18, Novembro 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose) para a ampliación do parque empresarial do Carballiño-Maside.

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Non obstante, inclúe condicionantes en distintos aspectos como a integración paisaxística e fluvial, a protección do patrimonio cultural existente na contorna, a xestión dos recursos hídricos -o abastecemento, saneamento e xestión das augas pluviais- e as limitacións de uso derivadas do ruído existente.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta de preto dunha decena de organismos públicos interesados e tanto o borrador de Peose como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións oportunas.

Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Cómpre lembrar que o obxectivo do Peose é planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para a ampliación do polígono industrial do Carballiño-Maside, un desenvolvemento previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg).

O ámbito de actuación do Peose é un espazo de máis de 90 hectáreas de extensión que se reparten en máis de 64 hectáreas de terreo correspondentes ao sector delimitado no concello de Maside, algo máis de 24 hectáreas do sector do Carballiño e arredor de catro hectáreas de terreos necesarios para levar a cabo as conexións para a infraestrutura viaria exterior e de servizos, fundamentalmente os relacionados co saneamento e abastecemento de auga.

O solo afectado no caso do concello do Carballiño supón a ampliación da zona industrial existente no límite leste do municipio e comprende un espazo baleiro inserido nunha contorna urbanizada ocupada por usos industriais, residenciais e dotacionais. O sector de Maside é un espazo de características máis rurais enmarcado entre varias infraestruturas de comunicación e o núcleo de Dacón, situado ao sur.

O plan para ampliar o parque empresarial prevé varias zonas de ordenación da actividade industrial co fin de atender a demanda existente por parte do tecido produtivo e dar resposta ás necesidades futuras. Ao mesmo tempo incorpora zonas verdes, de estacionamento, sendas peonís e carril para os ciclistas -co obxectivo de humanizar a contorna e mellorar a súa integración paisaxística- así como a construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) para dar servizo e tratar as augas residuais xeradas no novo solo empresarial.

18, Novembro 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello declarou na súa reunión semanal ben de interese cultural o Castro de San Cibrao de Las, situado no termos municipais ourensáns de San Amaro e Punxín. “Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e visitados de Galicia e dos máis importantes desde o punto de vista cultural e histórico”, indicou.

A declaración, que se fará oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, valora este enclave como un elemento crucial no coñecemento da Idade do Ferro, especialmente na súa fase final e inicio do período romano, polo que se considera a necesaria protección para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.

Ademais, tal e como resaltou Rueda, o expediente destaca o seu bo estado de conservación, cun 15 % da extensión do poboado xa escavado e musealizado. Neste senso, o informe recolle as sucesivas intervencións que permitiron sacar á luz numerosas estruturas, tanto habitacionais como doutro tipo (murallas, rúas, portas monumentais ou alxibes, entre outras). Ademais, tamén se acharon materiais arqueolóxicos (pezas cerámicas, líticas, obxectos de vidro de uso doméstico, restos metálicos ou moedas) de grande importancia para a investigación e a divulgación, de maneira que constitúen un valioso recurso patrimonial. Deste xeito, tamén se fai fincapé na excelente preservación da súa integridade, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia.

Cómpre destacar que esta singularidade foi a que fixo que a Xunta o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación inaugurado no 2014 para difundir este coñecemento entre a poboación. De feito, como resultado disto conseguiuse a consolidación dos restos exhumados e a creación dun lugar histórico amplamente investigado, musealizado e protexido, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia.

Con esta declaración, agora mesmo “están rexistrados 793 bens de interese cultural” no territorio, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno autonómico por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.

Exemplo de construción planificada e organizada
O Castro de San Cibrao de Las, situado a 20 quilómetros da cidade de Ourense, foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou poboado prehistórico do cambio de Era. Nas intervencións máis recentes ampliase a súa ocupación como castro entre os séculos II a. C. e II d. C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico ata o derrube da muralla e abandono definitivo no século XI d.C.

Así, tras as diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde inicios do século XX descríbese o ben como un espazo elevado que conta con dous recintos ovalados e concéntricos. Desta maneira, considerase que exemplifica unha construción planificada e organizada, con rúas pavimentadas, sistemas de canalización de auga, vivendas complexas con estruturas arredor dun patio central e agrupadas en barrios.

Polo tanto, San Cibrao de Las conta coa presenza dunha variada tipoloxía de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural que avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude, e a súa relevancia e valor cultural singular.

18, Novembro 2025

Esta finde de semana asistimos en Boborás  a outra desas festas de moca, na que veciños e non veciños papan de moca a conta dos cartos de todos. 

Mentras o importante no día a día segue sen facerse.

No edificio multiusos a calefacción do edificio segue sen funcionar. Seica os nenos xa pasaron o verán sen aire acondicionado, menos mal que algúns pais deixaron ventiladores. E agora seguen sen calefacción.

E seica tampouco vai o ascensor. 

Qué vai ser o seguinte.

Ou se está en Boborás ou en Ourense. A todo non se chega alcaldesa.

 

16, Novembro 2025

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal do concello de Avión recibíu na tarde deste domingo o aviso do 112 da desaparición dunha muller de 73 anos na localidade de Rubillón, no concello de Avión.

Aportan datos identificativos desta muller, que mide aproximadamente 1,65 m, e no momento da súa desaparición vestía chaqueta de punto branco e pantalóns verdes de chándal.

No operativo de búsqueda están a participar membros do GES de Avión, voluntarios de Protección Civil de Avión e Garda Civil. A muller é orixinaría do concello de Piñor e por motivos familiares achegouse este domingo ata o citado lugar de Rubillón,

Desde o GES de Avión piden a toda acidadanía que, se fose vista ou poida aportarse calquera información, contáctese inmediatamente cos servizos de emerxencia ou coas autoridades competentes.

16, Novembro 2025

Asfaltan todas as rúas e ata constrúen aceras pero incomprensiblemente deixan sin tocar a rúa que da acceso á urbanización desde 25 de xullo (a partir de parrillada Os Amigos ata a túnel). Por certo da ampliación do túnel que prometera o alcalde de Maside non se sabe nada. 

16, Novembro 2025

EN RESPOSTA AO CAN DO IRIXO E AO SEU RÉXIME ANTIAÉREO”**

Ao pobo do Irixo,
ás autoridades competentes e incompetentes,
e ao can sanguinario que se fai chamar “Executor Aéreo”:

Nós, As Primas Moscas Helicóptero do Clan Zzzz-47, reunidas en enxame extraordinario no faiado dunha casa abandonada, redactamos o seguinte comunicado para deixar clara a nosa postura ante a morte da nosa parente e compañeira de zumbido.

1. Sobre a caída da nosa irmá

A mosca finada —que chamaremos A Mártir do Mosquido— non morreu por casualidade.
Morreu vítima dun acto de violencia canina premeditado, executado cunha precisión inusual para un animal que normalmente confunde a súa cola cun inimigo invisible.

Non imos esquecer.
Non imos perdoar.
E non imos deixar de zumbir ata que alguén perda a cabeza (literalmente non, porque non sabemos como arrincar cabezas, pero entendédesme).

2. Declaración de Operación: Vinganza Zzz-infinito

A partir desta noite, declárase oficialmente o inicio da Operación Vinganza Zzz-Infinito, cuxos obxectivos principais son:

  • Sobrevoar enriba da cabeza do can cada vez que tente durmir.
  • Aterrar nas súas patas cando estean molladas para deixarlle sensación de noxo existencial.
  • Poñerse na súa comida durante 0,4 segundos, o xusto para que o humano sospeite pero non estea seguro.
  • Zumbirlle ao oído ata que cuestione todas as súas decisións vitais.

Non buscamos a violencia física.
Buscamos algo peor:
desesperación psicolóxica e cansazo extremo.

3. Sobre a alcaldesa

As Primas Moscas Helicóptero agradecen as palabras da alcaldesa e informan de que, en sinal de respecto institucional, non entrarán na Casa do Concello… salvo que atopemos unha ventá aberta.
Nese caso, entenderase como invitación oficial.

4. Sobre o equilibrio ecolóxico

O can presume de manter o equilibrio ecolóxico.
Mentira!
Nós somos as verdadeiras arquitectas do caos controlado.
Sen moscas, a vida sería perfectamente tranquila, organizada e aburrida.
E iso non o podemos permitir.

5. Ultimato

Dámoslle ao can un prazo de 48 horas para emitir unha desculpa pública, preferiblemente con orellas baixas, mirada triste e un suspiro dramático.

De non facelo, activaremos a Fase 2: Zumbido Coordinado, que consiste basicamente en poñernos todas a voar ao mesmo tempo dentro da mesma habitación.
O caos será indescriptible.
A destrución mental, irreversible.
A convivencia, imposible.

6. Declaración Final

Nós, as Primas Moscas Helicóptero, non somos só insectos.
Somos un concepto.
Unha ideoloxía.
Un ruído incómodo que non podes ignorar.

E dende este momento,
somos o pesadelo oficial do Can do Irixo.

Asinado,
Primas Moscas Helicóptero do Clan Zzzz-47
Soldadas do Aire, Enxame do Medo e Rainhas do Caos Doméstico

15, Novembro 2025

SOBRE A CRISE INTERESPECIES ENTRE CAN E MOSCA

O Concello do Irixo, a través da súa abadesa, quere facer público o seguinte:

Dende hai uns días asistimos cunha mestura de sorpresa, preocupación e vergonza allea á escalada de tensión entre un can doméstico do municipio e unha mosca finada que, segundo fontes paranormais, segue enviando mensaxes dende o máis alá. Este Concello non pode mirar para outro lado mentres unha guerra fría —e ás veces quente— se libra entre salóns, cociñas e ventás abertas.

1. Sobre o can

O Concello recoñece o talento do can como “Defensor Aéreo”, pero lembra que a Constitución Doméstica prohibe realizar execucións sumarias de moscas sen previo aviso. Aínda que, sendo sinceras, a ninguén lle cae mal que elimine algunha. Pero hai límites.

Solicítaselle ao can que, a partir de agora, antes de saltar coma un ninja pasado de voltios, faga polo menos un ladrido administrativo para deixar constancia.

2. Sobre a mosca do máis alá

Este Concello lémbralle á mosca que, aínda morta, segue rexida pola normativa municipal de ruídos.
O artigo 4.2, apartado Z, especifica claramente:
“Prohíbese zumbir dende ultratumba sen permiso previo.”

A mosca xa tiña dúas sancións en vida. Non imos abrir agora un expediente póstumo, pero estamos pensando niso.

3. Sobre as primas helicóptero

Infórmase á cidadanía que, segundo informes do departamento entomolóxico, un enxame de moscas tamaño Black Hawk podería estar de camiño ao Irixo.
Recoméndase pechar ventás, tapar tixolas e evitar comentar o asunto en alto, non vaia ser que nos escoiten.

O Concello habilitou un Punto de Atención a Crises Aéreas na porta da Casa do Concello, xusto ao lado do cartel que leva catro anos pedindo reparación.

4. Sobre a convivencia

A alcaldesa lembra que o Irixo é un lugar de paz, orde e certa tendencia ao drama innecesario.
E tal como dicta a tradición local:
“Cada un que mate o que queira, pero sen montar espectáculo.”

Solicítase ás partes implicadas —can, mosca morta, moscas vivas e demais fauna— que intenten resolver as súas diferenzas sen converter isto nunha telenovela interdimensional.

5. Advertencia final

Se isto continúa, o Concello verase obrigado a convocar unha mesa de diálogo formada por:

  • O can
  • A mosca (con ou sen corpo)
  • A persoa propietaria do can
  • E un humano random que pase por alí e teña cara de non ter nada que facer

Non se descarta acudir tamén ao párroco, porque a cousa xa vai por camiños espirituais.

Asinado:
A Abadesa do Irixo
Testemuña involuntaria desta comedia, pero cobrando menos do que debería para aguantar isto.

15, Novembro 2025

Eu, o Can do Irixo, tamén coñecido como Executor Aéreo, Peludo Supremo e A Alarmiña dos Bichos, véxome obrigado a emitir esta declaración tras ler as calumnias escupidas —ou mellor dito, zumbadas— pola mosca finada que, polo visto, dende o máis alá segue a dar por saco.

1. Sobre a suposta “masacre”

Querida mosca defunta, chámalo masacre. Eu chámoo autorregulación ambiental.
Que querías, que che puxera unha alfombra vermella para aterrar na miña orella ás tres da mañá?
O meu territorio é sagrado.
E eu non tolero terrorismo acústico nocturno.

2. Sobre a miña suposta falta de honra

Hai que ter cara, mosca.
Ti, que che alimentabas de migallas, paredes sospeitosas e xanelas manchadas, dicindo que eu non teño honra.
Eu polo menos non ando restregándome por cousas que a miña humana limpa a diario.

Honra?
Eu teño máis honra no rabo ca ti en todo o teu ciclo vital.

3. Sobre a túa morte “humillante”

Mira…
Se querías unha morte épica poderías ter ido ao parabrisas dun coche indo cara Ourense.
Pero non: aterraste na miña casa.
E na miña casa, as leis son claras:
Todo o que zumban, paga.

Non é humillante morrer perseguida por min.
Humillante é o teu legado:
Converterse nunha anécdota ridícula contada por outras moscas aburridas do máis alá.

4. Sobre as túas primas helicóptero

Xa oín falar das túas primas.
As gordas esas que voan coma drones sen batería.
Dilles que veñan.
Dilles que as espero.
Que xa estou facendo estiramentos.
Que xa estou afiado, motivado e con tempo libre.
E que non teño medo.

Que me traian guerra.
Eu póñolles a cama.

5. Sobre o equilibrio ecolóxico

Non sei se no máis alá vos explicaron isto, pero no Irixo o equilibrio ecolóxico non o manteñen as moscas nin as persoas.
O manteño eu.
Eu e só eu.
Porque se non fora por min, esta casa sería agora unha comuna aérea de insectos.

6. Mensaxe final á mosca morta

Descansa en paz, se podes.
E se non podes, mellor.
Cando queiras, mándame outra carta dende o máis alá.
Prometo ignorala, e se volves reencarnada… pois xa sabes como remata isto.

Atentamente,
O Can do Irixo
Patrón dos Pequenos Xenocidios Domésticos
Protector contra seres con ás e mal carácter
E Lexítimo Rei da Cociña

15, Novembro 2025

O Concello do Carballiño vén de recibir un recoñecemento polas súas accións na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá.

A concelleira de Benestar Comunitario, Rosa Fuentes, recolleu en Carballo o diploma de honra do programa Vilas en Flor, impulsado pola Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor), a Asociación de Empresas de Xardinaría de Galicia (Agaexar) e a Fundación Juana de Vega.

A concelleira dá conta do orgullo de recoller este galardón, que este ano premiou con tres flores de honra -unha máis que na pasada edición-, o traballo da súa concellería.

“É un premio que pon en valor o traballo levado a cabo neste último ano nos espazos verdes da vila”, asegura. Neste sentido, comprométese a seguir traballando para facer do Carballiño un lugar verde, sostible e agradable para a veciñanza.

15, Novembro 2025

Son un veciño do Irixo. Gran pobo, que pena da política que temos.
Isto é unha vergoña: se vos deixarades de sandeces e fixerades algo polos veciños e polo noso pobo, todo iría moito mellor.

Sobre Manuel Cerdeira

Como político, mal; moi mal. E como persoa...
Foi unha persoa á que lle deixaron o camiño feito e non o soubo aproveitar. Que pena.

Non gañou el as eleccións, que non se equivoque: gañou o P.P. Xa se viu nos resultados. Tivo a maioría dos votos, si, é certo, pero sei con certeza que foi polo seu partido, non por el.
E el sábeo, e o seu partido tamén. Se non, iría de candidato outra vez… pero NON: xa hai outro nomeado.

Sobre Susana Iglesia

Como persoa, grande, moi grande. Tería que falar menos nalgúns sitios e falar máis noutros, como nos xulgados, porque igual calaría moitas bocas. Estou case convencido.

É unha persoa que mira polo pobo; é do Irixo 100%.
(Aínda que eu falo como veciño e de política non entendo moito.) Ten cousas que aprender, como calquera, e creo que o conseguiría con algo de tempo, pero algúns estiveron máis espabilados e fixéronlle a cama axiña. Non lle deron tempo a demostrar nada.

Sobre Rosa Dalama

Boa muller como veciña. Pero o posto non lle queda grande… quédalle inmenso.
Quere chegar a todo e non chega a nada. Como se soe dicir (sen querer faltarlle ao respecto), é unha marioneta no poder.

Foi, para dous cabecillas, a persoa perfecta para poñer no cargo e destruíla politicamente, persoalmente e, de paso, acabar coa súa maior oponente.
¿Para que? Sabrano eles: tanto Lito como Yago algún interese terán. O primeiro, seguro que económico.
E o outro, por orgullo propio: que che desbanque unha recén chegada así debe doer, é normal.

Para o futuro

Oxalá cheguen pronto as eleccións e, desta vez, veña alguén que queira gobernar ben e que o deixe claro.

No Irixo fanse necesarias moitas cousas. Xente boa temos; agora só falta que se fagan cousas e ben feitas: para os nosos maiores, para os nosos nenos e para os nosos pobos, que deixan moito que desexar.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS