballando coordinadamente coa Xunta de Galicia, para impulsar accións sociais e de planificación para a reactivación económica, dirixidas a combater os efectos que a crise do Covid-19 está a provocar na nosa sociedade", explica Baltar.

Precisamente, as medidas aprobadas onte en pleno -8,2 millóns de euros- intégranse nunha das liñas prioritarias do goberno do presidente Baltar: as axudas a autónomos, comercio e Pemes, que son máis de 4.000 en toda a provincia de Ourense, estratexia da que tamén forma parte a medida de destinar 400.000 euros para material sanitario, aprobada días pasados pola Xunta de Goberno da Deputación, que na súa reunión de hoxe deu luz verde a axudas económicas para infraestruturas, servizos e termalismo en concellos da provincia, contempladas nos orzamentos de 2020 da Deputación. Os concellos beneficiarios son: Bande, O Carballiño, Montederramo, Riós, San Cristovo de Cea, Toén e Vilar de Santos.

29, Abril 2020

Os test rápidos que se están realizando na comarca do Carballiño por parte do Servizo de Atención Primaria poñen de manifesto que a o Covid 19 tivo unha moi escasa circulación entre a poboación comarcal.

Son en total 755 persoas as que participan no conxunto dos 9 concellos da comarca neste estudo epidemiolóxico do Sergas para coñecer como circulou o coronavirus entre a poboación galega, e ainda que a mostra está pendiente de completarse na súa totalidade, xa está bastante avanzada de tal maneira que poderíámos ter xa unha idea aproximada do que vai ser o resultado final.

As probas realizadas mostran unha cascada altísima de negativos na comarca, mentres que os casos positivos nin xiquera van chegar ao 1% sobre o total, de confirmarse esta tendencia.

O presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luis Jiménez destacou a predisposición que está tendo a poboación para colaborar no estudo "xa que a inmensa maioría das persoas que son chamadas aceptan participar", en relación aos datos que van trascendendo dixo que "a porcentaxe de positivos é moi baixa, o que supón que a inmensa maioria da poboación está moi pouco infectada e non pasou por ela o virus".

A conclusión parece ser clara, ou os test non funcionan ou si o fan correctamente apenas temos poboación infectada polo virus, de feito e dende que comezou a pandemia o número de casos positivos confirmados oficialmente nos concellos da comarca do Carballiño son 31, apenas o 0,1% da poboación comarcal, dandose a circustancia de que varios concellos, os de Beariz, Boborás, Maside, Piñor e San Cristovo de Cea non teñen a dia de hoxe casos positivos rexistrados oficialmente dende que se iniciou a epidemia.

O feito de que a incidencia do Covid 19 fose mínima entre a veciñanza e que tan poucas persoas do noso ámbito tivesen contacto co virus deixa a comarca do Carballiño nunha mala situación ante as etapas da desescalada ou mesmo ante un posible novo brote do virus para máis adiante, tal como se vaticina, porque o risco de contaxio podería ser brutal no noso entorno.

 

 

 

 

 

29, Abril 2020

Estou que non dou crédito o que podo leer nesta mesma páxina, o deste goberno e quen estea detrás del vai camiño do record da estupidez absoluta.

Resulta que collen a provincia como unidade para a desescalada, vale, e resulta que non estará permitido movernos da nosa propia provincia.

Seica que para pasar dunha a outra fase vaise facer polo tanto según os indicadores de cada provincia, é dicir, que no caso da nosa zona que é "fronteiriza" coas provincias de Lugo e Pontevedra, resulta que podemos ir a Valdeorras que está a 150 kilómetros, pero non podemos desplazarnos ó lado da casa.

Entendendo que agora mesmo e tamén vai ser asi durante a desescalada, Ourense vai contar cos mesmos indicadores de Lugo ou Pontevedra ¿por qué non podemos logo movernos dunha a outra provincia? Se as condicións son as mesmas nunha e outra provincia.

O coronavirus non entende de idades, razas, relixións, ideoloxias, pero sí é un bo aliado da estupidez humana.

29, Abril 2020

Consulta aquí toda a normativa do Ministerio de Sanidade para as catro fases de transición que terá a desescalada para a volta á nova normalidade.

Para acceder ao documento descarga o arquivo adxunto:

29, Abril 2020

O Partido Popular recorda os disitntos pasos do chamado plan de desescalada anunciado polo Goberno de España prevé para a hostalería, na FASE 1, que comeza o 11 de maio, autoriza a “apertura de terrazas: limitarase ao 30% das mesas permitidas na os anteriores en base á licenza municipal asegurando distancias. Poderían ter maior número de mesas si o Concello permite máis espazo dispoñible, respectando a proporción mesas/superficie do 30% e cun incremento proporcional de espazo peonil no mesmo tramo da vía pública.”

E esta situación cambeará na denominada FASE 3 que vai desde o 10 de xuño ata o 24 de xuño, que pasa a dicir o seguinte:

“En terrazas: limitarase ao 50% das mesas permitidas na os anteriores en base á licenza municipal asegurando distancias. Poderían ter maior número de mesas si o Concello permite máis espazo dispoñible, respectando a proporción mesas/superficie do 50% e cun incremento proporcional de espazo peonil no mesmo tramo da vía pública.”

Sendo que a partir de 24 de xuño, aínda está por determinar cal será a situación definitiva na que quedarán as terrazas, na denominada NOVA NORMALIDADE.

Ante isto, o Concello do Carballiño -manifesta o Partido Popular- debería de reflexionar sobre esta circunstancia e na medidas das súas posibilidades facilitar que o sector da hostalería poida empezar a funcionar aínda que sexa baixo mínimos, para non caer en picado no desemprego, a desesperación ou mesmo no peche definitivo. Durante o período que dura a desescalada, o certo é que a cantidade de persoas circulando polas rúas do pobo será moi inferior á habitual, do mesmo xeito que a circulación en vehículos, polo que non é desatinado pensar que transitoriamente se poida facer unha excepcionalidade na ocupación de espazo público para que ese 1/3 inicial ou ese 50% da fase 3, sexa suficiente para garantir a apertura dos establecementos.

Según propoñen os populares, poderíanse levar adiante moitas iniciativas como a peonalización de tramos de vías públicas, ocupación de prazas, ocupación de aparcamentos, etc e todo iso, por suposto de forma excepcional e mentres dure esta situación.

Recordan dende o Parito Popular que aínda están sen informar e moito menos sen comunicar aos titulares destas actividades as autorizacións pertinentes para a tempada estival que xa tiñan que estar desde o sábado de semana Santa, tendo en conta que se meteu o estado de alarma polo medio.

Ante isto, desde o Grupo Municipal do Partido Popular, solicitan a convocatoria urxente da COMISIÓN ESPECIAL DE TERRAZAS, para a toma de decisións oportunas e comunicar a cada local de hostalería aquilo que lles sexa máis che conveniente, e todo isto de forma excepcional e temporal mentres non se teña máis información sobre como será contemplado o escenario de NOVA NORMALIDADE.

28, Abril 2020

Supoño que alguén no concello percataríase, que se o tractor que desinfecta as rúas é capaz de botar 100 litros a hora, por poñer un exemplo, non e o mesmo que faga 40 quilómetros ou 5. Pola miña rúa que ten unhos cen metros pasou en apenas 4 segundos.

Digo eu que un poco mais a modo faría mellor traballo.

Por outra banda, fai un mes desinfectaron os contenedores, non volveron.

28, Abril 2020

A desescalada progresiva constará de catro fases no global do territorio español aínda que non todas as provincias chegarán a elas da mesma forma, en principio na nosa comarca igual que na provincia de Ourense e o resto de Galicia comezarémos a fase 1 o vindeiro dia 11 de Maio, antes completarémos a fase 0, que é a preparación, e na que xa nos atopamos e que permitirá novas actividades a partir do próximo lúns dia 4 de Maio. Acometeráse por provincias.

Se todo vai ben entrariamos na  fase 2 o 25 de maio e a fase 3 o dia 8 de xuño.

A Fase 0, contempla a xa en vigor  recentemente aprobada medida para os menores ou a proxectada para o próximo 2 de maio de saídas e exercicios individuais dos adultos, A partir do dia 4 de Maio abriranse algunhas actividades económicas, por  exemplo, a apertura de locais e establecementos con cita previa para a atención individual dos clientes,  a apertura de restaurantes con servizo de comida para poder levar a domicilio, sen consumo no local. O servizo, está claro, deberá prestarse coa máxima protección individual. Ao longo desta fase 0, vai intensificarse a preparación de todos os locais públicos con sinalización e medidas de protección para preparar o comezo do seguinte paso.

A Fase 1 ou fase inicial, iniciarase o 11 de maio e permitirá o inicio parcial de certas actividades como a apertura do pequeno comercio baixo condicións estritas de seguridade, excepto os centros ou grandes parques comerciais, onde son máis probables as aglomeracións e increméntase máis a mobilidade para desprazarse ata eles; en restauración, a apertura de terrazas con limitacións de ocupación ao 30%; en hostalería, a apertura nesta fase primeira de hoteis e tamén aloxamentos turísticos excluíndo zonas comúns e con determinadas restricións que serán expostas na consecuente Orde por parte do Ministerio de Sanidade. Na apertura de locais na fase 1 incluirase un horario preferente para maiores de 65 anos, que son o colectivo máis vulnerable ao COVID-19. No sector agroalimentario e no sector pesqueiro renovaranse as actividades sobre as que se mantiñan restricións. Os lugares de culto poderán abrir limitando o seu aforo a un terzo. No ámbito deportivo tan so se autorizan as actividades deportivas de carácter profesional. No caso do transporte público, o uso da máscara estará altamente recomendado en todas as fases incluída a nova "normalidade".

A Fase 2 é a fase intermedia: se se cumpren as condicións e os marcadores estipulados, en restauración, abrirase o espazo interior dos locais cunha ocupación dun terzo do aforo e garantías de separación e só para servizo de mesas e esta fase iniciaríase, como moi pronto, o 25 de maio. Aínda que o curso escolar comezará en setembro, nesta fase II existen algunhas excepcións para reabrir centros educativos con tres propósitos: as actividades de reforzo, garantir que os nenos menores de seis anos poidan acudir aos centros no caso de que ambos os pais teñan que traballar presencialmente e para celebrar a EBAU. Renovarase a caza e pesca deportiva. E en canto ao lecer e a cultura, reabriranse os cinemas, teatros, auditorios e espazos similares con butaca preasignada e unha limitación de aforo dun terzo. Tamén serán posibles nesta fase as visitas a monumentos e outros equipamentos culturais como salas de exposicións e salas de conferencias cun terzo do seu aforo habitual. E poderanse celebrar actos e espectáculos culturais de menos de 50 persoas en lugares pechados cun terzo do aforo; e se é ao aire libre serán posibles cando congreguen a menos de 400 persoas, a condición de que sexa sentado. Os lugares de culto deberán limitar o seu aforo ao 50% nesta segunda fase.

A Fase 3 é a fase avanzada e terá lugar, como moi pronto, o 8 de xuño sempre e cando a provincia que cumpra os requisitos e que sigan vendo a redución da impregnación do virus. Nesta fase, a última ata recuperar a "nova normalidade", flexibilízase a mobilidade xeral, aínda que se manterá a recomendación do uso da máscara fose do fogar e nos transportes públicos. En canto ao ámbito comercial, limitarase o aforo ao 50% e fixarase unha distancia mínima de 2 metros. Na actividade vinculada coa restauracion, suavízanse algo máis as restricións de aforo e ocupación, aínda que se manteñen estritas condicións de separación entre o público.

28, Abril 2020

Sorprendeme que sigan indo polas casas a levar as mascarillas. Levo sen ver a meu pai máis dun mes, pero como me diga que lle foi pola casa algún concelleiro, que sepa que ten Unha denuncia no xulgado, e non falo por falar. Sólo aviso, logo que non digan que non están avisados. Boas tardes

28, Abril 2020

O Grupo Popular no concello do Carballiño pide axilidade ao grupo municipal de goberno para "implantar medidas urxentes para saír da crise social e económica na que estamos metidos por causa do COVID19" e mostra a súa preocupación "pola tardanza da sesión plenaria para darlle a aprobación do redactado e pactado entre PP e PSOE do PLAN DE MEDIDAS DE IMPULSO SOCIOECONOMICAS COVI19 que mobilizaría en total 2.168.480 € e cunha primeira fase xa programada de 1.518.480 € dos cales 797.520 € son de orzamento e 720.960 € son de Remanente de Tesourería, toda vez que estas partidas non se poderán usar ata pasados 15 días hábiles dende que se publique a súa aprobación no BOP, e este pode situarnos a mediados de maio, no mellor dos casos", expoñen.

Os populares entenden que "xa se debería de ir avanzando con axilidade na procura de que dada euro asignado sexa garantido no seu obxectivo, e así, fai falta ir mantendo reunións con responsables de Cáritas, Cruz Vermella, Agrupación de voluntarios de Protección civil, Anpas, Praceiros, Asociacións como CCAA ou polígono industrial e moi especialmente organizar o departamento de Servicios sociais ou administración para a tramitación das propias axudas que o Concello pon en favor dos autónomos, familias e persoas afectadas por esta crise".

E como tamén urxente debe ser -manifestan- a convocatoria da MESA LOCAL DE COMERCIO "que se pode facer por medio de calquera das plataformas online que existen nas redes sociais e nela convocar tanto ao CCA Carballiño, praceiros e Asociación de Empresarios do polígono, para tratar en concreto os temas relacionados con eles e así poder poñer en marcha entre outras a PLATAFORMA ONLINE DO COMERCIO LOCAL que terá que ser desenrolado polo CCA Carballiño, como nos sinalan desde os servizos técnicos do Concello"

E mesmo propoñen dende o Partido Popular que se valore favorablemente a incorporación a este plataforma dos demais comercios e negocios dos concellos da comarca.

"Tamén nesa mesa local de comercio se debería de presentar por parte do Concello os criterios de subvención a autónomos e familias que nesta primeira fase será de 250.000 € e ampliables a outros 650.000 € que tamén están consensuados pois forman parte do mesmo proxecto", remarcan.

Finalmente, manifestan dende o Partido Popular que continúan "ocupados en facer propostas realistas e chegar a acordos que de verdade desexamos que sexan unánimes para demostrar que sairemos todos xuntos desta, senón que tamén seguimos preocupados por ver como estas propostas consensuadas tardan en arrancar".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS