26, Marzo 2019

O portavoz nacional de En Marea, Luis Villares, desplazaráse a O Carballiño nos próximos dias, falta concretar a data, coa idea de recuperar a presenza desta formación política no Carballiño.

Tras os últimos acontecementos que afectan a En Marea, desvinculada de Unidos Podemos, e con Alternativa Veciñal do Carballiño distanciada dos postulados defendidos pola actúal dirección de En Marea, agora, os partidarios da liña oficial liderada por Luis Villares pretenden reorganizar esta formación política no concello do Carballiño.

Para elo, nos próximos dias, Luis Villares estará no Carballiño para asistir  a un acto ao que se vai convocar a simpatizantes e veciñanza en xeral, e coa vista posta nas eleccións Xerais do 28 de Abril, e sen descartar a posible promoción dunha candidatura nas eleccións municipais do 26-M no concello carballiñés.

26, Marzo 2019

O alcalde de Maside avanzou nesta emisora de radio algunhos dos proxectos nos que traballa o concello de Maside en materia de mellora e acondicionamento de espazos públicos senlleiros nas vilas de Maside e Dacón.

Na capitalidade municipal, José Manuel Iglesias deu conta da petición dunha subvención presentada polo concello masidao ante a Xunta, e da que agarda se concrete en breve, para "a humanización da rúa Vella de Maside, dotandoa de pavimentación máis dacorde co entorno, e tamén unha nova iluminación que visualice o encanto e beleza que ten este lugar da vila".

Outra actuación que tamén contempla este mesmo proxecto de mellora de espazos públicos singulares será o que se acometerá na Praza que da acceso á igrexa parroquial de Santa María de Dacón, onde tamén se pretende conseguir un lugar máis armónico con este entorno no centro do pobo de Dacón.

E finalmente, o rexedor municipal tamén ten previsto a elaboración dunha obra de adecuación e mellora urbanística na rúa principal do pobo da Touza, na parroquia de San Miguel de Armeses.

26, Marzo 2019

Estes días estamos a ver como aumentan a obras nun sitio e noutro do pobo, e xa que estamos nela, para cando a Rúa MArcelino Parrondo?. Xa hai uns días que se anunciou o asfaltado de dita rúa, pero , para cando?

Porque non é que a rúa teña fochancas, e que esta en ruinas. Tiñan que priorizar, xa que pode competir polo primeiro posto de ruas esfaquiañadas do pobo. Que ademais no anuncio en ningún sitio se falaba de arranxar as tuberias que van por debaixo, espero que fora falta de información, porque se botan ese famoso "asfaltiño en quente" porriba e non arranxan o que hai por baixo e tirar cos carto. Eso si darialle para quedar bonito hasta as eleccions.

Fagan a rua dunha vez e ben feita porque para tirar cos cartos e millor que sigan con parches. E señor Alcalde priorice por necesidades non por quedar ben con este ou con aquel.

25, Marzo 2019

O gaiteiro carballiñés Isidro Vidal acaba de chegar dunha xira polos Estados Unidos, que o levou a actuar nas cidades de NewPort e Boston. Alí colaborou coa Banda de Gaites Corvera d´Asturies, convertíndose nos primeiros Europeos en participar no St. Patrick´s Parade Southie de Boston.

Esta colaboración coa agrupación Asturiana, surxe trala labor de composición e arranxos musicais levado a cabo no último trimestre do 2018 polo músico Carballiñés para esta formación.

Coa volta toca retomar as composicións, xa que na semana santa do Carballiño estreará a obra “Vía de Fol”, que consiste no primeiro viacrucis musical da historia da gaita. Esta obra é un encargo da confradía da Vera Cruz do Carballiño para poder ampliar así a oferta cultural dentro dos actos da Semana Santa. Este non é o único encargo compositivo, xa que para os próximos meses deberá facer entrega doutras obras encargadas por agrupacións doutras comunidades.

O estudio de gravación seguirá sendo a súa segunda casa, xa que segue coa gravación do seu primeiro traballo discográfico en solitario, onde reflexa as súas inquietudes e as súas ganas de explorar arredor do instrumento por excelencia de Galicia.

Fai un par de semanas lanzou en redes sociais a invitación de participar no seu disco a todos aqueles que quixeran, e durante o próximo mes, serán máis de cincuenta músicos os que se sumen a esta iniciativa, convertíndose nun dos primeiros músicos en facer partícipes dunha gravación aos seus fans.

23, Marzo 2019

O PSdeG-PSOE de Leiro cuestiona a xestión económica que o Partido Popular leva realizando no concello nas últimas tres décadas, despois da última comisión de contas celebrada na casa do concello.

Os socialistas denuncian a existencia de máis de medio millón de euros pendentes de cobro, en conceptos de impostos e taxas municipais e que teñen a súa orixe en 1990. Os socialistas de Leiro afirman que “unha parte moi importante destes cobros pendentes, correspóndese con contribucións e impostos de vehículos, que supoñen case o 70% do total. Case a metade destes dereitos pendentes de cobro figuran nas contas do concello como de dubidoso cobro e destes, a maioría, xa prescribiron, polo que non se van a cobrar”.

O voceiro socialista no concello, Manuel Rodríguez, indica que “evidénciase que en Leiro uns veciños pagan impostos e taxas e outros non, pese a que o alcalde presume de que na xestión de cobro , de impostos e de taxas alcánzase o 97% de eficacia, afirmación que unha vez máis desmenten os datos”.

Os socialistas tamén lles chama poderosamente a atención que nos anos nos que máis se deixan de pagar impostos e taxas en Leiro, sexan, supostamente, os anos que coinciden coa eleccións, coma aconteceu entre 2007 e 2018, e nos que coincidiron, coma noutros concellos , ata trece convocatorias electorais para municipais, autonómicas e xerais.

O PSdeG-PSOE de Leiro segue a criticar abertamente o goberno do Partido Popular e a súa xestión económica "nunha vila paralizada e na que cada vez as inversións son menos produtivas para o conxunto dos veciños e favorecen intereses partidistas", subliñan.

23, Marzo 2019

A XI edición do Rali do Lacón Históricos contará cun total de 58 coches inscritos, anteriores a decembro do ano 1979, e que proceden de toda Galicia. A saída terá lugar ás 16,00 h., do sábado, 23 de marzo, dende a Praza da Veracruz, onde se ubicará o parque pechado, e rematará sobre as 21,00 h., no que se fará a entrega de trofeos.

O evento foi presentado no anfiteatro da Praza da Veracruz polo concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, e directivos da escudería A.C. Arenteiro Clásicos, que o organiza.

Ainda que o percorrido é secreto, pois aos pilotos e copilotos só se lles entregará un plano coas indicacións do itinerario e horarios dos controles, o rali fará unha ruta de 150 km por estradas do Carballiño, Cea, Piñor, Arenteiro e O Irixo. Establecerase a hora de paso por cada punto de control, de forma que a velocidade media en cada tramo sexa de 50 km/h.

Manuel Dacal agradeceu o esforzo que realiza a escudería A.C. Arenteiro Clásicos para organizar ese rali, e adiantou que será a primeira actividade deportiva do motor importante das tres que se celebrarán no Carballiño esta tempada.

Neste sentido, resaltou o gran interese que ten para o turismo, a hostalería e o comercio, este tipo de probas que atraen a moitos participantes de fóra e a moitos visitantes e afeccionados.

2º Enduro Concello de Piñor

A matinal deste domingo dia 24 de Marzo cita aos afeccionados ao enduro nas terras do concello de Piñor.

Máis de 200 participantes tomarán parte nas probas, que se iniciarán a partir das 10 da mañá no monte de Cestos, nas inmediacións da localidade de Cotelas, e continuarán despois en pistas de terra no monte da Madanela, para completar a xornada no campo da festa do pobo de Arenteiro.

21, Marzo 2019

Trece establecementos comerciais ocuparán a totalidade das casetas instaladas na Praza Maior para a celebración da 14 Feira do Stock, que organiza o Centro Comercial Aberto coa colaboración do Concello do Carballiño e da Xunta de Galicia, e que se abrirá mañá venres, 22 de marzo, ás 11, 00 h., e rematará o domingo ás 21,00 h.

Trátase de tendas de moda infantil, mocidade, muller, cabaleiros, librerías e zapaterías.

O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Francisco Fumega, e a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares.

Entre os alicientes que ofrece esta feira están os descontos de ata un 80% e un sorteo de vales de compra por valor de 50 euros cada un, que se adxudicarán á clientela o domingo pola noite. Tamén haberá colchonetas para os mais cativos o sábado e o domingo.

Francisco Fumega destacou a importancia do comercio na economía local, e a celebración desta feira como un xeito de poner fin á campaña de rebaixas de inverno. Felicitou ao CCA polo traballo que realiza e reiterou a máxima colaboración do goberno municipal para dinamizar o sector e intentar paliar a competencia que se produce por mor das vendas online.

Neste senso defendeu o comercio local como o principal sostén da vida nas vilas, e por eso animou á veciñanza a mercar nos establecementos do Carballiño e achegarse esta fin de semana a Praza Maior.

Noelia Mares tamén animou á xente a visitar os stands e aproveitar a oportunidade de descontos e agasallos que ofrecen os establecementos da feira, e que son unha boa representación do excelente comercio que hai no Carballiño.

A feira abrirá o venres, sábado e domingo, en horario de 11,00 a 14,00 e 17,00 a 21,00 h.

20, Marzo 2019

Nesta celebración na Insua dos Poetas, o parque natural e cultural sito na carballiñesa parroquial de Madarnás, participaron 350 escolares en representación de nove centros educativos da comarca do Carballiño, asi como dun colexio da lolalidade pontevedresa da Estrada.

O presidente da Deputación de Ourense destacou o papel dos protagonistas da xornada, "os nenos e nenas que son o futuro de Ourense e de Galicia e que fixeron coas súas actuacións un espectáculo vencellado ás palabras identidade e dignidade, falando na nosa lingua, o noso maior tesouro, tal e como o recolle o Estatuto de Autonomía e, mentres haxa mocidade que fale en galego, que lean a tódolos que fixeron de Galicia algo tan grande, o futuro está asegurado".

Manuel Baltar agradeceu a Luís González Tosar a posta en marcha de proxectos desta índole que a Deputación de Ourense "sempre apoiará" e felicitou ao "ourensán universal" Acisclo Manzano pola "obra senlleira Kalíope" que desde hoxe pasa a formar parte da Insua dos Poetas.

No acto tamén participou o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o director do CEIP do Irixo, Carlos Bericat.

Esta peza escultórica Kalíope, Musa da Poesía, obra do artista ourensán Acisclo Manzano, inaugurada hoxe na celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía "vai a ser a que rexa toda a Insua dos Poetas", sinalou Tosar.

E, neste mesmo sentido, o alcalde do Carballiño, Franscisco Fumega agradeceu a Tosar, á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense "por facer posible que esa utopía se fixera realidade e que permite que teñamos un dos parques escultóricos máis importantes de Galicia".

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura lembrou que a Insua dos Poetas posibilita "realizar actos tan fermosos como os de hoxe onde se mestura a natureza salvaxe cunha serie de esculturas que están a convertelo nun dos mellores parques escultóricos ao aire libre". Asemade, Román Rodríguez destacou "o traballo e o esforzo dos máis cativos, e dos seus profesores, coas súas actuacións que fixeron á poesía aínda máis fermosa".

Trala inauguración da obra escultórica, o alumnado plantou ao redor da escultura, diferentes árbores autóctonas. A Insua dos Poetas "naceu hai dez anos, e dous anos despois decidimos que unha das actividades que aquí se celebraran debía ser sempre a entrada da primavera que significa un cambio de ciclo, a esperanza da nova natureza que deixa atrás o inverno e no que nos presenta un futuro esperanzador", explicou Luís González Tosar, quen lembrou que un dos principios que "rexen esta república dos soños, da arte e da palabra é o agradecemento".

A Fundación "Insua dos Poetas", declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.

19, Marzo 2019

Ana Patricia Torres Madureira (Caracas, 1984) será a nova cabeza de lista da candidatura que o Partido Popular presentará en Boborás, reto que afronta “como un mandato no que a veciñanza sexa a protagonista e participe na construción dun concello en clave futuro”. Torres toma o relevo de Cipriano Caamaño, alcalde desde 1991 “e que culmina una etapa de goberno exitosa, sempre revalidando maiorías absolutas”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, que tamén agradeceu á candidata que se puxera a disposición do partido aproveitando a súa ampla experiencia no equipo de Caamaño”.

Patricia Torres forma parte do goberno de Boborás desde 2011, asumindo, entre outras, as competencias de cultura e turismo, onde procurou a recuperación de diferentes tradicións, a posta en valor do patrimonio ou a festa da Batalla, sen deixar de citar outras responsabilidades no ámbito social como o servizo de conciliación ou a construción do edificio sociocultural.

Torres afirma estar moi ilusionada e agradecida “porque teño a oportunidade de levar a cabo un proxecto moi ambicioso para Boborás, con proxecto e un equipo cheo de gañas por traballar”. Como declaración de intencións, a candidata asegura que loitará “pola construción de novas infraestruturas que melloren a calidade de vidas dos veciños e daqueles que veñan no futuro, humanizando cada vez máis os pobos e conseguindo que Boborás non só sexa un referente turístico, senón tamén pola recuperación do seu patrimonio social e cultural”.

A candidatura de Patricia Torres “foi unha decisión tomada por unanimidade porque Patricia nos superou a todos en interese, xestión e traballo”, asegurou pola súa banda Cipriano Caamaño, para quen Boborás ten na candidata “a unha persoa con todas as garantías de servizo, formada e cunha gran sensibilidade cara o patrimonio e a cultura”. O propio Caamaño explicou que decidiu dar un paso ao lado “porque vexo que hai xente comprometida e competente, polo que creo que debo dar o relevo, agradecendo aos meus veciños todo o cariño demostrado e o apoio maioritario en cada mandato".

Tamén o presidente provincial, Manuel Baltar, quixo agradecer “o traballo, o compromiso e a lealdade demostrada en todo este tempo por Cipriano Caamaño”, unha etapa, insistiu, “marcada sempre pola confianza dos veciños con maiorías absolutas en todos os comicios nos que se presentou e noutras convocatorias electorais”.

Agora, declarou, “ábrese unha nova etapa con Patricia Torres, que ten experiencia dabondo de goberno, con especial vocación pola cultura, por poñer en valor o importante significado que ten Boborás en ámbitos como o turismo ou mesmo o termal”. Para Manuel Baltar, a candidata sabe que o seu concello “está chamado a xogar un importante papel na comarca, pero aínda máis na provincia, por iso saudamos e agradecemos que puxera a disposición do partido a súa experiencia e iniciativa”.

18, Marzo 2019

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu a presentación do programa de actividades que a "Ruta do Viño do Ribeiro" vai desenvolver durante o ano 2019 baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", unha iniciativa que conta co apoio da Deputación de Ourense e que reúne por primeira vez a catro entidades -Deputación, Consello Regulador da denominación de Orixe Ribeiro, Ruta do viño e Xeodestino O Ribeiro-Carballiño-, que colaboran conxuntamente para potenciar o territorio histórico do Ribeiro.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou na presentación "a aposta da Deputación de Ourense pola asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e pola visualización do enoturismo nunha comarca fundamental da provincia de Ourense, como é a do Ribeiro". Baltar salientou "as grandes posibilidades que se abren para Ourense coa próxima chegada da alta velocidade e en vésperas do Xacobeo 2021".

"Estamos a falar do viño por excelencia de Galicia e da segunda denominación de orixe máis antiga de España, o Ribeiro, así como do primeiro viño de Galicia que se internacionalizou, un viño de excelente calidade que afronte neste século XXI unha andaina máis que importante da man das institucións para potenciar a posta en valor desa parte tan representativa de Ourense como é a comarca do Ribeiro, onde se une non só viño senón o termalismo e a súa riqueza histórico-artística", afirmou Baltar.

A presentación contou, ademais, co presidente da asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares; e co presidente do xeodestino O Ribeiro-Carballiño, Francisco José Fernández.

O obxectivo desta colaboración é facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e impulsala como destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.

O presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, dixo que outros retos son "espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debera ser reivindicado." Asemade apuntou que "queremos que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións; o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos".

Actividades

As actividades a desenvolver durante o ano 2019 se concretan nunha campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro. Farase unha presentación en Santiago da Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, na simbólica Porta de Mazarelos, lugar histórico de entrada do produto a Compostela.

Unha misión inversa de xornalistas e escritores especializados de ámbito español daralle unha dimensión nacional á estratexia, e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración con AMECHIR (Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro. Finalmente, a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará no mes de xuño a VIII edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia.

A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 como unha entidade destinada á promoción do territorio ribeirán e os seus recursos cunha finalidade turística. Hoxe en día conta con 52 socios entre os que hai 19 adegas, 7 establecementos de restauración, 9 aloxamentos, balnearios e termas. Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén), así como co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que ostenta a presidencia.

Durante o ano 2018 se foron tecendo redes de cooperación entre a Ruta do Viño do Ribeiro e o xeodestino O Ribeiro-Carballiño promocionando o turismo neste territorio. Puxéronse en marcha actividades como o "Bus do Viño" durante os meses de xuño a setembro e tamén se desenvolveu unha misión inversa con medios xornalísticos galegos especializados no mes de novembro.

Segundo Francisco José Fernández, "o éxito acadado nestas accións nos animou a ir un pouco máis alá e propoñer unha cooperación con máis entidades. Deste xeito, por vez primeira na historia do Ribeiro, catro entidades con obxectivos e intereses comúns (Deputación, Consello Regulador, Ruta do viño e Xeodestino) establecen unha estratexia conxunta e poñen en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela".

As catro entidades deseñaron un paquete de actividades que se acubillan baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", que quere trasladar a idea do Ribeiro como unha zona con historia desde os romanos ata hoxe, pasando polas grandes ordes monacais, os fidalgos ou señores da terra e a figura dos arrieiros.

Segundo Casares, "o Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: Tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia".

De xeito principal, apunta Francisco José Fernández Pérez, "identificar a Ruta do Viño do Ribeiro co "Camiño do Viño" fundaméntase na importancia da figura dos arrieiros e dos percorridos que, pouco a pouco, se foron definindo en función de cal era o destino do viño (do Ribeiro) que transportaban".

O certo é que a existencia de granxas vitivinícolas dependentes de ordes eclesiásticas establecidas en Compostela, fixo que un dos destinos principais destes "comerciantes" sexa Santiago. Esta relación comercial Ribeiro – Compostela, tórnase estratéxica para o desenvolvemento económico dos dous territorios fundamentalmente polo comercio do viño do Ribeiro, que tivo repercusións a nivel social e cultural. Pontevedra foi o outro gran punto de negocio do Ribeiro xa que era o porto de mar desde onde este viño se comercializaba a outras zonas de España e ao estranxeiro. O Ribeiro foi o primeiro viño que chegou a América e o primeiro viño galego que se internacionalizou.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS