28, Setembro 2017

Por diante temos un mes de Outubro, que se prolongará aínda ata a primeira fin de semana de Novembro, co teatro como o gran protagonista na axenda cultural carballiñesa.

Trátase da "X Mostra de Teatro Amador" que neste tempo de outono organiza "Tiruleque Grupo de Teatro", coa colaboración tanto do Concello do Carballiño como da Deputación de Ourense. No acto de presentación participaron membros de Tiruleque, co seu director Pepe Prada á cabeza, asi como o concelleiro de cultura Diego Fernández e a deputada provincial Teresa Cerdeira.

As oito representacións teatrais desenvolveránse no auditorio municipal do Carballiño os domingos, tamén algúns sábados, sempre en horario de oito da tarde.

Podes descargar o programa no arquivo adxunto:

27, Setembro 2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o alcalde do Irixo mantiveron unha entrevista na sede da consellería, en Santiago de Compostela.

Beatriz Mato "analizou posibles vías de colaboración co Concello do Irixo en materia de saneamento e abastecemento de auga", afirman dende o gabinete da consellería.

A titular do departamento autonómico "coñeceu as necesidades do Concello do Irixo en relación ao subministro de auga potable aos distintos núcleos de poboación" no transcurso dunha reunión co rexedor local, Manuel Penedo, e na que tamén participou o director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez.

Según o que trascendeu trala reunión, o rexedor municipal trasladou á representante do Goberno galego a importancia de contar con novos sistemas de captación de auga que garantan o abastecemento a determinados núcleos como A Costa, Frouces, A Ermida e Fabeiros.

Conxuntamente, ambos mandatarios abordaron as diferentes propostas encamiñadas á posible creación de novas infraestruturas hidráulicas, que permitirían mellorar as condicións de prestación deste servizo municipal.

Non obstante, nesta reunión non se concretou ningunha actuación, nin se adquiríu compromiso algún por parte da consellería para levar a cabo obras no concello do Irixo, polo que de momento as demandas do alcalde quedan pendientes.

Tampouco houbo novidades sobre posibles actuacións en materia de saneamento, despois de saír á lúz pública un informe do concelleiro socialista Iago Fariñas, no que puxo de manifesto como máis de 25 localidades do municipio do Irixo non contan con infraestructuras de saneamento municipal.

25, Setembro 2017

A Xunta ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o anteproxecto da obra e explotación dunha área de servizo na AG-53, á altura do Concello de Maside.  

O prazo para a presentación de alegacións está aberto ata o vindeiro 8 de novembro.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/h5fbzM

A parcela na que se localizará a futura área de servizo pertence á parroquia de San Miguel de Armeses, no límite co veciño concello de Punxín.

Estas intalacións ubicaranse entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750 da autoestrada, a maior parte delas na marxe esquerda, empregando só a dereita para dotar de acceso á mesma. A parcela conta cunha superficie irregular e atópase parcialmente explanada e sen vexetación na súa parte máis central.

Na actualidade, están executados os carrís de aceleración e deceleración en ambas marxes, así como a rotonda, parte dos viarios de acceso e o paso superior. O deseño da área de servizo que se somete a información pública, con acceso desde a AG-53, é perfectamente compatible coa posible execución nun futuro dun enlace nese punto entre a AG-53 e a N-541, na zona limítrofe entre os Concellos de Maside e Punxín.

Instalacións

O proxecto contempla a dotación de tanques para o almacenamento de combustible: un para gasóleo; outro para gasolina; e outro, con dous compartimentos, para gasolina e gasóleo especial. Este punto tamén contará con catro puntos de recarga de vehículos eléctricos.

A gasolineira tamén disporá de dous equipos de subministro de aire e auga, un para abastecer a vehículos lixeiros e outro para pesados.

23, Setembro 2017

Señores do grupo de goberno municipal,rógolles que busquen algunha fórmula para o total aproveitamento do parque infantil da Veracruz,xa que cando pega o sol e imposible que tanto nenos como pais poidan permanecer nel,ou ben trasplantar unhas árbores ou algun tipo de sistema alternativo,cando se fai algun tipo de proxecto hai que cuidar os detalles.O dito cunha inversion moi pequena podese levar a cabo e optimizar a sua utilizacion.

23, Setembro 2017

O concello do Carballiño agrégase á rede internacional de Cidades que Camiñan, promovendo iniciativas de mobilidade peonil e sostibilidade medioambiental, según anunciaron hoxe o alcalde, Francisco Fumega, e a concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz.

Trátase de impulsar unha serie de actuacións, entre as que se atopan a habilitación de novas prazas de aparcamento na zona perimetral do casco urbano, según dixo Francisco Fumega. Ao respecto, indicou as xa creadas hai uns meses na rúa Ben Cho Sey e noutras, que se ampliarán nestes próximos meses noutras rúas como Otero Pedrayo ou Aquilino Sánchez. O obxectivo xeral, según o acalde, é potenciar unha vila cómoda para camiñar, facilitando alternativas para o aparcamento de vehículos.

Precisamente, Érika Paz referiuse ao compromiso que adquiría o concello do Carballiño ao adherirse a esta rede internacional de Cidadades que Camiñan, asumindo as dúas declaracións centrais desta rede: Carta Internacional do Camiñar e Carta dos Dereitos do Peón.

E referiuse concretamente á iniciativa coñecida como Metrominuto, consistente na colocación de paneis coa distancia e o tempo de percorrido camiñando aos lugares de máis interese, como o concello, a praza de abastos, o centro de saúde, etc… Neste sentido, a concelleira ofreceu algúns datos elocuentes. Así, considerando os campos de futbol de Espiñedo e A Uceira como dous puntos dun extremo a outro da vila, a distancia é de 3,1 km e o tempo que se tarda camiñando é de 40 mn. Se por exemplo estacionamos o vehículo na explanada da estación do tren, a distancia que hai ata á rúa Calvo Sotelo é de 1,3 km e o tempo camiñando é de 15 mn.; o tempo que se tarda camiñando entre o aparcamento da rúa Ben Cho Sey e o concello é de 7 mn. Según Érika Paz é un xeito de sinalizar a pouca distancia e tempo que se tarda camiñando desde estas zonas, onde se estaciona fácilmente, ata o centro da vila, desconxestionando o tráfico e promovendo hábitos saudables.

Ao respecto sinalou que o parque móbil do Carballiño supera os 10.000 vehículos, e tendo en conta a configuración urbana con rúas estreitas, a mellor opción é aparcar nas ruas da zona perimetral da vila.

Esta iniciativa de Metrominuto desenvolverase cun lema propio local, que é “Pasiño a pasiño polo Carballiño”, e porase en marcha a finais deste ano, según anunciou Érika Paz. Finalmente, tanto o alcalde como a concelleira aseguraron que se elaborará un Plan global de mobilidade onde se recollerán todas iniciativas a poñer en marcha para mellorar a seguridade vial e a calidade de vida, co obxectivo de lograr unha vila máis amable para os veciños e visitantes.

En Galicia, Pontevedra e Carballo forman parte da rede de Cidades que camiñan, e O Carballiño sería a terceira vila galega en adherirse.

21, Setembro 2017

As Festas da Saleta de Cea -do 22 ao 25 de Setembro- volven este ano presentar un cartel musical de auténtico luxo, que as siguen situando entre as mellores festas populares de toda a provincia de Ourense.

A programación ábrese o venres dia 22 coa primeira verbena a cargo da orquestra Panorama, xunto ao folión que anuncia o comezo das festas.

O sábado 23, pola tarde, haberá animación infantil e xuvenil na Praza Maior da localidade, e para a verbena desta noite estarán en Cea as orquestras Kubo e Garibaldi.

O domingo 24 ás 12 do mediodia celebraráse a procesión e misa solemne, que acompañará a Banda de Música de Vilanova dos Infantes, que ademáis de pasarrúas tamén ofecerá dous concertos en horario de mañá e tarde na Praza Maior. A verbena do domingo estará amenizada polas orquestas Costa Oeste e Gran Parada.

Xa finalmente, o lúns dia 25, festivo de carácter local no municipio de San Cristovo de Cea, haberá pasarrúas e concertos da Banda de Música de Muimenta, a misa solemne e procesión na capela da Saleta será as 12 da mañá.

Para a verbena, a charanga Ardores e a actuación da orquestra Paris de Noia, que se encargará de despedir estas Festas da saleta de Cea 2017.

19, Setembro 2017

A diversificación de espazos na ubicación das atraccións e das actividades programadas durante estas festas, mereceron a aprobación xeral por parte de veciños e hostaleiros, según a apreciación da Comisión de Festas. O feito de que as atraccións para os adultos se instalasen preferentemente no entorno da Praza da Veracruz e as dos nenos ocupasen a Alameda, Conde Vallellano, Praza do Emigrante e Praza dos Irmáns Prieto, contribuiu a que se ampliase o circuito de lugares de entretemento, permitindo, ademáis, traer unha atracción tan espectacular como a montaña rusa Súper Ratón.

Así mesmo,manifestan que a ubicación das orquestras e bandas na Praza Maior, Praza da Veracruz, Conde Vallellano e Praza Emilia Pardo Bazán permitiu ter eventos musicais en máis lugares, aproveitando mellor as prazas e ampliando as zonas paseo. Neste sentido, tamén se apreciou unha boa valoración xeral da tirada do fogo na explanada do Parque Municipal, mellorando en visibilidade e seguridade para as persoas asistentes, e permitindo unha tirada de fogos máis espectacular tanto no relativo á potencia dos morteiros como á variedade e creatividade artística da sesión.

Por todo isto, a valoración xeral da Comisión de Festas é altamente positiva, destacando, sobre todo, a gran afluencia de xente no Carballiño durante a fin de semana, especialmente o sábado pero tamén o domingo pola tarde e pola noite, ata que comezou a chover ao final do primeiro pase da orquestra París de Noia, cando a Praza da Veracruz estaba completamente abarrotada. Ainda así, tanto a orquestra París como a orquestra D´Moda ofreceron unha gran verbena.

Os cambios de ubicación introducidos nestas festas patronais, se ben sempre se poden mellorar, deberían servir de base para as próximas edicións, de forma que permitan traer atraccións novedosas sen causar máis inconvintes dos normais e lóxicos durante as festas.

En canto á programación musical, foron moi do agrado xeral os concertos das bandas de música, así como das corais, e resultaron sorprendentes tanto o concerto do grupo La Suite Band, con versións de temas que marcaron época na música pop, e o grupo CLAXXON, tamén con magníficas versións de grupos míticos da historia do rock.

Con todo, cecais fosen os aplausos do numeroso público que se achegou ata a entrada do Parque Municipal o sábado pola noite para presenciar a tirada de fogos, o que causou maior satisfacción, pois parece unha boa alternativa á Praza da Veracruz, onde hai moitas edificacións ademáis do templo, que podería verse afectado polos estoupidos dos morteiros. Así, mellorouse en comodidade, visibilidade e posibilidades de ofrecer un espectáculo que non se podería realizar no entorno da Veracruz.

Finalmente, a Comisión de Festas agradece aos veciños a comprensión polas molestias causadas durante estes días, e á Policía Local, Protección Civil, Garda Civil, Parque de Bombeiros, á Brigada de Obras Municipal e ao persoal do servizo de limpeza do concello o esforzo realizado para que se poidesen celebrar os eventos e se garantise a seguridade e a limpeza.

E, por suposto, agradece aos veciños, comerciantes e hostaleiros a súa contribución a estas festas, pois sen ela non sería posible programar moitos dos eventos celebrados durante os cinco días de festexos.

As atraccións continuarán hoxe e mañá, no que se celebrará o Día do Neno.

18, Setembro 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense ven de conceder unha achega económica de 80.000 euros ao concello de Avión para axudar ao mantemento de servizos sociais que xestiona a propia institución municipal, como son o Centro de Dia, o xantar sobre rodas ou a vivenda comunitaria.

Ademáis, en materia de infraestructuras, a entidade provincial ven de confirmar unha axuda ao concello que preside o alcalde Manuel Montero que se destinará a mellora de de camiños municipais, asi como a mellora do firme en varias localidades. A contía para estas actuacións ascende a 19.733 euros.

Finalmente, a Deputación financia outros dous proxectos no concello de Avión, a reforma da sala de caldeiras de biomasa na piscina municipal e a mellora e eficiencia enerxética da iluminación pública na localidade de Amiudal, actuacións ás que a Deputación destina 14.940 euros e 8.365 euros, respectivamente.

17, Setembro 2017

A procesión do San Cibrao, que saíu ás 11,30 h., co compañamento da banda de música de Vilatuxe, e a misa solemne no templo da Veracruz ás 12,30 h., cantada polo Orfeón,fron esta mañá de domingo o preámbulo dos actos programados para este 17 de Setembro con motivo da festividade do patrono do Carballiño.

As charangas CASTRO VELLO E CHIRIGOTA animarán as rúas durante a xornada festiva.

Ás 13:30 horas comezará na Praza de Emilia Pardo Bazán o concerto da banda de Vilatuxe.

Pola tarde, ás 17,00 h., terá lugar na explanada do Parque o Campionato de CHAVE SAN CIBRAO, e as charangas e a banda de Vilatuxe ofrecerán o segundo pasarrúas.

A partir das 21,00 h., a orquestra D´MODA ofrecerá o primeiro pase da verbena, e a orquestra PARÍS DE NOIA o faráás 22,45 h., na rúa Evaristo Vaamonde, na parte baixa da Praza da Veracruz. Esta mesma orquestra dará o último pase ás 01,45 h., e rematará ás 03,00 h.

FEIRA DA PEPA LOBA NO BARRIO DE FLORES

A Feira de Artesanía da Pepa Loba tamén ofrecerá un programa moi suxerente.

Así, ás 12,00 h., haberá demostración en vivo de artes tradicionais e obradoiros.

Ás 14,00 h., Xantar Popular, e a partir das 18,00 h., animación de rúa a cargo de Tiruleque.

16, Setembro 2017

A decisión da Comisión de Festas do San Cibrao de efecuar a tirada de fogodende a explanada dos Irmans Prieto na entrada do mesmo Parque Municipal , non é a ubicación máis axeitada para a celebración deste evento.
O risco dun incendio é alto dado o gran número de especies resinosas xusto na zona norte desteespazo , a carón dos columpios, por unha parte , e de eucaliptos pola zona sur contra os chalets pola outra.A pouca fauna salvaxe que habita o parque terá que fuxir despavorida.
Non é suficiente conque os bombeirosou grupo de emerxencias “rocíen as árbores” antes de empezar, como se nos dixo por parte de algún responsable de seguridade.Cando o risco é probable o melloré non correlo.
No Monte da Pena nasinmediacións do IES Nº1 haiespazo con visibilidadedende todo O Carballiño ,Maside , Chaos de Amoeiro e Cea.Temos Corzos, zonas libres e amplas no Polígono…pódese facer algún tipo de acordo con propietarios de fincas entre Flores e Señorín ,etc..
A Comisión de Festas non pode improvisar por mor de situar unha atracción de grandes dimensións no entorno da Veracruz.Que por certo , veremos como queda o céspede dese lugar despois do montaxecon maquinaria pesada e a afluencia de visitantes.
Alternativa Veciñal xa propuxo fai meses que se debería crear unha Comisión de Festas con antelación para programar con detalle as mesmas dende previsión orzamentaria ata estes aspectos conflictivos por improvisación.Aínda estamos esperando polascontas da Festa do Pulpo.A dimensión organizativa destas actividades requiren máis participación de sectores interesados.Por moita vontade que lle poñas , unha comisión de dousconcelleiros non é capaz artellar os multiples aspectos organizativos dunhasfestas boas e sen déficit.Entre a do Pulpo e Setembro o Concello vai a aportar uns 100.000€ , diñeiro abondo para contratar cinco traballadores para limpeza viaria, obras ou medio ambiente , que boa falta fan.
Necesitamos unha ordenanza para o Parque Municipal que regule os usos permisibles e prohíba abusos.Nonchegaba coas festassen control, os campionatos deportivos agresivos para que agora iniciemos un novo ataque con pólvora e ruido.
Pedimoslle aos responsables de Cultura e de Turismo que cambien a decisión de facer a tirada de fogo no Parque e non abran camiño para acometer unha agresión máis contra un espazo natural que debemos preservar como tal por tratarse dos poucos atractivos singulares que ten O Carballiño.

Asinado: Bernardo García, concelleiro de Alternativa Veciñal-En Marea

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS