10, Marzo 2026

O concelleiro carballiñés do medio rural repasa a xestión no conxunto das parroquias do municipio, con distintas actuacións levadas a cabo en Fonteantiga, O Barón, Banga, A Uceira, Santa Uxía de Lobás, Longoseiros ou A Xesteira de Mudelos.  No transcurso da súa intervención, tamén atendeu as peticións da audiencia de COPE O Carballño.

Escoita aquí a entrevista a Miguel Fernández Castro:

9, Marzo 2026

O Goberno galego sacará en vindeiros días a licitación cun orzamento de preto de 2M € a obra de adecuación dun novo espazo no edificio do Centro Comarcal do Carballiño para integrar nel a oficina de emprego e o polo de emprendemento deste concello.

Esta actuación enmárcase na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e permitirá crear un espazo único de empregabilidade e talento, que favorece as sinerxías entre o emprego por conta propia e allea, e responde ás necesidades do tecido empresarial da contorna.

Así o reflicte un informe sobre esta actuación analizado hoxe no Consello da Xunta que detalla os traballos que se van realizar. Neste sentido, a obra tamén incluirá o acondicionamento exterior deste espazo, situado na avenida de Pontevedra, nº 73, dotado con máis de 900 m2 de superficie construída. Isto suporá o traslado da oficina de emprego, que está actualmente na rúa Otero Pedrayo, nº 20, a este novo espazo, no que xa opera o polo de emprendemento, co fin de adecuar as instalacións ás necesidades operativas.

Deste xeito, darase continuidade ao labor da actual da oficina de emprego, que presta servizos de inscrición de demandantes de traballo, xestión de ofertas laborais e da formación para o emprego e orientación laboral, compartindo espazo co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que xestiona as prestacións por desemprego. En concreto, esta oficina atende veciñas e veciños dos municipios do Carballiño, Boborás, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

Tamén potenciará o labor do polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, que comprende unha área de actuación de 31 concellos da zona e leva atendido —desde a súa posta en marcha no ano 2023— uns 400 proxectos empresariais, no marco dos máis de 1.100 asesorados na provincia de Ourense. Por sectores, predomina o dos servizos (máis do 20 %), seguido da hostalaría (17 %) e o comercio (máis do 10 %). Coas persoas atendidas neste polo realizáronse preto de 1.200 titorías e delas o 58 % son mulleres. Ademais, co seu labor contribuíu á creación de preto de 70 empresas.

8, Marzo 2026

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Leiro, representado polos concelleiros Manuel Rodríguez e Pedro José González, presentou hoxe un contundente escrito de alegacións contra o proxecto de Orzamento Xeral para o exercicio 2026. A impugnación pon o foco nunha partida de gasto que os socialistas cualifican de "desorbitada e carente de ética": a asignación de máis de 112.458 euros ao longo da lexislatura para o pago de tres dedicacións parciais do grupo de goberno.

A denuncia socialista fundaméntase na total ausencia de memorias xustificativas que avalen este gasto. Segundo o PSOE, no último pleno solicitouse formalmente por escrito un informe sobre as actividades e resultados obtidos por estas áreas dende o inicio do mandato en xuño de 2023. A resposta do Alcalde, lonxe de ser técnica, foi un recoñecemento da súa propia falta de transparencia ao afirmar que "non ía perder o tempo facendo memorias para a oposición".

Para os concelleiros do PSOE, esta actitude é inaceptable nunha administración pública: "Non se pode pedir aos veciños de Leiro que paguen 28.000 euros anuais en soldos para cargos que apenas teñen presenza efectiva no municipio e cuxas funcións son un misterio para a veciñanza". As alegacións tamén recollen unha posible irregularidade contable, xa que o orzamento pretende cubrir o alta na Seguridade Social con carácter retroactivo dende xuño de 2023 para a área de Cultura e Obras.

O PSOE advirte que pagar por un traballo pasado sen que exista un soporte documental que acredite as horas e tarefas realizadas podería constituír un pagamento indebido. "Esiximos que o diñeiro se destine a servizos para a xente e non a manter unha estrutura política que se nega a render contas. Se o Alcalde non presenta as memorias, pediremos a intervención do Consello de Contas", conclúen os socialistas.

8, Marzo 2026

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Benestar Comunitario, avanza no plan de mellora da limpeza municipal.

Entre as intervencións previstas nas próximas semanas, destaca o inicio do baldeo de beirarrúas no casco urbano e a renovación de contedores en diversos puntos do municipio.

De feito, estes días rematouse o cambio dos contedores da Praza da Mina, que se atopaban deteriorados polo seu mal uso.

A concelleira de Benestar Comunitario, Rosa Fuentes, avanza que tamén se realizarán lavados daqueles contedores que non precisen ser renovados. Neste sentido, Fuentes recorda a importancia das boas prácticas na reciclaxe e pide a colaboración da veciñanza.

“Reciclar correctamente é unha responsabilidade de toda a poboación, polo que precisamos que todos e todas nos concienciemos da importancia de facelo ben”, apunta.

Por outra banda, nas vindeiras semanas, despois das intensas chuvias dos últimos meses, comezarán os traballos de limpeza das beirarrúas. “Empezaremos polo centro, polos lugares emblemáticos do Carballiño, como é a Praza da Veracruz”, detallou Fuentes. Os baldeos irán realizándose de xeito progresivo en todos os barrios do Carballiño.

6, Marzo 2026

A poda parcial que mostra a foto é un exemplo claro de mala praxe no arborado urbano: non respecta a estrutura da árbore, debilítxaa e reduce drásticamente os beneficios que achega á rúa.​

Descompensación e mutilación da copa

A árbore foi podada case na súa metade dereita, deixando muñóns grosos e unha copa desequilibrada que rompe por completo a súa arquitectura natural.
Este tipo de cortes grandes, mal ubicados e sen criterio estructural considéranse podas drásticas (desmoche/terciado), desaconselladas pola bibliografía técnica porque xeneran rebrotes débiles e unha maior probabilidade de roturas futuras.

Consecuencias para a saúde da árbore

Cada muñón é unha grande ferida aberta: cicatriza mal, facilita a entrada de fungos e acaba sendo unha das principais causas de morte prematura de árbores urbanas.
A poda intensa realizada só nun lado obriga á árbore a gastar reservas en rebrotes de emerxencia, debilítxaa fisioloxicamente e aumenta a súa vulnerabilidade fronte a pragas e estrés hídrico.

Impacto sobre a seguridade e o entorno

Lonxe de "facerlle máis seguro", unha copa descompensada e chea de rebrotes mal ancorados volvese máis perigosa co tempo, porque eses novos ramos tenden a desgaxarse con vento ou peso.
Ao reducirse tanto a copa diminúen a sombra, a captura de contaminantes e o efecto de amortiguación térmica que a árbore debería proporcionar á beiravía e á calzada.

Momento inadecuado de intervención

Se, como parece, a poda fixo coincidindo co inicio da primavera, actuouse xusto cando a árbore entra na súa máxima actividade vexetativa, o que incrementa o estrés e a probabilidade de danos fisiolóxicos.
Ademais, estas datas adoitan coincidir co inicio da nidificación de aves urbanas, polo que podas así poden destruír niños e causar a morte directa de pitos e adultos.

6, Marzo 2026

Outro venres maís, neste 6 de marzo de 2026, foi de tertulia entre as 13 e 14 horas en COPE O Carballño.

Desta vez, con Sebastián Lamazares, Fátima Gómez, Manuel Nogueira e Gonzalo Rodriguez, e coordenada por Xan Pinal.

Escóitaa aquí:

5, Marzo 2026

Carlos Miguélez Val chegou a O Carballiño con apenas 19 anos deixando a súas "Terras Máxicas de Barazón".

Nesta entrevista, o técnico ambiental da Xunta e encargado da piscifactoría do Carballiño, e agora escritor, cóntanos o por qué deste libro de historias que o trasladan aos seus tempos de infancia e adolescencia na súa aldea natal de Barazón,  e que moi ben poderían ser as historias de calquera das nosas aldeas.

Escóitaa aquí:

 

4, Marzo 2026

O Centro Comercial Aberto Carballiño CCA celebra os días 6, 7 e 8 de marzo unha nova edición da súa xa consolidada Feira do Stock, unha campaña que suma xa numerosas edicións e que se ten convertido nunha das citas comerciais máis agardadas tanto polos propios establecementos como polo público.

O éxito das convocatorias anteriores, cunha gran participación e afluencia, confirma que se trata dunha iniciativa moi demandada e plenamente consolidada no calendario comercial local.

Durante tres xornadas, a Praza Maior de O Carballiño transformarase nun gran escaparate ao aire libre no que 16 comercios locais ofrecerán grandes descontos, produtos seleccionados e oportunidades únicas con stock limitado.

A feira reunirá unha ampla representación do comercio de proximidade, con artigos de moda xuvenil, moda infantil, moda de señora e cabaleiro, zapataría, alimentación e outros sectores especializados, permitindo aos visitantes atopar variedade, calidade e prezos especiais nun mesmo espazo.

Baixo o lema de “Grandes descontos, produtos seleccionados e só por 3 días”, a campaña busca dinamizar a actividade comercial e fomentar as compras no comercio local, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia atractiva e dinámica para veciños e visitantes.

Como incentivo adicional, o domingo ás 18:00 horas celebrarase un sorteo presencial de dous vales de compra de 50 euros cada un, co obxectivo de premiar a fidelidade dos clientes e poñer o broche final a unha fin de semana de intensa actividade comercial.
O horario da feira será o venres de 17:00 a 21:00 horas; o sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas; e o domingo de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

O presidente do Carballiño CCA, Julián Garriga, destaca que “a Feira do Stock é unha mostra clara da unión e fortaleza do noso comercio. Levamos moitas edicións porque é unha campaña que funciona, que os comerciantes solicitan e que o público agarda cada ano. Saímos á rúa para achegar os nosos produtos á xente e ofrecer oportunidades reais de aforro, mantendo sempre a calidade e a atención personalizada que caracteriza ao comercio local”.

Pola súa banda, a xerente do CCA, Noelia Mares, subliña que “o éxito desta campaña radica na implicación dos establecementos e na resposta do público. É unha iniciativa moi demandada porque permite dinamizar vendas, liberar stock e, ao mesmo tempo, crear ambiente e movemento no centro da vila.

Ademais, o sorteo dos vales de compra engade un atractivo extra que anima á participación”.

A Feira do Stock está cofinanciada pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de O Carballiño, reforzando así o compromiso institucional coa dinamización do comercio de proximidade e coa promoción da economía local.

Desde o Carballiño CCA animan a toda a veciñanza e visitantes da comarca a achegarse á Praza Maior durante esa fin de semana e aproveitar as oportunidades únicas que ofrecerán os establecementos participantes.

4, Marzo 2026

Que boa diferencia hai entre o intento bastante pobre de explicación xustificada en datos que indican todo o contrario que deu a Concejala de educación Lorena Castro e o que o tertuliano Manuel Nogueira dixo na ultima tertulia e nos dous escritos que publicou aquí. Manuel non será un experto como o catedrático Alberto Ruano en epidemioloxia, pero non lle fai falla para deixar ben claro e con exemplos moi ben descritos que os datos das medicións non garanten a seguridade para volver a abrir as aulas aos nenos. A concejala lonxe de explicar nada forzou o seu discurso na opinión do experto, pero e que ao parecer o experto recomendou tomar certas medidas.
Non sei como acabará todo esto, pero a min a explicación de Manuel é a única que me convence.
Agradecerlle a labor informativa que fai. Que outros aprendan de el antes de poñerse a falar.

3, Marzo 2026

O historiador Carlos Montes, integrante do Centro de Estudos Chamoso Lamas, vén de presentar unha innovadora serie audiovisual sobre a historia do Carballiño, elaborada mediante ferramentas de intelixencia artificial e cun rigoroso traballo de documentación histórica.

O anuncio realizouse nunha rolda de prensa na que participou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, quen destacou que o proxecto “é unha ferramenta moi útil para achegar a historia ás veciñas e veciños dun xeito ameno e accesible”, poñendo en valor o coñecemento profundo que Montes posúe sobre o pasado da vila.

Pola súa banda, o presidente do Centro de Estudos Chamoso Lamas, Carlos Rodríguez, cualificou a iniciativa como “novidosa e necesaria”, subliñando que Montes é un dos investigadores que máis ten traballado nas orixes do Carballiño, lembrando publicacións como As orixes do Carballiño e outros estudos centrados no desenvolvemento histórico da localidade.

Dez capítulos para recrear a evolución da vila

A serie estrutúrase en dez capítulos, cunha duración aproximada de catorce minutos cada un, nos que distintos personaxes históricos narran en primeira persoa os acontecementos máis relevantes de cada época, desde as orixes do Carballiño ata mediados do século XIX.

A través da combinación de documentación histórica, guión narrativo e recreación visual con intelixencia artificial —empregando diferentes ferramentas para xerar imaxes, voces e ambientacións— o proxecto reconstrúe espazos e momentos clave da evolución urbanística e social da vila.

Entre os escenarios recreados atópanse enclaves emblemáticos como a antiga Praza do Cruceiro (hoxe Praza dos Irmáns Prieto) ou a contorna da igrexa de San Antonio, explicando a súa transformación ao longo do tempo.
Segundo explicou o propio Montes, o obxectivo é “que todo o mundo poida comprender como era o Carballiño en cada época e como foi medrando e transformándose”, nun formato pensado para todos os públicos e especialmente atractivo para as novas xeracións.

Estrea no Auditorio e publicación semanal en YouTube

A estrea oficial terá lugar este domingo ás 12:00 horas no Auditorio do Carballiño, onde se proxectarán os tres primeiros capítulos nunha pantalla grande.
Posteriormente, a serie publicarase de maneira gratuíta en YouTube, a razón dun capítulo semanal, a través do canal “Historia do Carballiño”. A subscrición permitirá recibir automaticamente cada nova entrega.

Desde a organización animan á veciñanza a asistir á estrea e a apoiar esta iniciativa cultural que combina innovación tecnolóxica e divulgación histórica para poñer en valor o patrimonio do Carballiño.

O tráiler da serie xa está dispoñible na ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=vRlFkXJoVNo

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS