18, Marzo 2015

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG e candidato á alcaldía, Paco Fumega, afirmou que os socialistas "apostan por un Carballiño de futuro e de progreso, que pasa pola defensa dos servizos públicos de calidade, polo que comprometeuse a incrementar considerablemente o gasto en servizos sociais cando chegue á alcaldía".

Así o manifestou en rolda de prensa xunto á secretaria de Organización do PSdeG, Erika Paz. Fumega sinalou que os servizos sociais son “a bandeira do PSdeG e unha das nosas máximas prioridades”, e defendeu que os cartos públicos deben destinarse a mellorar os servizos municipais en lugar de derrochalos en cousas innecesarias.

Puxo como exemplo deste derroche "o malgasto do goberno de Marnotes en avogados, a perda de diversas subvencións ou o incremento de 300.000 euros no servizo de recollida do lixo dende que se asinou o convenio coa Deputación.Este é diñeiro de todos os veciños, e por tanto debería destinarse a cousas que beneficien aos cidadáns, que sofren a suba dos impostos pero cada vez teñen menos servizos”.

Fumega salientou que o aumento do paro nun 11% dende que Marnotes chegou ao goberno contribuíu á que a xente nova tivese que marchar do Carballiño, que perdeu 232 habitantes só entre 2013 e 2014, quedando cunha poboación maioritariamente envellecida que require atención. Defendeu ademais que unha vila que é cabeceira de comarca precisa para a súa proxección de futuro ofertar prestacións fundamentais en materia de sanidade, dependencia, igualdade ou conciliación.

Os socialistas lembraron que Marnotes "lonxe de apostar polas prestacións públicas, chegou a privatizar un servizo imprescindible para moitos cidadáns como o de Axuda no Fogar, levando ás traballadoras a unha situación insostible e provocando, coa súa  desidia, despreocupación e irresponsabilidade que fosen as propias traballadoras as que asumisen todo o peso para seguir atendendo aos cidadáns que o precisan".

Fumega defendeu este servizo e tamén a Residencia do Cornuval, comprometéndose a ser “belixerante cos recortes da Xunta do PP” neste caso. “Non é lóxico que unha residencia pagada con fondos públicos non ofreza prestación cando hai moita xente que a necesita, e que a Xunta só oferte 20 prazas como medida electoralista. Os socialistas iremos mais alá e esixiremos a total apertura das instalacións”, adiantou.

O PSdeG aposta tamén pola conciliación laboral e familiar, fundamental para atraer e fixar poboación no Carballiño. Así, Erika Paz destacou que "Marnotes tentou eliminar o programa de Familias Madrugadoras, posto en marcha polo PSdeG en 2007, e acabou por “cambiarlle o nome, multiplicarlle o prezo e reducir o servizo, ademais de despedir ao coordinador por considerar que non é un servizo necesario”.

Salientaron ademais a importancia da Sanidade e da colaboración do Concello en programas como o de prevención da drogodependencia, eliminado por Marnotes; ou o da Igualdade, área que perdeu subvencións ao quitarlle o nome da concellería e que quedou reducida a “facerse a foto nos días sinalados, mentres se deixaron de lado programas importantísimos para loitar contra a violencia de xénero, a través do CIM, ou o teléfono de axuda a emerxencias que se suprimiu”, explicou Erika Paz.

“O Carballiño do futuro ten que apostar polo desenvolvemento económico, que está directamente relacionado co benestar social, polo que os socialistas temos claro que o investimento en materia social será unha das nosas principais prioridades no goberno municipal”, concluíu Paco Fumega.

17, Marzo 2015

O hsitórico militante nacionalista -máis de 25 anos ligado a esta formación política- renunciara en 2013 a súa acta de concelleiro en Leiro tras serlle detectada unha enfermidade, da que evolucionou moi favorablemente.

Luis Pérez Estévez "Ficol", de 51 anos de idade, coñecido popularmente como "O Atador de Leiro", quiromasaxista de profesión, decide agora volver encabezar a candidatura do BNG-Asambleas Abertas no concello de Leiro, atendendo a petición de veciños e da súa propia organización política.

16, Marzo 2015

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou o investimento de máis de tres millóns de euros nas obras de mellora do abastecemento de Cenlle, Punxín e San Amaro que a Xunta prevé rematar este ano.

A titular de Medio Ambiente supervisou en Cenlle o inicio destas obras hidráulicas e salientou o interese do Goberno por colaborar cos concellos para garantir o dereito dos cidadáns a un subministro de auga axeitado en calidade e cantidade.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e os alcaldes de Cenlle, Gabriel Alén; de San Amaro, Ernesto Pérez; e de Punxín, Manuel Vázquez, destacou que esta obra, que dará servizo á poboación de San Amaro, Punxín e Cenlle, beneficiará a máis de 3.000 habitantes dos tres concellos cando esteas rematadas.

A conselleira de Medio Ambiente salientou que son unhas obras hidráulicas dunha relevancia estratéxica para estes tres concellos, porque permitirán erradicar os problemas que ten a rede de abastecemento na actualidade e solucionar os déficits na subministración de auga que se producen no verán.

O proxecto, que executa Augas de Galicia, levará a cabo as actuacións necesarias para erradicar os problemas que ten a rede de abastecemento na actualidade nestes tres municipios ourensás. Como solución ofrecerase unha subministración de auga tratada, dende ETAP de Razamonde (que capta auga do río Miño), aos núcleos e depósitos pertencentes a estes tres concellos e que estean situados por riba da cota de máis de 250 metros.

En definitiva, esta actuación implica a definición de tres novos depósitos con capacidade de 775.000 litros, instalar máis de 30 km. de tubarias de auga e novos bombeos para chegar tamén aos núcleos máis elevados.

Situación actual do abastecemento

A ETAP de Razamonde, no Concello de Cenlle está potabilizando unha media de 330 metros cúbicos ao día e ofrecendo servizo ao 45 por cento da poboación. O resto da subministración procede de pozos de barrena.

Mentres, o Concello de San Amaro subminístrase por medio dunha captación dun regato e de pozos profundos e en época de estiaxe o leito do regato queda case seco, polo que a poboación debe abastecerse unicamente dos pozos, sendo insuficientes ademais de comportar restricións na subministración.

Finalmente, no Concello de Punxín o abastecemento realízase con pozos profundos, nos que tamén se detectaron problemas de contaminación. Ademais, este municipio tamén capta auga do río Barbantiño, que ten problemas en época de estiaxe.

Contido do proxecto de melloras

Na ETAP de Razamonde manterase o actual sistema de potabilización e bombeo ata o depósito de Razamonde e construirase un edificio ao lado para bombear auga potabilizada ata o alto de San Trocado, onde se construirá un depósito regulador con capacidade de 500 metros cúbicos.

Dende este novo depósito execútase unha rede de abastecemento en alta para o concello de Punxín, ata Barbantes enlazando coa rede xeral do concello, na estrada N-540. En Barbantes construirase un novo depósito de 75 metros cúbicos, e ao mesmo tempo subminístrase auga aos depósitos de Ourantes, Ventosela e Rubiás.

Proxéctase tamén unha rede de distribución en alta dende o novo depósito de Trocado regulador ata os depósitos de cabeceira de San Amaro e de Cenlle, estes últimos de nova execución cunha capacidade de 200 metros cúbicos de capacidade.

Dende o novo depósito de Cenlle, darase subministración así depósitos de Sadurnín, Vilar de Rei, A Quintá, Lentille e Esposende.

15, Marzo 2015

Octavo partido consecutivo dos verdes sen perder na competición de liga, esta vez con victoria no estadio de Espiñedo ante o Vilalonga, nun partido no que o árbitro lucense José Manuel Albariño Cruña foi o gran protagonista negativo da tarde, malo de solemnidade, nun partido sen grandes complicacións ensinou 21 tarxetas, delas 2 vermellas directas aos xogadores do Arenteiro Sanginés e Dafonte - escamoteu un claro penalti a favor do Arenteiro e prolongou o partido 13 minutos, si, 13 minutos.

CD Arenteiro: Pachi, Gele, Lois, D. Arbo, C. Escudero, Dafonte, Martín Pérez, Sanginés, Dani Vázquez, Marcos Sotelo e Ocampo. Tamén xogaron Victor Gallego, Choco, Quiroga e Bardelás.

Goles:

1-0. Minuto 6. Ocampo, de cabeza, remata inalcanzable para o porteiro visitante unha falta lateral moi ben lanzaba por M. Sotelo.

2-0..Minuto 46. Tras recuperar o balón en medio campo, chega a Martín Pérez que habilita para Dani Vázquez, éste bate o porteiro visitante dun chuut raso e cruzado.

2-1. Minuto 82. Bonito gol de Ramón, que de potente disparo acorta distancias para os celestes.

O Partido: De dominio local na primeira media hora, que logo tería premio co temperán gol de Ocampo, a partir do minuto 30 o partido igualabase e nos minutos finais ambos equipos tiveron boas ocasións de gol. Tralo descanso, o Arenteiro ampliou a ventaxa no marcador e pudo sentenciar antes de que o árbitro, coa súa nefasta actuación, condicionase definitivamente o partido, que pasou de ser fluido e vistoso a un xogo innecesariamente embarullado no medio dun recital de pito arbitrral e tarxetas. Expulsou por doble amarela a Dario no Vilalonga, no m.52, que logo "compensou" con vermella directa no m. 56 a Sanginés. Cando ían 12 minutos de desconto tamén expulsou con roxa directa a Dafonte. Finalmente, foron 21 tarxetas as que ensinou. Enfín.

15, Marzo 2015

As votacións recolleronse en urna na casa da cultura do Carballiño, e tralo reconto, Bernardo García Nóvoa resultou claro gañador destas primarias ao obter 141 votos, polo que será o alcaldable desta candidatura veciñal para o convocatoria electoral do vindeiro mes de Maio no concello carballiñés.

A muller que obtivo máis apoios (116) Chus Álvarez Canitrot, será número dous da candidatura dacordo coa paridade mulleres-homes , e Ernesto Atanasio Iglesias (125 votos) o terceiro.

Ocupará o cuarto lugar da candidatura Patricia Ordás Pastrana (96 votos), o quinto será Eduardo Ordoñez (78 votos) e sexta Matilde López Fernández (77 votos).

15, Marzo 2015

A andaina convocou a máis de 350 persoas , que completaron un percorrido dunhos 10 quilómetros pola contorna do Carballiño. A edil Igualdade, Purificación Alberte, organizadora desta actividade, recoñecía o éxito de participación, así como a presenza, cada vez maior, de mozos da vila neste tipo de actos.

Nesta ocasión a andaina tiña un fin máis solidario aínda, xa que na zona de saída se habilitou un posto para a Asociación Española de Loita Contra o Cancro, onde todos os participantes na andaina que o quixeron, depositaron o seu donativo. Segundo comentaron os voluntarios da AECC, estaban moi satisfeitos da colaboración que estaban a dar os veciños e participantes da andaina, que antes da saída xa encheran algún dos petos colocados para a ocasión.

Un ano máis esta aindaina solidaria e reivindicativa reuniu familias enteiras, atletas da zona e, cada ano máis, veciños cos seus cans que aproveitaron esta camiñada para facer exercicio eles e as súas mascotas.

14, Marzo 2015

O Bloque Nacionalista Galego-Asambleas Abertas presentou a candidatura coa que concurrirá ás vindeiras eleccións municipais no concello do Carballiño.

Prema no arquivo adxunto para ver os nomes dos 17 integrantes da candidatura nacionalista que encabeza Chema Ferreiro como candidato á alcaldía.

 

13, Marzo 2015

Prestixiosos artistas galegos da música e a danza participarán nesta actividade que organiza a Escola de Cultura Popular do Carballiño.

Prema no arquivo adxunto para ver toda a programación.

13, Marzo 2015

O Grupo Municipal do PSdeG do Carballiño critica que Marnotes "tente eludir o debate e evite dar a cara ante a cidadanía ao seguir sen convocar o pleno ordinario que anunciou hai tres semanas".

Os socialistas lembran que "non é a primeira vez que o alcalde retrasa a convocatoria do pleno cando os temas que sabe que se van presentar a debate lle son incómodos, como é neste caso pola problemática existente con colectivos como o dos traballadores do Matadoiro, o Servizo de Axuda no Fogar, o Servizo de Emerxencias ou a Residencia do Tempo Libre, colectivos que se agruparon nunha fronte  común para denunciar o desamparo e abandono que sofren polo goberno de Marnotes".

"O goberno municipal rexeitou ademais debater as mocións de urxencia presentadas polo PSdeG, polo que os socialistas manteñen a súa intención de tratar estes temas e de solicitar Pleno Extraordinario para permitir así abordar estas cuestións dado que o alcalde tenta evitalas", manifestan.

O PSdeG sinala que ésta "é unha estratexia moi habitual neste goberno municipal, e de feito dende o 30 de setembro de 2014 ata o 12 de febreiro deste ano non convocou ningún pleno ordinario, saltándose así os prazos que marca a lei de convocar como mínimo unha sesión plenaria cada dous meses e evitando así os rogos e preguntas. O mesmo acontece cos orzamentos, xa que a pesar de que o goberno do PP conta con maioría absoluta, Marnotes non foi capaz de aprobar en catro anos mais que un só orzamento, o de 2012. Este é un feito vergonzoso, que demostra unha desidia e desinterese absolutos por parte do equipo de goberno", remarcan.

Finalmente, o PSdeG afirma que "Marnotes soamente se deu presa para subir impostos, pero para aprobar os orzamentos ou presentar contas tomase todo o tempo do mundo, xa que estamos no mes de marzo e  nada se sabe tampouco da presentación das  contas xerais, que son un importante balance da situación na que se atopa o Concello".

O

11, Marzo 2015

O proceso de primarias desenvolveráse este sábado dia 14 de Marzo na casa da cultura do Carballiño en horario de 18 a 21 horas. Calquera persoa maior de 16 anos censada no municipio carballiñés poderá votar nestas primarias, presentado o seu DNI.

Os electores elixirán cinco mulleres e cinco homes, sinalando a orden de preferencia, entre unha relación de aspirantes a formar parte desta candidatura que competirá con PP, PSOE, e BNG nas eleccións municipais do vindeiro 24 de Maio.

A persoa con máis votos será o candidato ou candidata á alcadía do Carballiño desta candidatura veciñal, que se completará co resto dos aspirantes pola orden que determinará o número de apoios nesta votación de primarias.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS