7, Novembro 2016

O deportista José Carballeda Pérez, o naturalista Pablo Rodríguez Oitabén e o doctor Luis Rodríguez Míguez, a título póstumo, recibirán o Galardón da Arenteira 2016.

O xerente do Aparthotel Arenteiro, Uriel Bernardez Cerdeira e o presidente do xurado, Xosé Luis Sobrado, foron os encargados de anunciar o fallo desta quinta edición do premio.

Uriel Bernárdez agradeceu a colaboración dos centros educativos, das asociacións de veciños e culturais e das entidades deportivas que se volcaron máis que nunca para emitir os seus votos. Asemade destacou a unanimidade do xurado na concesión dos galardóns nas dúas modalidades habituais, deportes e cultura, e unha terceira que se concede a título póstumo pola relevancia da personalidade do galardoado na promoción do termalismo no Carballiño.

Os premios Arenteira levan cinco anos recoñecendo ás persoas e entidades que destacan pola súa traxectoria noa ámbitos deportivo, cultural e social do Carballiño e do Ribeiro, e que neste ano recaeu en tres personalidades ben coñecidas por todos, dixo o presidente do xurado, Xosé Luis Sobrado.

Así, resaltou as etapas de José Carballeda como xogador destacado en C.D. Arenteiro, C.D. Ourense e no Pontevedra, entre outros equipos. De Pablo Rodríguez Oitabén sinalou a súa longa taxectoria na defensa e protección da natureza e a súa divulgación, a través do proxecto de bosque Ridimoas, así como a súa faceta profesional no mundo do ensino.

Finalmente, diu conta do Premio Póstumo a Luis Rodríguez Míguez, medalla de ouro do concello do Carballiño, pola súa dedicación á promoción do termalismo a través das Xornadas de Termalismo de Galicia.

O xurado deste galardón está formado por Antonio Míguez Amil, Manuel Amil Otero, Juan José Álvarez González, Xosé Prada Martínez e Xosé Luis Sobrado, como presidente.

Os premios entregaránse no transcurso dun acto que se celebrará o vindeiro dia 25 deste mes de novembro no que andamos.

5, Novembro 2016

O grupo municipal do Partido Popular asegura que o concello do Carballiño contaba coa autorización da Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta, asi como a correspondente partida orzamentaria para proceder a unha prórroga dos contratos por un periodo de 2 meses.

Os populares considerán que é unha "irresponsabilidade" do concelleiro de seguridade Adolfo Nogueira, e critican a pasividade do alcalde Francisco Fumega.

Para acceder ao comunicado do Partido Popular, prema no arquivo adxunto:

4, Novembro 2016

A XIX Festa do Viño Novo de Cabanelas porá a disposición dos visitantes 400 litros de tinto desta derradeira colleita.

O evento presentouse na adega de Emilio Vázquez, que ten máis de 300 anos de antigüidade e que é un claro exemplo da relevancia histórica desta parroquia do Carballiño no cultivo das vides e na elaboración do viño, en especial do viño tinto, que é o principal referente da zona. Precisamente, este adegueiro láiase do paulatino abadono das viñas polo envellecemento e a diminución da poboación da parroquia.

A festa celebrarase o domingo 20 de novembro e ofrecerá un programa de animación musical, coa charanga Castro Vello, e, sobre todo, de degustación dos produtos típicos das romarías: pulpo, carne ao caldeiro, chourizos con cachelos, castañas e viño novo de Cabanelas, que é o principal aliciente.

O xantar está previsto para as 2 da tarde, pero tamén se poderá degustar este mesmo menú a partir das 18,30 h., e ata a noite. O concello do Carballiño porá a disposición das persoas que queiran acudir a este evento e non desexen levar o seu coche, un servizo de microbús gratuito, que sairá da Praza Maior (fronte á casa consistorial) cada hora entre as 11,00 e as 14,00, e entre as 16,00 e 19,00 h.

Ao acto de presentación asistiu o alcalde, Francisco Fumega, así como os concelleiros de Turismo, José Manuel Dacal, e de Medio Rural, Rosario González, ademáis do mantenedor da festa, Delfín Borrajo, e colleiteiros e veciños da parroquia.

Fumega dixo que esta festa era un reclamo para vir a visitar esta parroquia que ten unha das paisaxes máis fermosas do Carballiño e do Ribeiro, e para seguir impulsando o cultivo do viño, que é a mellor forma de contribuir á recuperación de Cabanelas.

Asemade resaltou que hai tres parroquias baixo a denominación de orixe do Ribeiro, e que esta circunstancia debería aproveitarse para promover proxectos de replantación máis dimensionados.

Neste mesmo sentido pronunciáronse José Manuel Dacal e Rosario González, que destacaron o interese dos veciños por manter e impulsar esta festa como unha demostración de convivencia e unha forma de xuntar aos que viven fóra e dar a coñecer os seus recursos aos visitantes.

Por isto, xunto con Delfín Borrajo, animaron a todas as persoas que descoñecen esta zona a achegarse o 20 de novembro e disfrutar dunha xornada de festa, podendo recorrer as adegas e ver a paisaxe multicor de vermellos e dourados e verdes que ofrecen as viñas e os montes neste tempo de outono.

Segundo dixeron os colleiteiros, a produción vinícola esta tempada baixou un 50%, recolléndose en toda a parroquia uns 30.000 litros de viño. Pero, a cambio, aseguraron que a calidade do viño era moi boa. E por esta mesma razón animaron a todos a asistir á festa e degustar este viño novo que, tal e como se amosou durante a presentación, é natural cen por cen, sen engadidos nin misturas.

2, Novembro 2016

O documental Sons no Camiño,producido polos alumnos do IES Chamoso Lamas gañou o segundo premio no OUFF Escola, no que participaron máis de 3000 escolares de toda Galicia.

O proxecto foi realizado por un grupo de 17 rapaces e rapazas de 4º da ESO dentro do programa internacional de pedagoxía do cine Cine en Curso, que coordina en Galicia o CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe).

Durante o pasado curso contaron coa presenza no centro do director Ángel Santos e a colaboración dun grupo de profesores para a realización da película que se centra nos pobos e habitantes do Val do Varón.

Na gala de entrega de premios do festival acudiron os alumnos e os profesores, acompañados do cineasta e o director do centro,recollendo o galardón que recoñece o seu traballo. Durante a gala exhibíronse as diferentes películas premiadas.

A peza documental xa poido ser vista en varios festivais internacionais de cine, tanto no noso país como noutros, polo que foi subtitulada polo CGAI a varios idiomas para a súa exhibición.

2, Novembro 2016

O Concello de Piñor informa da posta en marcha dunha serie de actividades para conmemorar o Día Contra a Violencia de Xénero. Esta lacra social está a ser unha problemática de tal importancia que require un traballo integral por parte de todos e todas.

No Concello de Piñor cóntase con Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, máis concretamente trátase da terceira edición, co cal o obxectivo é manter este compromiso na loita contra a violencia de xénero.

Este ano levaráse a cabo o programa de actividades STOP VIOLENCIA DE XÉNERO, para o cal está solicitada a colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade.

Dito programa cumpre os obxectivos do Plan de Igualdade municipal actual, e consiste en varias iniciativas que procuran chegar a tódolos colectivos poboacionais pero, sobre todo, á muller:

QUÉRE-T: OBRADOIROS DE ENRIQUECIMENTO PERSOAL. Os mércores do mes de novembro ofreceranse talleres de enriquecemento persoal e autoestima para mulleres. Terán lugar do 2 ó 30 de novembro en horario de 18:30h a 20:30h no centro social. Máis información e inscrición nos Servizos Sociais.

I CONCURSO DE LEMAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO CONCELLO DE PIÑOR: A idea é mobilizar e implicar á toda a poboación, e as redes sociais é o medio idóneo para elo. No Facebook do concello poderase deixar un lema contra a violencia de xénero, como comentario ó cartel divulgativo da convocatoria do concurso. Admitiranse tódolos lemas publicados en dito cartel dende o 2 ó 14 de novembro ás 14:30h. O lema gañador darase a coñecer nesta mesma rede social o día 18 de novembro, e será a mensaxe central do Calendario 2017 Contra a Violencia de Xénero do Concello de Piñor, que será presentado no acto conmemorativo do día 25 de novembro, e repartido entre a poboación.

ACTO STOP VIOLENCIA DE XÉNERO: O venres 25 de novembro terá lugar o acto central desta programación de actividades. Consiste nunha charla-taller destinada principalmente á mulleres, na cal se alertará das influencias dos medios de comunicación na promoción de valores que fomentan a violencia de xénero. Toda persoa que acuda ó acto recibirá o Calendario 2017 Contra a Violencia de Xénero do Concello de Piñor. Todo isto terá lugar ás 20h no Centro Social.

Dende o Concello de Piñor animam á toda a poboación a colaborar nestas actividades, contribuíndo así ó traballo para acabar coa lacra da violencia de xénero.

2, Novembro 2016

A Praza de Abastos repartirá 1.000 euros en premios entre a clientela que merque neste mercado durante a campaña de promoción do Nadal.

Haberá dez premios, de 200, 100 e 50 euros, ata un total de 1.000 euros, para as persoas que resulten afortunadas no sorteo que se celebrará o 22 de decembro. Esta campaña de promoción, que foi presentada hoxe, comezará mañá, 3 de novembro e rematará o 22 de decembro.

Durante a presentación, o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, anunciou unha próxima remodelación e mellora das instalacións da praza, cun proxecto que conta co financiamento da Xunta de Galicia.

Asemade, reiteriou que se segue traballando no pliego para sacar a concurso os postos libres, e amosou unha vez máis o apoio do concello para seguir promocionando o mercado público. Neste senso desexou que esta campaña consiga incrementar a clientela, como xa sucedeu na realizada o pasado verán.

Pola súa parte, o presidente dos praceiros, Eligio González, presentou a Campaña de Nadal como un incentivo para atraer máis clientela e fidelizar aos compradores habituais.

Asegurou que o sorteo efectuado no verán fora todo un éxito e que esperaba que este o superase, pois a cuantía total dos premios é máis do dobre da anterior campaña.

Ademáis, expresou o seu agradecemento ao concello polo seu empreño en seguir modernizando as instalacións e apoiar a promoción do mercado municipal como lugar onde mercar produtos frescos e de calidade.

31, Outubro 2016

A concellería de Medio Ambiente encargará un proxecto de acondicionamento da escaleira de acceso e balaustrada do mirador da Pena dos Namorados.

Para isto, incluirá unha partida específica nos orzamentos que se elaboran neste intre co obxectivo de poder executar a reforma a comezos do próximo ano.

Esta medida ven condicionada polo deterioro que sufre o entorno deste monumento dende hai algúns anos, sen que se tivese realizado ningún tipo de mantemento ou resposición dos travesaños da escaleira nin das madeiras da balaustrada, poñendo en perigo a seguridade das persoas que suben ao mirador, sobre todo, cando se trata de nenos.

Precisamente por esta circunstancia, e en aras de evitar calquera posible accidente, a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Érika Paz, vai proceder ao seu precintado coa finalidade de prohibir o acceso mentres non se efectúe a reforma.

O obxectivo da concellería de Medio Ambiente é restituir as partes deterioradas para posibilitar o acceso ao mirador sen que haxa ningún tipo de perigo. A Pena dos Namorados é un dos lugares máis singulares da ribeira do río Arenteiro ao seu paso polo Carballiño.

Está situado fronte á antiga fábrica de papel da Labandeira, e o forman un conxunto de rocas graníticas de grandes dimensións, coroado por unha delas que se mantén pola súa base.

Os historiadores relacionan o lugar cun asentamento do período do Paleolítico, polos achados dos restos atopados nas súas cercanías, e cren que a Pena dos Namorados puido ser un monumento máxico-relixioso polos primeiros poboadores destas terras. Durante a limpeza, rehabilitación e acondicionamento levadas a cabo en 1996 pola Escola Taller Terras do Arenteiro apareceron restos dunha antiga ermita.

A configuración e a situación deste conxunto pétreo confírenlle un certo encanto a este lugar, xerándose ao longo da historia un sinfín de lendas relacionadas con tesouros e amoríos. E de aí o nome, que non se sabe con certeza a súa orixe e significado.

"Ver para creer" afirma o Partido Popular

"A Concelleira ven a estas alturas coa leria de que se mellorará a Pena dos Namorados logo de varios anos sen que se intervira nela, deixando caer que o anterior Goberno Municipal non fixera nada", manifestan dende o Partido Popular.

Recordanlle "á concelleira desmemorizada, que este lugar foi salvado ante o xulgado do mercantil de ser devolto aos seus anteriores donos e que por causa da INCAPACIDADE de Varios gobernos socialistas, costoulle a todos os veciños preto de 700.000€ que aínda se están pagando".

Engaden dende o Partido Popular que "a eso nos dedicamos no derradeiro mandato e durante os 4 anos e, por eso, nos parece unha desfachatez que diga o que dí".

"Foron anos nos que tanto a Pena dos Namorados, e a fábrica de papel correron grave risco de deixar de ser propiedade pública.
ou  acaso, nos esquezemos dos carteis de (se vende) colocados polos anteriores donos", remarcan os populares.

Finalmente, manifestan a súa satisfación dende o Partido Popular polo proxecto "se pense intervir nela pois agora si, e non antes se podía facer. E mais, incluso cando actuóu ali un obradoiro de Emprego, tampouco se podería ter feito, pois non estaba acreditada a titularidade tal como dixo o xulgado do mercantil"

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS