23, Xuño 2017

O PSdeG-PSOE de San Cristovo de Cea vén de rexistrar un escrito esixíndolle ao goberno do PP que faga pública a autorización pola cal deixou colocar un transformador de enerxía eléctrica ao pé da estrada que vai a Fondo de Cea, co perigo considerable que supón para os usuarios.

Afirman que "as imaxes do transformador e da plataforma correspondente non deixan lugar a dúbidas do incomprensible da decisión adoptada polo goberno municipal ao permitir ubicar esta estrutura case a cabalo da vía municipal".

"Os veciños alertados por esta decisión expresáronlle aos socialistas numerosas queixas polo agravio comparativo que supón esta decisión en comparanza coas esixencias que se aplican coa cidadanía en xeral. Sábese que o transformador se colocou para subministrar enerxía eléctrica ao polígono industrial do concello pero non se coñecen as razóns de permitir que fose nese emprazamento en concreto", manifestan.

A este respecto, Guillermo F. Dopazo, portavoz socialista no Concello de Cea, sinala que: “Ao común dos mortais non lle deixan facer obra ou colocación de ningún tipo sen o debido retranqueo que respecte unha mínima distancia de seguridade por iso non sorprende que dende o concello se permita a construción dun transformador case enriba da estrada que vai a Fondo de Cea. Debido a que a vía é municipal, o permiso tamén ten que selo polo que lle esiximos ao alcalde que nos ensine as autorizacións e os informes para saber en base a que se permite isto”.

Dende o PSOE agardan que pronto lle dean acceso ao expediente de autorización para coñecer de primeira man os criterios que levaron ao goberno do PP a autorizar esta instalación, co perigo que supón para as persoas que empregan esa estrada a diario.

A devandita estrada é estreita e une a nacional co núcleo de Fondo de Cea polo que para os socialistas é preocupante que se coloque un transformador eléctrico a carón dunha vía por onde xa pasan dous vehículos con dificultade. A plataforma está tan pegada á estrada que pode ocasionar máis dunha situación de risco para os usuarios e máxime se temos en conta que se trata dunha instalación eléctrica. Preocupados pola situación de perigosidade, dende o PSOE esixen que se dean as explicacións axeitadas a respecto desta decisión difícil de comprender dende o senso común. Asemade agardan que esta obra conte con todos os permisos requiridos como sempre se lle esixe ao resto dos veciños á hora de obrar nos seus terreos ao pé das estradas.

23, Xuño 2017

Quero denunciar que dita máquina só pode circular autonómamente en vías urbanas para realizar as súas funcións de limpeza pero este tipo de vehiculos ten terminantemente prohibdo circular por vías interurbanas como son por exemplo a N-541 e a rotonda da Fontela (que por certo xa non e territorio do municipio do Carballiño), donde xa se viu repetidamente dito vehiculo causando un gran perigo, xa que aparte de non alcanzar más dos 10 km/h carece de intermitentes e calquera outra sinalización luminosa para cumprir as normas de trafico. Que dito vehiculo leve unha matricula non quere dicir que poida circular por onde queira, Dita matricula e soamente de control como as que levan os dumpers ou miniretroexcavadoras de obra, e polo tanto deben ser trasladados en remolque as zonas de traballo onde entón si poden ser descargadas para realizar o seu traballo. Ver todolos dias circular dito vehiculo as 6 da maña dende o antigo recinto da feira do cabalo de Corzos dando toda a volta por corzos, a fontela e a rua ourense produce unha sensación de inseguridades moi grande para os conductores de vehiculos. As normas son para respetalas todos.

22, Xuño 2017

Comezamos unha campaña de recollida de produtos de hixiene e sanitarios de primeira necesidade para axudar aos nosos veciños de Portugal. Adxuntamos imaxe e agradecemos a promoción da mesma nas redes sociais whatsapp, facebook, etc... GRAZAS A TODOS POLA VOSA SOLIDARIDADE

22, Xuño 2017

Paréceme increible que ningún  partido político do Carballiño vexa a necesidade dun hospital comarcal no Carballiño, sempre temos que desprazarnos a Ourense ó hospital ou á residencia, non hai servicio de pediatría de urxencia,non hai para facer unha resonancia, nin un tac, nin ningún médico especialista, nin para unha simple intervención,...Alguén se pregunta o custo, o tempo e o traballo que lle supón a moitos veciños do Carballiño e do Ribeiro desprazarse a Ourense. A maioría das veces as persoas non poden ir soas e as que están ben e poden ir a Ourense non se desenvolven tan ben como no Carballiño. Ir a Ourense require tempo, cartos e horas de espera por colapsos no hospital. Xa por non falar cando tes que acompañar as persoas maiores que teñen unha proba un día e outra ó día seguinte e así sucesivamente, os que traballamos non podemos perdir na empresa tantos días como podes necesitar. Si tuvesemos os servicios máis preto poderíamos ter outras opcións. E pensa alguén nas persoas que están soas e teñen que ir o médico a Ourense? teñen que buscar a solidaridade dalgún veciño que os leve ou pagar o que non se poden permitir en moitos casos para que os acompañen. Tendo o servicio de hospital comarcal teríamos máis facilidades xa que o que necesita acompañante non é o mesmo ter que levalo o Carballiño facer unha proba desde o propio Carballiño ou dende un pobo da contorna que chegas nun momento que ir a Ourense, sigo decindo que require mais tempo, cartos en aparcamento e horas de colapso. O mesmo opino cando unha persoa está ingresada no hospital, imos a Ourense moitos días seguidos, temos que comer alí, gastar os cartos en aparcamento, en taxis, en autobuses... pois prefería deixarlle os cartos os hostaleros, taxistas e demais persoas do Carballiño e ter un servicio tan necesario e importante en toda a comarca.

21, Xuño 2017

Xa hai unha semana que no entorno da rotonda da Fontela non funcionan polo menos 14 farolas. A zona do paso de peons de 25 Xullo está totalmente a escuras co risco que iso implica. O curioso da situación é saber quen e o encargado do seu mantemento. Os veciños comunicamos a situación o concello de Maside e alí din que xa trasladan o asunto os de mantemento da Autovia, o vixiante da Autovia di que agora a rotonda e responsabilidade do centro de mantemento de Villamarin o que pertence a N-541, o vixiante da N-541 di que iso é responsabilidade municipal que eles levan o mantemento da carretera pero non teñen electricistas. Ver para creer, haber quen se fai cargo ou toma a iniciativa neste asunto. Aproveito para recordar que faltan, polo menos dende hai un ano, duas farolas, que foron derribadas en distintos sinistros. A farola central da rotonda ten fundidas a metade das luces e o resto de farolas sufriron distintos danos neste último temporal, e a moitas delas faltanlle pezas de remate e outras están a piques de caer, co risco que implica para a xente que vai mercar o supermercado.

20, Xuño 2017

A LV Festa do Pulpo será presentada o próximo sábado en Nuremberg (Alemaña) como unha das manifestacións gastronómicas e culturais máis multitudinarias e populares de Galicia. O acto desenvolvrase no Centro Galego desta cidade que, á súa vez, tamén celebra o 25 aniversario da súa propia Festa do Pulpo.
Precisamente por isto, así como para reforzar a declaración da Fsta do Pulpo do Carballiño como Festa de Interese Turístico Internacional, é polo que este ano se tomou a iniciativa de dedicalle a festa ao Centro Galego de Nurember.

Para isto, desprazaranse ata esa cidade, situada na rexión de Franconia, no estado de Baviera, unha delegación da corporación carballiñesa, encabezada polo alcalde, Francisco Fumega, e formada polo concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; o portavoz do PP, Argimiro Marnotes e o portavoz de AV-Son, Bernardo García. Tamén irán dous pulpeiros. Asemade, confirmou a asistencia a este acto o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda.

O acto celebrarase o sábado pola tarde, ao comezo dunha festa que organiza o Centro Galego e que reunirá a miles de persoas nunha céntrica rúa que se pechará ao tráfico para o efecto. O protagonismo será para o pulpo á feira, pero tamén haberá outras actividades, como un concerto de Cristina Pato, que foi contratada polo Centro Galego.

Tanto a dedicación da Festa do Pulpo ao Centro Galego de Nuremberg como a procura da internacionalidade, foron os motivos que máis impulsaron ao concello para seleccionar un cartel que fose representativo do evento e ao mesmo tempo que fose un bo reclamo publicitario. De aí que, ao final, optouse por un cartel que contén os dous emblemas do Carballiño e Nuremberg, como son o Templo da Veracruz e o Castelo Imperial, e, por suposto, un gran pulpo rodeando con dous rabos estes monumentos. É un traballo laborioso de debuxo e deseño, pois o pulpo ten infinidade de debuxos con aceiteiras, pementeiras, saleiros e pulpiños máis pequenos, entre outros; e os monumentos tamén foron debuxados a man con moito detalle.

O resultado é un cartel moi chamativo e representativo, cecais un dos carteis da Festa do Pulpo máis elaborados. É obra do debuxante e deseñador Ovidio José Feijoo Oliveros, con quen traballou o concello para acadar un cartel de moita calidade. Este artista ten realizado múltiples exposicións; xa ten feito debuxos de camisetas para a Festa do Pulpo, e visita habitualmente O Carballiño, pois aquí reside parte da súa familia.

Este cartel, que é o que se distribuirá en Nuremberg, será presentado á volta no Carballiño, incorporando os logotipos de todas as firmas que patrocinan a Festa do Pulpo e que se distribuirá por toda Galicia e nos centros galegos de todo o mundo.

19, Xuño 2017

No libro "Polos camiños de Avión", o autor Xesús Antonio Gulías Lamas, fai unha viaxe cultural pola tradición e a historia deste municipio ourensán. A presentación desta publicación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde de Avión, Antonio Montero; e o autor.

Manuel Doval destacou que esta obra "permítenos coñecer o municipio, un territorio que está marcado pola pegada que deixan nel as súas xentes e que non finaliza nos camiños de Avión, senón que están espalladas por todo o mundo a través da historia de todos aquel que emigraron e que aínda atopan en Avión a súa sinal de identidade". O deputado provincial de Cultura lembrou que Xesús Antonio Gulías Lamas xa "conta con outros traballos referentes a concellos como Beariz, por exemplo".

O autor da publicación explicou que, ademais do "achego" que sinte por esta terra, o principal motivo que "me levou a facer esta viaxe por todos os lugares deste concello para poder escribir este libro foi a ansia de profundar máis na súa cultura, no seu patrimonio e nas súas tradicións. Tratei de que esta andaina polas terras de Avión fora esencialmente cultural" pero, Xesús Antonio Gulías Lamas, sinalou que a cultura "non está só nos libros e arquivos, senón tamén nas xentes do pobo que foi recompilando datos, historias e lendas a través do tempo, polo que son enciclopedias viventes ás que hai que acudir e consultar".

Nese mesmo senso, Antonio Montero fixo alusión a un fragmento do libro que reflexa, segundo el, o que nel se conta: "O do viaxeiro é un turismo pobre, pero que o enriquece a el culturalmente, porque vai descubrindo en cada lugar por onde pasa, os tesouros que se foron conservando a través dos anos, dos séculos, ás veces ata dos milenios, co que se vai facendo unha idea de como era a vida dos seres humanos de cada sitio".

O alcalde de Avión dixo sentirse "orgulloso de que se escriba un libro o noso municipio, facendo un repaso non só pola cultura e o patrimonio relixioso e arquitectónico, senón tamén polas vivencias dos que habitaron Avión, dos actuais veciños e dos que non están no municipio, porque co traballo e esforzo de moita xente dos seus pobos fixeron que cos anos se escribiran moitas historias".

17, Xuño 2017

O concelleiro Chema Ferreiro e a concelleira Sofía García entrevistabanse coa Valedora do Pobo, Milagros Otero, á que pedian a súa mediación para que as institucións tanto autonómica como locais aborden dunha vez por todas o proxecto de erradicación do chabolismo no lugar da Fontela.

O asentamento, no que viven numerosas familias xitanas, está ubicado dentro do municipio de Maside, aínda que pola súa localización encóntrase situado nunha das entradas principais á vila do Carballiño.

O BNG carballiñés lamenta que institucións teñan paralizado dende fai varios anos un proxecto "que é fundamental para solucionar un grave problema que mantén vivindo a varias famiias en condicións absolutamente insalubres e de infravivenda".

Chema Ferreiro tampouco esquece que "o impatco visual que causa  á entrada do Carballiño é un atranco para o desenvolvemento socio-económica para esta zona no límite entre O Carballiño e Maside".

O portavoz do BNG no concello do Carballiño mostrou o seu agradecemento á Valedora do Pobo "pola súa sensiblidade e receptividade ante este problema, estivo super atenta con nós", remarcou.

17, Xuño 2017

Os socialistas de Leiro, consideramos intolerable o estado no que se atopa a Ponte Esperela que esta na OU-209, ao seu paso pola localidade de Leiro, presenta un estado lamentable que afecta á paisaxe e, sobre todo cando fai dous meses que este Grupo Municipal dos Socialistas llo advertiu o Grupo de Goberno de que habría que facer unha limpeza integral de dita Ponte, xa que ten moita maleza, pero a día de hoxe segue na mesma situación ou peor xa que a maleza e maior.

A estrada que discorre pola Ponte Esperela, de titularidade da Xunta de Galicia, supón o principal punto de entrada ao Concello de Leiro, vindo dende O Carballiño, ocasionando numerosos problemas de paso posto, que apenas, collen dous vehículos transitando ao mesmo tempo, en moitas ocasións ten que esperar un vehículo para que pase outro. Tanto o goberno municipal do PP coma a propia Xunta de Galicia, permiten que se prolongue no tempo, unha situación que pode provocar inseguridade e risco para os usuarios e usuarias da estrada. Tal como destaca o noso Portavoz do Grupo Municipal Socialista, Manuel Rodríguez: “As autoridades municipais e ás autonómicas, deberíaselle caer a cara de vergoña ante o lamentable estado no que se atopa a porta de entrada á nosa localidade, nos tempos que corren, é inaceptable ter as infraestruturas nestas condicións, por desidia de ambas administracións”.

É inadmisible que, nin siquera, procedan a limpeza da propia ponte, sendo Leiro un lugar de referencia no que a paisaxe e beleza se refire a todos os niveis, e non so polas altas temperaturas. O Grupo Municipal Socialista, insta ao goberno municipal a que actúe dunha vez por todas e proceda a esixir do goberno da Xunta que se faga a limpeza integral da Ponte como tamén que acabe as obras que fai meses que están inacabadas no Cruce da Ponte e a Estrada do Eixo do Ribeiro. Pola súa banda, o goberno do PP de Leiro, debería abandoar a desidia e por mans á obra no tocante á mellora da Ponte, posto que é a súa obriga manter espazos públicos nas mellores condicións posibles.

16, Xuño 2017

Di o amigo Chema do BNG, e non lle falta razón, que as chavolas da Fontela supoñen un problema para a saúde pública e o desenrolo do Carballiño. É evidente que esas vivendas deberían de desaparecer de onde se construíron, por certo supoño que de xeito ilegal.

Imaxino que Chema xa terá recabado a opinión dos moradores do poboado  sobre a posibilidade de reubicalos en vivendas ordinarias. De non ser así, coido que deberíaselles preguntar  se queren abandoar o poboado. Se están dispostos a vivir en casas normales, se están dispostos a facer frente ó pago de suminstros de luz e auga,  a manter as novas vivendas e os seus arredores en condicións salubres. Tamén deberíase asegurar quen pretenda reubicar a estes veciños masidáos, de que os animáis que ata o de agora conviven con eles non van campar ceibes e  irrumpir na carretera provocando o evidente perigo como ata o de agora.

En definitiva hai que contar coa opinión dos interesados, pois trátase dun colectivo desfavorecido, ó que hai que achegar tódalas axudas públicas dispoñibles. Debemos tamén garantizar tódolos seus dereitos, e por suposto respetar a súa cultura e forma de vida. E  non permitir ningunha circunstancia que poida revestir indicios de racismo hacia estos nosos veciños....

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS