13, Decembro 2017

A sentencia da titular do Xulgado nº 1 do Carballiño condena á Comunidade do Edificio Magariños, sito na rúa Tomás Mª Mosquera, e a súa compañía aseguradora, a pagar distintas cantidades económicas en concepto de indemnizacións ás vítimas e as súas familias, como consecuencia do incendio rexistrado neste inmoble no mes de novembro de 2011.

A sentencia considera responsable deste sinistro á Comunidade do Edificio polo mal estado do cadro de contadores, onde se orixinou o lume. Tamén fai responsable á compañía do suministro eléctrico, que debería velar polo estado da instalación, pero a empresa eléctrica non foi demandada por ningunha das partes, polo que queda exenta de ter que pagar indemnización algunha.

Doutra parte, a sentencia non encontra ningún tipo de responsabilidade na actuación do concello do Carballiño, nin tampouco por parte dos servizos de emerxencia e Policia Local.

Son, en total, catro as demandas que a sentencia estima de forma parcial ou na súa integridade.

As vítimas e as súas familias reciben unha suma de 265.000 euros, que debe abonar a compañía aseguradora coa que a comunidade do edficio tiña suscripta a poliza de seguro.

12, Decembro 2017

O concello do Carballiño actualizará en 2018 o valor catastral dos inmobles urbanos non revisados ao menos nos últimos cinco anos, antes de 2013.

O chamado "catastrazo" podería ingresar en 2018 ata 1,5 millóns de euros a maiores polo concepto do IBI, en relación a este ano sempre e cando non se apliquen modificacións ou se reduza o tipo impositivo municipal.

Además, estas revisións afectan a outras cargas impositivas, como a plusvalía municipal pola venda de ben inmobles.

Os datos foron avanzados polo portavoz do grupo municipal popular, Argimiro Marnotes, nun acto no que deu a coñecer o contido das once alegacións presentadas ao expediente de ordenanzas fiscais para o ano 2018 no concello carballiñés.

As alegacións presentadas son variadas e afectan a varias ordenanzas, que a son os seguintes:

Alegación para que as taxas do ano 2018 esteen preparadas para ser O Carballiño, un Concello que cumpra coa Lei autonómica de implantación de iniciativas empresariais, para o que ás xa existentes bonificacións no ICIO, tamén se deben de recoller bonificacións no IBI e no IAE. Así o Concello do Carballiño poderá ser beneficiario de diversas axudas en subvencións da Xunta de Galicia.

Piden dende o Partido Popular a conxelación da taxa de sumidoiros, toda vez que no Plan de axuste se contemplaba a súa conxelación ata o ano 21, por ser excesiva no coste do servizo, polo que entendemos que debe de seguir nesta situación ata ese ano. Tamén solicitan que as bonificacións por ter domiciliado o recibo tanto do IBI como do lixo ou o de vehículos, que eran do 1,5% nos anos de plan de axuste, pasen a ser do 3,00%, tal como eran antes do mencionado plan de axuste.

De igual forma no correspondente a taxa de vehículos solicitan as seguintes bonificacións: Bonificación do 100% para vehículos históricos Bonificación do 50% para vehículos con antigüidade mínima de 25 anos Bonificación do 75% para os híbridos, os clasificados con eficiencia enerxética tipo A, os de biogás ou os de motor eléctrico. Propoñen redondeos na tarifa que regula o prezo das pallozas e cámping, para facer mais operativo o cobro. Na entrada de carruaxes, pola autorización en horario reducido, propoñen un axuste para que sexa coincidente co horario de carga e descarga e non dea lugar a dúbidas.

No referido as taxas reguladoras de prezo de ocupación de espazo público , barracas, etc, a maiores de corrixir certos aspectos que podían dar lugar a equívocos, propoñen unha tarifa para a ocupación de espazo durante as festas patronais, tal como existen para a Festa do Pulpo ou a Festa dos Maiores.

No que atinxe ao conservatorio e escola de música quere ampliar os tramos intermedios para o cálculo da taxa, así como incrementar o seu tope ata > de 300% do IPREM, de forma que o tope máximo está para rendas mais altas e o resto vai en progresión descendente en tramos do IPREM. Nesta taxa tamén solicitan descontos por segundas e seguintes matriculas dentro da mesma unidade familiar e rebaixa do custe do certificado.

Este mesmo criterio de nova táboa de prezos, solicitan se lle aplique as diversas escolas deportivas municipais.

11, Decembro 2017

De todos eles, dous excaldes do Carballiño e tres exconcelleiros, tan so Pachi Vázquez continúa a dia de hoxe na vida política activa, agora mesmo inmerso no proceso de elección para ocupar a Secretaría Provincial do PSdeG-PSOE. Tanto Carlos Montes como os tres exconcelleiros que se viron involucrados nesta causa xa están retirados dende fai anos da vida política pública.

Na tarde deste lúns coñeceuse o escrito da Fiscalía en relación a este proceso penal, neste escrito  solicita á Xuiza do Xulgado de Instrucción nº 2 do Carballiño, que instrúe o caso, que dicte o auto de procedemento abreviado e lle dea traslado.

No caso de que a Xuíza Instructora atenda a petición da Fiscalía, ésta formularía acusación, paso previo e último para a apertura de xuizo oral.

A Fiscalía mantén que un total de 60 contratatacións de traballadores no concello do Carballiño feitas na etapa dos dous exalcaldes socialistas poden constituir un delito de presunta prevaricación ao representar "unha practica sistémica, absolutamente arbitraria, atendendo exclusivamente a afinidades de tipo político, persoal ou de outro tipo, non recollido no ordenamento",

Según a acusación estas contratacións de traballadores teríase realizado durante anos no concello carballiñés con "ausencia total de procedemento, prescindindo en calquera caso de todo principio constitucional que inspira a contratación pública, sustentado na igualdade, mérito, capacidade e publicidade"

9, Decembro 2017

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de reunirse co presidente da Mancomunidade do Carballiño, que lle trasladou á titular do departamento autonómico a súa intención de reforzar o traballo da entidade intermunicipal contra os incendios forestais.

O presidente da mancomunidade e tenente de alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, mostrouse interesado en incrementar os recursos de loita contra o lume. Para iso, ambos mandatarios valoraron os acordos subscritos pola consellería e polos que dispoñen dunha motobomba e de varias brigadas de prevención e extinción.

Ademais, esta mancomunidade integrada polos concellos de Beariz, Boborás, O Irixo,Piñor e San Amaro, recibiu tamén apoio para os traballos de roza e tratamentos preventivos. En total, o ano pasado, recibiron preto de 94.000 euros a través das diversas liñas de axuda no eido da prevención e valoración.

Ángeles Vázquez mostrouse agradecida polo interese da Mancomunidade do Carballiño e aberta a valorar novas formas de colaboración que axuden nesta loita na que todas as administracións, cada unha na súa medida, deben estar comprometidas.

7, Decembro 2017

Somos milleiros de carballiñeses os que dende sempre agárdabamos un uso público para este edificio emblemático da nosa vila...., nas tertulias comentábamos a necesidade de que o Concello se fixera cargo, así anos, anos, e anos. Cando semellaba que ao fin os gobernantes tiñan decidido facelo, a oposición negouse á compra aludindo ao costoso importe da venta por parte dos seus propietarios. Coñecían ou coñecen esas persoas que non permitiron a combra as diménsións do propio edificio e da inmensa finca que vai ata ata o centro da Terceira Idade?. Non, non o creo. O caso é que quedamos sen a beleza e os centos de posibilidades para gozar da Casa Soto..., como xa antes se foran outras tantas maravillas que facían do Carballiño unha vila con peso. Segue a imperar o ladrillo. Cal vai ser o vindeiro derribo?. De verdade, dan ganas de chorar.

5, Decembro 2017

Comezou a desmontaxe da fachada da casa da antiga ferraxería Soto, na rúa Tomás Maria Mosquera, outro dos edificios emblemáticos do Carballiño que desaparece.

A fachada non estaba catalogada no PXOM, polo que non contaba con ningún tipo de protección.

O perigo de derrubo que presentaba a fachada levou aos seus propietarios, un grupo imnobiliario, a desmontar  a parte superior da fachada ata a altura do primeiro piso. Os propietarios teñen pendientes aínda a inversión e a decisión urbanística que adoptarán sobre a propiedade.

O edficio protagonizara unha gran polémica no contexto da campaña electoral das municipais de 2015. Unhas semanas antes de iniciarse a contenda electoral o Partido Popular -daquéla no goberno- acordara un protocolo de compra deste edificio para destinalo a uso público.

A operación preelectoral dos populares con Argimrio Marntoes de alcalde fora obxeto de críticas dos grupos da oposición, rotundamente en contra da operación de compra, anunciando -tal como fixeron- que se chegaban ao goberno municipal procederían a anular o protocolo de compra iniciado polo Partido Popular.

5, Decembro 2017

A Agrupación de Protección Civil do Carballiño desenvolve dende hoxe unha xornada informativa con motivo do Día Internacional do Voluntariado.

O evento está a ter lugar na Praza Maior, ata onde desprazaron parte do material co que contan para prestar o servizo, como vehículos todoterreo, unha lancha zodiac, motos e unha gran carpa, entre outros dispositivos.

O obxectivo é informar aos veciños e veciñas da súa función e promover a captación de voluntarios, que é o principal capital co que conta Protección Civil.

O alcalde, Francisco Fumega, tamén se achegou ata carpa para falar cos voluntarios e voluntarias e interesarse pola marcha desta xornada.

4, Decembro 2017

O concelleiro do BNG, Luis Pérez "Ficol" considera que é unha imprudencia deixar esta nova senda peonil "sen ningún elemento de seguridade, sobre todo para as persoas maiores e os nenos, xa que a zona de paseo non leva ningunha protección cara o rio, cun desnivel de máis de tres metros de alto".

Manifesta Ficol que deixar a senda peonil neste estado é unha auténtica temeridade que agarda nunca sexa preciso lamentar.

Tampouco comparte o concelleiro nacionalista "a estreitez do paseo, xa que a duras penas poden curzarse dúas persoas, e dificilmente poderá facélo unha silla de rodas dunha persoa con discapacidade".

Asemade, Ficol pensa que "ésta  é unha preocupación e sentir da maioria da veciñanza" polo que debería tomarse en consideración, e recorda que "no proxecto inicial estaba contemplada a instalacións dunhos pasamáns pola ladeira do rio, polo que debe esixirse a súa colocación, tal como figura no primeiro proxecto técnico aprobado pola corporación municipal do concello de Leiro".

2, Decembro 2017

O plan de mellora de infraestruturas viarias do Carballiño no medio rural, posto en marcha recentemente polo concello, continúa coas obras de asfaltado de estradas en Ponterriza e Veiga.

Concretamente, estes días estase levando a cabo o asfaltado da estrada de acceso e rúas na Ponterriza. Este proxecto o executa a Deputación provincial mediante un convenio asinado co concello. Co obxectivo de seguir o traballo,  desprazáronse ata o lugar o alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Medio Rural, Charo González, e o arquitecto municipal.

Asemade, comezaron as obras de mellora da estrada que comunica Veiga co Pavillón de Deportes, e que conleva nova canalización da auga e asfaltado en quente, que tamén se realizará na circunvalación do campo da festa.

Actualmente estanse executando catro proxectos importantes de mellora das infraestruturas na zona rural. Así, ademáis destes dous, estanse culminando as melloras das infraestruturas viarias en Partovia e o acceso ao balneario, así como en Señorín, nas rúas Outeiriño e Xesteira.

Complementariamente, tamén se leva a cabo neste intre a construcción dunha beirarrúa na rúa Juan Corral Pajariño, que é unha das poucas rúas do casco urbano que non contaba con beirarrúa, dificultando o paso de peóns e aceso aos edificios e e garaxes, polo aparcamento de coches nas dúas marxes.

O importe total deste plan ronda os 600.000 euros, e nel inclúense tamén os proxectos das rúas do casco urbano Otero Pedrayo, Aquilino Sánchez, Camiño de Aquilino Sánchez e beirarrúas da Avenida do Parque dende a antiga casa do Peón Caminero ao Instituto Chamoso Lamas.

O custe do plan sufrágase con fondos do concello, da Deputación e da Xunta.

29, Novembro 2017

Este venres, 1 de decembro, comeza unha nova tempada da Ruta das Tapas, que contén moitas novedades con respecto ás pasadas edicións. Así, hai máis locais hostaleiros participantes, concederanse más premios, tanto directos como por sorteo, e redúcese o prezo dos pinchos a 1,50 euros. Ademáis, pon en marcha a App “QuedamosdeTapas”, que se pode descargar para ver nos teléfonos móviles os pinchos que ofrece cada un dos mesóns, bares e restaurantes participantes.

A iniciativa foi presentada este mediodía na rúa do Paseo, nun acto ao que asistiron o alcalde, Francisco Fumega; os concelleiros de Turismo, Cultura e Benestar, Manuel Dacal, Diego Fernández e Marina Ortega, respectivamente; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares; a representante da adega Pazo Tizón, Cristina Mouriño, e representantes dos dezaséis locais integrados.

Os locais participantes nesta edicion son Cafetería Roraima, Café-Bar Estate Quieto, Bar Soldado, Casa Pituxo, Café Bar El Caserío, Furancho do “Toto”, Pulpería-Tapería Plaza, Café-Bar Peñasco, Mesón Os Portales, Cafetería Loft 27, Café-Bar Ningures, Cervecería-Tapería Don Paco, Pulpería-Asador Veracruz, Parrillada San Andrés, Café & Bar Esquina e Pulpería Restaurante Fuchela.

Estes locais ofertarán este venres, 1 de decembro, tapas ao prezo de 1,50 euros (50 céntimos menos que na pasada tempada). A ruta, que nesta xornada está dedicada aos produtos do Nadal, repetirase o venres, 8 de decembro.

Os clientes poderán obter regalos directos como mochilas, mecheiros, bolígrafos portamóbiles, cargadores de móbiles, paraguas, pinchos gratuitos noutros locais, e regalos por sorteo como servizos nos dous balnearios do Carballiño, entradas para os partidos de C.D. Arenteiro e 150 vales de compra nos establecementos do Centro Comercial Aberto por valor de 10 euros cada un. O número total de agasallos é de 2.000.

Francisco Fumega agradeceu a colaboración e implicación do sector hostaleiro nesta iniciativa, dirixida a promocionar a gastronomía do Carballiño e atraer visitantes á vila.

Manuel Dacal tamén agradeceu a colaboración do sector e dos patrocinadores, Centro Comercial Aberto, Pazo Tizón, Balneario Caldas de Partovia, Gran Balneario do Carballiño, Estrella de Galicia, Holi Pulpo e Xunta de Galicia, e animou aos carballiñeses e visitantes a participar nesta experiencia gastronómica.

En termos semellantes se manifestaron a xerente do CCA, Noelia Mares, e Cristina Mouriño, representante da adega Pazo Tizón, expresando o seu desexo de que esta edición sexa ainda mellor que as anteriores.

Neste acto amosouse a gran variedade de tapas que se poderá degustar ao prezo de 1,50 euros este venres e o próximo nos locais integrados na iniciativa. Salpicón de mariscos, crema de atún e marisco en follado, bacallau con viño branco do país, lomo recheo con puré e salsa agridulce, vieira ao forno con coliflor e fideua con zamburiñas, son algunhas das propostas destes locais para as primeiras xornadas desta nova tempada da Ruta das Tapas.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS