
O Auditorio Manuel María e a Casa da Cultura serán os marcos nos que se desenvolverá o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador (FETTA), coincidente coas XIV Xornadas de teatro FEGATEA, que terán lugar o venres 10, sábado 11 e domingo 12 de maio, no Carballiño.
O evento foi presentado esta mañá no concello do Carballiño coa aistencia do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o responsable de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Daval; a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado, Chelo Pampillón, e os directivos do grupo Tiruleque, Xosé Prada e Lydia Almonte.
No festival, que é totalmente gratuito ata completar o aforo, representaranse tres obras teatrais: o día 10, ás 20,30 h., Teatro Balugas de Portugal coa obra “Pâo Nosso”; o día 11, ás 20,30 h., compañía Latela Teatro de Castela-León coa obra “Raíces, de Lorca”, e o día 12 ás 17,00 h., a compañía galega Lohengrin Teatro coa obra “A mirada das bolboretas”. As tres representacións terán lugar no auditorio municipal, e a entrada será de balde.
Ademáis, o 11 de maio, na Casa da Cultura, ás 18,00 h., haberá un obradoiro de escrita por Ernesto Is, e ás 18,30 h., unha mesa charla coloquio sobre Teatro e inclusión, por Victoria Teijeiro.
Así mesmo, o domingo 12 de maio, ás 12,30 h., no auditorio, presentarase o I Premio PLATTA de teatro breve en galego, e representaranse os talleres de lecturas nos 3 idiomas (portugués, galego e castelán) da obra gañadora “Morreu a tía María”, de Xosé Prada.
Diego Fernández amosou o seu orgullo por poder presentar un festival que complementa a programación cultural do concello do Carballiño nas vísperas da celebración da Semana das Letras Galegas. E destacou que se trata dunha das grandes citas anuais do teatro afeccionado en Galicia, polo que felicitou á Federación de Teatro Afeccionado e ao grupo Tiruleque.
Chelo Pampillón resaltou a importancia do evento e da FEGATEA como incentivadores do teatro afeccionado, do que dixo era un xeito de “teatro por amor”. Explicou que conforman a federación 54 grupos de teatro, nos que se implican unas 1.300 persoas, e que en breve celebrarán o 20 aniversario. Dixo que organizan festivais, circuitos e ciclos formativos, destacando que estes últimos eran unha aposta clara do teatro afeccionado. Tamén se referiu aos premios conseguidos nestes case vinte anos de existencia, e agradeceu ao concello do Carballiño e a Deputación de Ourense a súa colaboración.
Manuel Doval dixo estar especialmente motivado por esta presentación, pois se facía nunha vila moi vencellada co teatro. Destacou a colaboración da Deputación cos concellos e as asociacións en materia cultural, e destacou o feito de que se incluise no programa do festival unha obra infantil, pois era un xeito de dinamizar a formación dos escolares.
Finalmente, Lydia Almonte animou á veciñanza do Carballiño a asistir ás representacións e demáis actos do festival.

O Club Clásicos Arenteiro organiza por cuarto ano consecutivo a concentración Carballiño JOB, que reunirá a 60 coches de toda Galicia anteriores ao ano 1983, e que discorrerá polo Carballiño, Cea, Vilamarín e Maside, cun percorrido de 50 kilómetros.
Esta proba deportiva, que terá lugar este domingo, 12 de maio, foi presentada ao mediodía na Praza Maior coa asistencia do concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, e os directivos do Club Clásicos Arenteiro Óscar Otero e David García.
A xornada comezará ás 9 da mañá na praza da Veracruz, e ás 11,00 h., será a saída, cun itineario secreto.
Manuel Dacal agradeceu o traballo que desenvolve o Club Clásicos Arenteiro, e que personalizou en Óscar Otero e David García, por organizar eventos deportivos que incentivan o turismo na vila carballiñesa.
Recordou as probas automobilísticas de gran importancia que xa se celebraron este ano no Carballiño, e outras que o farán nos próximos meses, e que dinamizan a economía local, polo que felicitou aos organizadores.
Óscar Otero resaltou a gran participación de pilotos e coches do Carballiño ou pertencentes ao Club Clásicos Arenteiro, pero tamén aos pilotos do resto das provincias galegas, e agradeceu a colaboración do concello e patrocinadores. Finalmente, animou aos veciños e afeccionados a asistir á concentración e posterior saída desde a praza da Veracruz.

O Centro de Estiudios Chamoso Lamas celebra este ano 2019 o seu 25 aniversario. Con tal motivo está a deseñar un programa de actividades que ainda non ten datas concretas, pero que podería levarse a cabo entre o 15 de agosto e o 15 de setembro.
En todo caso, o 17 de maio próximo, Día das Letras Galegas, e data na que se cumple este vixésimo quinto aniversario, terá lugar a presentación do libro do arqueólogo e coordinador da sección de Arqueoloxía da entidade, Jorge Lamas Bértolo, titulado “Cemiterios esquecidos: O fenómeno tumular na comarca do Arenteiro.
A presentación desenvolverase no salón de actos do Casino do Carballiño, ás 19,30 h.
Será a primeira actividade dunha serie de iniciativas que incluirán a edición dun número especial da Revista Argentarium, unha exposición retrospectiva sobre a traxectoria da entidade, unha ruta urbana guiada polo centro histórico da vila e unha andaina pola senda do Arenteiro ata a sede do centro de estudios en Cabanelas, entre outras propostas que se están valorando e que se darán a coñecer máis adiante.
Así mesmo, tamén se presentarán en próximas datas actas do IX Congreso e uunha publicación monográfica sobre Luis Míguez.

O PSdeG-PSOE presentou a súa candidatura nas próximas eleccións do 26 de maio, que estará encabezado por Xosé Uxío Rodríguez Blanco. Unha candidatura "sólida, unida e gañadora, que quere recuperar a economía municipal en Piñor e apostar por proxectos que repercutan directamente na vida das persoas".
O candidato socialista destacou que aposta por “un concello aberto para todos e todas, que sexa participativo, que escoite á veciñanza e que estes sexan gobernados en igualdade de dereitos, primando o interese colectivo”.
O acto, celebrado no Centro Social Albarona, acudiron un cento de veciños e veciñas, ademais de militantes de diferentes puntos da comarca e a executiva provincial, que estivo representada na figura de Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense que chamou “a recuperar esta provincia do ostracismo e acabar con décadas de gobernos absolutistas da familia Baltar que só trouxeron miseria a nosa provincia”, e á que en palabras de Villarino “xa vai sendo hora de devolverlle á dignidade”.
O secretario provincial chamou tamén á veciñanza “a cambiar Piñor e a apostar por un proxecto socialista sólido, con futuro, cheo de ilusión e que ven reforzado tralos resultados conseguidos o pasado 26 de maio, pero non debemos esquecer que hai que traballar duramente para conseguir que o 28 de abril mude o concello de Piñor, a cidade de Ourense e o resto da provincia, que merece a chegada de novos tempos, de progreso e de políticas útiles para os ourensáns e as ourensás”.
Uxío Rodríguez fixo referencia ante a súa veciñanza dos cinco eixos sobre os que pilotarán as súas políticas. “A execución do PXOM, aprobado hai máis de 3 anos; os servizos sociais; pelexar pola redución do IBI; apoio obxectivo os distintos colectivos deportivos e a o fortalecemento da Vía da Prata, que circula polo noso concello, serán os nosos eixos de traballos se conseguimos o goberno de Piñor”.
O candidato tamén fixo fincapé na importancia de “saber de onde vimos, onde estamos e cal é o noso futuro. Pois non podemos esquecer que vimos dunha agrupación veciñal que cogobernou en Piñor e agora damos o paso de presentarnos polo PSdeG-PSOE para aspirar novamente o goberno”.
O candidato tamén fixo referencia a un dos motivos polo que abandonaron o goberno bipartito. “O Partido Popular negounos por escrito a situación económica do municipio e o endebedamento do mesmo”. Algo que Uxío Rodríguez di que “ tememos poida ter empeorado, dados o gasto que o goberno municipal está a realizar nos últimos meses, coa instalación de tres farois onde había un ou onde non se precisaba, ou o asfaltado mal e tarde dalgúns camiños”.
Os socialistas apostarán por unha auditoría municipal se finalmente acceden o goberno “para coñecer de primeira man a situación económica real do concello e pórlle solución”. Non se esquece Uxío Rodríguez tampouco de problemas comúns na provincia, “loitaremos para por freo ó despoboamento, para paliar a carencia de servizos, amosando respecto ós recursos naturais” e finalizou chamando a unidade “para aprobar medidas que xeren emprego, fixen poboación e axuden a que Piñor siga existindo”

Un numeroso grupo de mulleres das parrquias de Santa Uxía, Pol e A Piteira, participaron este venres pasado nas Xornadas con mulleres do rural, que organiza a concellería de Benestar Social, Igualdade e Sanidade, a través do Centro de Información da Muller (CIM), e coa subvención do pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A primeira xornada tivo lugar no local social de Costoia e a segunda celebrarase o 8 de maio no local da asociación de veciños de Mesego con mulleres das parrquias de Mesego, Sagra, Banga e Cabanelas.
Estas xornadas, que están dirixidas por unha psicóloga, teñen o obxectivo de concienciar ás mulleres do rural na igualdade, empoderamento e estereotipos de xénero, e levan por título “A muller de onte e de hoxe. Que queremos para mañá?”
As seguintes xornadas serán: O 8 de maio en Mesego. En Arcos será o día 10 de maio. En Mudelos o 15 de maio. En Seoane o 23 de maio e no Torrón o 24 de maio.
As persoas interesadas en asistir a estas xornadas poden anotarse nas súas respectivas asociacións de veciños, onde tamén lles ampliarán a información relativa a estas convocatorias.
Pachi Vázquez presentou este venres a súa candidatura á alcaldía do Carballiño "rodeado dun gran número de asistentes que se achegaron á Eira de Flores a amosar o seu apoio e agarimo ao líder de Espazo Común", destacan dende Espazo Común.
Pachi Vázquez escolleu este emblemático lugar para manifestar "a vocación dunha candidatura completamente renovada que nace por e para O Carballiño”.
O líder de Espazo Común precisou que a nova candidatura basease “nun gran equipo e nun gran proxecto para relanzar O Carballiño: dinamizar a economía, garantir a calidade de vida dos nosos veciños e acometer os importantes cambios estruturais que precisa a vila”.

Dez clientas e clientes da praza de abastos resultaron afortunados no sorteo celebrado este mediodía para conmemorar o Día da Nai.
Os premios recaeron en Alicia (unha cafetera), Rosa Alonso e Josefa Montero (unha pulsera de actividade deportiva cada unha), Charo López e Gerardo Ogando (un reloxo cada un), Cándida ( un secador), Mª González (unha plancha de pelo), Mª Fumega (un teléfono móbil), Carmen González (unha plancha de asar) e Andrés García (unha Caixa de viño Pazo Tizón).
O sorteo celebrpouse nun acto ao que asistiron o alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Cultura, diego Fernández; o presidente da asociacións de praceiros, Eligio González; catro nenas estudiantes, praceiras e praceiros.
Francisco Fumega felicitou aos praceiros polo éxito desta campaña, que acadou unha gran participación e o obxectivo de incentivar as vendas, e destacou dun xeito especial o traballo da asociación presidida por Eligio González.
Eligio González non dibidou en cualificar o día como excepcional e extraordinario, pois en tan só vinte días as clientas e clientes despositaron máis de 6.000 papeletas, o que era un auténtico récord. Por iso agradeceu a confianza despositada na praza de abastos, resaltando ademáis a celebración do 90 aniversario da súa creación.
E finalizou dicindo que O Carballiño era un pobo dinámico, con moitas actividades que impulsan o comercio e a hostalería, e que a praza de abastos tamén contribúa a esta dinamización da vida
QUEREMOS QUE NÓS DEIXEN VOTAR!!!
Somos un grupo de traballadores que non estamos dacordo con esta folga salvaxe e reivindicamos á sociedade carballiñesa que se involucre e se poña do lado dos traballadores e non dos sindicatos suicidas que non deixan votar os acordos e leva á empresa ó seu peche inexorable.
Eses mesmos sindicatos que van cos seus piquetes encapuchados e con paus nas mans amedrentando ós que si queremos exercer o noso dereito á traballar. Eses mesmos que ían nas manifestacións da semana pasada polas rúas do Carballiño acompañados pola cidadanía.
Que non se confundan os cidadáns. Eles son los malo da historia. Impórtalle ben pouco a empresa e a economía carballiñesa. So buscan o seu interés personal. Proba delo é que non deixan votar ós que non son coma eles porque saben que entón non sería un 85% os que os apoian senón moitos menos.
SO QUEREMOS VOTAR!!!

A Agrupación de Electores "Xuntos por San Amaro", unha das seis candidaturas que concorren ás eleccións neste municipio tivo o seu acto de presentación na sede que xa ten aberta na rúa principal de San Amaro, ante a presenza dun grupo de veciños e no que tomaron a palabra varios dos integrantes da candidatura.
Carlos Paz González, candidato á alcaldía de San Amaro, comezou lembrando que nas primeiras xuntanzas, previas á formación da candidatura, "falaban da incredulidade que nos provocaba a deixadez demostrada polo noso concello no que atinxe á inversión pública, aos servizos básicos para veciñas e veciños ou á promoción dos nosos recursos".
Engadiu "Queremos recuperar a autoestima polo noso. Cremos que estamos preparados para governar e poñemos o noso traballo á disposición das veciñas e dos veciños de San Amaro para tentar mellorar a calidade de vida das veciñas e dos veciños apartir do primeiro día de goberno".
Entre as propostas presentadas, Carlos Paz apostou pola necesidade de mellorar as comunicacións no concello: por unha parte o transporte e a e a conexión coa AG-53 e por outra as telecomunicacións, nun concello que adoece de problemas serios de cobertura e de acceso a banda ancha, o que prexudica gravemente aos seus habitantes e ás empresas radicadas no concello. Neste senso, apuntou a urxencia dun sitio web e dun espazo 3.0 que achegue información actualizada do concello e dos seus servizos, amáis de ofrecer cumprida información social, económica, cultural e turística do concello de San Amaro.
Por último falou da necesidade de coñecer polo miúdo o estado real das contas e revisar a concesión da xestión da auga no concello, que se está a converter nun quebradeiro de cabeza para os habitantes, tanto polo seu elevado prezo como pola calidade da mesma.
Pola súa parte, Sonia Ordóñez González, candidata nº 2, apuntou que están abertas e abertos a todas aquelas persoas que queiran traballar polo benestar das e dos amarenses. "Cremos no noso concello e nas súas xentes e queremo que as nosas fillas e os nosos netos teñan a opción de vivir e de traballar no concello de San Amaro".
No apartado de política social, Sonia Ordóñez apuntou a necesidade de crear un rexistro de persoas maiores que viven soas, amais de facilitar as xestións oportunas para acceder aos servizos básicos de teleasistencia ou axuda para as actividades da vida diaria. Indicou Sonia Ordóñez que queren promover o envellecemento activo e a participación social através de actividades lúdicas e divulgativas centradas na interxeracionalidade. Por último, apuntou a total disponibilidade de Xuntos de levar a cabo accións de entendemento e colaboración continua co CEIP da localidade e co tecido asociativo do termo municipal.
Cristina Vázquez Rodríguez, nº 3 na candidatura, centrou a súa intervención na posta en valor dos recursos culturais, patrimonias e medioambientais do concello. Falou da impotencia que provoca saber que a multimillonaria inversión que a Xunta de Galicia realizou no Castro de San Cibrao de Las non aportou á penas ningún posto de traballo entre as veciñas e veciños do San Amaro.
Apuntou a situación irregular do concello ao non ter aprobado un plan de emerxencias e un plan de prevención de incendios, e comprometeuse a aprobar ambos plans, conforme ao PEIFOGA e á lexislación vixente. Tamén anotou a intención de incoar expediente para a declaración BIC do Castro de Las, ao tempo que anunciou a "creación dunha Biblioteca Vivente, que recolla desde xa a memoria das persoas que habitaron e habitan o noso concello, deixando para as xeracións futuras copia dos seus testemuños".
Manuel Cao González, nº 4 na candidatura, fixo unha introdución sobre a merma demográfica do concello e sobre a urxente necesidade de poñer en marcha unha batería de medidas que persigan a creación de emprego e faciliten a vida cotiá no concello. "A última vez que San Amaro apareceu no DOG foi en febreiro do 2018. E non foi para anunciar unha inversión ou unha licitación, senón para facer público un informe ambiental estratéxico promovido por unha Fundación radicada no noso concello. Tres cuartos do mesmo pasa co BOP, onde no mes de xaneiro deste ano atopamos con sorpresa como o concello de San Amaro pasa a ser un dos únicos concellos da provincia que non está incluido no plan provincial de limpeza de marxes de estradas. Ningunha inversión realizada nos últimos anos. Ningunha inversión comprometida nos últimos anos".
Falou tamén da necesidade de aprobar o plan urbanístico, para poder construir e rehabilitar dun xeito ordenado e conforme ao interese xeral de veciñas e veciños. Por último, indicou que consideran "oportuna e necesaria unha Guía de Recursos económicos do concello, na que se inclúan todos os servizos económicos que ofrezan ou demanden as veciñas e veciños do concello. Tería un espazo no web do concello, ademais dun ocupar un lugar físico nos edificios municipais ou comunitarios", subliñou.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 442
- 443
- 444
- 445
- 446
- 447
- 448
- 449
- 450
- …
- seguinte ›
- última »