31, Outubro 2017

Asi o anunciou no transcurso dunha intervención nesta emisora de radio. A apenas ano e medio por diante para a convocatoria das eleccións municipais de 2019, o alcalde Francisco Fumega teno claro: opotará a un segundo mandato no concello do Carballiño.

"A obra hai que acabala, a política é para estar pouco tempo, e eu entendo que non me chegou aínda o tempo para facer o que quero, unha vila sostible. unha vila peonil, industrial, unha vila que lidere a comarca", subliñou Fumega nun momento da entrevista en COPE O Carballiño.

O rexedor considera que un ciclo de oito anos na alcaldia é o ideal "teñoo claro, tampouco creo que haxa que botar máis de oito anos" e insistíu en que polo menos son dous mandatos os que necesita un alcalde para poder desenvoler o seu proxecto municipal.

Francisco Fumega, que xunto á concelleira de servizos sociais Marina Ortega veñen de ser elexidos como membros da nova Executiva Galega do PSdeG-PSOE, tamén deixou para posibles interesados esta mensaxe  "non vou máis alá do Carballiño, os meus intereses están no Carballiño".

Tecnoloxía LED para a rúa Julio Rodríguez Soto

O alcalde aproveitou a súa intervención radiofónica en COPE para anunciar a mellora da iluminación pública na rúa Julio Rodríguez Soto para as próximas semanas.

O servizo eléctrico municipal será o encargado de executar este proxecto de mellora coa  tecnoloxía LED, cun orzamento de 17.000 euros, aportados con fondos do propio concello.

Fumega agarda, ademáis, que antes de final de ano se confirme o proxecto europeo que foi promovido dende o concello carballiñés para a modernización da iluminación pública na totalidade das rúas do Carballiño, asi como nas parroquias de Veiga e Mesego e o barrio da Uceira, proxecto para o que se agarda unha achega económica de 400.000 euros.

Este sistema de mellora lumínica e aforro enerxético, xa se acometeu nas rúas Martinez Avellanosa, Conde Vallellano e Ourense.

29, Outubro 2017

A Xunta de Galicia declarou “proxecto empresarial singular” o presentado por una empresa interesada na adxudicación en dereito de superficie dunha parcela no parque empresarial do Carballiño.

A adxudicación deste terreo realizarase unha vez que a compañía presente as garantías e documentación establecidas. Con esta actuación, a empresa interesada prevé investir nesta parcela arredor de cinco millóns de euros e crear ata 57 postos de traballo.

A promotora deste "proxecto empresarial singular" é "GRI TOWERS GALICIA", coñecida popularmente no Carballiño como "a empresa dos eólicos". A superficie que ocuparía, de concretarse este proxecto, está situada ao final do vial no ten a súa factoria no parque empresarial carballiñés.

A declaración de proxecto empresarial singular responde á importancia da actividade e o investimento previstos, ademais de ao feito de que a empresa solicitante xa se atopa implantada no parque empresarial do Carballiño, co que ampliará as súas actividades na nova parcela.

Esta declaración facilita a adxudicación da parcela en dereito de superficie, de maneira que a empresa pagará un canon anual polo uso da parcela, que continuará sendo propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, inda que a adxudicataria poderá adquirir a propiedade se o desexa.

O terreno que se reserva para este proxecto dispón dunha superficie de 17.171,08 metros cadrados e atópase na segunda fase do parque empresarial do Carballiño. O canon a pagar pola empresa adxudicataria será do 1,5% anual do prezo de venda durante os dous primeiros anos. Nos dous seguintes o canon será do 2,5% do prezo da parcela e a partir do quinto ano o canon pasará a ser o 3,5% do prezo de venda da parcela.

A adxudicación en dereito de superficie, aplicable tanto nos parques empresariais da Xunta como nos da empresa pública Xesutr, realízase polo prazo de 30 anos prorrogables por outros 30. Se a empresa adquire a propiedade nos dez primeiros anos, descóntase do prezo o 40 por cento das cantidades pagadas en concepto de canon.

No caso de que a compra se realice nos seis primeiros anos, aplicarase ademais unha bonificación equivalente á metade da vixente no momento de adxudicación da parcela. Dado que nos parques da provincia de Ourense se aplica unha bonificación do 50% sobre o prezo do solo, no caso de que a empresa adquira a parcela nos seis primeiros anos beneficiariase dunha bonificación do 25 por cento.

29, Outubro 2017

A miña denuncia está motivada pola denuncia do PP de Maside que cualificaba de actitude pouco democrática o feito de que o noso alcalde convocase  os plenos o día que consideraba necesario en aplicación da potestade que lle é propia.

Gustaríame preguntarlles que é o que o PP de Maside entende por democracia. Se considera democracia que esta denuncia absurda, fose escrita por unha persoa elixida a dedo polos herdeiros do PP de Maside. Persoa que non foi elixida polo pobo de Maside.

Gustaríame que nos explicasen a todos os veciños de Maside se consideran democracia a unha menestra integrada, por un ex candidato elixido a dedo polos herdeiros do anterior alcalde, un novo candidato elixido polos herdeiros, unha voceira, un presidente, que é un dos herdeiros, e dous concelleiros que non son ningunha destas persoas. En Maside non tragamos barcos, aos resultados electorais remítome. Polo que me gustaría preguntarlles, se teñen a ben contestar, se pensan que isto é democracia e se pensan que o pobo vai consumir esta menestra indixerible e tan indixesta para o que realmente é a democracia.

Pola outra banda, o resto dos poucos que integran o PP non deben ter moita persoalidade se aceptan estas imposicións. Penso que están aí de convidados de pedra. Pero se non é así, podería respostar algún a todas estas cuestións. Máis que nada porque antes de criticar sen razón a un alcalde que si foi elexido democráticamente, deberían mirarse ao espello.

27, Outubro 2017

Por segundo ano consecutivo o CCA propuxo este convenio ás asociacións de nais e pais de alumnos dos distintos centros educativos da comarca, que repercutirá en ventaxas de tipo económico para as familias asociadas ás ANPAS.

A finalidade do convenio é fomentar as compras no comercio local e fidelizar como clientes ás familias da comarca carballiñesa.

Das catro ANPAS que participaron desta iniciativa o pasado curso, pasamos ás 12 que suscribiron o convenio este novo curso.

Son as ANPAS dos colexios de Punxín, Maside, San Amaro, O Irixo, Boborás, Cea, asi como os centros carballiñeses Trastes, Sagrado Corazón, A Uceira, Vila do Arenteiro, IES nº 1 e IES Chamoso Lamas.

¿Cómo funciona?

Os establecentos terán nas súas portas unha pegatina identificativa como establecemento colaborador coas ANPAS. Os socios destas asociacións deberán presentar o carnét anpa/CCA xunto co seu DNI, e asi obterán descontos directos nas compras, que van dende o 5% ao 15% do total da compra.

26, Outubro 2017

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, presentou hoxe o Plan de Mellora de Infraestruturas Viarias e Instalacións Deportivas e Culturáis, que se executarán neste último trimestre de 2017, e que suporán un investimento de caso 600.000 euros, que serán aportados polo concello, pola Deputación Provincial e por diversas Consellerías da Xunta de Galicia, a través de convenios xa asinados. Algunhas das obras anunciadas comezaron xa e o resto o fará nos próximos días e semanas.

Trátase dun total de doce obras, que se realizan no casco urbano e nas parroquias, e que son “proxectos prioritarios neste momento”, tal e como asegurou Francisco Fumega en rolda de prensa.

No medio rural inclúense os seguintes proxectos: Acceso ao balneario das Caldas de Partovia; Rúas Outeiriño e Xesteira, en Señorín; Estrada de circunvalación do Campo da Festa en Veiga e Acceso dende o Grupo Escolar a Partovia polo Penedo.

No casco urbano os proxectos son: Rúa Otero Pedrayo, Rúa Aquilino Sánchez e Camiño de Aquilino Sánchez e Beirarrúas da Avenida do Parque dende a antiga casa do Peón Caminero ao Instituto Chamoso Lamas.

As isntalacións deportivas que serán obxecto de mellora son: Substitución do parquet da pista do pavillón anexo do Pavillón de Deportes e Renovación dos vestiarios do estadio municipal de Espiñedo.

Finalmente, contémplase a renovación dos servizos da pranta baixa da Casa da Cultura.

26, Outubro 2017

O parque de bombeiros do Carballiño acolleu esta mañá unha clase práctica dun curso sobre drones para casos de emerxencia e no que participaron 21 persoas entre bombeiros, sanitarios do 061, ambulancias e grupos de emerxencia local.

Trátase do primeiro curso oficial deste tipo que se fai en España e Europa, e o Parque de Bombeiros do Carballiño será o primeiro de España que conte cunha unidade de drones.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, seguiu “in situ” a clase práctica dende o posto de mando.

Esta práctica consistiu no traslado por un dron dun botiquín de emerxencia a unha persoa ferida nun lugar inaccesible, tras dun accidente dun transporte de substancias perigosas.

25, Outubro 2017

A Deputación de Ourense toma a iniciativa para cooperar cos concellos e os veciños da provincia de Ourense, "con disposición e dispoñibilidade absolutas para colaborar con outras administracións públicas co obxectivo de atender os casos de necesidade, como a reconstrución de vivendas afectadas polo lume, traídas de auga e melloras en estradas e camiños", afirma Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial mantivo unha reunión co alcalde de Cea, José Luis Valladares, un dos municipios que sufriu na provincia de Ourense as consecuencias do lume, xuntanza na que analizou a afectación que tivo a vaga incendiaria en poboacións en montes deste concello. Baltar afirma que este "é o momento de actuar nunha situación de emerxencia diante das graves consecuencias provocadas polos incendios, non de perder o tempo en determinar as competencias das administracións. Cómpre efectividade, cooperación e solucións, sen pararse en escusas burocráticas, porque do que se trata é de asistir a persoas que están a necesitar servizos básicos e a concellos que demandan a posta en funcionamento de infraestruturas que resultaron danadas polos incendios. Diante diso non cabe máis determinación que actuar, axudar, cooperar e amosar a total dispoñibilidade, como fai a Deputación de Ourense, na procura de solucións que palíen na medida do posible esta emerxencia", remarca Manuel Baltar.

O presidente explicou que a Deputación de Ourense axudará na tramitación das solicitudes que lle fagan chegar os concellos afectados polos lumes, "para que no menor prazo de tempo posible se poida facer efectivo o trámite e se realicen as obras de reparación necesarias". Neste sentido, o presidente da Deputación xa ten disposto axudas para cuestións xa plantexadas por concellos e asociacións, como redacción de proxectos de rehabilitación de vivendas ou traídas de augas veciñais.

Manuel Baltar reitera a "total colaboración" da institución provincial cos operativos de extinción de incendios por medio da cesión de recursos humanos e materiais da propia institución e do consorcio provincial de incendios, así como outras accións como asumir o custo íntegro dos grupos de emerxencia supramunicipal ou a elaboración dun mapa provincial de emerxencias, e subliña a necesidade "de consolidar un modelo de participación, análise e avaliación da situación, perspectivas de mellora e coordinación ante os incendios forestais e emerxencias en xeral".

Nesta liña, avanza entre as propostas poñer en marcha un sistema de información a través de dispositivos móbiles "para que os cidadáns coñezan en tempo real os lumes activos, localización, nivel e os medios e persoal que colabora na extinción", ao que se engadiría "un plan de cooperación para que os concellos dispoñan de plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais e os integren nos plans de emerxencia municipais".

24, Outubro 2017

Unha delegación de corresponsais de medios de comunicación extranxeiros visitarán O Carballiño esta semana, dentro dunha iniciativa promovida polo concello, en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, dirixida á consecución da declaración da Festa do Pulpo como Festa de Interese Turístico Internacional.

A visita terá lugar do 26 ao 28 de outubro, o xoves, venres e sábado, respectivamente, e asistirán xornalistas de revistas de turismo, radios e axencias de diversos países como Francia, Alemaña, México, Brasil, Argentina, Uruguay, Canadá e China. A delegación estará integrada por oito xornalistas.

Durante os días de estancia, os xornalistas visitarán os principais recursos monumentais e turísticos do Carballiño, como os balnearios, o templo da Veracruz e o Parque Municipal, así como o mosteiro de Oseira, por estar na orixe da introducción do pulpo nas terras do Carballiño, especialmente en Arcos.

Ademáis, recibirán información alusiva á Festa do Pulpo, e participarán nun xantar no que se ofrecerá o menú característico desta festa: empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, melindres, viños e licores do Ribeiro, e queimada final. O obxectivo é que se publiquen reportaxes sobre a Festa do Pulpo do Carballiño como unha das celebracións gastronómicas máis destacadas de Galicia, e poder contribuir así á declaración da Festa do Pulpo como Festa de Interese turístico Internacional.

Dentro desta mesma iniciativa, hai dous meses, medios de comunicación especializados en turismo de México, Arxentina, Uruguay, Canadá e Estados Unidos publicaron reportaxes sobre a Festa do Pulpo do Carballiño. Para levar a cabo esta campaña, o concello conta co patrocinio da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, e de feito, a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Mª Carmen Pita, asistirá o venres 24 ao xantar cos xornalistas.

A Festa do Pulpo cumpre prácticamente cos requisitos que se esixen para acadar a declaración de internacionalidade, pero quérese reforzar a solicitude incorporando unha serie de noticias e reportaxes publicados en medios de comunicados internacionais.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS