19, Xullo 2025

Estimado lector: antes de publicar algo, hai que fixarse ben... Invítolle a que o faga... Sigue a liña continua en dirección Ourense e prohibido o xiro ó Mercadona. As liñas discontinuas son ó revés, vindo de Ourense ó Carballiño... 

Pero opino o mesmo, seguirán cruzando igual, sen importar as liñas nin as sinais

18, Xullo 2025

Hai un par de meses, tódolos veciños do Carballiño poidemos ver unha foto coa presenza de membros do desgoberno PPSOE anunciando unha revolución na limpeza viaria do noso pobo.

Certamente resultaba algo necesario pois as queixas veciñais pola falla de limpeza eran xeralizadas.

O elevado importe do contrato adxudicado a unha empresa, arredor de 350.000 € ao ano, levounos a pensar que, á fin, veríamos o pobo limpo.

Nada máis lonxe da realidade, a foto resultou ser unha fantasía máis e toda aquela maquinaria coa que se retrataron na Praza Maior nunca máis se voltou a ver polas rúas.
Así, a triste e crúa realidade da nefasta xestión destes once magníficos quedou en evidencia este pasado domingo 13 de xullo.

Sendo o día posterior ao entroido de verán, con desfile incluído e unha importante afluencia de xente, todo o dispositivo de limpeza consistiu en tres operarios, dous con vasoira e un cun simple soprador de mán.

Estes tres traballadores non serían suficientes nin sendo superheroes de Marvel polo que non procede máis ca pedir explicacións aos irresponsables gobernantes que gastan ese diñeiral dos cartos de todos e, aínda así, non son capaces de garantir un servizo de calidade.

Tristemente, un ano máis, turistas e veciños seguen a queixarse amargamente da imaxe lamentable que ofrecen as nosas rúas. A diferencia é que este ano, aínda por riba, pagámoslle 350.000 € a unha empresa.

Asdo: Espazo Común, concello do Carballiño.

18, Xullo 2025

ESTA NOITE PINTARON AS MARCAS VIAIS NA 25 DE XULLO E TAMÉN POR ONDE O MERCADONA

ANTES HABIA LIÑA CONTINUA E SINAL DE PROHIBIDO O XIRO A ESQUERDA EN DIRECCIÓN OURENSE.

AGORA HAI LIÑA DISCONTINUA PERO A SINAL VERTICAL SEGUE AHÍ (TEN PRIORIDADE DE SEMPRE)

XA ANTES NON FACÍAN MOITO CASO AS SINAIS CANDO PROHIBIAN O MESMO, AGORA CON CONTRADICCIÓNS A COUSA NON VAI IR A MELLOR.

DE VERDADE HABÍA NECESIDADE DE FACER AS COUSAS ASI?

18, Xullo 2025

O Concello de Carballedo está situado entre a serra do Faro e o encoro dos Peares, entre a montaña e a Ribeira Sacra, no suroeste da provincia de Lugo, e ten a súa capitalidade municipal na Barrela.

Mantén unha gran interrelación económica e social coa comarca do Carballiño, trátase dun municipio no que se sitúa un dos primeiros testemuños  do cristianismo en Galicia, xa que nunha pequena igrexa na parroquia de Temes  foi localizado un sarcófago tardorromano  datado no século IV.

As pegadas da idade media tamén deixaron a súa impronta, por exemplo, na igrexas románicas de San Estevo de Chouzán e San Xoán da Cova. Ademáis, Carballedo destaca pola súa gran riqueza natural e paisaxística.

Escoita aquí o programa especial de verán de COPE O Carballiño dedicado ao concello de Carballedo:

17, Xullo 2025

O Concello do Carballiño participa este sábado na XVII Festa da Palabra da Insua dos Poetas, que nesta edición rende homenaxe ao legado cultural, político e literario de Alfonso R. Castelao (1886-1950), no 75 aniversario do seu pasamento.

O evento, impulsado pola Fundación Insua dos Poetas, converte cada verán A Esgueva (Madarnás) na capital da exaltación da cultura e lingua galegas.

“A xornada conta con moitas actividades, incluíndo a entrega dos galardóns que entregamos cada ano”, apuntou esta mañá Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, na presentación da Festa da Palabra no salón de plenos do Carballiño.

José Castro, alcalde en funcións, e Diego Fernández, concelleiro de Cultura e representante do Concello na Fundación, puxeron en valor a importancia da Festa da Palabra, así como da propia Insua dos Poetas, na conservación e divulgación da cultura galega. Nesa liña, convidaron á poboación a participar na xornada para coñecer o parque escultórico máis especial de toda Galicia.

A XVII Festa da Palabra arranca ás 11,30 horas, contará coas actuacións dos gaiteiros da Coral De Ruada e do Grupo Tres Pesos e finalizará cun xantar popular.

A porta de Castelao

Como cada ano, no transcurso da celebración descubrirase a nova instalación escultórica da Insua, neste caso realizada polo escultor ourensán Antón Pulido en homenaxe a Castelao. “Eu creo que esta peza vai ser moi significativa e distinta, non é que Castelao non teña imaxes icónicas ao longo de Galicia e Arxentina, pero son representacións realistas a maior parte dela, e o esforzo e o traballo de Antón Pulido deron como resultado outro tipo de imaxe”, explicou González Tosar.

O propio autor deu conta do proceso creativo, no que traballou conxuntamente coa Fundación Insua dos Poetas para lograr esa representación especial da figura do escritor e político galego. “Para nós, este monumento é unha metáfora da busca da identidade, da cultura ou da memoria de Galicia coa figura de Castelao como guía ou como a personificación desa meta. É unha invitación a un encontro significativo cunha parte fundamental do ser galego”, detallou Pulido.

O sábado realizarase o desvelamento da escultura por parte de autoridades políticas, dos membros da Fundación da Insua dos Poetas e do propio Pulido.

Sete galardóns

Luis González Tosar adiantou esta mañá os nomes dos sete galardoados na XVII Festa da Palabra, quenes recibirán unha escultura honorífica realizada polo escultor ourensán Acisclo Manzano. O novelista César Lorenzo recibirá o premio literario; a xornalista María Xosé Porteiro o premio lingua galega nos medios de comunicación; a Editorial Galaxia o galardón á defensa e impulso da cultura propia; o Cineclube Padre Feijóo recibirá o premio ao audiovisual en galego; a Irmandade da Sanidade Galega recollerá o galardón como colectivo destacado polo esforzo de galeguización; o CEIP Curros Enríquez de Celanova recibirá o premio protección da natureza, e Ramón Aguiño recollerá o galardón á cultura na emigración.

“Castelao escritor”

Os asistentes á XVII Festa da Palabra tamén poderán adquirir o libro “Castelao escritor”, recentemente publicado pola Editorial Galaxia con textos de Eduardo Blanco Amor editados por Luis González Tosar e Alexandre G. Corbillón. Trátase dun volume que recolle ensaios e análises que exploran a obra de Castelao e o seu papel como defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia, como caricaturista crítico ou como autor de textos sobre a emigración e o exilio.

16, Xullo 2025

A deste ano 2025 é a terceira entrega desta publicación, detrás da mesma e como coordenador está o profesor e veciño de Feás, José Ramón Cerdeira.

Escoita aquí a súa entrevista en COPE O Carballiño:

16, Xullo 2025

Una autentjca verguenza el abuso y ocupacion de las terrazas en Carballiño. Que pasa, se puede hacer lo que se quiera o no hay nadie que ponga orden.

Mesas a lo loco y ya lo que faltaba, doblr fila , estorbando y abusando. 

Quien da esos pernisos y a quien le correspibde contolar el numero de mesas y su colocacion.?

15, Xullo 2025

Unha vez aprobado o orzamento municipal ordinario para este ano 2025, a alcaldesa do Irixo deu a coñecer en COPE O Carballiño as actuacións previstas para acometer nos próximos meses.

Escoita aquí a entrevista a alcaldesa Rosa Maria Dalama:

14, Xullo 2025

O Concello do Carballiño vén de instalar unha nova escultura que rende homenaxe á figura dos arrieiros, tan vencellada á historia e identidade da vila. A obra, encargada ao artista local Eladino Cabanelas, foi colocada xusto ao carón da Casa Consistorial e representa un tributo visual e simbólico a un oficio clave no desenvolvemento económico e cultural do Carballiño.

A escultura, elaborada en aceiro corten —un material que destaca pola súa oxidación natural co paso do tempo—, mostra actualmente un perfecto ton marrón que evolucionará esteticamente coa acción dos elementos. A escena representada conta cun arrieiro e dúas mulas, e está organizada en dous niveis: no inferior, o arrieiro guía a primeira mula, mentres que no superior aparece a segunda mula, atada á anterior, creando unha sensación de movemento ascendente cara ao edificio do Concello.

Este deseño evoca unha imaxe tradicional que forma parte da memoria popular do Carballiño, cando os arrieiros se detiñan a dar de beber aos animais na fonte situada na praza, antes de continuar camiño. A localización da escultura, subindo cara ao consistorio, simboliza ese traxecto histórico.

A peza inclúe, ademais, dous elementos gravados de gran valor simbólico: nunha das mulas pode lerse o ano de inauguración, 2025, e na outra figura un alalá que canta aos produtos tradicionais da vila e da comarca, facendo tamén referencia ao emblemático Pan de Cea.

Con esta obra, o Concello do Carballiño amosa unha vez máis o seu compromiso coa recuperación e posta en valor da historia local, promovendo a cultura como ferramenta de identidade e cohesión social.

14, Xullo 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou este domingo na inauguración da Feira Sectorial do Cooperativismo, unha iniciativa organizada polo Concello de Boborás en colaboración co de San Xoán de Río, no marco das actividades da Rede Eusumo. No acto estivo tamén presente a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que esta celebración, que coincide coa VI Feira de Feás, constitúe un claro exemplo de como a cooperación entre administracións e entidades locais pode dar lugar a proxectos transformadores, capaces de fomentar o emprendemento colectivo e o arraigamento no rural a través da economía social. Subliñou, ademais, que este evento representa unha oportunidade para que as entidades participantes dean a coñecer os seus produtos, servizos e proxectos, contribuíndo á visibilización do modelo cooperativo.

Neste contexto, puxo en valor o papel da Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia no marco da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, e que xa integra máis de cen entidades adheridas, entre elas os propios concellos de Boborás e San Xoán do Río. En 2025, a Administración autonómica destina preto de 700.000 euros ao impulso da economía social mediante accións de divulgación como esta feira, así como iniciativas de formación e asesoramento a persoas emprendedoras, canalizadas a través desta rede.

Así mesmo, o conselleiro fixo fincapé na relevancia do cooperativismo como peza clave do tecido socioeconómico galego, tanto polo seu impacto económico como polo seu valor social. En 2024, este modelo empresarial acadou unha facturación superior aos 3.500 millóns de euros, representando o 5,1 % do PIB da comunidade, e xerando emprego para máis de 78.000 persoas, entre socias e traballadoras por conta allea.

González lembrou tamén que o apoio ao cooperativismo complétase co labor da Rede de Polos de Emprendemento da Xunta, con oficinas como a do Carballiño —referente para esta zona—, que ofrece acompañamento e asesoramento personalizado a aquelas persoas que desexan emprender no seu propio territorio coa posibilidade de apostar por modelos sostibles da economía social.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS